Unidad Castellana

Unidad Castellana (UdCa) é un partido político de tendencia castelanista fundado en Cidade Real (España) por Emilio Nieto López, antigo secretario xeral do PP en Cidade Real, en decembro do 2001 e formado, en parte, por antigos militantes do Partido Rexionalista de Castela-A Mancha. A súa implantación fora da provincia de Cidade Real é practicamente nula.

Defende a creación dunha comunidade autónoma castelá, unificando as cinco actuais autonomías que forman Castela: Castela e León, Castela-A Mancha, Cantabria, Comunidade de Madrid e A Rioxa. Por iso UdCa é visto como un partido rexionalista, se ben o seu presidente, Emilio Nieto, se referiu en varias ocasións a Castela como nación dentro de España e de defender Castela como fan outros grupos nacionalistas, polo que UdCa pode ser considerado como un partido nacionalista moderado. O partido ademais caracterízase pola súa ideoloxía centrodereitista, seguramente herdada do PP.

A primeira cita electoral na que participou foron as eleccións autonómicas e municipais de 2003 na provincia de Cidade Real, nas que conseguiron entre outros resultados a alcaldía de Puebla de Don Rodrigo e algunhas concellarías en varios lugares do norte de Cidade Real, zona que parece terse convertido na súa principal área de actuación.

Nas eleccións municipais de 2007, UdCa presentou candidaturas en Cidade Real, Malagón, Fernán Caballero (Cidade Real) (onde sacaron dous concelleiros), Luciana (onde tamén sacaron dous concelleiros), Torralba de Calatrava, Los Labores, Puebla de Don Rodrigo e Fuente el Fresno; nestas catro últimas localidades conseguiron un concelleiro en cada unha. Non obstante, estas eleccións supuxeron un duro golpe para a formación que perdeu a alcaldía de Puebla de Don Rodrigo. Ademais, non logrou o obxectivo de ter representación no concello de Cidade Real, despois de estar tan preto diso.

Tal fracaso volveu poñerse de manifesto nas Eleccións xerais de España de 2008 onde perdeu boa parte do seu antigo apoio electoral, conseguindo unicamente 198 votos fronte aos 601 que conseguira nas Eleccións xerais de España de 2004.[1]

Unidade Castelá presentouse tamén ás eleccións locais e autonómicas de 2011. Presentou candidaturas ás Cortes,[2] así como á alcaldía tanto de Cidade Real coma doutras sete localidades da provincia, entre elas Fernán Caballero (onde con cinco concelleiros dun total de nove conseguiu a alcaldía por maioría absoluta) e Luciana (onde con dous concelleiros de sete conseguiu a chave de goberno e se quedou a só vinte votos da alcaldía), e por último Porzuna, onde conseguiu un concelleiro de once e Fuente el Fresno, onde conseguiu 2 concelleiros de once e tivo a oportunidade de formar coalición con PSOE e Cidadáns de Centro Democrático, aínda que este último grupo finalmente optou por aliarse co PP. Conseguiu polo tanto nestas eleccións remontar con forza a caída das de 2007, pero aínda sen conseguir representación no concello de Cidade Real.

O partido acadou un acordo de coalición co PCAS para ás elección autónomicas e municipais de 2015. O líder Emilio nieto do partido encabeza a lista da coalición às cortes de Castela-A Mancha por Cidade Real[3]. Nese ano, nas municipais o partido tivo uns resultados discretos e obtiveron soamente 6 concelleiros en toda a provincia e 0,62% da porcentaxe do voto provincial. Os concellos onde obtiveron representación foron: Luciana (3 concelleiros), Fuente el Fresno (1 concelleiro) Porzuna (1 concelleiro), Viso del Marqués(1 concelleiro) [4]

Other Languages