Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria

A Wikipedia non é o lugar de publicación de investigacións ou traballos inéditos. Ao falarmos de "investigación inédita" na Wikipedia, referímonos ao material (feitos, afirmacións e ideas) para o que non existen fontes acreditadas e publicadas.[1] Isto inclúe a análise e síntese do material publicado que serve para presentar unha posición que non está descrita nas fontes. A finalidade desta enciclopedia non é defender unha posición ou visión sobre un determinado tema. Os artigos deben incluír referencias de fontes acreditadas e publicadas que estean relacionadas directamente co tema do artigo e que apoien directamente o material.

Esta imposibilidade de empregar a enciclopedia como plataforma para engadir conceptos, datos ou teorías que non foron anteriormente publicados significa que calquera contido debe ser atribuíble a unha fonte. A política de verificabilidade esixe dar citas en liña co texto para as citas textuais e para calquera material cuestionable ou suxeito a selo, pero tamén debe existir fonte algunha para o contido non cuestionable. Por exemplo, a afirmación "Santiago de Compostela é a capital de Galicia" non necesita fonte, porque ninguén vai poñer obxeccións a iso. Este dato é atribuíble, aínda que non se inclúa fonte ningunha no artigo.

Malia a necesidade de atribuír o contido a fontes acreditadas, cómpre evitar o plaxio e non violar os dereitos de autoría. Cadaquén debe escribir os artigos nas súas propias palabras, mantendo o significado da fonte.

A prohibición de publicar investigacións inéditas, xunto co punto de vista neutral e a verificabilidade, constitúen o núcleo das políticas de contidos da Wikipedia. As tres determinan o tipo e a calidade do material aceptado nos artigos e non deben considerarse de xeito illado, dado que se complementan. Os editores deberían, por tanto, familiarizarse con todas elas.

Usar fontes

A investigación como modo de recoller e organizar o material presente en fontes existentes seguindo as políticas de contidos é fundamental para escribir unha enciclopedia. A mellor práctica é atopar fontes acreditadas no tema e resumir o que contan, sen copiar. O resumo do material da fonte debe facerse con tino para non cambiar o significado ou a implicación. Non se pode ir máis aló do expresado nas fontes ou usalas de xeito inconsistente coa intención da fonte, como empregar material fóra de contexto. Isto é, cómpre cinguirse ás fontes.

Se non hai dispoñibles fontes de terceiros sobre un tema, entón a Wikipedia non ten cabida para un artigo sobre iso. A Wikipedia non é o lugar para expoñer ningún descubrimento novo.

Fontes acreditadas

Véxase tamén: Wikipedia:Verificabilidade.

Calquera material cuestionable ou suxeito a selo debe ter unha fonte na que apoiarse. Calquera material para o que non se poida atopar fonte acreditada considérase investigación inédita. A única maneira de mostrar que unha edición non contén material inédito é citar unha fonte publicada previamente que conteña o mesmo material. Mesmo se o material está ben referenciado, un uso fóra de contexto para beneficiar unha posición que non estea directa ou explicitamente apoiada pola fonte representa un caso de adición dunha investigación inédita.

Algúns exemplos de fontes fiables son as publicacións académicas e revisadas por expertos, libros de texto de nivel universitario, libros publicados por casas editoriais, revistas e xornais respectados. Por norma xeral, os materiais publicados por un mesmo no formato que sexa non se aceptan como fiables, agás algunha excepción.

Fontes primarias, secundarias e terciarias

Os artigos da Wikipedia deben basearse en fontes secundarias publicadas e acreditadas e, en menor proporción, en fontes terciarias. As fontes secundarias ou terciarias necesítanse para determinar a relevancia do tema e evitar interpretacións novidosas das fontes primarias, aínda que se permite o uso das fontes primarias con especial coidado. Con todo, debe evitarse o material puramente baseado en fontes primarias.

Incluír as fontes axeitadas pode ser unha tarefa complicada. Decidir se é apropiada unha fonte primaria, unha secundaria ou unha terciaria é cuestión dun bo xuízo editorial e do sentido común. En caso de dúbida, a páxina de conversa está dispoñible para expoñer o problema. A continuación están detalladas as definicións de fontes primarias, secundarias e terciarias:[2]

  • As fontes primarias son aquelas que presentan información ou datos nun período de tempo moi próximo ao acontecemento. A miúdo, están escritas por persoas directamente involucradas. Achegan unha visión interna dun acontecemento, un período histórico, unha obra de arte ou unha decisión política. O parte dun accidente de tráfico escrito por unha testemuña é unha fonte primaria de información sobre o accidente; de xeito similar, un informe científico documentando un novo experimento é tamén unha fonte primaria dos resultados dese experimento. Os documentos históricos, como os diarios, son fontes primarias.[3]
Política: A menos que estea así restrinxido por outra política, as fontes primarias que foron publicadas poden empregarse na Wikipedia; porén, cómpre ter tino con elas, porque é fácil utilizalas indebidamente. Calquera interpretación dunha fonte primaria necesita unha fonte secundaria acreditada para esa interpretación. Unha fonte primaria unicamente se pode empregar na Wikipedia para realizar declaracións simples e descritivas de feitos que calquera persoa con acceso á fonte poida verificar, malia non ter os coñecementos específicos. Por exemplo, un artigo sobre unha novela pode citar pasaxes para describir o argumento, pero calquera interpretación necesita unha fonte secundaria. Os editores non teñen permitido analizar, sintetizar, interpretar ou avaliar o material que se encontra nunha fonte primaria. Do mesmo xeito, non poden basear ao completo un artigo en fontes primarias. Cómpre ter especial coidado ao manexar fontes primarias en artigos sobre persoas vivas.
  • As fontes secundarias son aquelas elaboradas por segundas persoas e que se atopan afastadas no tempo dun acontecemento. Baséanse en fontes primarias para o seu material e presentan análises ou avaliacións sobre estas. Por exemplo, un artigo de revisión que analiza os traballos de investigación no campo é unha fonte secundaria para a investigación. O contexto pode decidir se unha fonte é primaria ou secundaria. Un libro escrito por un historiador militar sobre a Segunda Guerra Mundial pode ser unha fonte secundaria sobre a guerra, pero se inclúe detalles sobre as experiencias propias do autor, sería unha fonte primaria desas experiencias.
Política: Os artigos da Wikipedia adoitan basearse en materiais procedentes de fontes secundarias acreditadas. Os artigos poden facer unha análise ou avaliación unicamente se iso foi publicado por unha fonte secundaria acreditada.
  • As fontes terciarias son publicacións, como as enciclopedias e outros compendios, que resumen as fontes primarias e secundarias. A Wikipedia é unha fonte terciaria. Moitos libros de texto de nivel inferior ao universitario forman parte das fontes terciarias, porque resumen múltiples fontes secundarias.
Política: As fontes terciarias publicadas poden ser útiles para proporcionar amplos resumos de temas que involucran moitas fontes primarias e secundarias, especialmente cando esas fontes contradín ás outras. Algunhas fontes terciarias son máis fiables ca outras e, dentro delas, algúns apartados tamén poden ser máis fiables ca outros. Os artigos da Wikipedia non se poden empregar como fontes terciarias doutros artigos da Wikipedia, pero ás veces se utilizan como fontes primarias en artigos sobre a propia Wikipedia.
Other Languages
Bahasa Indonesia: Wikipedia:Bukan riset asli
Baso Minangkabau: Wikipedia:Bukan riset asli
srpskohrvatski / српскохрватски: Wikipedia:Bez originalnog istraživanja