Xogos Olímpicos

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Os Cinco Aneis, son o principal símbolo dos Xogos Olímpicos modernos, un dos emblemas máis recoñecidos no mundo e un símbolo da paz.[1]
Para os Xogos Olímpicos na Antigüidade véxase este artigo.
Para os Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro 2016 véxase este artigo.

Os Xogos Olímpicos (XX. OO.)[2] (Jeux Olympiques en francés, e Olympic Games en inglés),[3][4]:54 ou Olimpíadas[5] son o maior evento deportivo internacional multidisciplinario no que participan atletas de diversas partes do mundo. Os Xogos Olímpicos son considerados a principal competición do mundo deportivo, con máis de duascentas nacións participantes.[6] Existen dous tipos: os Xogos Olímpicos de Verán e os Xogos Olímpicos de Inverno, que se realizan cun intervalo de dous anos, segundo a Carta Olímpica: «Os Xogos da Olimpíada celébranse durante o primeiro ano dunha Olimpíada, e os Xogos Olímpicos de Inverno durante o seu terceiro ano».[4]:23

Os Xogos Olímpicos modernos inspiráronse nos do século VIII a. C. organizados polos antigos gregos na cidade de Olimpia, entre os anos 776 a. C. e o 393 d. C. No século XIX, xurdiu a idea de realizar uns eventos similares aos organizados na antigüidade, os que se concretarían principalmente grazas ás xestións do nobre francés Pierre Frèdy, barón de Coubertin. O barón de Coubertin fundou o Comité Olímpico Internacional (COI) en 1894. Desde entón, o COI converteuse no órgano coordinador do Movemento Olímpico, coa Carta Olímpica que define a súa estrutura e autoridade.

A primeira edición dos chamados Xogos Olímpicos da era moderna levaronse a cabo en Atenas, capital de Grecia, a partir do 6 de abril de 1896. Desde aquela oportunidade, foron realizados cada catro anos en diversas cidades do mundo, sendo as únicas excepcións as edicións de 1916, 1940 e 1944, debido ao estalido da primeira e segunda guerra mundial.

A evolución do movemento olímpico durante os séculos XX e XXI deu lugar a varias modificacións nos Xogos Olímpicos. Algúns destes axustes inclúen a creación dos xogos de inverno para deportes invernais, os Xogos Paralímpicos para atletas con algún tipo de discapacidade e os Xogos Olímpicos da Mocidade para atletas adolescentes. Os Xogos Olímpicos de inverno realizáronse por primeira vez en 1924, na localidade francesa de Chamonix. Orixinalmente realizados como parte do evento de verán, o COI considerounos como un evento separado retroactivamente, e desde esa data comezaron a realizarse no mesmo ano que os xogos orixinais. Posteriormente, co fin de potenciar o desenvolvemento dos eventos invernais, o COI decidiu desfasar a realización dos Xogos invernais a partir de Lillehammer 1994. Desde esa data, os Xogos Olímpicos de Inverno realízanse nos anos pares entre dous Xogos de Verán. Os primeiros Xogos Olímpicos da Mocidade de Verán celebráronse en Singapur en 2010, mentres que os Xogos Olímpicos da Mocidade de Inverno celebráronse en Innsbruck en 2012.

O COI tivo que adaptarse a unha variedade de avances económicos, políticos e tecnolóxicos. Como resultado, os Xogos Olímpicos afastáronse do amateurismo puro, segundo o previsto por Coubertin, para permitir a participación dos atletas profesionais. A crecente importancia dos medios de comunicación de masas iniciou o tema de patrocinio das empresas e a comercialización dos Xogos. Grandes boicots realizáronse durante a Guerra fría nos Xogos de 1980 e 1984.

O Movemento Olímpico consta de Federacións Internacionais de cada deporte, Comités Olímpicos Nacionais e Comités Organizadores de cada edición. O COI é responsable da elección da cidade sede. Segundo a Carta Olímpica, a cidade anfitrioa é responsable da organización e o financiamiento dos Xogos. O programa olímpico, composto polos deportes disputados nos Xogos, tamén está determinado polo COI. Existen diversos símbolos e cerimonias olímpicas, como a bandeira e a facho olímpico, así como as cerimonias de apertura e clausura. Preto de 13 000 atletas compiten nos Xogos Olímpicos de Verán e Inverno en 33 deportes diferentes e en aproximadamente 400 eventos. Os gañadores do primeiro, segundo e terceiro lugar en cada evento reciben medallas olímpicas: ouro, prata e bronce, respectivamente.

Os Xogos Olímpicos constitúen unha oportunidade para o país e a cidade sede de darse a coñecer ao mundo.[Cómpre referencia]Na actualidade case todos os países están representados nos Xogos Olímpicos. Isto provocou diversos problemas: dopaxe, subornos e actos de terrorismo. Cada dous anos, os Xogos Olímpicos e a súa exposición aos medios, proporcionan aos atletas descoñecidos a oportunidade de alcanzar a fama nacional e internacional, ao tempo que lles fai estar suxeitos a múltiples presións, o cal fai que algúns deles utilizen substancias dopantes para mellorar os seus logros, moitas veces poñendo en perigo a súa saúde. O Comité Olímpico Internacional estableceu dende 1968 os chamados controis anti-dopaxe que poden ser realizados en calquera momento a petición do COI e que poden desencadear a descualificación inmendiata do atleta que dea positivo nese control.

Orixe e nome

O termo olímpico ou olimpíada vén do nome da cidade de Olimpia, en Grecia, onde por volta do ano 776 a.C., comezáronse a celebrar polo verán na honra de Zeus, un certame de xogos deportivos cada catro anos, até que o emperador romano Teodosio I decidiu suprimilo, no final do século IV d.C. Polo tanto a cidade de Olimpia (Olumpía, na forma grega orixinaria, en relación co Olimpo (Ólumpos, ‘o alto entre o máis alto’), a morada dos deuses–, empregando para iso o xenitivo olumpiádos, que pasa ao latín como olympiadis) é o eixo vertebrador de todo o léxico asociado ás Olimpíadas (do adxectivo olímpico -a, o adverbio olimpicamente ou o substantivo olimpismo, “o conxunto de valores e ideais propios dos xogos olímpicos”) e tamén o piar de boa parte da simboloxía propia do certame, como o rito de inauguración que consiste en prender a flama olímpica no estadio desta cidade para logo levala acesa nun facho ata o país de acollida dos xogos que corresponda en cada edición[7].

Moitas veces o termo Olimpíadas[8] (período de catro anos que media entre distintos Xogos Olímpicos, que na Grecia Antiga constituía unha unidade de medida do tempo, que servía para situar historicamente os feitos) faise sinónimo de Xogos Olímpicos, esta definición é tamén empregada con frecuencia na linguaxe xornalística, porén fan referencia a conceptos distintos e, en certa medida, opostos, xa que de forma xeral a olimpíada é xusto o tempo que non é xogo olímpico. Existe, polo tanto, a nivel lingüístico, certa polémica e aínda que a denominación institucional aposta por definir olimpíada como período entre xogos, na práctica en portugués, castelán, francés, inglés ou galego, Olimpíada pasou tamén a designar a celebración deportiva[9].

En 2016 comezou a 31ª Olimpíada da era moderna, e os Xogos Olímpicos de 2016 de Río de Xaneiro foron conseguintemente os Xogos Olímpicos da XXXI Olimpíada. Catro anos despois comezará a trixésimo segunda olimpíada, cuxos Xogos Olímpicos terán lugar en Toquio (Xapón) no ano 2020. Porén, non houbo ata a data 31 Xogos Olímpicos de verán, senón unicamente 28. Os Xogos da sexta olimpíada (Berlín 1916), da duodécima (Helsinqui 1940) e da décimo terceira (Londres 1944) non se chegaron a realizar por mor das guerras mundiais, pero o calendario de olimpíadas seguiu correndo. En 1906 realizouse na cidade de Atenas unha edición extraordinaria dos Xogos Olímpicos co pretexto de conmemorar o 10º aniversario do comezo dos xogos en 1896. Esta edición dos Xogos Olímpicos de 1906, que tería sido a cuarta, non é considerada oficial polo Comité Olímpico Internacional por ter sido realizada fóra do ciclo de catro anos denominado Olimpíada e, xa que logo, os cuartos Xogos Olímpicos considéranse os celebrados en 1908 en Londres.

Other Languages
Afrikaans: Olimpiese Spele
Alemannisch: Olympische Spiele
Ænglisc: Olympisc Gamen
অসমীয়া: অলিম্পিক
azərbaycanca: Olimpiya oyunları
Bikol Central: Olimpikong Karawat
беларуская (тарашкевіца)‎: Алімпійскія гульні
български: Олимпийски игри
bosanski: Olimpijske igre
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Olympic Ông-dông-huôi
čeština: Olympijské hry
ދިވެހިބަސް: އޮލީމްޕީކްސް
English: Olympic Games
Esperanto: Olimpiaj ludoj
estremeñu: Juegus Olímpicus
français: Jeux olympiques
Nordfriisk: Olympisk Spalen
Gàidhlig: Na h-Olympics
Avañe'ẽ: Ñembosaraipavẽ
गोंयची कोंकणी / Gõychi Konknni: आर्विल्ले ऑलिंपिक खेळ
客家語/Hak-kâ-ngî: Olympic Yun-thung-fi
Fiji Hindi: Olympic Games
hrvatski: Olimpijske igre
interlingua: Jocos Olympic
Bahasa Indonesia: Olimpiade
Interlingue: Olimpic Ludes
Ilokano: Olimpiada
italiano: Giochi olimpici
Basa Jawa: Gim Olympiadé
Taqbaylit: Uraren ulempiyen
ភាសាខ្មែរ: កីឡាអូឡាំពិក
한국어: 올림픽
kernowek: Gwariow Olympek
Lëtzebuergesch: Olympesch Spiller
Lingua Franca Nova: Juas Olimpial
Basa Banyumasan: Olimpiade
Malagasy: Lalao Olimpika
олык марий: Олимпий модмаш
македонски: Олимписки игри
मराठी: ऑलिंपिक
Bahasa Melayu: Sukan Olimpik
مازِرونی: المپیک
Napulitano: Juoche olimpiche
नेपाल भाषा: ओलम्पिक कासा
Nederlands: Olympische Spelen
norsk nynorsk: Olympiske leikar
Livvinkarjala: Olimpiadukižat
português: Jogos Olímpicos
rumantsch: Gieus olimpics
русиньскый: Олімпійскы гры
srpskohrvatski / српскохрватски: Olimpijske igre
Simple English: Olympic Games
slovenščina: Olimpijske igre
Gagana Samoa: Ta'aloga Olimipeka
српски / srpski: Олимпијске игре
татарча/tatarça: Олимпия уеннары
удмурт: Олимпиада
українська: Олімпійські ігри
اردو: اولمپکس
oʻzbekcha/ўзбекча: Olimpiada oʻyinlari
vepsän kel’: Olimpiadvändod
Tiếng Việt: Thế vận hội
ייִדיש: אלימפיאדע
Bân-lâm-gú: Olympic Ūn-tōng-hoē