Primeira guerra mundial | frontes da guerra

Frontes da guerra

A primeira guerra mundial implicou a numerosos estados en distintos continentes: Europa, Asia e África.

Fronte occidental

Soldados franceses nas trincheiras, durante a batalla de Verdún, en 1916.
Artigo principal: Fronte occidental (primeira guerra mundial).

A fronte occidental foi iniciada en 1914 cando o Imperio Alemán atravesou Bélxica para invadir Francia. O máximo avance produciuse no outono do mesmo ano, cando foron repelidos tras a Primeira Batalla do Marne. A partir dese momento, a fronte estabilizouse ata 1918, construíndose unha serie de trincheiras dende a fronteira suíza ata a costa francesa. Desde ese período a guerra en occidente quedará determinada polos ataques de infantería de trincheira a trincheira, os continuos bombardeos da artillería e aviación, os aramados, as minas, metralladoras e francotiradores. A maior parte das batallas limítase a un ataque masivo da artillería, podendo ser axudada pola aviación, e despois un asalto coa baioneta. Ningún dos dous bandos conseguiu avanzar de forma significativa ata 1918. As trincheiras carecen da hixiene básica e son unha fonte de infeccións e diversas patoloxías. Os sucesivos intentos, tanto alemáns coma aliados, non conseguen abrir unha fenda en catro anos.

Fronte oriental

Artigo principal: Fronte oriental (primeira guerra mundial).

A fronte oriental ábrese en 1914 cando o Imperio Alemán e Austria-Hungría mobilizan os seus exércitos contra o Imperio Ruso. Ao longo das fronteiras dispóñense 1.500.000 de austríacos e 1.000.000 de alemáns. A diferenza doutras frontes, a oriental é moito máis móbil e as liñas defensivas varían moito ao longo da guerra. O primeiro en atacar foi o Imperio Ruso que bombardeou Prusia oriental e o leste de Austria. O I e II Exércitos rusos invadiron o leste austríaco e prusiano con bastante sorpresa por parte das potencias centrais. O avance ruso foi detido polos xermanos en Polonia, na batalla de Tannenberg, tras a que ambos exércitos rusos foron esmagados. En 1915, Bulgaria declara a guerra aos aliados e destina os seus exércitos a dúas frontes: unha parte á fronte rusa e outra á fronte dos Balcáns. Ese mesmo ano, axudará a expulsar aos serbios do seu propio territorio. O Imperio Otomán ataca ao ruso en Armenia e entra na guerra en favor de Alemaña. En xuño de 1916, o xeneral ruso Brusilov organiza un ataque e consegue tomar parte de Austria, pero os alemáns contraatacan e recuperan os territorios no inverno do mesmo ano. En xuño de 1917, os rusos volven á carga, tras asumir o poder Kerenskii pero as potencias centrais volven contraatacar e conquistan Riga. Despois desta derrota, Rusia perde a iniciativa e en novembro estoupa a revolución bolxevique. En 1918, Rusia réndese e a fronte oriental desaparece. Os soldados destinados nela son trasladados á occidental e á fronteira italiana.

Fronte italiana

Artigo principal: Fronte italiana (primeira guerra mundial).

A fronte italiana instaurouse en 1915 coa entrada de Italia na guerra en favor dos aliados. Antes da guerra, Italia formaba parte da Tripla Alianza, xunto con Austria-Hungría e o Imperio Alemán. A pesar da existencia destes acordos, Italia decidiu non axudar aos seus aliados cando se iniciou a guerra en 1914, considerando que os pactos acadados eran tan só defensivos e o conflito serbio-austríaco non era xustificación para involucrarse na contenda. En abril de 1915 deu por non válido este compromiso e en maio declaroulle a guerra a Austria-Hungría, ao Imperio Alemán e ao Imperio Otomán, coa promesa aliada de que obtería territorios austríacos. A fronte estabilizouse axiña en Gorizia e no río Isonzo, onde Austria estableceu unha liña densa de trincheiras e diversos fortes. As tropas italianas pretendían realizar unha ofensiva rápida e afondar en Austria pronto, pero os transportes eran escasos e o terreo a percorrer, angosto. Despois de numerosos ataques apenas se movera a liña. Durante dous anos, Italia lanzou diversos ataques contra as defensas austríacas, sen resultado agás pequenas vitorias parciais. En 1917 produciuse o avance aliado máis importante, debido á necesidade austríaca de enviar efectivos cara a fronte oriental durante a ofensiva de Brusilov. En 1918, os alemáns enviaron reforzos tras vencer aos rusos. Reforzaron as liñas defensivas e emprenderon novos ataques empregando tácticas distintas. As defensas italianas estiveron a punto de colapsarse pero aguantaron ata ao final da guerra.

Fronte balcánica

Artigo principal: Fronte balcánica (primeira guerra mundial).

A fronte balcánica foi a primeira fronte da guerra, xa que o casus belli para Austria-Hungría foi o asasinato en xullo de 1914 do arquiduque Francisco, que se produciu en Saraxevo, capital de Serbia. O mesmo mes, Austria declara a guerra a Serbia e o mecanismo das alianzas provoca que o conflito se globalice. En agosto comezan as hostilidades pero non é ata 1915 cando os austríacos rompen a fronte. Conquistan a maior parte do país e os serbios deben retirarse ao sur. En 1916 os austríacos conquistan Montenegro. O mesmo ano, Romanía declara a guerra ás potencias centrais e axiña é atacada por Austria. As tropas romanesas deben retirarse ata Moldavia onde resistirán coa axuda dos rusos. En 1917, Grecia entra na guerra no bando aliado e un ano despois organízase unha grande ofensiva que consegue a rendición búlgara e libera Serbia.

Fronte africana

Artigo principal: Fronte africana (primeira guerra mundial).

En 1914, case toda África estaba colonizada por un ou outro país. As maiores potencias coloniais africanas eran Francia e o Imperio Británico. O Imperio Alemán posuía certos territorios de menor importancia, que foron atacados xa en 1914. Togolandia e Camerún foron capturadas ese mesmo ano, mentres que a África do Suroeste alemá foi conquistada en 1915 por soldados surafricanos. Non obstante, Tanganica permaneceu nas mans alemás ata ao final da contenda.

Fronte asiática

Artigo principal: Fronte asiática (primeira guerra mundial).

En agosto de 1914, o Xapón envía un ultimato ao Imperio Alemán para que lle ceda as súas posesións asiáticas. Alemaña negouse e o Xapón declarou a guerra. Ese mesmo ano, atacou Qingdao, un porto chinés que empregaba a mariña alemá. Ocuparon as illas Marianas e as Carolinas. Nova Zelandia, aliada, ocupou a Nova Guinea alemá.

Guerra naval

Artigo principal: Guerra naval (primeira guerra mundial).

A gran guerra foi unha contenda que se iniciou e finalizou en terra, sendo protagonista a infantería e os equipos blindados. Non obstante, a mariña interviu ao longo de toda a guerra en distintas áreas.

  • Europa: nas augas europeas, a mariña real británica e a mariña de guerra francesa tentaron impor un bloqueo marítimo ás potencias centrais, limitando o abastecemento de Alemaña e Austria-Hungría. Pola súa parte, a frota de guerra do Imperio Alemán tentaría romper o bloqueo nunha serie de batallas que perdería. A maiores, desenvolveu unha nova arma, o submarino, que distribuirá polas distintas augas europeas cuxo obxectivo é o de afundir o maior número de barcos posibles dos aliados. Especialmente, interesaba cortar as liñas de subministros de municións e alimentos que proviñan de América (Estados Unidos, Arxentina etc.). No Mediterráneo, Austria-Hungría despregou a súa frota e enfrontouse aos barcos aliados. A través deste mar, os británicos e franceses pretendían atacar e vencer ao Imperio Otomán. Aínda así, o desembarco realizado en Gallipolli non tivo éxito e tiveron que retirarse.
  • Asia: cando estoupou a guerra, atopábanse en Asia parte da frota rusa, a frota xaponesa, parte da británica e a alemá. As bases navais alemás foron bombardeadas e tomadas. A frota alemá foi derrotada pola británica.
  • África: ao igual que en Asia, polas costas africanas navegaban frotas das potencias coloniais. As naves británicas volveron a gañar a partida ás alemás, pero estas causaron danos aos transportes aliados.
Other Languages
Alemannisch: Erster Weltkrieg
žemaitėška: Pėrma svieta vaina
беларуская (тарашкевіца)‎: Першая сусьветная вайна
qırımtatarca: Birinci Cian cenki
emiliàn e rumagnòl: Prémma guèra mundièl
English: World War I
Esperanto: Unua mondmilito
estremeñu: I Guerra Mundial
Nordfriisk: Iarst Wäältkrich
Gàidhlig: An Cogadh Mòr
客家語/Hak-kâ-ngî: Thi-yit-chhṳ Sṳ-kie Thai-chan
Fiji Hindi: World War I
Bahasa Indonesia: Perang Dunia I
Patois: Wol Waar I
Basa Jawa: Perang Donya I
къарачай-малкъар: Биринчи дуния къазауат
Lëtzebuergesch: Éischte Weltkrich
Bahasa Melayu: Perang Dunia Pertama
မြန်မာဘာသာ: ပထမ ကမ္ဘာစစ်
مازِرونی: جهونی جنگ اول
Dorerin Naoero: Eaket Eb I
Plattdüütsch: Eerste Weltkrieg
Nedersaksies: Eerste Wealdkrieg
नेपाल भाषा: तःहताः १
norsk nynorsk: Den fyrste verdskrigen
srpskohrvatski / српскохрватски: Prvi svjetski rat
Simple English: World War I
slovenščina: Prva svetovna vojna
Soomaaliga: Dagaalkii koowaad
српски / srpski: Први светски рат
Basa Sunda: Perang Dunya I
Türkmençe: Birinji jahan urşy
ئۇيغۇرچە / Uyghurche: بىرىنچى دۇنيا ئۇرۇشى
oʻzbekcha/ўзбекча: Birinchi jahon urushi
vepsän kel’: Ezmäine mail'man voin
Volapük: Volakrig balid