Vincent van Gogh

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Vincent Willem van Gogh
Autorretrato, primavera de 1887.
Óleo sobre papel, 42 × 33.7 cm. Art Institute of Chicago (F 345)
Nome Vincent Willem van Gogh
Nacemento 30 de marzo de 1853
Lugar Zundert, Países Baixos Países Baixos
Falecemento 29 de xullo de 1890 (37 anos)
Lugar Auvers-sur-Oise, Flag of France.svg Francia
Nacionalidade neerlandés
Eido Pintura
Adestramento Anton Mauve (1881/82) [1]
Movemento Posimpresionismo
Simbolismo
Traballos Os comedores de patacas
Os xirasoles
A noite estrelada
Iris
Retrato de Dr. Gachet
O café de noite
Influenciado por Anton Mauve,
Frans Hals
Jean-François Millet,
Adolphe Joseph Thomas Monticelli, [2]
Impresionismo,
Ukiyo-e
Rembrandt
Influenciado Expresionismo
Vincent van Gogh signature.png

Vincent Willem van Gogh (en neerlandés Nl-Vincent_van_Gogh.ogg Vincent van Gogh [ˈvɪnsɛnt fɑn'xɔx]), nado en Zundert o 30 de marzo de 1853 e finado en Auvers-sur-Oise o 29 de xullo de 1890, foi un pintor neerlandés e figura destacada do posimpresionismo. [3] Pintou uns 900 cadros (deles 27 autorretratos e 148 acuarelas) e 1.600 debuxos. A figura central na súa vida foi o seu irmán menor Theo, quen lle prestou apoio financeiro continua e desinteresadamente. A grande amizade entre eles está documentada nas numerosas cartas que intercambiaron desde agosto de 1872; das 800 cartas conservadas do pintor, unhas 650 están dirixidas a Theo e as outras a amigos e familiares. [4]

Xa desde moi novo tivo inclinación cara ao debuxo e o seu primeiro traballo foi nunha empresa de marchantes de arte, viaxando entre A Haia, Londres e París. Despois ensinou durante un tempo en Inglaterra, en Isleworth e Ramsgate. Máis tarde converteuse en pastor protestante e en 1879, á idade de 26 anos, marchou como misioneiro a unha rexión mineira de Bélxica, onde comezou a debuxar á xente da comunidade local. En 1885 pintou a súa primeira grande obra Os comedores de patacas; nese momento a súa paleta compoñíase de tons sombríos de terra. A luz de cores vivas pola que é coñecido xurdiu en obras posteriores, cando se trasladou ao sur de Francia conseguindo a plenitude durante a súa estadía en Arlés en 1888. Malia a calidade da súa obra, esta só foi recoñecida logo da súa morte e hoxe é considerado un dos grandes mestres da pintura. Tivo unha grande influencia na arte do século XX, especialmente entre os fauvistas e os expresionistas alemáns. [5] A súa arte foi seguida por Derain, Vlaminck e Van Dongen. [6]

Sufriu frecuentes brotes dunha enfermidade mental ao longo da súa vida, o que o levou a se producir unha ferida de bala que acabou coa súa vida á idade de 37 anos. Malia que existe unha tendencia xeral a especular que a enfermidade mental influíse na súa pintura, o crítico de arte Robert Hughes cre que as obras do artista están executadas cun completo control. [7]

Traxectoria

Familia e primeiros anos (1853-1869)

A familia de Vincent van Gogh:
Arriba: seus pais Theodorus e Anna Cornelia.
Abaixo, de esquerda a dereita: Vincent Willem, Anna Cornelia, Theo, Elisabetha Huberta, Wilhelmina Jacoba e Cornelius Vincent.

Vincent van Gogh naceu na localidade de Zundert, preto de Breda, na provincia do Brabante Setentrional, nos Países Baixos. Fillo dun austero e humilde pastor protestante neerlandés chamado Theodorus van Gogh e da súa muller Anna Cornelia, Vincent recibiu o mesmo nome que lle puxeran a un irmán que nacera morto exactamente un ano antes. O 1 de maio de 1857 naceu o seu irmán Theo e amais tiveron outros catro irmáns: Cornelius Vincent, Elisabetha Huberta, Anna Cornelia e Wilhelmina Jacoba.

Durante a infancia acudiu á escola de xeito descontinuo e irregular, pois os seus pais enviárono a diferentes internados. O primeiro foi en Zevenbergen en 1864, onde estudou francés e alemán. [8] Dous anos despois matriculouse no Instituto Hannik ( Tilburg) onde permaneceu ata deixar os estudos de xeito definitivo aos 15 anos. [9] Alí xurdiu a súa afección pola pintura, aínda que durante o resto da súa vida presumiría de ser autodidacta.

Sobre a súa infancia, Vincent van Gogh comentou: «A miña mocidade foi triste, fría e estéril.» [10]

Primeiros traballos

Marchante de arte

Vincent van Gogh en 1866.
Quenlla (1872-73, A Haia), debuxo xuvenil de Van Gogh.

Desde moi novo mostrou un carácter difícil e un temperamento forte. Tras abandonar os estudos e logo dun ano en Zundert, van Gogh empezou a traballar en 1869, á idade de 16 anos, como aprendiz en Goupil & Co. (máis tarde Boussod & Valadon), unha importante compañía internacional de comercio de arte da Haia da que o seu tío Vincent foi socio. [11] Adaptouse bastante ben a esta nova vida, chegando a escribir:

É un negocio marabilloso. Canto máis tempo se traballa nel máis ambicioso se volve un.

Catro anos despois foi trasladado a Londres para fornecer obras de arte os comercios da cidade. Na capital británica namorou de Eugénie, a filla de Ursula Loyer, a patroa da pensión onde se hospedaba, pero a moza estaba comprometida e rexeitouno. [12] En 1874, un ano despois da súa estadía en Londres, pasou as vacacións en familia en Helvoirt e confesou o seu malestar por mor de Eugénie. Viviu illado, lendo libros relixiosos e perdendo o interese polo traballo. [8]

En maio de 1875 foi destinado a París, onde creceu o seu amor pola arte. Nunha exposición de debuxos de Jean-François Millet comentou:

Cando entrei na sala do hotel Drouot, onde estaban expostos, sentín algunha cousa como: descálzate porque o chan que pisas é sagrado. [13]

O 10 de xaneiro de 1878, nunha carta dirixida ao seu irmán Theo, comunicou que fora despedido da galería de arte e que se tería que ir o 1 de abril. [14] O despedimento foi debido a que antepuña os seus gustos persoais sobre as vendas que debía facer. En Boussod Valadon quedou, aínda así, o seu irmán, catro anos menor ca el, que traballaría alí desde 1873 ata a súa morte e sen cuxa abnegación nunca seria posible a curta e intensa carreira artística do seu irmán maior. A súa familia propúxolle que abrise el mesmo unha galería, onde podería ofrecer a clase de pintura que el escollese. Rexeitou a idea e máis tarde insistiu ao seu irmán, tamén marchante de arte, para que deixase o seu traballo xa que «o comercio de arte era unha farsa». [15]

Relixión

O seu amigo o escritor Albert Djemal tratou de axudalo. A finais de marzo de 1876 regresou a Inglaterra, onde permaneceu dous anos. Por aquel tempo Van Gogh aumentou o seu fanatismo relixioso. Entusiasmáballe a lectura da Biblia, e De imitatione Christi (A imitación de Cristo (en galego)) de Tomás de Kempis. Logo de estar un tempo como mestre auxiliar en Ramsgate, empezou a traballar en Isleworth como axudante do predicador metodista Jones, onde chegou a subir ao púlpito da igrexa e ler un sermón que preparara escrupulosamente. Sobre este primeiro sermón existe unha copia que enviou ao seu irmán Theo con frases como:

Cando me atopaba no púlpito, sentíame como quen desde unha escura cova subterránea volve saír á plena luz, e é marabilloso pensar que, desde agora, predicarei o Evanxeo por todo o mundo.

Pasou uns seis meses en Dordrecht como empregado dunha librería, e en maio de 1877 trasladouse a Ámsterdan onde se quixo facer teólogo. Tivo que desistir e tamén abandonar os seus desexos de entrar nunha escola metodista. Foi rexeitado por non saber nin latín nin grego e a súa dificultade para falar en público, aínda que realmente o motivo era a súa falta de subordinación. Cada vez éralle máis difícil adaptarse a unha certa orde e someterse a alguén que o dirixira. [16]

En 1878, compadecidos polo seu profundo fervor, os seus superiores enviárono como misioneiro ás minas de carbón de Borinage, na rexión de Mons en Bélxica, onde en condicións extremadamente duras realizou durante 22 meses un traballo evanxelizador entre os mineiros da zona. Pero co seu fanatismo o que conseguía era que lle chegasen a temer. Durmía nunha pequena barraca e o seu estado degradábase máis cada día. Ademais repartía entre os pobres o pouco que tiña. Dicía que estaba obrigado a crer en Deus para poder soportar tantas desgrazas. Os superiores decidiron entón envialo a Cuesmes, na provincia de Hainaut, onde permaneceu un ano completo nunha absoluta pobreza e en contacto cos mineiros, polos que sentía unha gran simpatía: [17]«Os carboeiros e os tecedores seguen constituíndo unha raza separadamente dos demais traballadores e artesáns e sento por eles unha gran simpatía e sentiríame feliz se un día puidese debuxalos, de modo que estes tipos aínda inéditos ou case inéditos fosen sacados a luz.(...)». Despois suprimíronlle o pequeno soldo que recibía. Ante todo isto, seguiu os consellos de Theo, do que xa estaba recibindo axuda económica, e decidiu dar un cambio á súa vida e dedicarse á pintura. [18]

Pintura e aprendizaxe

O sementador (1881, debuxo a pluma) Museo Van Gogh.

Establecido en 1880 en Bruxelas fixo amizade co pintor neerlandés Anthon van Rappard. Inscribiuse na Academia de Belas Artes onde estudou debuxo e perspectiva. Nesta época realizou esbozos e debuxos baseados nas pinturas de Jean-François Millet, representando personaxes de campesiños e mineiros, modelos da vida cotiá, e pintándoos moi realistas e con tonalidades escuras. [19]

Etten

O 12 de abril de 1881 Vincent chegou a Etten a visitar ao seu irmán. Durante este período foi á casa do seu primo, o destacado pintor realista Anton Mauve, [1] e volveu namorar, esta vez dunha das súas curmás, Cornelia Adriana Vos-Stricker, alcumada Kee, que viña de enviuvar, e á que propuxo rapidamente matrimonio; a resposta de Kee foi: «Xamais, non, nunca» ("Nooit, neen, nimmer"). [20] Malia esta negativa, insistiu mediante cartas que a viúva non contestaba, ademais de negarse a velo. Vincent insistiu cos pais dela, foi á súa casa a intentar mirala de novo, e os familiares chegáronlle a dicir que a súa insistencia era «noxenta». En decembro de 1881, escribiu ao seu irmán contándolle a historia e as disputas co seu pai: «Pero como podes ver, estou novamente na Haia; por Nadal tiven unha disputa bastante grave co noso pai, que chegou ao extremo de dicirme que sería mellor que abandonase a casa. Díxoo tan enérxico que me fun aquel mesmo día». [21]

A Haia

Debuxos da súa época na Haia
Vincent van Gogh - Sorrow.jpg Van Gogh 1883-03, The Hague - Girl Kneeling by a Cradle F 1024 JH 336.jpg
Dor (1882) Posiblemente a modelo foi Sien Hoornik. Nena de xeonllos diante dun berce (1883)

Na Haia, o seu primo Antón Mauve aconselloulle e insistiu na importancia de que aprendese perspectiva e debuxo. Vincent fixo entón as súas primeiras acuarelas e naturezas mortas, utilizando tons apagados, como se ve en Os pobres e o diñeiro (1882) e Natureza morta con col e zocos (1881).

Mentres, a súa vida amorosa tomou un novo rumbo. Desesperado tralo rexeitamento da súa curmá Kee, ou quizais por compaixón, Vincent recolleu da rúa a Clasina María Hoornik, alcumada "Sien", unha prostituta alcohólica, embarazada e cunha filla, coa que viviu durante un ano; tanto a nai coma a filla servíronlle de modelos. [22] No debuxo Dor, na marxe inferior, citou as palabras de Jules Michelet do tratado La Femme (1860): «Como é que hai na terra unha soa muller?» Sien, pola falta de recursos económicos, volvera a exercer a prostitución e isto, unido á gran presión que padecía Van Gogh por parte do seu pai, do seu irmán Theo e o seu primo Mauve (con quen chegaría a discutir e romper a súa amizade), fixo que este intento de vida familiar tamén fracasase. [23]

Concluída esta relación, trasladouse a Drenthe, no norte dos Países Baixos, onde permaneceu durante tres meses e pintou paisaxes ao óleo nos que se pode apreciar a diferenza cos debuxos realizados anteriormente. Como quería plasmar todos os detalles, realizou os óleos con trazos grosos e pinceladas espesas. Esta tempada sentiu máis que nunca a soidade; nas cartas dirixidas ao seu irmán, insistíalle en que abandonase o seu traballo de marchante e seguise o camiño da pintura. En decembro de 1883 regresou novamente á casa paterna, esta vez en Nuenen, onde o seu pai fora trasladado. [24]

Nuenen

O tecelán no tear (1884, 70×85 cm)

En Nuenen, foi ben recibido pola súa familia, que lle acondicionou unha habitación como taller. Neste período dedicouse a debuxar e pintar o traballo nos teares. Coincidiu cun amigo seu, Anthon van Rappard, ao que coñecera en Bruxelas e que fora pasar uns días en Nuenen, e os dous xuntos estudaron e pintaron os teceláns rurais. Nestas obras Van Gogh non conseguiu a mesma técnica que o seu amigo, pero este serviulle de exemplo. [25]

A pintura O tecelán no tear, de maio de 1884, expresa a dureza e o esforzo deste oficio, pero tamén a dignidade do personaxe; aquí Van Gogh amosa a súa solidariedade e identificación co protagonista, intentando representar o ideal dunha sociedade libre da industrialización e fai unha gabanza do traballo artesanal. A composición consegue o efecto de enmarcar o tecelán no mecanismo do tear, dentro dun enreixado horizontal e vertical que parece integrar o personaxe ata conseguir que chegue a formar parte da máquina. A claridade do fondo fai resaltar todo o debuxo. [26]

No outono de 1884, namorou de novo, agora da filla dun veciño, Margot Begemann, dez anos maior ca el, que o acompañaba nas súas saídas pictóricas polo campo. Pensaron en contraer matrimonio, pero atopáronse coa firme oposición da familia de Margot, quen chegou a intentar suicidarse. Pouco despois o 26 de marzo de 1885, morreu repentinamente o pai de Vincent. As disputas pola herdanza entre a súa nai e as súas irmás, fixeron que marchase da casa para ir vivir a un lugar máis amplo que lle ofrecera o sacristán da Igrexa Católica; na súa familia, que era protestante, este feito foi considerado como unha ofensa. [27]

Os comedores de patacas ( 1885, pintura ó óleo, 82×114 cm) Museo van Gogh, Ámsterdam.

Durante a primavera de 1885 pintou a que se considera unha das súas grandes obras primeiras, Os comedores de patacas. Ata entón os seus esforzos centráranse sempre na representación dunha figura; nesta obra atopouse coa dificultade de ter que coordinar cinco personaxes e conseguir relacionalos. Para realizala contratou modelos e realizou diversos esbozos de debuxos das figuras e estudos sobre detalles, coas mans suxeitando o garfo, a cunca ou a teteira. As cores empregadas, de tons terrosos, non contribuíron a unha fusión harmoniosa co fondo. [28]

Vincent, por carta, explicoulle ao seu irmán: [29]

(...) quixen dedicarme conscientemente a expresar a idea de que esa xente que, baixo a lámpada, come as súas patacas coas mans que meten no prato, traballou tamén a terra, e que o meu cadro exalta, pois, o traballo manual e o alimento que eles mesmos gañaron tan honestamente(...)

Coa axuda de Theo imprimíronse vinte litografías de Os comedores de patacas que a xente dos arredores puido comprar a prezos accesibles. [30] Nun só día trasladou directamente á pedra, de memoria e sen debuxos previos, a imaxe de Os campesiños comendo patacas (obviamente, na impresión en papel as figuras están invertidas). Das vinte litografías, Juliana Montford logrou localizar oito, entre as que se atopa a do Museo Thyssen-Bornemisza:

Campesiños comendo patacas (1885, litografía sobre papel xapón). Museo Thyssen-Bornemisza.

Esta pintura provocou a ruptura co seu amigo Rappard, xa que o hipersensible e vulnerable Van Gogh non aceptou os seus comentarios. Rappard fíxolle esta crítica baseada nunha das 20 litografías:

Estarás de acordo comigo en que este traballo non se pode tomar seriamente. Por fortuna es capaz de moito máis. Pero, por que todo o observas e o tratas superficialmente, do mesmo xeito? Por que non estudas minuciosamente os movementos? Neste cadro os personaxes posan. A man da muller do fondo... que pouco real! E que relación hai entre a cafeteira, a mesa e a man que toca a asa? Que función fai esta cafeteira? Non se mantén, tampouco a suxeitan, entón, que? E por que o home da dereita non ten xeonllos, nin ventre, nin pulmóns? Ou quizais os ten nas costas? Por que ao seu brazo lle falta un metro de longo, por que lle falta a metade do nariz? Por que a muller da esquerda ten por nariz un mango de pipa acabada nun dado? E atréveste aínda, con esta forma de traballar, a citar a Millet e a Breton? A arte é demasiado elevada para podela tratar con tanta neglixencia. [31]

Hai que aclarar que a dureza da crítica por parte de van Rappard, debíase tamén ao propio enfado que este tiña con Van Gogh, polo feito de non ter noticia directa da morte repentina do pai de Vincent. Ao principio desta mesma carta queixábase Rappard, ofendido de recibir unha simple nota malia a súa amizade: «Pensaches que tiña tan pouco interese no teu pai e a túa familia?» [32]

Á vista desta pintura en París, Camille Pissarro quedou profundamente impresionado pola forza expresiva do cadro. Tamén Émile Bernard escribiu nun artigo:

Quedei desconcertado, nesta confusión, pola comida dos pobres nunha barraca inquietante baixo unha mísera luz. Era grandioso na súa fealdade e estaba cheo dunha vida inquietante.
Natureza morta con Biblia (1885, 65×78 cm)

Seguramente cando Bernard falaba da grandiosa fealdade, referíase ás cores xa que el tiña un sentido da cor moito máis luminosa. [33]

Durante estes dous anos en Nuenen completou numerosos debuxos e acuarelas, e preto de duascentas pinturas ao óleo. As cores usadas continuaban sendo escuras. Cando se queixou de que Theo non estaba a facer suficiente esforzo para vender as súas pinturas en París, o seu irmán contestoulle que eran demasiado apagadas e non estaban na liña do estilo do momento, onde destacaban as pinturas brillantes dos impresionistas. [34] Vincent escribiu respecto diso:

Lin con moitísimo pracer Os mestres de outrora, de Fomentin. Atopei "tratadas" neste libro, en diversos sitios, as mesmas cuestións que me preocupaban moito nestes últimos tempos (...) tratar de dar un valor claro por medio de tons relativamente escuros. Nunha palabra, expresar a luz por oposición á escuridade. Xa sei todo o que pensas do "demasiado negro", pero, con todo, non estou aínda absolutamente convencido (...). [35]

O cadro Natureza morta con Biblia, foi pintado en outubro de 1885 antes da súa partida cara a Antuerpen. Apréciase a Biblia como símbolo da casa paterna e de toda unha educación relixiosa, e como contraste aparece A joie de vivre de Zola, o libro do naturalismo e, en opinión do seu pai, unha das obras máis nefastas. Na composición, Van Gogh coloca a candea, un símbolo relixioso, coa idea de situar ámbolos símbolos no mesmo nivel. [36]

Antuerpen e París

Cranio cun cigarro aceso (1885).
Á esquerda, gravado de Hiroshige representando A ponte Ohashi e Atake baixo unha choiva repentina; á dereita, copia de Van Gogh deste gravado xaponés: Japonaiserie: Ponte baixo a choiva, 1887, óleo sobre lenzo, 73×54 cm, Rijksmuseum, Fundación Van Gogh, Ámsterdan.

En novembro de 1885 chegou a Antuerpen, onde ocupou un pequeno taller encima dunha tenda de pinturas; o alugueiro pagábao o seu irmán. Comprou nuns anticuarios algunhas xilografías xaponesas, e dedicouse a copiar modelos de xeso de esculturas antigas, expostas na Real Academia, malia o seu desacordo co ensino académico. Descubriu as pinturas de Rubens, que co seu colorido e as súas formas femininas abríronlle a alternativa do uso de cores como o carmín e o verde esmeralda. Nesta época contraeu sífilis, que aínda que foi tratada medicamente, fíxolle perder case todos os dentes. En febreiro de 1886, comentou en cartas dirixidas a Theo que só se puido permitir seis ou sete comidas quentes desde o mes de maio anterior. [37]

O ano 1886 mudouse a París, a vivir xunto ao seu irmán, a quen avisou con esta simple nota: «Estarei no Louvre desde o mediodía, ou antes, se o desexas». Theo, que traballa en Boussod & Valadon, descubriulle a Vincent as obras do impresionismo, feito que produciu nel unha paleta máis "luminosa" e onde a cor xogaría un rol fundamental no resto da súa obra. Durante os dous anos seguintes, os irmáns tiveron múltiples friccións e sempre tivo que ser Theo o que cedese e perdoase.

Instaláronse en Montmartre e Vincent empezou a relacionarse cos artistas da época que alí se reunían. Coñeceu a Émile Bernard e a Henri de Toulouse-Lautrec, facéndose grande amigo deles, así como a Paul Gauguin, Georges Pierre Seurat, Paul Signac, Armand Guillaumin, Camille Pissarro, Paul Cézanne. Van Gogh, coma moitos pintores da época admiraba a arte xaponesa: Hokusai, Hiroshige, Utamaro; proba disto son as réplicas que realizou de gravados xaponeses e algunhas pinturas súas que reproducen o Xapón de maneira escenográfica. Ás reproducións procedentes do Xapón chamábanas "japonaiserie". Dúas destas obras realizadas por Van Gogh foron Ciroleira en flor e Ponte baixo a choiva, copias de obras de Hiroshige. [38] Delas, Van Gogh deixou escrito o seguinte comentario:

Envexo aos xaponeses pola incrible claridade da que están impregnados todos os seus traballos. Nunca resultan aburridos nin fan o efecto de seren realizados rápido... O seu estilo é tan sinxelo coma respirar. Son capaces de facer unha figura con só uns poucos trazos seguros, o que fai que pareza tan fácil coma abotoar o chaleco. [39]
Muller no Café de Tambourin (1887).

Utilizou as cores complementarias e todo isto fíxolle abrirse a unha expresión na súa arte que non sospeitara nos Países Baixos. Pissarro tamén lle explicou as novas teorías sobre a luz e o tratamento divisionista dos tons. O artista conseguiu ir engadindo cores máis ricas e luminosas a súa paleta, grazas a Signac, con quen traballou en 1887. Practicou pintando paisaxes urbanas do barrio de Montmartre e naturezas mortas xa con cores máis vivas; os vermellos, amarelos e azuis cos seus complementarios xa se poden apreciar case en todas as súas pinturas deste período. [40]

Exaltado pola intensidade do clima artístico de París, Van Gogh conseguiu, coa axuda de Toulouse-Lautrec, a renovación da súa pintura no que incumbe á investigación psicolóxica nos retratos. Puido apreciar as pinturas exóticas realizadas por Gauguin na Martinica. O retrato de Muller no Café de Tambourin é do mes de febreiro de 1887. Non representa unha bebedora nunha taberna calquera senón que é a imaxe concreta dunha antiga modelo dos pintores Degas e Corot, Agostina Segaroti, e que nese momento era a propietaria do bar. O cadro respira un certo atractivo exótico, desde o peiteado da muller pasando polo seu vestido ata o fondo da pintura onde na súa decoración obsérvanse láminas xaponesas. Unha das cousas máis importantes que aprendeu nesta época foi a aplicación do contraste complementario, o contrapoñer as tres cores básicas ( amarelo, vermello e azul) á mestura formada polos outros dous, como combinación vermello-verde, amarelo-violeta e azul-laranxa que reforzan o seu ton ou se neutralizan ao mesturarse nun gris deslucido. Así observase a aplicación desta técnica nos Catro xirasoles onde claramente existe o contraste complementario entre o amarelo e o azul vivo do fondo. [41]

Retrato de Père Tanguy (1887). Museo Rodin, París

Pouco antes de acabar a súa etapa parisiense Van Gogh realizou o Retrato de Père Tanguy, isto é, de Julien Tanguy chamado por todos os artistas "Père Tanguy" (Pai Tanguy), en cuxa trastenda do seu establecemento expuxeran as súas obras Van Gogh, Gauguin, Cézanne e Seurat. Este retrato considérase a obra representativa da súa etapa parisiense. Cunha visión frontal, é unha imaxe dunha estrutura simple, que contrasta co fondo decorado con estampas xaponesas.

O artista holandés estaba disposto a realizar o seu soño mediterráneo en busca da luz cegadora da Provenza, coa explosión da natureza e as cores puras, cores que estudara na súa colección de estampas xaponesas. Foi un período moi fértil no que a súa arte inclinouse cara ao impresionismo, pero doutra banda, o asente e a fatiga mental agravaron a súa condición física. [42]

Other Languages
Afrikaans: Vincent van Gogh
Alemannisch: Vincent van Gogh
aragonés: Vincent van Gogh
asturianu: Vincent van Gogh
Aymar aru: Vincent van Gogh
azərbaycanca: Vinsent van Qoq
башҡортса: Винсент Ван Гог
žemaitėška: Vincents van Gogs
Bikol Central: Vincent van Gogh
беларуская: Вінцэнт ван Гог
беларуская (тарашкевіца)‎: Вінцэнт ван Гог
български: Винсент ван Гог
বিষ্ণুপ্রিয়া মণিপুরী: ভিনসেন্ট ভ্যান গগ
brezhoneg: Vincent van Gogh
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Vincent van Gogh
čeština: Vincent van Gogh
emiliàn e rumagnòl: Vincent van Gogh
Esperanto: Vincent van Gogh
estremeñu: Vincent Van Gogh
føroyskt: Vincent van Gogh
français: Vincent van Gogh
贛語: 梵高
Gàidhlig: Vincent van Gogh
Avañe'ẽ: Vincent van Gogh
गोंयची कोंकणी / Gõychi Konknni: Vincent Van Gogh
Fiji Hindi: Vincent van Gogh
hornjoserbsce: Vincent van Gogh
Kreyòl ayisyen: Vincent Van Gogh
interlingua: Vincent van Gogh
Bahasa Indonesia: Vincent van Gogh
íslenska: Vincent van Gogh
Basa Jawa: Vincent van Gogh
Qaraqalpaqsha: Vincent van Gogh
Taqbaylit: Vincent Van Gogh
қазақша: Ван Гог
kalaallisut: Vincent van Gogh
Ripoarisch: Vincent van Gogh
Lëtzebuergesch: Vincent van Gogh
لۊری شومالی: ڤأنسان ڤأنگوگ
lietuvių: Vincent van Gogh
олык марий: Гог, Винсент ван
Baso Minangkabau: Vincent van Gogh
македонски: Винсент ван Гог
кырык мары: Гог, Винсент ван
Bahasa Melayu: Vincent van Gogh
Mirandés: Vincent van Gogh
မြန်မာဘာသာ: ဗင်းဆင့် ဗန်ဂိုး
مازِرونی: ونسان ون گوگ
Dorerin Naoero: Vincent van Gogh
Napulitano: Vincent van Gogh
Plattdüütsch: Vincent van Gogh
Nedersaksies: Vincent van Gogh
Nederlands: Vincent van Gogh
norsk nynorsk: Vincent van Gogh
Livvinkarjala: Vincent van Gogh
Pangasinan: Vincent van Gogh
Kapampangan: Vincent van Gogh
Papiamentu: Vincent van Gogh
Piemontèis: Vincent van Gogh
português: Vincent van Gogh
Runa Simi: Vincent van Gogh
русиньскый: Вінсент ван Ґоґ
саха тыла: Винсент ван Гог
sicilianu: Vincent van Gogh
davvisámegiella: Vincent van Gogh
srpskohrvatski / српскохрватски: Vincent van Gogh
Simple English: Vincent van Gogh
slovenčina: Vincent van Gogh
slovenščina: Vincent van Gogh
Soomaaliga: Finsent van Gogh
српски / srpski: Винсент ван Гог
Seeltersk: Vincent van Gogh
Basa Sunda: Vincent van Gogh
Kiswahili: Vincent van Gogh
Türkmençe: Wan Gog Win­sen
татарча/tatarça: Винсент ван Гог
ئۇيغۇرچە / Uyghurche: ۋېىنىست
українська: Вінсент ван Гог
oʻzbekcha/ўзбекча: Vincent van Gogh
vepsän kel’: Gog Vinsent van
Tiếng Việt: Vincent van Gogh
Bân-lâm-gú: Vincent van Gogh
粵語: 梵高