Tilacoide

Tilacoides (discos e láminas verdes) no interior dun cloroplasto. (A membrana externa do cloroplasto non é verde, aínda que se mostre no debuxo; o verde está nos tilacoides).

Un tilacoide (do grego thylakos, saco, bolsa) é un compartimento limitado por membranas situado dentro dos cloroplastos das plantas e algas e no interior das cianobacterias. Os tilacoides son o lugar onde teñen lugar as reaccións da fase luminosa da fotosíntese. Os tilacoides constan dunha membrana tilacoidal que limita un espazo chamado lume tilacoidal. Os tilacoides dos cloroplastos xeralmente forman moreas de discos membranosos, e cada unha destas moreas recibe o nome de granum, que en plural é grana, polo que os tilacoides da grana son os que están formando ditas moreas de discos. Cada granum está conectado con outros por outros tilacoides máis longos e non amontoados chamados tilacoides estromáticos, tilacoides intergranais ou lamelas, que interconectan todos os tilacoides formando un espazo intratilacoidal funcional continuo único.

Estrutura do tilacoide

Estruturas dos tilacoides.
Imaxe de microscopio electrónico de transmisión da grana.

Membrana

A membrana tilacoidal é o lugar onde se producen as reaccións da fase luminosa da fotosíntese e onde están integrados os pigmentos fotosintéticos e a ATP sintetase tilacoidal. Presenta un patrón alternante de bandas claras e escuras que miden 1 nanómetro cada unha.[1] A bicapa lipídica do tilacoide comparte certas características distintivas coas membranas procarióticas e coa membrana interna do cloroplasto. Por exemplo, os lípidos ácidos están presentes tanto nas membranas tilacoidais coma nas das cianobacterias e outras bacterias fotosintéticas e están implicados na integridade funcional dos fotosistemas.[2] As membranas tilacoidais das plantas superiores están compostas principalmente de fosfolípidos [3] e galactolípidos, que están dispostos asimetricamente nas membranas tanto en cada capa da membrana coma entre a capa superior e a inferior.[4] Os lípidos das membranas tilacoidais sintetízanse por unha ruta complexa que implica o intercambio de precursores lipídicos entre o retículo endoplasmático e a membrana interna da envoltura do plasto e transportados desde a membrana interna aos tilacoides por medio de vesículas.[5]

Lume

O lume tilacoidal é o espazo interno encerrado pola membrana tilacoidal. Desempeña un papel importante na fotofosforilación durante a fotosíntese, xa que nel se acumulan os protóns bombeados desde o estroma a través da membrana tilacoidal e os producidos pola rotura de moléculas de auga no fotosistema II. Como acumula protóns, durante a fase luminosa ten un pH de 4.

Granum

Un granum (plural grana, en latín, ou gra, en galego) é unha morea de discos tilacoidais. Os cloroplastos poden conter de 10 a 100 destas moreas. Os tilacoides estromáticos, intergranais ou lamelas conectan cada granum cos demais. Os tilacoides da grana poden distinguirse dos estromáticos pola súa diferente composición en proteínas. A grana contribúe a que o cloroplasto teña unha gran área superficial en relación ao seu volume. As diferentes interpretacións que se fixeron das imaxes de tomografía electrónica das membranas tilacoidais orixinaron dous modelos para explicar a estrutura da grana. Ambos os dous postulan que as lamelas intersectan as moreas de tilacoides en láminas paralelas, aínda que se debate se estas láminas intersectan o eixe do granum en planos perpendiculares ou están dispostos formando unha hélice dextroxira.[6]

Other Languages
العربية: ثايلاكويد
bosanski: Tilakoid
català: Tilacoide
čeština: Thylakoid
dansk: Thylakoid
Deutsch: Thylakoid
English: Thylakoid
Esperanto: Tilakoido
español: Tilacoide
eesti: Tülakoid
فارسی: ریزکیسه
suomi: Tylakoidi
français: Thylakoïde
עברית: תילקואיד
italiano: Tilacoide
日本語: チラコイド
한국어: 틸라코이드
lietuvių: Tilakoidas
македонски: Тилакоид
Nederlands: Thylakoïde
polski: Tylakoid
português: Tilacoide
română: Tilacoid
русский: Тилакоид
srpskohrvatski / српскохрватски: Tilakoid
српски / srpski: Тилакоиди
svenska: Tylakoid
Türkçe: Tilakoid
українська: Тилакоїд
中文: 類囊體