Virus de ARN

Un virus de ARN (ou virus ARN) é un virus que ten como material xenético o ácido ribonucleico (ARN).[1] Este ácido nucleico é xeralmente monocatenario (ssRNA), pero pode ser tamén bicatenario (dsRNA).[2] Os virus de ARN transmiten doenzas humanas importantes, como o SARS, gripe, hepatite C, febre do Nilo Occidental, polio e sarampelo.

O Comité Internacional de Taxonomía de Virus (ICTV) clasifica como virus de ARN os que pertencen aos seguintes grupos do sistema de clasificación de Baltimore: Grupo III, Grupo IV e Grupo V, e non considera como pertencentes ao grupo dos virus de ARN a aqueles que teñen intermediatos de ADN no seu ciclo de vida.[3] Os virus que teñen ARN como material xenético pero con intermediatos de ADN no seu ciclo de vida denomínanse retrovirus, e son clasificados no Grupo VI da clasificación de Baltimore. Entre os retrovirus están o VIH-1 e o VIH-2, causantes da SIDA.

Outro termo utilizado para os virus de ARN que explicitamente exclúe aos retrovirus é ribovirus.[4]

Características

Virus de ARN monocatenario e sentido do ARN

Os virus de ARN poden clasificarse de acordo co sentido ou polaridade do seu ARN en tres grupos: virus con ARN con sentido negativo (ou "antisentido"), virus con ARN de sentido positivo (ou "sentido"), ou virus con ARN ambisentido. O ARN viral de sentido positivo é similar ao ARNm e pode ser traducido inmediatamente polos ribosomas da célula hóspede. O ARN viral de sentido negativo é complementario ao ARNm que tería que ser traducido, polo que debe ser convertido primeiro nun ARN complementario de sentido positivo por unha ARN polimerase antes de que se poida realizar a tradución. Por tanto, un ARN purificado dun virus de sentido positivo pode causar directamente unha infección aínda que pode ser menos infeccioso ca a partícula completa do virus. O ARN purificado dun virus de sentido negativo non é infeccioso por si mesmo, xa que precisa ser transcrito a un ARN de sentido positivo; cada virión pode ser transcrito a varios ARNs de sentido positivo. Os virus con ARN ambisentido parécense aos de sentido negativo, excepto que tamén traducen xenes da cadea positiva.[5]

Virus de ARN bicatenario (dsRNA)

Os virus de ARN bicatenario son un grupo moi diverso de virus que varían amplamente no seu rango de hóspedes aos que infectan (humanos, outros animais, plantas, fungos, e bacterias), número de segmentos xenómicos que posúen (de un a doce), e organización do virión (número T ou de triangulación, capas da cápsida, ou torretas). Membros deste grupo son os rotavirus, que producen en todo o mundo gastroenterite en nenos pequenos, os picobirnavirus, que son os virus que se atopan con máis frecuencia en mostras fecais humanas e doutros animais con ou sen signos de diarrea. Os picobirnavirus foron atopados recentemente tamén en mostras do tracto respiratorio de porcos. O virus da lingua azul,[6][7] é un patóxeno economicamente importante do gando vacún e ovino. Nos últimos anos fíxose un importante progreso na determinación, a nivel atómico e subatómico, das estruturas dun número chave de de proteínas virais e das cápsides dos virións de varios virus de ARN de dobre cadea, o que salientou os significativos paralelismos en estrutura e procesos replicativos de moitos destes virus.[2]

Taxas de mutación

Os virus de ARN teñen xeralmente unha taxas de mutación moi altas comparadas coas dos virus de ADN, porque as ARN polimerases virais carecen da capacidade de corrección de erros que teñen as ADN polimerases.[8] Esta é unha das razóns polas que é máis difícil producir vacinas efectivas para previr as enfermidades causadas polos virus de ARN.[9] Os retrovirus teñen tamén altas taxas de mutación malia utilizaren un intermediato de ADN que se integra no xenoma do hóspede (e que está sometido á corrección de erros unha vez integrado), porque os erros producidos durante a reversotranscrición están presentes en ambas as cadeas do ADN antes da integración.[10] Algúns xenes de virus de ARN son importantes para os ciclos de replicación viral e neles non son toleradas as mutacións. Por exemplo, a rexión do xenoma do virus da hepatite C que codifica as proteínas core ten unha secuencia moi conservada,[11] porque contén a estrutura do ARN implicada na formación dun sitio interno de entrada ao ribosoma ou IRES (que permite o inicio da tradución en medio do ARNm).[12]

Other Languages
Afrikaans: RNS-virus
български: РНК вирус
català: Virus d'ARN
čeština: RNA viry
Deutsch: RNA-Virus
English: RNA virus
español: Virus ARN
euskara: RNA birus
français: Virus à ARN
magyar: RNS-vírus
italiano: Virus a RNA
日本語: RNAウイルス
한국어: RNA 바이러스
Nederlands: RNA-virus
norsk nynorsk: RNA-virus
polski: Wirusy RNA
português: Vírus ARN
română: Ribovirus
Simple English: RNA virus
slovenščina: Virus RNK
српски / srpski: RNK virus
svenska: RNA-virus
Türkçe: RNA virüsleri