Vector epidemiolóxico

Mosquito pouco despois de chuchar sangue humano. Os mosquitos son os vectores de varias enfermidades, por exemplo a malaria.

En epidemioloxía, un vector é un axente biolóxico (persoa, animal ou microorganismo) que transporta e transmite un patóxeno infeccioso a outro ser vivo.[1][2][3]

Conceptos básicos

Na terminoloxía epidemiolóxica os vectores son organismos que pasan as infeccións dun hóspede a outro. Os vectores biolóxicos máis comúns son os artrópodos. Moitos parasitos están adaptados a un vector particular como parte do seu ciclo vital.

O concepto de vector de enfermidades ten aspectos en común con outros conceptos en medicina e veterinaria; por exemplo, é útil comparar o significado dos termos vector, zoonose, portador asintomático, e reservorio.

  • Zoonose. É unha enfermidade transmitida dun animal ao ser humano de forma directa ou a través dun vector intermedio. O home tamén pode transmitir enfermidades a animais (zoonose inversa). As zoonoses prodúcense moitas veces por transporte casual ou non sistemático do axente infeccioso por un animal, que contaxia ao ser humano. Por exemplo unha mosca ou un can poden accidentalmente ou comunmente transportar os axentes do tifo ou do cólera na sucidade externa que levan pegada sen estar adaptados de ningunha forma especial a esa función, e poden acabar transmitindo a doenza ao ser humano pero é unha forma de transmisión similar ao das doenzas transmitidas polo aire ou a auga.
  • Portador asintomático. É unha persoa ou animal que contraeu unha infección, pero que non presenta síntomas da mesma. Os portadores asintomáticos poden transmitir a enfermidade.
  • Reservorio natural. Son hóspedes de patóxenos a longo prazo, que poden ser asintomáticos ou presentar unha infección subclínica asintomática e non letal. Por exemplo, as marmotas, ratas negras, cans das praderías, chipmunks e esquíos son reservorios para a bacteria da peste bubónica, que será transmitida por pulgas (vector).
  • Vector. O termo vector utilízase xeralmente en contextos nos que o parasito ou patóxeno está adaptado a ser dependente do organismo vector para completar o seu ciclo de vida, polo que o organismo vector é un hóspede secundario para el, e durante as fases do ciclo que pasa no vector con frecuencia o parasito cambia a súa morfoloxía e comportamento. Porén, moitas veces o termo utilízase nun sentido menos restritivo significando o animal que transmite unha enfermidade (os gatos son vectores da toxoplasmose, os morcegos son vectores da rabia). A ecoloxía e principios dos vectores de enfermidades varían moito, pero algúns aspectos son comúns. Por exemplo, en casos nos que o patóxeno é estritamente dependente do vector (o seu hóspede secundario) e só ten esa forma de transmisión, xeralmente está adaptado a evitar causarlle unha rápida morte, ou mesmo ningunha redución significativa do vigor do vector. Pero hai moitos exemplos nos que o hóspede primario é sacrificado no proceso parasitario. Por exemplo, o plasmodio da malaria non afecta moi significativamente ao mosquito Anopheles, que se limita a transmitilo, pero, polo contrario, as pulgas non poden tragar cando levan a bacteria da peste Yersinia pestis.
Other Languages
čeština: Přenašeč
فارسی: ناقل
हिन्दी: रोगवाहक
Kreyòl ayisyen: Vektè byolojik
Bahasa Indonesia: Vektor (biologi)
日本語: 媒介者
한국어: 매개체
Bahasa Melayu: Vektor (epidemiologi)
Plattdüütsch: Vekter (Biologie)
română: Vector biologic
русский: Переносчик
srpskohrvatski / српскохрватски: Vektor (epidemiologija)
Simple English: Vector (biology)
Basa Sunda: Véktor (biologi)
українська: Вектор (біологія)