Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra

Xacobe I de Inglaterra e VI de Escocia
Rei de Inglaterra e Escocia
James VI and I.jpg
Xacobe I de Inglaterra
Rei de Escocia e Señor das Illas
19 de xuño de 1567 - 27 de marzo de 1625
PredecesorMaría I
SucesorCarlos I
Rei de Inglaterra e Irlanda
25 de xuño de 1603 - 27 de marzo de 1625
PredecesorIsabel I
SucesorCarlos I

Coroación29 de xullo de 1567
(Rei de Escocia)
25 de xullo de 1603
(Rei de Inglaterra e Irlanda)
Nacemento19 de xuño de 1566
Castelo de Edimburgo
Falecemento27 de marzo de 1625
(58 anos)
Theobalds House
SepulturaAbadía de Westminster
ConsorteAna de Dinamarca
Casa realCasa de Estuardo
ProxenitoresEnrique Estuardo, duque de Albany
María I de Escocia

Escudo de Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra
James I of England signature.svg
Xacobe I, rei de Inglaterra, 1603-1613.

Xacobe Carlos Estuardo [1], nado en Edimburgo o 19 de xuño de 1566 e finado en Theobalds House o 27 de marzo de 1625, foi rei de Escocia como Xacobe VI desde o 24 de xullo de 1567 ata a súa morte, e rei de Inglaterra e Irlanda como Xacobe I desde o 24 de marzo de 1603 ata a súa morte.

Proclamado rei cun ano de idade, unha serie de rexentes gobernaron no seu nome durante a súa minoría de idade, ata que esta terminou oficialmente en 1578, aínda que non obtivo o verdadeiro control do aparello do Estado ata 1581.[2] En 1603 sucedeu no trono de Inglaterra e Irlanda á última Tudor, Isabel I, que morreu sen descendencia.[3] Rexeu conxuntamente Inglaterra, Escocia e Irlanda por espazo de 22 anos, ata a súa morte aos 58.[4]

Aínda que gobernou con acerto en Escocia, atopouse con grandes dificultades en Inglaterra,[5] incluíndo o soado "Complot da Pólvora" en 1605 e sucesivos conflitos co Parlamento, que lle era hostil, especialmente no tocante á subida de impostos. De acordo a unha tradición historiográfica iniciada a mediados do século XVII, a política absolutista de Xacobe, a súa irresponsibilidade financeira e os favores outorgados a favoritos impopulares sentaron as bases da Guerra Civil Inglesa, durante a cal foi axuizado e executado o seu fillo e sucesor, Carlos I.[6] Con todo, en vida do monarca, a situación política de Inglaterra e de Escocia foi relativamente estable, e os historiadores contemporáneos consideran a Xacobe un soberano intelixente e reflexivo.[7]

Durante o seu reinado continuou a "Era Dourada" do drama e a literatura sabelinos, con grandes escritores como William Shakespeare, John Donne, Ben Jonson e Francis Bacon, aos que o rei patrocinou, contribuíndo ao florecemiento cultural.[8] Apaixonado pola teoloxía, o rei ordenou a tradución da Biblia que leva o seu nome, a King James, que aínda é a oficial da Igrexa Anglicana. Probablemente xamais houbo tal concentración de talento literario baixo patronazgo da Coroa inglesa. O propio Xacobe era un erudito de considerable talento, autor de poesía, traducións e un tratado sobre poesía, así como obras condenando a bruxería e o tabaco (Daemonologie [1597] [9] e A Counterblaste to Tobacco [1604]), meditacións e comentarios sobre as Sagradas Escrituras, obras de teoría política (The True Law of Free Monarchies [1598] e Basilikon Doron [1599]), e discursos para o Parlamento. Sir Anthony Weldon afirmou que Xacobe fora chamado "o bobo máis sabio da Cristiandade", e desde entón asociouse o epíteto a este monarca.[10]

Primeiros anos

Nacemento

Xacobe VI de Escocia durante a súa nenez

Xacobe foi o único fillo de María I Estuardo, raíña de Escocia, e do seu segundo marido, o aloucado, covarde e pretencioso Henrique Estuardo, duque de Albany, máis coñecido como Lord Darnley. Descendía directamente do rei Henrique VII de Inglaterra a través da súa bisavoa Margarida Tudor, filla deste monarca e irmá de Henrique VIII.[11] O dominio de María Estuardo sobre Escocia foi inseguro, tanto para ela como para o seu marido, e por ser católicos atopáronse cunha rebelión dos nobres protestantes. O seu matrimonio foi particularmente turbulento, en boa parte grazas aos celos patolóxicos de Darnley.[12] Mentres María Estuardo estaba embarazada do futuro Xacobe VI, Lord Darnley aliouse en segredo cos rebeldes e fixo asasinar dun xeito salvaxe, e en presenza da súa raíña e esposa, ao secretario e favorito desta, o cortesano italiano David Rizzio.[13]

Xacobe naceu o 19 de xuño de 1566 no Castelo de Edimburgo, converténdose automaticamente en duque de Rothesay e príncipe e alto senescal de Escocia, como herdeiro da Coroa. Foi bautizado co nome de Xacobe Carlos, en honra ao seu padriño, o rei Carlos IX de Francia, polo que posteriormente sería o primeiro monarca británico en ter máis dun nome. Isabel I de Inglaterra, como madriña in absentia, enviou unha magnífica fonte de ouro como agasallo de bautizo.[14]

Lord Darnley e o seu amante daquel entón foron asasinados o 10 de febreiro de 1567 ao voar polo aire a súa residencia de Kirk O'Field, a casa dos Hamilton en Edimburgo. Parece ser que foi a vinganza da raíña por asasinar ao seu belo e caprichoso favorito. O matrimonio de María o 15 de maio do mesmo ano con James Hepburn, conde de Bothwell, que era o máis evidente sospeitoso do asasinato do duque de Albany, fixo aumentar as sospeitas e a súa impopularidade.[15] En xuño de 1567, os rebeldes protestantes arrestaron a María e encarcerárona no Castelo de Loch Leven; nunca volveu ver ao seu fillo. Foi obrigada a abdicar o 24 de xullo en favor do infante Xacobe, e a nomear ao seu medio irmán ilexítimo, Xacobe Estuardo, conde de Moray, como rexente.[16]

Rexencias

O coidado de Xacobe foi confiado ós condes de Mar (John Erskine, XVII conde de Mar), para ser protexido, criado e educado[17] na seguridade do Castelo de Stirling.[18] O neno foi solemnemente coroado aos 13 meses de idade como Xacobe VI de Escocia na igrexa de Holyrood, no castelo de Stirling, o 29 de xullo de 1567.[14] O sermón correu a cargo do calvinista xenebrino John Knox. E aínda que o monarca fora bautizado católico, de acordo aos ditados da clase dirixente foi educado na máis severa disciplina calvinista, e convertido en membro da Igrexa de Escocia. A súa educación foi supervisada polo historiador e poeta George Buchanan, un home provisto da debida ciencia e erudición para educar a un príncipe, pero, á vez, un personaxe áspero e intolerante, un republicano fatigoso e tenso, cheo de ávidas virtudes, que odiaba á familia do seu discípulo e, máis que probablemente, ao seu propio discípulo. Aínda que o someteu a regulares malleiras, tamén lle deu unha educación notable e inspiroulle unha paixón pola literatura e o saber que duraría toda a súa vida.[19]

En 1568, María Estuardo fuxiu da súa prisión, o que conduciu a un breve período de violencia. O conde de Moray derrotou ás súas tropas na Batalla de Langside, forzándoa a fuxir a Inglaterra, onde foi encarcerada pola súa curmá a raíña Isabel. O 22 de xaneiro de 1570 Moray foi asasinado por James Hamilton de Bothwellhaugh, sendo substituído polo avó paterno do novo rei Xacobe, Mateo Estuardo (IV conde de Lennox), que foi fatalmente ferido ao ano seguinte nun ataque de simpatizantes de María.[20] O seu sucesor na rexencia, John Erskine (I conde de Mar), morreu o 28 de outubro de 1572 por mor dunha misteriosa enfermidade tras acudir a un banquete na leira de James Douglas (IV conde de Morton), o máis poderoso dos nobres escoceses, aínda máis que os propios rexentes. Morton, que sucedeu a Mar, demostrou ser o máis eficaz dos rexentes de Xacobe en todos os aspectos, derrotando ademais ás familias que continuaban apoiando a María,[21] pero fixo moitos inimigos pola súa rapacidade.[22]

A caída de Morton non foi causada polos partidarios de María, senón polos cortesáns máis próximos ao rei, que impresionaron ao novo monarca falándolle do grao dos seus deberes reais, animándolle a que tomase o control do reino nas súas mans. Morton perdeu o favor rexio coa chegada a Escocia do francés Esmé Estuardo, Sieur d'Aubigny, curmán do defunto Lord Darnley e futuro conde de Lennox, que se converteu rapidamente no primeiro dos poderosos favoritos do rei.[23]

Os cortesáns acusaron a Morton de participar no asasinato de Lord Darnley, polo que foi axuizado, condenado e, finalmente, executado o 2 de xuño de 1581.[24] O 8 de agosto Xacobe fixo de Lennox o único duque de Escocia.[25] O rei, de 15 anos de idade, permanecería baixo a influencia de Lennox por espazo dun ano máis.[26] Outro cortesán de grande alcance era Xacobe Estuardo (I conde de Arran), ao que concederon o condado de Arran como recompensa pola súa testemuña contra Morton.

Other Languages
azərbaycanca: I Ceyms
български: Джеймс I (Англия)
čeština: Jakub I. Stuart
հայերեն: Հակոբ Ա
Bahasa Indonesia: James Charles Stuart
Lëtzebuergesch: James I. vun England
lietuvių: Jokūbas VI
Malagasy: James VI and I
македонски: Јаков I (Англија)
Bahasa Melayu: James VI dan I
occitan: Jaume Stuart
srpskohrvatski / српскохрватски: James I Stuart
Simple English: James I of England
slovenčina: Jakub I. (Anglicko)
slovenščina: Jakob I. Angleški
српски / srpski: Џејмс I Стјуарт
Tiếng Việt: James I của Anh
Bân-lâm-gú: James 1-sè