Xenocidio armenio

O xenocidio armenio (en armenio: Հայոց ցեղասպանություն; Hayots tseghaspanutyun, e en turco: Ermeni Soykırımı) (tamén coñecido coma holocausto armenio ou masacre armenio) é o termo normalmente empregado para facer referencia á deportación masiva e á morte durante a mesma dun número indeterminado de civís armenios, estimado en varios centos de miles ou máis dun millón, no goberno dos Mozos Turcos no Imperio Otomán, dende 1915 até 1917, durante a I Guerra Mundial.

Varios puntos en relación co xenocidio armenio son aínda hoxe materia dunha ardua discusión entre Turquía e a comunidade internacional. Aínda que non nega que os asasinatos de civís armenios ocorreran na realidade, o goberno turco non admite que se tratase dun xenocidio, argumentando que as mortes non foron a resulta dun plano de exterminio masivo organizado polo estado otomán, senón que, en troques, foron causadas polas loitas étnicas, as enfermidades e a fame durante o confuso período da I Guerra Mundial. A pesar desta tese, case tódolos estudosos -até algúns turcos- opinan que os feitos encádranse na definición actual de xenocidio. Unha listaxe crecente de países recoñecen oficialmente a autenticidade do "Xenocidio armenio".

Nestes intres son 29 os Estados que oficialmente o definen coma un xenocidio.

Mapa que indica os países que recoñeceron o xenocidio armenio

Os armenios en Anatolia

Sultán Abdul Hamid II.

En 1914, antes do estourido da I Guerra Mundial, no Imperio Otomán había unha poboación estimada de 2 millóns de armenios, sendo a meirande parte deles de fe Apostólica Armenia, e sendo a minoría deles católicos e protestantes. Mentres que a poboación armenia se concentraba principalmente no leste de Anatolia, había tamén unha comunidade armenia de tamaño considerable no oeste, especialmente na capital, Istambul, onde aínda hoxe habita unha minoría armenia[1].

Os armenios eran tradicionalmente coñecidos como Millet-i Sadıka ("Nación leal") polos turcos, posto que semella que vivían en harmonía cos outros grupos étnicos do Imperio sen conflitos de importancia coa autoridade central, a pesar das diferenzas étnicas e relixiosas, e de que estaban submisos ás leis islámicas dhimmi, que lles concedían menos dereitos cós súbditos musulmáns do Imperio[2].

O goberno de Tanzimat deulle máis dereitos ás minorías a mediados do século XIX. Non obstante, no longo mandato do Sultán Hamid suspendeuse a constitución e gobernouse como el quixo. A pesar da presión sobre o Sultán por parte dos principais países europeos para tratar con máis coidado ás minorías cristiás, o abuso tan só medrou.

Con todo, durante a segunda metade do século XIX comezaron a difundirse entre os armenios movementos de ideoloxía nacionalista. O Imperio Otomán, que tivo que aceptar no Tratado de San Stefano a independencia de Romanía, Serbia e Montenegro, ademais da semi-independencia de Bulgaria, quería evitar por tódolos medios a creación dun estado armenio, previsiblemente pro-ruso, no leste de Anatolia.

Masacres hamídicos

Caricatura política francesa que amosa ó sultán Abdul Hamid II como un carniceiro polas súas accións contra os armenios otománs.

Entre 1894 e 1897 producíronse os chamados "masacres hamídicos", polo nome do sultán que os ordenou, Abdul Hamid II, coñecido como o "Sultán Vermello". O número de vítimas armenias nas matanzas hamídicas foi calculado polo etnógrafo William Ramsay nunhas 200.000[3], e a meirande parte de estimacións varían entre os 80.000 e os 300.000 armenios asasinados, sendo esta última sinalada como máis achegada á realidade[4].

Masacres de Cilicia ou de Adana

Un pobo de Armenia saqueado e derruído despois dos masacres de Adana, no ano 1909

Unha década despois, entre o 14 e o 27 de abril de 1909 tivo lugar unha segunda onda de matanzas, coñecidas como "masacres de Cilicia" ou "masacres de Adana", e que coincidiron coa contrarrevolución dos partidarios do sultán Abdul Hamid II que fora forzado a restaurar a constitución otomá como resultado da revolución dos Mozos Turcos en 1908. Nestas matanzas calcúlase que morreron uns 30.000 armenios, aínda que non hai, con todo, acordo canto ás cifras. Foron un preludio do Xenocidio armenio e se perpetraron en zonas rurais cilicianas e en distintas vilas: Adana, Hadjin, Sis, Zeïtoun, Alep, Dört Yol[5].

Other Languages
العربية: مذابح الأرمن
беларуская: Генацыд армян
Esperanto: Armena genocido
hornjoserbsce: Genocid Armenjanow
Bahasa Indonesia: Genosida Armenia
Basa Jawa: Genosida Armenia
Lëtzebuergesch: Armenesche Vëlkermuerd
македонски: Ерменски геноцид
Bahasa Melayu: Genosid Armenia
Nederlands: Armeense genocide
srpskohrvatski / српскохрватски: Armenski genocid
Simple English: Armenian Genocide
slovenčina: Arménska genocída
slovenščina: Armenski genocid
татарча/tatarça: Ärmännär genotsidı
українська: Геноцид вірмен
Tiếng Việt: Diệt chủng Armenia