Xesús de Nazaret
English: Jesus

Este artigo é sobre a figura histórica de Xesús e os seus aspectos biográficos. Para informacións acerca das múltiples versións de Cristo, vexa ese artigo.
Xesús de Nazaret
Cefalù Pantocrator retouched.jpg
Mosaico de Cristo Pantocrátor en estilo bizantino, na Catedral de Cefalù, Sicilia, c. 1130
Nacemento7 a. C. ou 4 a. C.[1]}[2][3][4]
 Xudea, Imperio Romano[5]
Falecemento30 ou 33 (33-36 anos)[6]
 Xerusalén, Xudea, Imperio Romano
CausaCrucifixión
Soterradotumba de Xesús, Santo Sepulcro, Tumba dos dez osarios e Tumba do xardín
EtniaPobo xudeu
RelixiónXudaísmo
Alma mátervalor descoñecido
OcupaciónProfeta, predicador e carpinteiro
PaiXosé de Nazaret e Deus Pai
NaiSanta María
Cónxuxevalor descoñecido
Fillosvalor descoñecido
Irmánsvalor descoñecido
Coñecido/a porMilagres de Xesús, Prayers of Jesus e parábola de Xesús
editar datos en Wikidata ]
Aínda que non existen retratos de Xesús nin indicacións acerca do seu aspecto físico, son moi frecuentes as súas representacións na arte. Xesús coa cruz ás costas, do Greco.
Mosaico cunha representación de Xesús de Nazaret, existente na antiga igrexa de Santa Sofía (Istambul), datada arredor de 1280.

Xesús de Nazaret, tamén coñecido como Xesús, Cristo, Xesucristo ou Xesús Cristo,[7] é a figura central do cristianismo e unha das figuras máis influentes da cultura occidental. Para a maioría das denominacións cristiás, é o Fillo de Deus, a segunda Persoa da Santa Trindade, sendo ao mesmo tempo plenamente humano (Deus encarnado). A súa importancia estriba así mesmo na crenza de que -coa súa morte e posterior resurrección- redimiu o xénero humano. O xudaísmo nega a súa divindade, que é incompatible coa súa concepción de Deus. No islam, onde é coñecido como Isa, é considerado un dos profetas máis importantes.

Segundo a opinión maioritariamente aceptada en medios académicos, baseada nunha lectura crítica dos textos sobre a súa figura[8], Xesús de Nazaret foi un predicador xudeu[9] que viviu a comezos do século I nas rexións de Galilea e Xudea, e foi crucificado en Xerusalén en torno ao ano 30, baixo o goberno de Poncio Pilato.

O que se coñece de Xesús depende case exclusivamente da tradición cristiá (aínda que aparece mencionado en fontes non cristiás),[10] especialmente da utilizada para a composición dos Evanxeos sinópticos, redactados, segundo opinión maioritaria, uns 30 ou 40 anos, como mínimo, logo da súa morte. A maioría dos estudosos considera que mediante o estudo dos evanxeos é posible reconstruír tradicións que se remontan a contemporáneos de Xesús, aínda que existen grandes discrepancias entre os investigadores en canto aos métodos de análises dos textos e as conclusións que deles poden extraerse. Existe unha minoría que nega a existencia histórica de Xesús de Nazaret.[8]

Unha das máis antigas representacións de Xesús como o Bo Pastor, realizada cara ao ano 300.

Xesús no Novo Testamento

O que figura a continuación é un relato da vida de Xesús tal e como aparece nos catro evanxeos incluídos no Novo Testamento, considerados libros sagrados por todas as confesións cristiás. O relato evanxélico é a fonte principal para o coñecemento de Xesús, e constitúe a base das interpretacións que da súa figura fan as diferentes ramas do cristianismo. Aínda que pode conter elementos históricos, expresa fundamentalmente a fe das comunidades cristiás na época en que estes textos foron escritos, e a visión que por entón tiñan de Xesús de Nazaret.

Nacemento e infancia

A Sagrada Familia (Xosé, María e Xesús, con Isabel e o seu fillo Xoán o Bautista, parentes de Xesús segundo o Evanxeo de Lucas. Pintura de Rafael, 1507.

Os relatos referentes ao nacemento e infancia de Xesús proceden exclusivamente dos evanxeos de Mateo (Mt 1,18-2,23) e de Lucas (Lc 1,5-2,52).[11] Non hai relatos deste tipo nos evanxeos de Marcos e Xoán. As narracións de Mateo e Lucas difiren entre si:

  • Segundo Mateo, María e o seu esposo, Xosé, viven (segundo parece, pois non se relata ningunha viaxe)[12] en Belén. María queda inesperadamente embarazada e Xosé resolve repudiala, pero un anxo anúncialle en soños que o embarazo de María é obra do Espírito Santo e profetiza, con palabras do profeta Isaías[13] que o seu fillo será o Mesías que esperan os xudeus.[14] Uns magos de Oriente chegan a Xerusalén preguntando polo «rei dos xudeus que acaba de nacer» coa intención de adoralo, suceso que alerta ao rei de Xudea, Herodes o Grande, que decide acabar co posible rival. Os magos, guiados por unha estrela, chegan a Belén e adoran o neno. De novo, o anxo visita a Xosé (Mt 2,13)[15] e avísao da inminente persecución de Herodes, polo que a familia foxe a Exipto e permanece alí ata a morte do monarca (de novo notificada a Xosé polo anxo, que se lle presenta por terceira vez: Mt 2,19-29).[16] Entón, Xosé instálase coa súa familia en Nazaret, en Galilea.[17]
  • Segundo o Evanxeo de Lucas, María e Xosé viven na cidade galilea de Nazaret. A historia da concepción de Xesús entrelázase aquí coa de Xoán o Bautista -xa que neste evanxeo María e Isabel, nai do Bautista, son parentes- e o nacemento de Xesús é notificado a María polo anxo Gabriel (o que se coñece como Anunciación: Lc 1,26-38).[18] O emperador Augusto ordena un censo no cal cada un debe empadroarse no seu lugar de nacemento e Xosé debe viaxar a Belén, por ser orixinario deste lugar. Xesús nace en Belén mentres se atopan de viaxe e é adorado por pastores. Lucas engade ademais breves relatos sobre a circuncisión de Xesús, sobre a súa presentación no Templo e o seu encontro cos doutores no Templo de Xerusalén, nunha viaxe realizada con motivo da Pascua, cando contaba doce anos.[19]

Nos evanxeos de Mateo e de Lucas aparecen senllas xenealoxías de Xesús (Mt 1, 2-16; Lc 3, 23-38).[20] A de Mateo remóntase ao patriarca Abraham, e a de Lucas a Adán, o primeiro home segundo a Xénese. Estas dúas xenealoxías son idénticas entre Abrahán e David, pero difiren a partir deste último, xa que a de Mateo fai a Xesús descendente de Salomón, mentres que, segundo Lucas, a súa liñaxe procedería de Natam, outro dos fillos de David. En ambos os dous casos, o que se mostra é a ascendencia de Xosé, malia que, segundo os relatos da infancia, este só sería o pai putativo de Xesús.

Bautismo e tentacións

Bautismo de Cristo, pintura de Piero della Francesca.

A chegada de Xesús foi profetizada por Xoán o Bautista (o seu curmán, segundo o Evanxeo de Lucas),[21] por quen Xesús foi bautizado no río Xordán.[22] Durante o bautismo, o Espírito de Deus, en forma de pomba, descendeu sobre Xesús, e escoitouse a voz de Deus.[23]

Segundo os sinópticos, o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, onde xaxuou durante corenta días e superou as tentacións ás que foi sometido por Satanás.[24] Non se menciona este episodio no Evanxeo de Xoán. Despois Xesús marchou a Galilea, estableceuse en Cafarnaún,[25] e comezou a predicar a chegada do Reino de Deus.[26]

Vida pública

Acompañado polos seus seguidores, Xesús percorreu as rexións de Galilea e Xudea predicando o evanxeo e realizando numerosos milagres. A orde dos feitos e palabras de Xesús varía segundo os diferentes relatos evanxélicos. Tampouco se indica canto tempo durou a vida pública de Xesús, aínda que o Evanxeos de Xoán menciona que Xesús celebrou a festa anual da Pascua xudía en Xerusalén en tres ocasións. Os sinópticos mencionan só a festa de Pascua na que Xesús foi crucificado.

Gran parte dos feitos da vida pública de Xesús narrados nos evanxeos teñen como escenario a zona setentrional de Galilea, nas proximidades do mar de Tiberíades, ou lago de Genesaret, especialmente a cidade de Cafarnaún, pero tamén outras, como Corozaín ou Betsaida.[27] Tamén visitou, no sur da rexión, localidades como Canaán ou Naín, e a aldea onde se criou, Nazaret, lugar en que foi recibido con hostilidade polos seus antigos circunveciños.[28] A súa predicación estendeuse tamén a Xudea (segundo o Evanxeo de Xoán, visitou Xerusalén en tres ocasións desde o comezo da súa vida pública), e estivo en Xericó[29] e Betania (onde resucitou a Lázaro).[30]

Escolleu os seus principais seguidores (chamados nos evanxeos Apóstolos; en grego, «enviados»), en número de doce, de entre o pobo de Galilea. Nos sinópticos menciónase a lista seguinte: Simón, chamado Pedro e o seu irmán André; Santiago o de Zebedeo e o seu irmán Xoán; Filipe e Bertomeu; Tomé e Mateo o publicano; Santiago o de Alfeo e Tadeo; Simón o Celote e Xudas Iscariote, quen posteriormente traizoaría a Xesús (Mt 10,2-4; Mc 3,16-19; Lc 6, 13-16)[31], o que carrexou a Xesús numerosos reproches dos fariseos.

O Evanxeo de Xoán só menciona os nomes de nove dos apóstolos, aínda que en varias pasaxes fai referencia a que eran doce.[32] Predicou tanto en sinagogas como ao aire libre, e o xentío congregábase para escoitar as súas palabras. Entre os seus discursos, destaca o chamado Sermón da Montaña, no Evanxeo de Mateo (Mt 5-7). Utilizou a miúdo parábolas para explicarlles aos seus seguidores o Reino de Deus. As parábolas de Xesús son breves relatos cuxo contido é enigmático (con frecuencia han de ser despois explicadas por Xesús). Teñen en xeral un contido escatolóxico e aparecen exclusivamente nos evanxeos sinópticos.

Entre as parábolas máis coñecidas están: a do sementador (Mt 13,3-9; Mc 4,3-9; Lc 8,5-8), cuxo significado explica Xesús; a da semente que crece (Mc 4,26-29); a do gran de mostaza (Mt 13,31-32; Mc 4,30-32), a da cizalla (Mt 13,24-30), a da ovella perdida (Mt 18,12-14; Lc 15,3-7), a do servo desapiadado (Mt 18, 23-35), a dos obreiros enviados á viña (Mt 20,1-16), a dos dous fillos (Mt 21,28-32), a dos viñadores homicidas (Mt 21,33-42; Mc 12,1-11; Lc 20,9-18); a dos invitados á voda (Mt 22, 1-14), a das dez virxes (Mt 25,1-13) e a dos talentos (Mt 25,14-30; Lc 19,12-27), entre outras. Tres das máis coñecidas aparecen só no Evanxeo de Lucas: trátase das parábolas do samaritano (Lc 10,30-37), do fillo pródigo (Lc 15,11-32) e a do rico Epulón e o pobre Lázaro (Lc 16, 19-31). Nas parábolas Xesús adoita utilizar imaxes relacionadas coa vida campesiña.

Mantivo controversias con membros dalgunhas das máis importantes seitas relixiosas do xudaísmo, e moi especialmente cos fariseos, a quen acusou de hipocrisía e de non coidar o máis importante da Torá: a xustiza, a compaixón e a lealdade (Mt 12, 38-40; Lc 20, 45-47).

A orixinalidade da súa mensaxe radicaba na insistencia no amor ao inimigo (Mt 5,38-48;Lc 6, 27-36) así como na súa relación moi estreita con Deus, a quen chamaba en arameo coa expresión familiar Abba (Pai), que nin Marcos (Mc 14,36) nin Paulo (Rm 8, 15; Gal 4, 6) traducen. Trátase dun Deus próximo que busca os marxinados, os oprimidos (Lc 4, 18) e os pecadores (Lc 15) para lles ofrecer a súa misericordia. A oración do Noso Pai (Mt 6,9-13: Lc 11,1-4), que recomendou utilizar aos seus seguidores, é clara expresión desta relación de proximidade con Deus antes mencionada.

Milagres relatados nos Evanxeos

A resurrección de Lázaro por Giotto di Bondone (século XIV).
Artigo principal: Milagres de Xesús.

Segundo os Evanxeos, durante o seu ministerio Xesús realizou varios milagres. En total, nos catro Evanxeos canónicos nárranse vinte e sete milagres, dos cales catorce son curacións de distintas enfermidades, cinco exorcismos, tres resurreccións, dous prodixios de tipo natural e tres signos extraordinarios.

  • Os Evanxeos narran as seguintes curacións milagrosas obradas por Xesús:
  1. Curou a febre da sogra de Pedro, na súa casa en Cafarnaún, tomándoa da man (Mc 1,29-31; Mt 5,14-15; Lc 4,38-39);
  2. Curou un leproso galileo mediante a palabra e o contacto da súa man (Mc 1,40-45; Mt 8,1-4; Lc 5,12-16);
  3. Curou un paralítico en Cafarnaún que lle foi presentado nunha padiola e ao que perdoara os seus pecados, ordenándolle que se levantase e fose á súa casa (Mc 2, 1-12; Mt 9,1-8; Lc 5,17-26);
  4. Curou un home coa man seca en sábado nunha sinagoga, mediante a palabra (Mc 3,1-6; Mt 12,9-14;Lc 6,6-11);
  5. Curou unha muller que padecía fluxo de sangue, que curou ao tocar o vestido de Xesús (Mc 5,25-34; Mt 9,18-26; Lc 8,40-56);
  6. Curou un xordomudo na Decápole meténdolle os dedos nos oídos, cuspindo, tocándolle a lingua e dicindo: «Effatá», que significaría -ábrete- (Mc 7,31-37);
  7. Curou un cego en Betsaida poñéndolle saliva nos ollos e impoñéndolle as mans (Mc 8,22-26);
  8. Curou a Bartimeo, o cego de Xericó (Mt 20,29-34; Mc 10,46-52; Lc 18,35-45);
  9. Curou a distancia o criado do centurión de Cafarnaún (Mt 8,5-13, Lc 7,1-10, Jn 4,43-54; Jn 4,43-54); Non está claro se o relatado no Evanxeo de Xoán é o mesmo milagre, xa que o beneficiario é neste caso o fillo dun cortesán, aínda que os detalles da narración son idénticos.
  10. Curou unha muller que estaba encorvada e non podía endereitarse, mediante a palabra e a imposición de mans (Lc 13,10-17). Esta curación tivo lugar tamén en sábado e nunha sinagoga;
  11. Curou un hidrópico en sábado, na casa dun dos principais fariseos (Lc 14, 1-6).
  12. Curou dez leprosos, que atopou de camiño a Xerusalén, mediante a palabra (Lc 17,11-19).
  13. Curou un home que levaba trinta e oito anos doente, en Xerusalén, en sábado (Jn 5,1-9).
  14. Curou un cego de nacemento untándoo con lodo e saliva, tras o cal ordenoulle lavarse na piscina de Siloé (Jn 9,1-12).
  • Nos Evanxeos canónicos aparecen cinco relatos de expulsións de espíritos impuros ( exorcismos) realizados por Xesús:
  1. Expulsou un demo na sinagoga de Cafarnaún (Mc 1,21-28; Lc 4,31-37);
  2. Outro na rexión de Gerasa (Mt 8,28-34; Mc 5,1-21; Lc 8,26-39);
  3. Outro que posuía a filla dunha muller sirofenicia (Mt 15,21-28; Mc 7,24-30);
  4. Outro que atormentaba a un epiléptico (Mt 17,20-24; Mc 9,14-27; Lc 9,37-43);
  5. un «demo mudo» (Lc 11,14; Mt 12,22).

Ademais, hai varias pasaxes que fan referencia de modo xenérico a exorcismos de Xesús (Mc 1,32-34; Mc 3,10-12).

  1. Resucitou unha nena de doce anos, a filla de Xairo (Mc 5,21-24, Mt 9,18-26, Lc 8,40-56). Xesús afirmou que a nena non estaba morta, senón só durmida (Mt 9,24;Mc 5,39;Lc 8,52).
  2. O fillo da viúva de Naín (Lc 7,11-17).
  3. Lázaro (Jn 11,1-44).
  • Xesús obrou tamén, segundo os Evanxeos, dous prodixios de tipo natural, nos que se pon de manifesto a obediencia das forzas naturais (o mar e o vento) á súa autoridade.
  1. Xesús ordénalle á tempestade que acougue e esta obedece (Mt 8,23-27; Mc 4,35-41; Lc 8,22-25).
  2. Xesús camiña sobre as augas (Mt 14,22-33; Mc 6,45-52; Jn 6,16-21).
  • Tres signos extraordinarios, que teñen un sentido ben simbólico:
  1. Multiplicación dos pans e os peixes. É o único de todos os milagres de Xesús que é rexistrado por todos os Evanxeos (Mc 6,32-44; Mt|14,13-21; Lc 9,10-17; Jn 6,1-13). Ocorre en dúas ocasións segundo os Evanxeos de Marcos (Mc 8,1-10) e Mateo (Mt 15,32-39);
  2. A pesca milagrosa (Lc 5,1-11; Jn 21,1-19);
  3. A conversión da auga en viño nas vodas de Canaán (Jn 2,1-11).

Neses tempos, os escribas, fariseos e outros, atribuíron a unha confabulación con Belcebú este poder de expulsar os demos. Xesús defendeuse enerxicamente destas acusacións.[33] Segundo os relatos evanxélicos, Xesús non só tiña o poder de expulsar demos, senón que transmitiu ese poder aos seus seguidores.[34] Mesmo se menciona o caso dun home que, sen ser seguidor de Xesús, expulsaba con éxito demos no seu nome.[35]

Transfiguración

Transfiguración de Xesús, por Rafael (século XVI).
Artigo principal: Transfiguración de Xesús.

Os Evanxeos sinópticos[36] relatan que Xesús subiu a un monte a orar con algúns dos apóstolos, e mentres oraba transformouse o aspecto do seu rostro, e o seu vestido volveuse branco e resplandecente. Apareceron xunto a el Moisés e Elías. Os apóstolos durmían mentres tanto, pero ao espertar viron a Xesús xunto a Moisés e Elías. Pedro suxeriu que fixesen tres tendas: para Xesús, Moisés e Elías. Entón apareceu unha nube e oíuse unha voz celestial, que dixo: «Este é o meu Fillo elixido, escoitádeo». Os discípulos non contaron o que viran.

Paixón

Artigo principal: Paixón de Xesús.

Entrada en Xerusalén e purificación do Templo

Expulsión dos mercadores do templo, segundo a interpretación de Giotto (séculos XIII-XIV).
Artigo principal: Entrada en Xerusalén.
Artigo principal: Expulsión dos mercadores do Templo.

Segundo os catro Evanxeos, Xesús foi cos seus seguidores a Xerusalén para celebrar alí a festa de Pascua. Entrou a lombos dun asno, para que se cumprisen as palabras do profeta "9:9". BibleGateway (en castelán). : «Velaquí que o teu rei vén a ti, manso e montado sobre un asno, sobre un burro fillo dunha besta de carga»). Foi recibido por unha multitude, que o aclamou como «fillo de David» (segundo o Evanxeo de Lucas, foi aclamado só polos seus discípulos).[37] Nos evanxeos de Lucas e de Xoán, Xesús é aclamado como rei.

Segundo os evanxeos sinópticos, a continuación foi ao Templo de Xerusalén, e expulsou de alí aos cambistas e aos vendedores de animais para os sacrificios rituais[38] (o Evanxeo de Xoán, en cambio, sitúa este episodio ao comezo da vida pública de Xesús, e relaciónao cunha profecía sobre a destrución do Templo).[39] Vaticinou a destrución do Templo[40] e outros acontecementos futuros.

Unción en Betania e Última Cea

Artigo principal: A Última Cea.

En Betania, preto de Xerusalén, foi unxido con perfumes por unha muller.[41] Segundo os sinópticos, a noite de Pascua ceou en Xerusalén cos Apóstolos, no que a tradición cristiá designa como A Última Cea. No transcurso desta cea pascual, Xesús predixo que sería traizoado por un dos Apóstolos, Xudas Iscariote. Tomou pan nas mans, dicindo «Tomade e comede, este é o meu corpo» e, a continuación, collendo un cáliz de viño, dixo: «Bebede del todos, porque esta é o sangue da Alianza, que será derramada pola multitude para a remisión dos pecados».[42] Profetizou tamén, segundo os sinópticos, que non volvería beber viño ata que non o bebese de novo no Reino de Deus.[43]

Arresto

Artigo principal: Prendemento de Xesús.

Trala cea, segundo os sinópticos, Xesús e os seus discípulos foron orar ao horto de Xetsemaní. Os apóstolos, en lugar de orar, quedaron durmidos, e Xesús sufriu un momento de forte angustia con respecto ao seu destino, aínda que decidiu acatar a vontade de Deus.[44][45]

Efectivamente Xudas traizoara a Xesús, para entregalo aos príncipes dos sacerdotes e os anciáns de Xerusalén a cambio de trinta pezas de prata.[46] Acompañado dun grupo armado de espadas e garrotes, enviado polos príncipes dos sacerdotes e os anciáns, chegou a Xetsemaní e revelou a identidade de Xesús bicándolle a fazula. Xesús foi arrestado. Por parte dos seus seguidores houbo un conato de resistencia, pero finalmente todos se dispersaron e fuxiron.[47]

Xuízo

Trala súa detención, Xesús foi levado ao palacio do sumo sacerdote Caifás (segundo o Evanxeo de Xoán, foi levado primeiro a casa de Anás, sogro de Caifás). Alí foi xulgado ante o Sanedrín. Presentáronse falsas testemuñas, pero como os seus testemuños non coincidían non foron aceptados. Finalmente, Caifás preguntou directamente a Xesús se era o Mesías, e Xesús dixo: «Dixéchelo ti». O sumo sacerdote riscou as súas vestiduras ante o que consideraba unha blasfemia. Os membros do Sanedrín escarneceron cruelmente a Xesús.[48] No Evanxeo de Xoán, Xesús foi levado primeiro ante Anás e logo ante Caifás. Detállase só o interrogatorio ante Anás, bastante diferente do que aparece nos sinópticos.[49] Pedro, que seguira a Xesús en segredo trala súa detención, atopábase oculto entre os serventes do sumo sacerdote. Recoñecido como discípulo de Xesús polos serventes, negouno tres veces (dúas segundo o Evanxeo de Xoán), como Xesús lle profetizara.[50]

Á mañá seguinte, Xesús foi levado ante Poncio Pilato, o procurador[51] romano. Tras interrogalo, Pilato non o achou culpable, e pediu ao xentío que elixise entre liberar a Xesús ou un coñecido bandido, chamado Barrabás. A multitude, persuadida polos príncipes dos sacerdotes, pediu que se liberase a Barrabás, e que Xesús fose crucificado. Pilato lavou simbolicamente as súas mans para expresar a súa inocencia na morte de Xesús.[52]

Crucifixión

Artigo principal: Crucifixión de Xesús.
Cristo crucificado de Diego Velázquez (século XVII).

Xesús foi azoutado, vestírono cun manto vermello, puxéronlle na cabeza unha coroa de espiñas e unha cana na súa man dereita. Os soldados romanos burlábanse del dicindo: «Saúde, rei dos xudeus».[53] Foi obrigado a cargar a cruz na que ía ser crucificado ata un lugar chamado Calvario, que significa, en arameo, lugar do cranio. Axudouno a levar a cruz un home chamado Simón de Cirene.

Deron de beber a Xesús viño con bile. Probouno mais non quixo tomalo. Tras crucificalo, os soldados repartíronse os seus vestiduras. Na cruz, sobre a súa cabeza, puxeron un cartel en arameo, grego e latín co motivo da súa condena: «Este é Xesús, o rei dos xudeus», que a miúdo en pinturas se abrevia INRI (Iesus Nazarenus Rex Iudaeorum, literalmente Xesús de Nazaret, rei dos xudeus). Foi crucificado entre dous ladróns.[54]

Cara ás tres da tarde, Xesús exclamou: «Elí, Elí, lama sabactani?», que -segundo os Evanxeos de Mateo e Marcos- en arameo significa: Meu Deus, meu Deus, por que me abandonaches?.[55] As palabras finais de Xesús difiren nos outros dous evanxeos.[56] Tamén hai diferenza entre os evanxeos en canto a que discípulos de Xesús estiveron presentes na súa crucifixión: en Mateo e Marcos, son varias das mulleres seguidoras de Xesús; no Evanxeo de Xoán menciónase tamén á nai de Xesús e o «discípulo a quen amaba» (segundo a tradición cristiá, trataríase do apóstolo Xoán, aínda que no texto do evanxeo non se menciona o seu nome).

Sepultura

Artigo principal: Descendemento de Xesús.

Un seguidor de Xesús, chamado Xosé de Arimatea, solicitou a Pilato o corpo de Xesús a mesma tarde do venres en que morrera, e depositouno, envolto nunha saba, nun sepulcro escavado na roca. Cubriu o sepulcro cunha gran pedra.[57] Segundo o Evanxeo de Mateo (non se menciona nos outros evanxeos), ao día seguinte, os «príncipes dos sacerdotes e os fariseos» pediron a Pilato que colocase fronte ao sepulcro unha garda armada, para evitar que os seguidores de Xesús roubasen o seu corpo e difundisen o rumor de que resucitara. Pilato accedeu.[58]

Resurrección e ascensión

A resurrección de Cristo, por Piero della Francesca (século XV).
Artigo principal: Resurrección de Xesús.
Artigo principal: Ascensión de Xesús.
A resurrección de Cristo, no Retablo de Isenheim, polo pintor alemán Matthias Grünewald (século XVI).

Os catro evanxeos relatan que Xesús resucitou de entre os mortos ao terceiro día logo da súa morte e apareceuse ás súas discípulos en varias ocasións.[59] En todos eles, a primeira en descubrir a resurrección de Xesús é María Madalena. Dous dos evanxeos (Marcos e Lucas) relatan tamén a súa ascensión aos ceos. Os relatos sobre Xesús resucitado varían, con todo, segundo os evanxeos:

  • No Evanxeo de Mateo, María Madalena e «a outra María» foron ao sepulcro na mañá do domingo. Sobreveu un terremoto, e un anxo vestido de branco removeu a pedra do sepulcro e sentouse sobre ela. Os gardas, que presenciaron a escena, tremeron de medo e quedaron como mortos» (Mt 28, 1-4). O anxo anunciou ás mulleres a resurrección de Xesús, e encargoulles que dixesen aos discípulos que fosen a Galilea, onde poderían velo. Ao regresar, o propio Xesús saíu ao encontro, e repetiulles que dixesen aos discípulos que fosen a Galilea (Mt 28, 5-10). Mentres, os gardas avisaron aos príncipes dos sacerdotes do ocorrido. Estes subornáronos para que divulgasen a idea de que os discípulos de Xesús roubaran o seu corpo (Mt 28, 11-15). Os once apóstolos foron a Galilea, e Xesús fíxolles o encargo de predicar o evanxeo (Mt 28, 16-20).
  • No Evanxeo de Marcos, tres seguidoras de Xesús, María Madalena, María a de Santiago e Salomé, foron ao sepulcro o domingo, moi de mañá, coa intención de unxir a Xesús con perfumes (Mc 16, 1-2). Viron que a pedra que cubría o sepulcro fora movida. Dentro do sepulcro, descubriron un mozo vestido cunha túnica branca, quen lles anunciou que Xesús resucitara, e ordenoulles que dixesen aos discípulos e a Pedro que fosen a Galilea para alí ver a Xesús. Indícase que María e as súas compañeiras non dixeron nada a ninguén, pois tiñan medo (Mc 16, 3-8). A continuación, dise que Xesús se apareceu a María Madalena (sen mencionar as outras mulleres), e que esta deu ao resto dos seguidores de Xesús a boa noticia, pero non foi crida (Mc 16, 9-11). Xesús volveu aparecerse, esta vez a dúas que ían de camiño: cando estes discípulos contaron o ocorrido, tampouco foron cridos (Mc 16, 12-13). Finalmente, apareceuse aos once apóstolos, aos que reprendeu por non crer na súa resurrección. Encomendoulles predicar o evanxeo, e subiu aos ceos, onde está sentado á dereita de Deus (Mc 16, 14-20).[60]
  • No Evanxeo de Lucas, algunhas mulleres, María Madalena, Xoana e María de Santiago, e outras cuxos nomes non menciona, acudiron ao sepulcro para unxir a Xesús con perfumes. Atoparon movida a pedra do sepulcro, entraron nel e non atoparon o corpo (Lc 24, 1-3). Entón aparecéronselles dous homes con vestiduras cegadoras, quen lles anunciaron a resurrección de Xesús (Lc 24, 4-7). As mulleres anunciaron a resurrección aos apóstolos, pero estes non as creron (Lc 24,8-11), agás Pedro, que foi ao sepulcro e comprobou que o corpo desaparecera (Lc 24, 12). Ese mesmo día, Xesús apareceuse a dous discípulos que camiñaban de Xerusalén a Emaús, que o recoñeceron no momento da multiplicación do pan (Lc 24, 13-35). Pouco despois presentouse ante os once, que creron que se trataba dun espírito, pero demostroulles que era el en carne e ósos, e comeu na súa presenza (Lc24,36-43). Explicoulles o sentido da súa morte e resurrección (Lc 24,44-49), e, máis tarde, levounos preto de Betania, onde ascendeu ao ceo (Lc 24,50-53).
  • No Evanxeo de Xoán, María Madalena foi ao sepulcro moi de madrugada e descubriu que a pedra fora removida. Correu en busca de Pedro e do «discípulo a quen Xesús amaba» para avisalos (Jn 20,1-2). Os dous correron cara ao sepulcro. O discípulo amado chegou primeiro, pero non entrou no sepulcro. Pedro entrou primeiro e viu as faixas e o sudario, pero non o corpo. O outro discípulo entrou despois, «e viu e creu» (Jn 20, 3-10). Madalena quedou fóra, e aparecéronselle dous anxos vestidos de branco. Preguntáronlle: «Por que choras, muller?», e ela contestou: «Porque tomaron o meu Señor e non sei onde o puxeron». Volveu cara a atrás e viu a Xesús resucitado, quen lle preguntou á súa vez por que choraba. Madalena confundiulle co hortelán, e preguntoulle onde puxera a Xesús. Xesús chamouna: «María!», e ela recoñeceuno, respondendo: «Rabbuní!». Xesús pediulle que non o tocase, xa que aínda non subira ao Pai, e pediu que avisase aos seus irmáns de que ía subir ao Pai. Madalena foi anunciar o ocorrido aos discípulos (Jn 20, 11-18). Ese mesmo día, pola tarde, Xesús apareceuse ao lugar en que os discípulos se atopaban ocultos por temor dos xudeus. Saudoulles dicindo «A paz sexa convosco», mostroulles a man e o costado, e, soprando, envioulles o Espírito Santo. Un dos once, Tomé, non estaba co resto cando tivo lugar a aparición de Xesús, e non creu que o aparecido fose realmente Xesús (Jn 20, 19-25). Oito días despois, Xesús volveu aparecerse a todos os discípulos, incluído Tomé. Para vencer a súa incredulidade, Xesús díxolle que tocase a súa man e o seu costado. Tomé creu nel (Jn 20, 26-29). Máis adiante, Xesús volveu aparecerse a sete dos seus discípulos cando estaban pescando xunto ao mar de Tiberiades. Non pescaran nada; pediulles que volvesen botar a rede e sacárona chea de peces. Entón recoñecérono, e comeron con el pans e peixes (Jn 21,1-14). Tras isto, relátase unha conversa entre Xesús e Pedro, na que intervén tamén o «discípulo amado» (Jn 21,15-23).

Profecías do Antigo Testamento concernentes a Xesús

Segundo os autores do Novo Testamento, a vida de Xesús supuxo o cumprimento dalgunhas profecías formuladas en certos libros do Antigo Testamento. Os libros bíblicos máis citados neste sentido polos primeiros cristiáns foron Isaías, Xeremías, os Salmos, Zacarías, Miqueas e Oseas. Para os autores do Novo Testamento, nunha visión compartida polos cristiáns posteriores, nestes textos anúnciase a vinda de Xesús de Nazaret, que sería o Mesías que esperaba o pobo de Israel. A miúdo os redactores dos evanxeos, sobre todo o autor do Evanxeo de Mateo, citan explicitamente estes textos para subliñar o cumprimento destas profecías na vida e morte de Xesús. Entre outras cousas, consideran que foron profetizadas as circunstancias e o lugar de nacemento de Xesús (Is 7,14; Miq 5,2);[61] a súa relación con Galilea (Is 9,1);[62] a súa condición mesiánica (Is 9, 6-7; Is 11, 1-9; Is 15, 5);[63] o papel de precursor de Xoán o Bautista (Is 40,3)[64] e ata a súa paixón e morte sacrificial (a este respecto cítanse sobre todo catro poemas, incluídos no Deutero Isaías (ou Segundo Isaías),[65] que presentan a figura dun servo de Yahvé,[66] a cuxo sacrificio atribúe un valor redentor, pero tamén outras moitas pasaxes.[67]

Os xudeus, que tamén consideran sagrados estes libros, non aceptan a crenza cristiá de que estas profecías se refiren a Xesús de Nazaret. Para a investigación histórica actual, o principal interrogante é ata que punto estes libros contribuíron a moldear os relatos evanxélicos.

Other Languages
Akan: Yesu
Alemannisch: Jesus Christus
አማርኛ: ኢየሱስ
Ænglisc: Iesus
العربية: يسوع
ܐܪܡܝܐ: ܝܫܘܥ
مصرى: يسوع
অসমীয়া: যীশু
asturianu: Xesús
Atikamekw: Cecoc
Aymar aru: Jesus
azərbaycanca: İsa
تۆرکجه: عیسی
žemaitėška: Jiezos Krėstos
Bikol Central: Jesus
беларуская: Ісус Хрыстос
беларуская (тарашкевіца)‎: Ісус Хрыстос
български: Иисус Христос
भोजपुरी: ईसा मसीह
Bislama: Jisas Kraes
Bahasa Banjar: Yesus Kristus
bamanankan: Yesu Krista
বাংলা: যিশু
བོད་ཡིག: ཡེ་ཤུ།
brezhoneg: Jezuz Nazaret
bosanski: Isus
Chavacano de Zamboanga: Jesus
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Ià-sŭ
Cebuano: Jesus
کوردی: یەسووع
qırımtatarca: İsa
čeština: Ježíš Kristus
словѣньскъ / ⰔⰎⰑⰂⰡⰐⰠⰔⰍⰟ: Їисъ Хрїстъ
Cymraeg: Iesu
dansk: Jesus
Zazaki: İsa
dolnoserbski: Jezus Kristus
ދިވެހިބަސް: އީސާގެފާނު
eʋegbe: Yesu
Ελληνικά: Ιησούς Χριστός
emiliàn e rumagnòl: Geṡü
English: Jesus
Esperanto: Jesuo Kristo
eesti: Jeesus
estremeñu: Jesucristu
فارسی: عیسی
Fulfulde: Yéesu Kristaa
suomi: Jeesus
Võro: Jeesus
Na Vosa Vakaviti: Jisu Karisito
føroyskt: Jesus
français: Jésus-Christ
arpetan: Jèsus Crist
Nordfriisk: Jiises Krast
furlan: Jesus
Gaeilge: Íosa Críost
Gagauz: İisus
贛語: 耶穌
Gàidhlig: Ìosa Crìosd
Avañe'ẽ: Hesu
गोंयची कोंकणी / Gõychi Konknni: जेजू क्रिस्त
ગુજરાતી: ઇસુ
客家語/Hak-kâ-ngî: Yâ-sû
Hawaiʻi: Lesu
עברית: ישו
हिन्दी: यीशु
Fiji Hindi: Jesus
hrvatski: Isus
hornjoserbsce: Jězus
Kreyòl ayisyen: Jezi
magyar: Jézus
հայերեն: Հիսուս
interlingua: Jesus Christo
Bahasa Indonesia: Yesus
Interlingue: Iesu
Iñupiak: Jeesus
Ilokano: Hesús
íslenska: Jesús Kristur
italiano: Gesù
ᐃᓄᒃᑎᑐᑦ/inuktitut: ᐱᐅᓕᑦᓯᔨ
la .lojban.: iesus
Basa Jawa: Yésus Kristus
ქართული: იესო ქრისტე
Taqbaylit: Ɛisa
Kongo: Yesu
қазақша: Иса Мәсих
kalaallisut: Jiisusi-Kristus
한국어: 예수
Перем Коми: Иисус Христос
Ripoarisch: Jesus Christus
kurdî: Îsa
kernowek: Yesu Krist
Кыргызча: Иса
Latina: Iesus
Lëtzebuergesch: Jesus vun Nazaret
лакку: Эса идавс
Lingua Franca Nova: Jesus Cristo
Luganda: Jesu Kristo
Limburgs: Zjezus Christus
Ligure: Gêxù
lingála: Yésu
لۊری شومالی: عیسی
lietuvių: Jėzus Kristus
latgaļu: Jezus Krystus
latviešu: Jēzus Kristus
Basa Banyumasan: Yesus Kristus
Malagasy: Jesosy
олык марий: Исус Христос
Māori: Ihu Karaiti
Baso Minangkabau: Yesus
македонски: Исус Христос
മലയാളം: യേശു
монгол: Есүс Христ
Bahasa Melayu: Jesus Christ
Malti: Ġesù
Mirandés: Jasus
မြန်မာဘာသာ: ခရစ်တော်၊ ယေရှု
مازِرونی: عیسی
Dorerin Naoero: Jesu Kristo
Nāhuatl: Jesucristo
Napulitano: Giesù Cristo
Plattdüütsch: Jesus Christus
Nedersaksies: Jezus Christus
norsk nynorsk: Jesus
Novial: Jesu Kristo
Nouormand: Jésus-Chrît
Sesotho sa Leboa: Jesu
Chi-Chewa: Yesu Kristu
Livvinkarjala: Iisus
Oromoo: Yesuus
ଓଡ଼ିଆ: ଯୀଶୁ
ਪੰਜਾਬੀ: ਈਸਾ ਮਸੀਹ
Kapampangan: Jesus
Papiamentu: Hesus
Pälzisch: Jesus Christus
Norfuk / Pitkern: Jesus
Piemontèis: Gesù ëd Nàsaret
پنجابی: یسوع
پښتو: عيسی
português: Jesus
Runa Simi: Hisuw
rumantsch: Jesus da Nazaret
Kirundi: Yezu Kirisitu
armãneashti: Isa Hristo
русиньскый: Ісус Хрістос
Kinyarwanda: Yezu Kirisitu
संस्कृतम्: ईसु क्रिस्त
саха тыла: Иисус Христос
ᱥᱟᱱᱛᱟᱲᱤ: ᱡᱤᱥᱩ
sardu: Gesùs
sicilianu: Gesù Cristu
سنڌي: عيسيٰ
davvisámegiella: Jesus
srpskohrvatski / српскохрватски: Isus
Simple English: Jesus
slovenčina: Ježiš Kristus
slovenščina: Jezus Kristus
Gagana Samoa: Iesu Keriso
chiShona: Yesu
Soomaaliga: Ciise
shqip: Jezusi
српски / srpski: Исус
SiSwati: Jesu
Seeltersk: Jesus Kristus
svenska: Jesus
Kiswahili: Yesu
ślůnski: Jezus Kristus
தமிழ்: இயேசு
తెలుగు: యేసు
тоҷикӣ: Исои Масеҳ
Türkmençe: Nasyraly Isa
Tagalog: Hesus
lea faka-Tonga: Sīsū Kalaisi
Tok Pisin: Jisas
Türkçe: İsa
татарча/tatarça: Гайсә пәйгамбәр
chiTumbuka: Yesu Khristu
reo tahiti: Iesu Mesia
ئۇيغۇرچە / Uyghurche: ئىسا ئەلەيھىسسالام
українська: Ісус Христос
oʻzbekcha/ўзбекча: Iso Masih
vèneto: Jesu
vepsän kel’: Iisus Hristos
Tiếng Việt: Giê-su
West-Vlams: Jezus van Nazareth
Volapük: Yesus Kristus
Winaray: Jesucristo
吴语: 耶稣
isiXhosa: UYesu Kristu
მარგალური: იოსე ქირსე
ייִדיש: יעזוס
Yorùbá: Jésù
Vahcuengh: Yesu
中文: 耶稣
文言: 耶穌
Bân-lâm-gú: Iâ-so͘
粵語: 耶穌