Wikipedia:Consenso

O consenso fai referencia á principal forma de toma de decisións da Wikipedia, e está aceptado como o mellor método para conseguir os obxectivos da Wikipedia marcados polos cinco piares. O consenso na Wikipedia non significa sempre unanimidade necesariamente, nin é o resultado dunha votación. A toma de decisións involucra un esforzo para incorporar as preocupacións lexítimas de tódolos editores, ó mesmo tempo que se respectan as políticas e normas da Wikipedia.

Esta política describe como se entende o consenso na Wikipedia, como determinar cando se acada un consenso e como proceder en caso contrario. Tamén se inclúen varias excepcións ó principio de que tódalas decisións se toman por consenso.

Acadar un consenso

Os editores adoitan chegar a un consenso seguindo un proceso natural. Despois de que un editor realice un cambio nunha páxina, outros editores que a lean poden escoller se editar ou non a maiores. Cando os editores non chegan a un acordo por medio da edición, a discusión na páxina de conversa asociada continúa o proceso para conseguir o consenso.

Unha decisión de consenso ten en conta tódalas preocupacións indicadas ó respecto. De forma ideal acádase o consenso sen ningunha obxección, pero a miúdo os editores se deben conformar co acordo máis amplo que sexa posible conseguir. Cando non existe un amplo acordo, a construción do consenso involucra a adaptación da proposta para incluír a aqueles que se opoñen orixinalmente sen excluír a aqueles que concordan co proposto orixinalmente.

Por medio da edición

O consenso é un proceso normal e habitualmente implícito e invisible da Wikipedia. A presunción é que calquera edición non disputada ou revertida por outro editor está feita baixo consenso. Esa edición pode ser revisada posteriormente por outro editor sen mediar disputa, asumindo entón que se acada un novo consenso. Desta forma a enciclopedia medra e mellora de forma gradual co tempo.

Tódalas edicións deben ir acompañadas dunha explicación (agás que o motivo da edición sexa obvio). Isto faise ó indicar un resumo de edición claro no que se explica o motivo do cambio, ou por medio dunha mensaxe na páxina de conversa do artigo. Os resumos de edición son de especial importancia á hora de reverter as edicións de boa fe doutros editores. As reversións repetidas e guerras de edicións son contraproducentes para a Wikipedia. A excepción a isto son as reversións de vandalismos e o cumprimento de políticas como a de biografías sobre persoas vivas.

Agás naqueles casos nos que aplique algunha das políticas da Wikipedia, a maioría de disputas sobre o contido poden resolverse por medio de cambios menores no lugar de tomar unha posición de todo ou nada. Normalmente un cambio na redacción será suficiente para satisfacer a maioría das preocupacións dos editores. Tanto se os cambios proceden do proceso de edición ou do de conversa, a mellor forma de mellorar a Wikipedia é a través da colaboración e o consenso, e non por medio da disputa e da capitulación.

Por medio da conversa

Cando non é posible chegar a un acordo unicamente por medio das edicións, o proceso para acadar un consenso tórnase máis explícito. Os editores comezan unha nova sección na páxina de conversa correspondente e tratan de solucionar a disputa a través da conversa. Neste proceso os editores tratan de persuadir ó resto, empregando o seu razoamento baseado nas políticas, fontes e sentido común. Poden tamén suxerir solucións alternativas ou compromisos que satisfagan tódalas preocupacións indicadas polos editores involucrados. O resultado pode ser un acordo que non satisfaga a tódalas partes ó completo, pero que todas recoñezan como unha solución razoable. O consenso é un proceso continuo na Wikipedia; normalmente resulta mellor aceptar un compromiso non perfecto, entendendo que a páxina está a mellorar de forma gradual, que tentar pelexar por deixar feita a versión preferida de forma inmediata. A calidade dos artigos con editores "combativos" é por norma menor que a calidade dos artigos nos que os editores procuran centrarse no longo prazo.

Cando os editores teñen dificultades para acadar un consenso, poden botar man de varios procesos adicionais dispoñibles, como pedir unha terceira opinión ou a participación doutros editores non involucrados, e nos casos máis extremos a petición de accións administrativas ou a realización dunha votación formal. No caso dos administradores, estes céntranse principalmente na aplicación das políticas e normas e no comportamento dos editores, polo que non decidirán sobre o contido de forma autoritaria. Poden bloquear editores por comportamentos que interfiran co proceso de acadar un consenso, como as guerras de edicións, o abuso de múltiples contas de usuario ou a falta de civismo, e tomar decisións firmes sobre unha edición conforme a súa validez segundo unha política ou norma concreta, pero polo xeral non irán máis aló deste tipo de accións.

Other Languages
azərbaycanca: Vikipediya:Konsensus
interlingua: Wikipedia:Consenso
Bahasa Indonesia: Wikipedia:Konsensus
srpskohrvatski / српскохрватски: Wikipedia:Konsenzus
Simple English: Wikipedia:Consensus
slovenščina: Wikipedija:Soglasje
татарча/tatarça: Википедия:Консенсус
oʻzbekcha/ўзбекча: Vikipediya:Konsensus