Zyklon B

Etiquetas de Zyklon B recollidas do campo de concentración de Dachau usadas como probas nos Xuízos de Nuremberg.

Zyklon B (pronunciado en alemán: [tsykloːn ˈbeː], traducido literalmente como "Ciclón B") foi o nome comercial dun pesticida con base de cianuro inventado en Alemaña a comezos dos anos 1920. Constaba de tres compoñentes: cianuro de hidróxeno, como compoñente activo, un irritante dos ollos como precaución, e un adsorbente estabilizador, que podía ser, por exemplo, a diatomita. Este produto é infame polo seu uso por parte da Alemaña Nazi durante o Holocausto para matar a aproximadamente un millón de persoas nas cámaras de gas instaladas en Auschwitz-Birkenau, Majdanek e outros campos de exterminio.

O cianuro de hidróxeno, un gas velenoso que interfire coa respiración celular, empregouse por primeira vez como pesticida en California nos anos 1880. Investigacións da corporación alemá Deutsche Gesellschaft für Schädlingsbekämpfung (Degesh) levaron ó desenvolvemento do Zyklon (coñecido posteriormente como Zyklon A), un pesticida que liberaba cianuro de hidróxeno ó expoñerse a auga e calor. Este produto prohibiuse despois de que outro produto semellante fora empregado por Alemaña como arma química durante a Primeira Guerra Mundial. En 1922 Degesch foi adquirida por Degussa, onde un equipo de químicos, entre os que se atopaban Walter Heerdt e Bruno Tesch, desenvolveron un método de empaquetado de cianuro de hidróxeno en botes selados xunto con un irritante de ollos admonitorio e estabilizantes de adsorción. Este novo produto tamén recibiu o nome de Zyklon, pero coñecíase como Zyklon B para diferencialo da versión anterior, e usábase para espiollar roupa e desinfectar barcos, almacéns e trens.

A comezos de 1942 o Zyklon B pasou a ser a ferramenta mortal máis usada polos nazis nos campos de exterminio durante o Holocausto. Aproximadamente un millón de persoas foron asasinadas por este método, a maioría delas en Auschwitz. Tesch foi executado en 1946 por vender conscientemente o produto ás SS para o seu uso con humanos. O uso de cianuro de hidróxeno como pesticida pasou a ser pouco habitual trala guerra, pero segue a empregarse en varias aplicacións industriais. Compañías de varios países seguen producindo Zyklon B baixo nomes de marca alternativos, incluíndo Detia-Degesch (sucesora de Degesch), que lle cambiou o nome á Cyanosil no ano 1974.

Mecanismo

O cianuro de hidróxeno é un gas velenoso que interfire coa respiración celular. O cianuro impide que a célula produza adenosín trifosfato (ATP) uníndose a unha das proteínas involucradas na cadea de transporte de electróns.[1] Esta proteína, a citocromo c oxidase, contén varias subunidades e ten ligandos que conteñen grupos de ferro. O compoñente cianuro do Zyklon B pode ligarse a un destes grupos de ferro, hemo a3, formando un composto máis estabilizado por medio dun enlace pi metal-ligando. Como resultado da formación deste novo complexo de ferro-cianuro os electróns que se situarían no grupo hemo a3 non poden facelo. Agora estes electróns desestabilizan o composto, e o grupo hemo xa non os acepta. Isto provoca unha parada no transporte de electróns, provocando que as células non sexan capaces de producir a enerxía necesaria para sintetizar a ATP.[1] Segundo algunhas estimacións toxicolóxicas, a inhalación dunha dose de 200 mg/m³ (equivalentes a 180 ppm) de cianuro de hidróxeno causa a morte aos humanos en 10 minutos, e se a dose é de 300 mg/m³ (ou 270 ppm) a morte é inmediata.[2]

Other Languages
العربية: زيكلون ب
български: Циклон Б
brezhoneg: Ziklon B
bosanski: Ciklon-B
català: Zyklon B
čeština: Cyklon B
dansk: Zyklon B
Deutsch: Zyklon B
Ελληνικά: Zyklon B
English: Zyklon B
español: Zyklon B
eesti: Zyklon B
euskara: Zyklon B
فارسی: سیکلون ب
suomi: Zyklon B
français: Zyklon B
Gaeilge: Zyklon B
עברית: ציקלון בה
magyar: Zyklon–B
հայերեն: Ցիկլոն B
Bahasa Indonesia: Zyklon B
íslenska: Zyklon B
italiano: Zyklon B
日本語: ツィクロンB
한국어: 치클론 B
Ripoarisch: Zyklon B
Latina: Zyklon B
македонски: Циклон Б
Bahasa Melayu: Zyklon B
Nederlands: Zyklon B
norsk: Zyklon B
polski: Cyklon B
português: Zyklon B
română: Zyklon B
русский: Циклон Б
Scots: Zyklon B
srpskohrvatski / српскохрватски: Ciklon B
slovenčina: Zyklon B
slovenščina: Zyklon B
српски / srpski: Циклон Б
svenska: Zyklon B
Türkçe: Zyklon B
українська: Циклон Б
Tiếng Việt: Zyklon B
中文: 齊克隆B