Traxano
English: Trajan

Traxano
Emperador romano
Traianus Glyptothek Munich 72.jpg
Busto de Traxano, Gliptoteca de Múnic

Reinado28 de xaneiro de 98 - 9 de agosto de 117
Nome completoMarco Ulpio Traxano (dende o nacemento á adopción)

César Marco Ulpio Nerva Traxano (dende a adopción á coroación)

Imp. César Nerva Traxano Augusto (como emperador)
Nacemento18 de setembro de 53
Itálica, Hispania
Falecemento9 de agosto de 117 (63 anos)
Selinus, Cicilia
PredecesorNerva
Cónxuxe/sPompeia Plotina

Marco Ulpio Traxano (en latín: Marcus Ulpius Traianus), coñecido abreviadamente como Traxano, nado en Itálica, preto de Hispalis (actual Sevilla), o 18 de setembro do ano 53 e finado en Selinus o 9 de agosto de 117, foi un emperador romano. Reinou desde o ano 98 até a súa morte, e foi o primeiro emperador de orixe non itálica. Iniciou a tradicionalmente chamada dinastía Antonina.

O 27 de xaneiro do ano 98 sucedeu tras a súa morte ao emperador Nerva, do cal, aínda que o adoptou previamente, aceptou usar só o cognomen. Como administrador civil, Traxano é coñecido sobre todo polo seu amplo programa de construción de edificios públicos que reformaron a cidade de Roma e deixou numerosos monumentos perdurables como o foro de Traxano, o mercado de Traxano e a Columna Traxana. Con todo, foi como comandante militar polo que celebrou os seus maiores triunfos: no 101 lanzou unha expedición punitiva ao reino de Dacia, derrotando os seus exércitos un ano despois e tomando definitivamente o territorio no 106. Un ano despois, dirixiuse cara ao Leste e conquistou o reino nabateo (actual Xordania) e estableceu a provincia de Arabia Pétrea. Logo de varios anos de paz, no 113 lanzou unha ofensiva contra Partria e, chegando a Susa no 116, co que o Imperio acadou a súa maior extensión da Historia. Cando regresaba a Roma, contraeu unha enfermidade e faleceu. Foi deificado polo Senado post mortem e os seus restos descansaron baixo a Columna Traxana até as incursións bárbaras sobre a cidade. Sucedeuno o seu fillo adoptivo Hadriano.

Traxectoria

Marco Ulpio Traxano naceu o 18 de setembro de 53 d. C. na cidade de Itálica, a escasos quilómetros de Hispalis (Sevilla), adscrita á provincia romana de Bética, que estaba intensamente romanizada. A patria dos Ulpios era Itálica, onde os seus antepasados se asentaran a finais do século III a. C. Isto indica que a orixe italiana era posible, pero recentemente sinalouse convincentemente que os antepasados da familia eran nativos, sendo Traxano o Vello en realidade un Traius adoptado pola familia dos Ulpii. O propio Traxano non era máis que un dos moitos e ben coñecidos Ulpios (Ulpii) nunha serie que continuou moito despois da súa propia morte.

Como seu pai, Traxano era fiel á casa dos Flavios. Ascendeu por méritos propios na escala do exército romano, servindo nalgunhas das partes máis polémicas da fronteira imperial, en diversos lugares: desde a súa nativa Hispania até o río Danubio, Xermania e Siria. Nesta última, con 24 anos, Traxano tivo o mando dunha lexión. No ano 96 converteuse en gobernador de Xermania, prestando servizo na fronteira, unha das máis problemáticas do Imperio, ao longo do río Rin. Tomou parte nas guerras do emperador Domiciano contra os pobos xermanos e era coñecido como un dos mellores comandantes do Imperio cando, no ano 96, foi asasinado o emperador. O 18 de setembro, Nerva sucedeu a Domiciano, pero debido á súa impopularidade, logo dun ano no poder, unha rebelión da Garda Pretoriana obrigouno a adoptar ao moi popular Traxano, entón gobernador da Xermania Superior, como herdeiro e sucesor, na primavera ou o verán de 97. Segundo a Historia Augusta, foi o futuro emperador Hadriano quen levou a Traxano a noticia da súa adopción. Nerva morreu inesperadamente o 27 de xaneiro do 98 e Traxano, sucedeuno sen incidentes e, co goberno despótico de Domiciano aínda latente, foi recibido cos brazos abertos polo Senado.

O Imperio

Converteuse en emperador en xaneiro do 98, sendo o primeiro emperador romano de orixe non itálica, o que denotaba unha perda de peso político desta rexión no poder romano. Porén, non foi proclamado emperador até dous anos despois de ser nomeado, pois antes de chegar a Roma asegurou a fronteira entre o Rin e o Danubio e tamén mellorou as comunicacións entre as cidades xermanas.

O Senado

O novo Emperador foi acollido polo pobo de Roma con grande entusiasmo, pois o seu ascenso sen derramamento de sangue nin terror contrastaba co anterior goberno de Domiciano: liberou a moitas persoas que foran encarceradas inxustamente por Domiciano e devolveu boa parte das propiedades privadas que este confiscara. A súa popularidade foi tal que co tempo o Senado Romano conferiulle a Traxano o título honorífico de Optimus, isto é, "Óptimo". Durante a cerimonia no Senado con motivo do seu ascenso ao trono imperial, o senador Plinio dedicoulle un famoso e interminable Panexírico (Panegyricus Traiani) no que pedía que se lle concedese ao Senado unha maior implicación na condución dos asuntos da administración pública do Estado; Traxano observou aquela regra e chamou a moitos dos senadores a gobernar as provincias romanas. Conservou un control moi forte, ocupándose escrupulosamente dos asuntos das diversas provincias e reservándose, por exemplo, os permisos para a construción de edificios públicos. Isto permitiulle desenmascarar e castigar a moitos senadores acusados de malversación, que aproveitaran a política indulxente do precedente emperador, Nerva. Traxano valeuse dun órgano xudicial creado por el para investigar estes delitos, o Consilium Principis, do cal formaron parte os mellores xuristas da época. Foron numerosos os investigados por casos de mal goberno das provincias, aínda que o mesmo Senado ditou xeralmente sentenzas favorables.

Guerra contra os dacios

Dacia no Imperio Romano

Para os historiadores, Traxano destaca sobre todo como comandante militar, particularmente polas súas conquistas en Oriente Próximo, pero inicialmente polas dúas guerras contra Dacia, no que hoxe é Romanía. A súa conquista (101-102), logo da súa demorada reconquista e a desfavorable (e, para algúns, vergoñosa) paz negociada polos servidores de Domiciano perturbou o pensamento romano durante anos. Así, durante o reinado de Traxano un dos máis importantes éxitos foi a vitoria sobre este pobo. A primeira confrontación importante entre os romanos e os dacios aconteceu no ano 87 e foi iniciada por Domiciano. Foi o xeneral dacio Decébalo, que logo se convertería en rei, quen ofreceu a principal resistencia á dominación. O emperador Domiciano fixera campaña contra Dacia desde 86 a 87 sen se asegurar un resultado decisivo e Decébalo desobedecera descaradamente os termos da paz (89) que pactara ao termo desta campaña.

Con esta ofensiva para ampliar territorios, Traxano acababa cunha política seguida desde os tempos de Augusto de manter o Imperio dentro de certos límites e facer simples guerras defensivas (a única excepción fora a conquista de Britania en tempos de Claudio). Cara a marzo de 101, Traxano iniciou a súa primeira guerra contra os dacios liderados por Decébalo. Para isto pasou á beira setentrional do Danubio sobre unha ponte de pedra que construíra, cruzou as Portas de Ferro e dirixiuse cara á capital, Sarmizegetusa. Atacou o reino con catro lexións e derrotou ao exército dacio preto dun porto chamado Tapae. As tropas de Traxano, con todo, quedaron danadas no encontro, e desistiu de calquera outra campaña durante o resto do ano, para sandar ás tropas, reforzarse e reagruparse. Durante o inverno posterior, o rei Decébalo lanzou un contraataque cruzando o Danubio máis lonxe corrente abaixo, pero foi rexeitado. O exército de Traxano penetrou máis en territorio dacio e forzou ao rei Decébalo a someterse o ano seguinte, despois de que o emperador acampase a poucos quilómetros da capital, en Sarmizegetusa Rexia. Conquistou Dacia completamente en 106, a pesar da forza e a resistencia dos nativos. O avance do exército de Roma até a capital non padeceu obstáculos grazas á súa superioridade numérica, á loxística e ás tácticas xa consolidadas por séculos de guerras e asedios, por exemplo, a formación en tartaruga e o "carrobalista", antepasado dos canóns. Tras destruír a capital dacia, fundou a Colonia Ulpia Traiana Augusta Dacica Sarmizegetusa, noutro lugar distinto á da previa capital, aínda que levou o mesmo nome. Colonizou Dacia con romanos e anexionouna ao imperio como unha nova provincia. As campañas dacias de Traxano beneficiaron as finanzas do Imperio a través da adquisición de minas de ouro. Ademais, descubriu o tesouro escondido de Decébalo, que ascendía a 165 toneladas de ouro e o dobre de prata.

Expansión cara a Oriente

As provincias de Siria (vermello escuro) e Arabia Pétrea (vermello claro)

As razóns formais da anexión do reino nabateo son inseguras, mais certas evidencias epigráficas suxiren unha operación militar, con forzas de Siria e Exipto. O que resulta claro, con todo, é que para o ano 107, establecéronse lexións romanas na rexión que rodea Petra e Bostra. Este reino dos nabateos converteuse en provincia romana co nome de Arabia Petraea, e abarcaba o sur da actual Xordania e o noroeste de Arabia Saudita. Coa anexión deste territorio asegurouse a continuidade territorial entre Exipto e as provincias asiáticas. Todo o Mediterráneo quedaba desde entón en mans dos romanos, os cales o consideraron «un lago privado», e déronlle o título de Mare Nostrum.

Período de paz: as reformas

Os sete anos seguintes, Traxano gobernou como un emperador civil, pero co mesmo éxito que antes. Tolerou a incipiente relixión cristiá sempre que non se promocionase en público; construíu varios edificios novos, monumentos e estradas en Italia e a súa Hispania natal (como a Vía Traxana e a Vía Traxana Nova). Un acto destacado de Traxano foi celebrar uns xogos de gladiadores de tres meses no gran Coliseo de Roma, aínda que a data exacta descoñécese. Combinando carreiras de carros, loita con animais e loitas de gladiadores, díxose que este espectáculo sanguento deixara 11.000 mortos, na súa maioría escravos e criminais, amais dos miles de bestas feroces mortas canda eles. Atraeu a un total de cinco millóns de espectadores ao longo dos xogos.

Outro acto importante foi a creación formal dos alimenta, un programa de benestar que axudaba a nenos orfos e pobres por todo o Imperio: proporcionaba fondos xerais, así como comida e educación subvencionada, que foi apoiado inicialmente polos fondos da guerra dacia, e máis tarde por unha combinación de impostos estatais e de filantropía[1]. Favorecía ao tempo o desenvolvemento da natalidade, que caera até índices alarmantes, de maneira que se corría o perigo de que houbese escaseza de soldados. Con iso ponse en evidencia que Traxano non concentrou as súas enerxías e as do Imperio só en campañas militares e a construción de edificios públicos: tamén foi un cauteloso estadista e filántropo, interesado nas condicións de vida dos seus cidadáns e por tanto atento ás reformas sociais e políticas.

En materia xudicial, diminuíu os tempos dos procesos, prohibiu as acusacións anónimas e mais as condenas con falta de probas sólidas ou en presenza de calquera dúbida.

En materia económica e social atopou a forma de organizar a burocracia e promulgou leis a favor da pequena propiedade campesiña, cuxa base estaba ameazada ao se estender o latifundio: Traxano favoreceu a repoboación de campesiños libres na península, investindo capitais e proporcionando aos colonos os medios para se sustentar e traballo nos campos; a cambio, os colonos investían unha parte das colleitas como pago da débeda. Este sistema, coñecido como colonato, necesitou control estatal para poder funcionar. Por unha banda, había que impedir que os recadadores de impostos depredaran aos colonos ou que os latifundistas esixisen máis do debido reducindo á miseria e a semiescravitude aos campesiños; por outra necesitaba defender aos colonos dos bandidos e os invasores que puidesen devastar as terras obrigándoos ao abandono do campo e marchar á cidade deixando as terras sen cultivar. Para evitar o declive da agricultura itálica impuxo aos senadores que investisen en Italia polo menos a terceira parte dos seus capitais. Puxo límites á emigración da península, tentando incentivar a presenza da clase social empresarial e a man de obra nunha Italia que estaba a perder a súa centralidade e que estivo a piques de se encamiñar a unha fase de decadencia. Aliviou a presión fiscal sobre as provincias, aboliu algunhas taxas que cargaban sobre os provinciais e os itálicos, creando así un tipo de "caixa de aforros popular" que concedeu préstamos aos pequenos campesiños e empresarios romanos que se beneficiaron de amplas concesións, favorecendo as primeiras cooperativas e asociacións profesionais. Cos beneficios e as rendas das reformas emprendidas, Traxano edificou colexios e orfanatos. Facendo isto, o emperador garantiu aos emperadores seguintes unha clase social dirixente hábil e capaz.

Os problemas económicos solucionábanse no campo de batalla, que tiña a dobre finalidade de establecer a paz nas fronteiras e atopar o ouro e a prata necesarios para as construcións, as reformas e para colmar o déficit económico dos emperadores precedentes. As súas prolongadas estancias na guerra exterior non impediron, pois, que Traxano levase a cabo unha intensa política interior, motivo de acesos eloxios na historiografía romana, portavoz do Senado, unha vella institución que botaba en falta o poder do que gozaba na época anterior a Augusto, durante a República. O ascenso ao poder de Traxano supuxo para os senadores a recuperación da liberdade perdida, «un tempo novo», segundo Plinio. Coa colaboración do Senado, onde instaurou o voto secreto, Traxano trazou un plan de rexeneración moral e política que tivo consecuencias na administración, a xustiza e a economía.

Guerra contra os partos

No 113, Traxano comezou unha campaña contra os partos, provocada pola decisión do rei parto Osroes de colocar a un rei monicreque inaceptable no trono de Armenia, reino sobre o cal compartiran hexemonía os dous grandes imperios desde os tempos de Nerón, uns cincuenta anos antes. Probablemente, a idea do emperador nacía tamén do seu desexo de levar a cabo as campañas que fixera Xulio César, o seu autor favorito, antes de morrer: ao norte do Danubio e contra os partos.

O Imperio Romano no 116, na súa máxima extensión

A primeira fase foi un completo éxito: os partos foron derrotados e Armenia, Asiria e Mesopotamia foron integradas no Imperio. Comezou por Armenia, depondo no ano 114 ao seu rei parto, Partamasiris, e convertendo Armenia en provincia romana. Logo marchou cara ao sur, entrando na propia Partia, tomando as cidades de Babilonia, Seleucia e finalmente a capital Ctesifonte no ano 116. Seguiu cara ao sur, até alcanzar o Golfo Pérsico, lamentando ser demasiado vello para seguir os pasos de Alexandre Magno e alcanzar a exótica e distante India. Foi o punto oriental máis afastado ao que chegou o Imperio romano. Non só quedou ocupada toda Mesopotamia senón que a vangarda do exército romano, dirixida por Lucio Quieto asomouse ás primeiras cadeas montañosas de Persia. Máis aló destes límites non puido proseguir, ante todo, por problemas loxísticos. A vasteza dos territorios ocupados e a presenza de bulsas de resistencia e a táctica da guerrilla con arqueiros de a cabalo, usada polos partos, puñan en perigo a conquista. En 116, Traxano, consciente das dificultades, decidiu adoptar as armas da política: depuxo ao rei parto Osroes I e puxo o seu propio gobernante monicreque, Partamaspates no trono. Por outra banda, a súa saúde comezoulle a fallar. Estivo persoalmente presente no asedio da cidade de Hatra e é posible que sufrise un golpe de calor coas elevadas temperaturas. Pouco despois, os xudeus do interior do Imperio romano rebeláronse unha vez máis, por todo Oriente Próximo: Exipto, Chipre, Cirenaica, Xudea e Mesopotamia desde o ano 115, en plena campaña contra os partos. O emperador viuse obrigado a retirar o seu exército para esmagar as revoltas. Considerouno simplemente como un contratempo pasaxeiro, pero estaba destinado a non volver nunca a mandar un exército no campo de batalla, entregando os seus exércitos orientais ao legado de alto rango e gobernador de Xudea, Lucio Quieto, quen se fixo cargo deles xunto con Marcio Turba.

As conquistas de Traxano fixeron crecer o imperio de cinco a seis millóns de quilómetros cadrados.

Other Languages
Afrikaans: Trajanus
Alemannisch: Trajan
አማርኛ: ትራያኑስ
aragonés: Trachán
العربية: تراجان
مصرى: تراچان
asturianu: Traxanu
azərbaycanca: Trayan
تۆرکجه: تراژان
беларуская: Траян
беларуская (тарашкевіца)‎: Марк Ульпіюс Траян
български: Траян
brezhoneg: Trajan
bosanski: Trajan
català: Trajà
Chavacano de Zamboanga: Trajan
čeština: Traianus
Cymraeg: Trajan
dansk: Trajan
Deutsch: Trajan
Zazaki: Traianus
Ελληνικά: Τραϊανός
English: Trajan
Esperanto: Trajano
español: Trajano
eesti: Traianus
euskara: Trajano
estremeñu: Trajanu
فارسی: تراژان
suomi: Trajanus
français: Trajan
Frysk: Trajanus
Gàidhlig: Trajan
ગુજરાતી: ટ્રાજન
客家語/Hak-kâ-ngî: Traianus
עברית: טראיאנוס
हिन्दी: त्राजान
hrvatski: Trajan
հայերեն: Տրայանոս
Bahasa Indonesia: Trajanus
íslenska: Trajanus
italiano: Traiano
日本語: トラヤヌス
ქართული: ტრაიანე
Kongo: Traianus
ភាសាខ្មែរ: ត្រាហ្សាន
한국어: 트라야누스
kurdî: Trajan
Latina: Traianus
Lëtzebuergesch: Trajan
Lingua Franca Nova: Trajano
lietuvių: Trajanas
latviešu: Trajāns
Malagasy: Trajan
македонски: Трајан
മലയാളം: ട്രേജൻ
монгол: Траян
मराठी: ट्राजान
Napulitano: Traiano
Nederlands: Trajanus
norsk nynorsk: Trajan av Romarriket
norsk: Trajan
occitan: Trajan
ਪੰਜਾਬੀ: ਤਰਾਜਾਨ
polski: Trajan
پنجابی: تراجان
português: Trajano
română: Traian
русский: Траян
sicilianu: Traianu
Scots: Trajan
srpskohrvatski / српскохрватски: Trajan
Simple English: Trajan
slovenčina: Traján
slovenščina: Trajan
Gagana Samoa: Trajan
shqip: Trajan
српски / srpski: Трајан
svenska: Trajanus
Kiswahili: Kaizari Traian
தமிழ்: திராயான்
ትግርኛ: ትራያኑስ
Tagalog: Trajan
Tok Pisin: Trajan
Türkçe: Trajan
Xitsonga: Trajan
татарча/tatarça: Траян
Twi: Trajan
українська: Траян
اردو: تراجان
oʻzbekcha/ўзбекча: Trayan
Tiếng Việt: Traianus
Winaray: Trajan
吴语: 图拉真
ייִדיש: טריאנוס
Yorùbá: Trajan
中文: 圖拉真
Bân-lâm-gú: Traianus
粵語: 圖拉真