Xaquín Lorenzo

Xaquín Lorenzo
Medalla Castelao Icona vectorial.svg
Xaquín Lorenzo Fernández.jpg
Nome completoXaquín María Perfecto Lorenzo Fernández
Nacemento26 de xuño de 1907
LugarOurense
Falecemento18 de xullo de 1989
LugarOurense
SoterradoCemiterio de San Francisco de Ourense
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
XénerosPoesía, historia
PremiosMedalla Castelao
editar datos en Wikidata ]

Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas,[1] nado en Ourense o 23 de xuño de 1907 e finado na mesma cidade o 19 de xullo de 1989[2], foi unha personalidade senlleira da cultura e da etnografía galegas.

Foille dedicado o Día das Letras Galegas no ano 2004, homenaxe que a Xunta de Galicia asumiu declarando o 2004 como Ano Xaquín Lorenzo. Tamén recibiu o Premio Trasalba en 1983.

Traxectoria

Casa natal de Xaquín Lorenzo, na rúa da Paz, Ourense.

Foi o primeiro fillo do escritor e caricaturista José Laurentino Lorenzo Álvarez[3], ourensán, e de Joaquina Fernández Barcia, de Vigo. Cómpre lembra-la presenza e influencia do seu único irmán, Xurxo, tres anos máis novo ca Xaquín, quen colaborou con el en numerosas ocasións ata morrer prematuramente o 2 de abril de 1934, vítima dunha septicemia, con só 24 anos de idade. Ramón Otero Pedrayo dixo del que "de ter vivido máis anos sería o mestre e o poeta da súa xeración".

A morte do pai a finais de 1923 obrigou a que a nai tivese que marchar a Arxentina, a solucionar certos problemas coa herdanza familiar, polo que os irmáns foron vivir coa avoa paterna en Facós, no caso de Xocas, e coa familia do avó materno, en Vigo, no do seu irmán Xurxo.

Entre 1917 e 1923 estudou Educación Primaria e o Bacharelato na súa cidade natal[4], tendo como mestre a Ramón Otero Pedrayo, quen tomara posesión da cátedra de Xeografía e Historia nese instituto en 1921[5]. Ó residir longas tempadas, especialmente os veráns, na casa da avoa materna en Facós, Lobeira, entra en contacto coa cultura rural e comprende a necesidade do seu estudo e promoción:

Así funme pondo en contacto co campo de Galicia. E vía que ó chegar a Ourense para retomar os estudos, os rapaces da cidade descoñecían completamente o que era o campo; isto facíame reaccionar.

En 1923 comeza a estudar, por libre, Filosofía e Letras (Sección Historia) en Santiago de Compostela, pero non aproba ningunha materia nin nese ano nin no seguinte. A morte do pai obrígalle a suspende-los estudos, pero en 1925 matricúlase no acceso á carreira de Dereito, tamén por libre. Neste caso, nin se presenta ós exames e remata abandonando os estudos. Por fin, en 1931 volve a matricularse en Filosofía e Letras, en Santiago, co seu irmán Xurxo, á vez que seguen traballando para o Seminario de Estudos Galegos, pero teñen que pedi-lo traslado a Zaragoza en 1934 polos seus enfrontamentos cos profesores, a causa da súa participación no movemento galeguista co que simpatizaban desde moito antes: sendo membro da Irmandade Galeguista de Ourense subscribiu o manifesto fundacional do Partido Nazonalista Repubricán e, posteriormente, ingresou no Partido Galeguista. Xaquín remata a carreira en Zaragoza.

Desde moi cedo comeza a colaborar co Grupo Nós, aprendendo e facendo amizade con Vicente Risco, Florentino López Cuevillas e Otero Pedrayo e, con só 18 anos (1926), ingresa como membro activo no Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre o carro galego. Desde ese momento, e ata a súa disolución trala guerra civil, Xocas colabora intensamente coas seccións de Etnografía e Folclore do Seminario e participa nas campañas que este organiza, ademais doutros traballos de investigación propios. En 1932 é nomeado membro da Comisión Directora e Conservador do Museo; e en 1934, conselleiro permanente do Seminario.

Canto á súa actividade política nesa época, lémbrese a súa participación na Irmandade Galeguista de Ourense, no Partido Nazonalista Repubricán e no Partido Galeguista do 36, así como a súa intervención activa no nacemento do frustrado Estatuto de Autonomía.

Xoaquín Lourenzo foi nomeado socio aitivo o 1º de Maio do 1926, Sant-Iago, 14 de Xaneiro de 1932.

Aínda con estes precedentes, Xaquín Lorenzo vese obrigado a loitar cos sublevados na guerra civil. Foi recrutado xa o 1º de agosto de 1936 pero, ó resultar ferido no ombreiro esquerdo en Villablino (León), nada máis incorporarse á fronte, o día 12 dese mesmo mes, é declarado inútil para o exército. Por fin, o 29 de decembro de 1937 pode regresar á súa casa de Lobeira, desde onde cultiva unha fecunda tertulia con Risco, Cuevillas e Otero Pedrayo.

Fun ferido en Villablino, no norte de León. Foi unha das moitas cousas que eu lle debo á boa sorte que tiven na vida. Eu incorporeime aquí, en Ourense, incorporámonos todos os que chamaron, non quedaba máis remedio que botarse ao monte ou incorporarse... Teño a grande sorte de poder dicir que non vin un morto. O primeiro ferido que vin fun eu.

Trala guerra civil, foi nomeado profesor de Xeografía e Historia no Instituto Posío, de Ourense, ocupando a cátedra que deixara Otero Pedrayo, represaliado en 1937. Os seus antecedentes políticos terminan pasándolle factura e en 1942 pasou a exercer no colexio privado Cardenal Cisneros, da mesma cidade, e do que chegou a ser copropietario e director ata a súa xubilación (1981).

Durante os anos 1940 a 1950 dedicouse principalmente a realizar e dirixir numerosos estudos sobre etnografía material e cultural galega, entre os que destacan os seus estudos sobre o carro, as construcións tradicionais, os oficios, a dorna etc., así como sobre as festas e romarías, o cancioneiro e o refraneiro popular galego.

Xaquín Lorenzo.

Compaxinou estes estudos etnográficos con outros traballos sobre arte, historiografía e arqueoloxía, co estudo e catalogación de diferentes castros, como os de Terra de Lobeira (1931, onde coñece o profesor Fritz Krüger), Cameixa (Boborás, en 1944), Cabanca (1944) ou o de Castromao (Celanova). Este labor desenvolveuno dentro do seu traballo co grupo Nós, coa Comisión de Monumentos de Ourense e co Grupo Marcelo Macías, e transcribiuno en diferentes artigos que foi publicando en revistas como Nós, no Arquivo do Seminario de Estudos Galegos, no Caderno de Estudos Galegos, no Boletín da Real Academia Galega, no Boletín Auriense etc. Colaborou tamén en diferentes ocasións en publicacións equivalentes de España, Portugal e Alemaña.

Cómpre destaca-lo feito de que os seus traballos etnográficos e técnicos ían adoito enriquecidos cos seus propios debuxos (ou do seu irmán Xurxo) e fotografías, co que consegue reflecti-las variedades locais dos obxectos que describía. Tamén recorreu ó cine para recoller mellor as actividades que estudaba, e neste eido destaca sobre todo unha curtametraxe sobre O carro e o home (1940), de inestimable valor etnográfico. Este documental, baixo idea e guión del mesmo, dirixido por Antonio Román e producido por Carlos Serrano, recibiu o premio do Sindicato Nacional do Espectáculo e foi reeditado en 1980 por Eloy Lozano.

O carro ocupou un importante lugar na preocupación de Xaquín Lorenzo pola etnografía galega. De feito, foi un carriño de vacas que fixo con só 16 anos[6], cos nomes de tódalas pezas, o que lle abriu as portas ante Cuevillas e a xeración Nós.

“Un vran, na aldeia, tendo eu dezaséis anos, fixen, por enredo, un carriño de bois aporveitando uns anacos de táboas vellas; logo, sen un fito determinado, anotéi nun papel os nomes que alí daban ás pezas que o forman. Ó comezalo curso tornéi a Ourense e un meu parente faloulle a Cuevillas, non sei con que motivo, do carriño que eu figuera. Cuevillas quíxome coñecer e unha noite fun ó Club, onde il ía á serán, co meu enredo na bulsa. Mostreillo, ollouno de vagar, leu as notas que eu esquirbira e mandóu procurar uns libros que tiña no gabán. Cando llos trougueron, deumos e díxome: "-Tome. Co que vostede tén e co istes libros, faga un estudo encol do carro”.
Foi o principal impulsor da creación do Museo do Pobo Galego.

A partir de 1942 comeza a colaborar co Museo Arqueolóxico de Ourense e coa Comisión de Monumentos, chegando a ser académico correspondente da Real Academia da Historia. Tamén foi membro da Sociedade Portuguesa de Antropologia e Etnografia, da Associação dos Arqueólogos Portugueses, da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e do Patronato do Museo del Pueblo Español, de Madrid.

En 1951 foi nomeado membro da Real Academia Galega a proposta dos seus eternos compañeiros Cuevillas, Risco e Otero Pedrayo[7], nun acto celebrado o 16 de setembro en Celanova. O novo académico foi acollido polo propio Ramón Otero Pedrayo, que leu o discurso de resposta.

Sepultura de Xaquín Lorenzo no cemiterio de San Francisco (Ourense)[8]

En 1964 mórrelle a nai e Xaquín Lorenzo comeza unha fase de progresivo illamento, reducindo os seus contactos a un pequeno número de amigos. A morte en 1975 dun deles, Xesús Ferro Couselo, con quen colaborara estreitamente, contribúe a afonda-la súa introversión. Todo isto, xunto á precaria saúde (padecía reuma e unha perda progresiva da vista), levárono a recluírse na súa casa e dedicarse case exclusivamente á lectura.

Sae desta situación, por fin, cando en 1976 comeza a creación do Museo do Pobo Galego[9], coa súa designación como director e presidente do padroado do museo. Xaquín Lorenzo doará ós fondos do museo, inaugurado en 1977, a súa biblioteca e a súa ampla colección de maquetas que fixera el mesmo ó longo da súa vida, do carro, de trebellos agrícolas e de casas tradicionais de diferentes tipoloxías.

En 1978, co rexurdir das actividades galeguistas trala morte de Francisco Franco e a reinstauración da democracia en España, participa máis ou menos activamente no renacemento do Partido Galeguista de Avelino Pousa Antelo, se ben remata identificándose máis co colectivo apartidista Realidade Galega e expresa o seu apoio público ó voto afirmativo no referendo do Estatuto de autonomía, xunto a outros intelectuais galegos.

O 19 de xullo de 1989 morreu na súa casa de Facós (Lobeira, Ourense), sendo enterrado no cemiterio de San Francisco, da capital.

Ó longo da súa vida recibiu numerosas distincións, medallas e nomeamentos, como a Encomenda de Alfonso X o Sabio (Ministerio de Educación, 1961), o Premio Otero Pedrayo (concedido polas deputacións galegas, en 1982), conselleiro do novo Seminario de Estudos Galegos, presidente de honra do Padroado do Pedrón de Ouro (1983), fillo predilecto da provincia de Ourense (1983), premio Trasalba (1983) ou a primeira Medalla Castelao (Xunta de Galicia, 1984). Cómpre destaca-la súa presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Trala súa morte segue recibindo homenaxes de diversa índole, como a publicación dun número extraordinario na súa memoria do Boletín Auriense, en 1990; a dedicatoria do Día das Letras Galegas en 2004; ou o monográfico que sobre a súa vida e obra dedicoulle o Boletín da Real Academia Galega, tamén en 2004.

Other Languages