Wikipedia:Fontes fiables

Os artigos da Wikipedia deben basearse en fontes acreditadas e fiables, asegurándose que tódolos puntos de vista maioritarios e minoritarios que fan aparición nesas fontes se tratan no artigo (vexa Wikipedia:Punto de vista neutral). Se non se poden atopar fontes fiables dun tema concreto, a Wikipedia non debería ter un artigo sobre ese tema.

Esta guía trata sobre a fiabilidade de varios tipos de fontes. A política sobre as fontes é Wikipedia:Verificabilidade, que require citar as fontes para a información incluída nos artigos, en particular a susceptible de ser cuestionada, e para tódalas citas atribuídas. A política debe aplicarse da forma máis estrita posible en todo o material dos artigos, listas e seccións dos artigos, sen excepcións, e en particular nas biografías de persoas vivas, que indica o seguinte:

Todo o material incluído debe estar apoiado en referencias fiables, pero se se inclúe contido que poida ser conflitivo ou disputado este ten que incluír referencias fiables ou debe ser borrado inmediatamente e sen discusión previa.

No caso de contradición entre esta guía e as políticas relacionadas, estas últimas teñen prioridade e os editores deben valerse delas para resolver discrepancias. Outras políticas relevantes ás fontes de información son Wikipedia:A Wikipedia non é unha fonte primaria e Wikipedia:Biografías de persoas vivas.

Visión xeral

Os artigos deben basearse en fontes fiables, independentes, publicadas e reputadas por facer comprobación de feitos e ser veraces. Isto significa que a Wikipedia debe valerse só de opinións de autores fiables, e non da opinión de wikipedistas que interpreten unha fonte primaria. Os seguintes exemplos indican só algúns dos posibles tipos de fontes fiables e problemas de fiabilidade das fontes, e non son exhaustivos. A inclusión de fontes fiables sempre depende do contexto, e o sentido común e o bo xuízo dos editores son parte indispensable do proceso.

Definición de fonte

O termo "fonte" cando se emprega no contexto de citar as fontes na Wikipedia ten tres significados relacionados:

Calquera destes tres significados poden afectar á fiabilidade. As fontes fiables poden ser materiais publicados baixo un proceso de publicación fiable, autores considerados coma autoridades no tema en cuestión, ou ámbalas dúas cousas. Estas cualificacións deben ser demostrables a terceiros.

Definición de publicado/a

O termo "publicado/a" asóciase xeralmente con materiais de texto, tanto en formato tradicional impreso coma en liña. Porén, os formatos de son, vídeo e multimedia gravados e emitidos, distribuídos ou arquivados por institucións reputadas tamén poden cumprir os criterios necesarios para seren considerados fontes fiables. Ó igual que as fontes textuais, as fontes multimedia deben ser producidas por unha institución fiable e deben citarse propiamente. Adicionalmente, debe existir unha copia arquivada da obra referenciada. É preferible, mais non necesario, que dita copia arquivada sexa accesible por medio da Internet.

A importancia do contexto

A fiabilidade dunha fonte depende do contexto. Cada fonte debe medirse con tino para xulgar se é fiable en relación coa afirmación feita no artigo da Wikipedia á que acompaña, e para xulgar se é unha fonte apropiada para ese contido. En xeral, canta máis xente se involucre na revisión de feitos, análise de problemas legais e escrutinio da escrita, máis fiable será a publicación. As fontes deben apoiar directamente a información tal e como se presente no artigo da Wikipedia.

Other Languages
беларуская (тарашкевіца)‎: Вікіпэдыя:Крыніцы, вартыя даверу
Bahasa Indonesia: Wikipedia:Sumber tepercaya
srpskohrvatski / српскохрватски: Wikipedia:Pouzdani izvori
oʻzbekcha/ўзбекча: Vikipediya:Nufuzli manbalar