Wikipedia:Edita con afouteza

A Wikipedia anima a todas as persoas que a consultan a que teñan afouteza e se lancen a completar a enciclopedia. As wikis, como a nosa Galipedia, desenvólvense máis rapidamente cando todo o mundo axuda a arranxar problemas, corrixir a ortografía, engadir información, redactar axeitadamente etc. Sería fabuloso que todo o mundo se lanzase e axudase a facer da Wikipedia unha enciclopedia mellor. Cantas veces liches un artigo e pensaches «por que esta páxina non está corrixida ou se amplía»? A Wikipedia non só che permite crear, revisar e modificar artigos: agardamos que o fagas. Isto require que todo o mundo actúe cunha certa responsabilidade, pero funciona. Xa o verás! Naturalmente, outras persoas modificarán o que escribas aquí. Non o tomes a mal! Como todas as persoas que xa colaboramos, só desexamos que sexa a mellor enciclopedia posible.

Igualmente, cando vexas un problema nunha páxina de conversa, non te resignes a ser unha simple espectadora. Lánzate, opina e axuda a resolvelo!

Lanzarse á piscina

Aínda que a audacia das persoas colaboradoras é un dos activos da Wikipedia, tamén é importante que teñan sentido común e non editen de forma temeraria. Calquera cambio que fagas e non saíse ben pode ser revertido, xeralmente sen problemas. Procúrase non desmoralizar as persoas editoras con cambios revertidos ou modificados substancialmente. Pero hai algúns cambios significativos que poden permanecer moito tempo e que poden ser máis difíciles de arranxar se xorde a necesidade. Se dubidas, simplemente pide axuda sen medo.

Posiblemente é máis fácil decatarse de que algo non está ben, máis ca saber exactamente o que estaría ben. Non é un requisito que todo o mundo se lance. Despois de todo, comentar que nun artigo hai algo incorrecto pode ser o primeiro paso para arranxalo. Amais, é certo que os problemas seguramente se arranxarán, e probablemente de forma máis rápida, se alguén é afoutado abondo como para intentar facelo por si mesmo.

Como se adoita dicir, lánzate... pero asegúrate de que a piscina ten auga!

Other Languages
Alemannisch: Wikipedia:Sei mutig
azərbaycanca: Vikipediya:Cəsur ol!
беларуская (тарашкевіца)‎: Вікіпэдыя:Будзьце рашучымі
မြန်မာဘာသာ: Wikipedia:သတ္တိရှိပါ
srpskohrvatski / српскохрватски: Wikipedia:Budite odvažni
Simple English: Wikipedia:Be bold
oʻzbekcha/ўзбекча: Vikipediya:Bemalol tahrirlang