The Beatles

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
The Beatles
Beatles logo.png
The Fabs.JPG
The Beatles en 1964. Arriba: John Lennon, Paul McCartney Abaixo: George Harrison, Ringo Starr
OrixeLiverpool, Inglaterra Inglaterra, Reino Unido Reino Unido
Período19601970
Xénero(s)Rock, Pop, Rock psicodélico
Selo(s) discográfico(s)Parlophone, Capitol, Apple, Odeon, Vee-Jay, United Artists, Atco, Swan
MembrosJohn Lennon
Paul McCartney
George Harrison
Ringo Starr
Antigos membrosStuart Sutcliffe
Pete Best
Artistas relacionados
Páxina webwww.beatles.com

The Beatles foi unha banda de rock formada en Liverpool (Inglaterra) en 1960, activa durante a década dos 60, e recoñecida como unha das máis comercialmente exitosas e criticamente aclamadas na historia da música popular.[1][2][3][4] Formada en Liverpool, estivo constituída desde 1962 por John Lennon (guitarra rítmica, vocalista), Paul McCartney (baixo, vocalista), George Harrison (guitarra solista, vocalista) e Ringo Starr (batería, vocalista). Enraizada no skiffle e no rock and roll dos anos cincuenta, a banda traballou máis tarde con distintos xéneros musicais, que ían desde a balada pop ata o rock psicodélico, incorporando a miúdo elementos clásicos, entre outros, de forma innovadora nas súas cancións. A natureza da súa enorme popularidade, que emerxera primeiramente coa moda da «Beatlemanía», transformouse á vez que as súas composicións se volveron máis sofisticadas. Chegaron a ser percibidos como a encarnación dos ideais progresistas, estendendo a súa influencia nas revolucións sociais e culturais da década de 1960.

Cunha formación inicial de cinco compoñentes que incluía a Lennon, McCartney, Harrison, Stuart Sutcliffe (baixo) e Pete Best (batería), construíron a súa reputación nos clubs de Liverpool e Hamburgo nun período de tres anos a partir de 1960. Sutcliffe abandonou a formación en 1961, e Best foi substituído por Starr ao ano seguinte. Xa como grupo profesional despois de que Brian Epstein lles ofrecese ser o seu representante, e co seu potencial musical mellorado pola creatividade do produtor George Martin, lograron o éxito comercial no Reino Unido a finais de 1962 co seu primeiro sinxelo, «Love Me Do». A partir de aí, foron adquirindo popularidade internacional ao longo dos seguintes anos, nos cales fixeron un extenso número de xiras ata 1966, ano en que cesaron a actividade en vivo para dedicarse unicamente á gravación no estudo ata a súa disolución en 1970. Despois, todos os seus integrantes embarcáronse en exitosas carreiras independentes, a pesar disto non foron raras as colaboracións entre eles. O ano 1995, con motivo da edición do primeiro volume da triloxía The Beatles Anthology, tivo lugar unha reunión virtual do grupo, coa axuda dunhas cintas que John Lennon deixara gravadas e que foron a base de dúas novas cancións: Free as a Bird e Real Love.[5]

Durante os seus anos de estudo crearon algúns dos seus mellores materiais, incluíndo o álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1967), considerado por moitos como unha obra mestra. Catro décadas logo da súa separación, a música que crearon continúa sendo popular. Mantéñense como o grupo con máis números 1 nas listas británicas, situando máis álbums nesta posición que calquera outra agrupación musical.[6] De acordo coas certificacións da RIAA, venderon máis discos nos Estados Unidos que calquera outro artista.[7] En 2004, a revista Rolling Stone clasificounos no número un na súa lista dos «50 artistas máis grandes de todos os tempos».[1] De acordo coa mesma publicación, a música innovadora de The Beatles e o seu impacto cultural axudaron a definir os anos sesenta.[8] En 2008, a revista Billboard publicou unha lista dos artistas máis exitosos de todos os tempos no Hot 100 con motivo do 50º aniversario da lista de éxitos, e The Beatles foron colocados no número un. Foron galardoados con sete premios Grammy,[9] e recibiron un total de quince premios Ivor Novello de parte da British Academy of Songwriters, Composers and Authors.[10]Tamén foron colocados no posto Nº 1 polo sitio de Internet Acclaimed Music na súa lista «The Top 1000 Artists of All Time»[3] e por Digital Dream Door na súa lista «100 Greatest Rock Artists».[2]

Lennon sería asasinado nos arredores da súa casa de Nova York en 1980, e Harrison falecería de cancro en 2001. McCartney e Starr aínda permanecen activos.

Traxectoria

Formación e primeiros anos

En marzo de 1957 con dezaseis anos de idade, o cantante e guitarrista John Lennon, influenciado fortemente pola música de Elvis Presley, creou o grupo de estilo skiffle The Quarrymen xunto con algúns compañeiros do colexio.[11] Pouco tempo despois, 6 de xullo de 1957, Paul McCartney, que por entón tiña quince anos, coñeceu a Lennon nunha festa e uniuse como guitarrista.[12] Este último invitou ao seu amigo George Harrison en febreiro do ano seguinte, o cal, con catorce anos, uniuse como o guitarrista líder da formación.[13][14] En 1960, os compañeiros de colexio de Lennon abandonaron a agrupación para ingresar na Escola de Arte de Liverpool, facendo que Lennon e McCartney se encargaran de tocar a guitarra rítmica, aínda que lles facía falta alguén que tocase a batería.[15] En xaneiro de 1960, un amigo de Lennon, Stuart Sutcliffe, uniuse como baixista e suxeriu cambiar o nome da banda a «The Beetles» (escaravellos) como homenaxe a Buddy Holly e The Crickets («Os grilos»). Nos primeiros meses do ano o grupo converteuse en «The Beatals».[16] Logo de probar outros nomes como «Johnny and the Moondogs», «Long John and The Beetles» e «The Silver Beatles», a mediados de agosto decantáronse finalmente por «The Beatles».[17]

A falta dun batería permanente supúxolles un problema cando o xerente non oficial do grupo, Allan Williams, organizoulles unha reserva na cidade alemá de Hamburgo como banda musical residente.[18] A finais de agosto escoitaron e contrataron ao batería Pete Best,[19] e o quinteto foise catro días máis tarde a Hamburgo despois de que Bruno Koschmider, dono de varios clubs naquela cidade, os contratara para que estiveran alí durante 48 noites. «Hamburgo, naqueles días, non tiña clubs de rock and roll. Había clubs de striptease», conta o biógrafo Philip Norman.

O Indra Club en 2007. Foi o primeiro club onde actuaron The Beatles á súa chegada a Hamburgo, Alemaña, en 1960.
«Bruno tivo a idea de traer grupos de rock a tocar en diversos clubs. Tiñan esta fórmula, un enorme espectáculo sen parar (nonstop), hora tras hora, cunha chea de xente que se apresuraba a entrar e outra a saír, mentres as bandas tocaban continuamente para atraer a atención dos peóns. Nunha zona de prostíbulos estadounidense chamárono striptease nonstop. Moitas das agrupacións musicais que tocaban en Hamburgo proviñan de Liverpool [...] Foi un deses accidentes casuais. Bruno foise a Londres para buscar grupos musicais. Pero coñeceu a un empresario de Liverpool, en Soho, que estaba en Londres por pura casualidade. E arranxouse para enviar algunhas bandas para Hamburgo».[20]
Tradución do orixinal

Harrison, sendo en agosto de 1960 aínda menor de idade con 17 anos, obtivo o permiso de residencia en Hamburgo ao mentir ás autoridades alemás sobre a súa verdadeira idade.[21] Inicialmente situados no Indra Club para que actuasen alí, Koschmider trasladaríaos en outubro ao Kaiserkeller despois de que o Indra fose pechado debido ás queixas que recibía polo ruído do local.[22] Pouco tempo despois aceptaron a oferta de actuar no Top Ten Club, rompendo así o contrato que tiñan con Koschmider, o cal, por despeito, informou ás autoridades da verdadeira idade de Harrison, o que conduciu a que o músico fose deportado en novembro dese ano.[23][24] Unha semana máis tarde, McCartney e Best foron deportados tamén por ocasionar un incendio cando lle prenderon lume a un preservativo colgado dun cravo na súa habitación.[25] Lennon regresou a Liverpool a mediados de decembro, mentres que Sutcliffe permaneceu en Hamburgo coa súa noiva alemá, Astrid Kirchherr, durante outro mes. Kirchherr fíxolles as súas primeiras fotos profesionais e deseñou o corte de pelo de Sutcliffe, que tempo máis tarde foi adoptado polo resto do grupo.[26][27]

Durante os próximos dous anos residiron por períodos sucesivos en Hamburgo, usando estimulantes como o preludin para manterse con máis enerxía nas súas actuacións nocturnas.[28] Sutcliffe decidiu deixar a formación a principios de 1961 e renovou os seus estudos de arte en Alemaña, de modo que McCartney viuse obrigado a tocar o baixo.[27][29][30] O produtor alemán Bert Kaempfert contratou ao cuarteto como extras de soporte ao cantante Tony Sheridan nunha serie de gravacións.[31] Acreditado a «Tony Sheridan and The Beat Brothers», o sinxelo « My Bonnie», gravado en xuño e lanzado catro meses despois, alcanzou o número 32 na lista Musikmarkt.[32][33] En Liverpool, ao regresar de Hamburgo, foron cada vez máis coñecidos. Durante unha das súas frecuentes aparicións no Cavern Club coñeceron a Brian Epstein, dono dunha tenda de discos local e columnista de música.[34] Cando nomearon a Epstein o seu representante o 24 de xaneiro de 1962, Kaempfert acordou liberalos do contrato discográfico alemán. Antes diso, Epstein logrou que a compañía discográfica Decca Studios lles realizase unha proba, proba que seria coñecida como a audición de Decca, que se concretou o 1 de xaneiro de 1962, na que gravaron 15 temas, entre eles tres de autoría de Lennon e McCartney («Like Dreamers Do», «Hello Little Girl» e «Love of the Loved»). Despois de que Decca Records os rexeitase co comentario «os grupos de guitarra están en pleno declive, señor Epstein», o produtor George Martin asinoulles un contrato co selo Parlophone, de EMI Records.[34][35][36] Cando regresaron a Hamburgo en abril recibiron unha tráxica noticia. Alí mesmo, reunidos no aeroporto, Kirchherr, mostrándose moi afectada, informoulles de que Sutcliffe morrera por mor dunha hemorraxia cerebral.[37][38]

Entrada principal dos Abbey Road Studios, coñecidos anteriormente como EMI Studios.

En Liverpool, o movemento merseybeat foi cobrando forza. A banda tivo a súa primeira sesión de gravación en Londres, baixo a dirección de Martin, nos EMI Studios en xuño de 1962. A Martin non lle convenceu a habilidade coa que tocaba a batería Pete Best, suxeríndolle privadamente a Epstein que o cambiasen por un batería de sesión no estudo.[39] Finalmente, Best foi remplazado por Ringo Starr. Starr, que deixou a Rory Storm and the Hurricanes para unirse a The Beatles, xa actuara con eles nalgunhas ocasións, sobre todo cando Best estaba enfermo.[40] Con todo, Martin xa contratara ao batería de sesión Andy White para a seguinte sesión de gravación,[41] e White tocou a batería en «Love Me Do» e «P.S. I Love You». Lanzado o 5 de outubro, «Love Me Do» alcanzou o número dezasete na lista británica Record Retailer.[42] Posteriormente, no mes de novembro comezaron a gravar o que sería o seu segundo sinxelo, «Please Please Me». Fixeron o seu debut na televisión ao emitirse unha actuación súa en directo no programa rexional People and Places, da Granada Television.[43]

Concluíron a súa última tempada de Hamburgo en decembro de 1962.[20] Nese momento acordaron que os catro contribuirían como vocalistas dentro do grupo, aínda que o rango restrinxido de Starr fixo que de cando en cando fose o líder vocal.[44] Lennon e McCartney estableceron unha asociación para compor cancións; ao comprobar que aumentaba o éxito do grupo, a celebrada colaboración entre eles limitou as oportunidades de Harrison de ser vocalista principal.[45] Epstein, sentindo o potencial comercial que tiñan, alentounos a que adoptasen unha actitude máis profesional. Lennon rememorou o que o representante lles dixo: «Miren, se vostedes realmente desexan conseguir un deses lugares grandes, van ter que cambiar, deixar de comer no escenario, deixar de maldicir, deixar de fumar».[46] Lennon dixo: «Adoitabamos vestir como nos gustaba, dentro e fóra do escenario. Epstein dicíanos que os pantalóns vaqueiros non eran especialmente elegantes e que deberiamos considerar a posibilidade de usar pantalóns máis adecuados. Deixounos ter o noso propio sentido de individualidade [...] tivemos que elixir entre obedecerlle ou seguir comendo polo no escenario».[46]

Beatlemanía e anos de xira (1963-66)

Popularidade no Reino Unido, Please Please Me e With The Beatles

Véxase tamén: Beatlemanía no Reino Unido.
McCartney, Harrison, a cantante sueca Lill-Babs e Lennon no programa de televisión sueco Drop-In, o 30 de outubro de 1963.[47]

A raíz do moderado éxito de «Love Me Do», o seu segundo sinxelo «Please Please Me» recibio unha acollida máis enfática, alcanzando o número dous no Record Retailer en xaneiro de 1963 logo do seu lanzamento. Martin orixinalmente tiña previsto gravar o disco debut de The Beatles en vivo no Cavern Club. Finalmente esta idea foi cambiada,[48] e elixiuse crear un álbum «en vivo» dunha soa sesión nos EMI Studios. Dez cancións foron gravadas para Please Please Me, acompañadas no álbum polos catro temas que xa foran publicados nos dous sinxelos. Recordando a «urxencia que tiñan por publicar o seu álbum de debut, e dándose a malleira para gravar Please Please Me nun só día», un crítico de Allmusic comentaba: «Décadas logo do seu lanzamento, o álbum aínda soa fresco, precisamente por mor da súa orixe tan intensa».[49] Lennon dixo que apenas se estruxaron a cabeza á hora de compor as cancións naquel tempo; el e McCartney estaban «simplemente escribindo cancións ao Everly Brothers, ao estilo de Buddy Holly, cancións pop sen ter máis complicacións que iso: crear un son. E as palabras eran case irrelevantes».[50]

Lanzado en marzo de 1963, o álbum alcanzou o número un nas listas británicas. O terceiro sinxelo que publicaron, « From Me to You», foi lanzado en abril e tamén alcanzou a cima das listas de éxitos. A partir dese momento iniciouse un refacho case ininterrompido de dezasete sinxelos lanzados por The Beatles, que alcanzaron o número un nas listas británicas, incluíndo todos os que se publicaron nos seguintes seis anos, fóra dun. Lanzado en agosto, o cuarto sinxelo, « She Loves You», alcanzou a marca de maior número de copias vendidas no Reino Unido ata ese momento, vendendo preto de 750 mil copias en menos de catro semanas.[51] Converteuse no seu primeiro sinxelo en vender un millón de copias, e seguiu tendo o récord no Reino Unido ata 1978, cando foi superada por « Mull of Kintyre», interpretada por McCartney e o seu grupo posterior á separación de The Beatles, Wings.[52] A popularidade da súa música proporcionoulles unha crecente atención da prensa, á que eles responderon cunha descarada e irreverente actitude, que acabou por apartarse dos trazos característicos das figuras máis importantes da música pop e que, ata, inspirou maiores intereses.[53][54]

Logotipo de The Beatles coa T alongada cara abaixo, salientando a palabra «beat».

O icónico logotipo de The Beatles coa letra «T» alargada cara a abaixo fixo o seu debut en 1963, cando foi utilizado por primeira vez á fronte da batería de Starr, que Epstein e Starr compraron nunha tenda de Londres.[55][56] Durante a primeira metade do ano levaron a cabo tres xiras no Reino Unido: unha de catro semanas que comezou en febreiro e outras dúas de tres semanas durante marzo e de maio a xuño. A medida que a súa popularidade foi estendéndose, apareceu unha adulación desenfreada cara a eles, tamén chamada «Beatlemanía». Aínda que non se anunciaron como os xefe de xira, os outros artistas que participaron foron Tommy Roe, Chris Montez e Roy Orbison, artistas estadounidenses que estableceran unha gran popularidade no Reino Unido.[57] As actuacións en todas partes, tanto na xira como nos espectáculos fora do Reino Unido, foron recibidas cun entusiasmo desenfreado polos fanáticos que non paraban de berrar.[58] A policía viuse obrigada a usar auga a alta presión con mangueiras para poder controlar ás multitudes, e houbo debates no Parlamento sobre os miles de policías que puñan en risco as súas vidas para protexelos.[59] A finais de outubro, unha xira de cinco días por Suecia converteuse na primeira visita que fixeron ao estranxeiro desde os seus días en Hamburgo.[60] De volta ao Reino Unido foron recibidos no aeroporto de Heathrow baixo unha intensa choiva por miles de fanáticos. Ademais, asistiron cincuenta xornalistas e fotógrafos e un equipo de cámaras da televisión da BBC.[61] Ao día seguinte, The Beatles comezaron outra xira polo Reino Unido, prevista para seis semanas. Pero nesta ocasión, foron, indiscutiblemente, o grupo principal.[57]

Please Please Me estaba aínda no máis alto das listas. Mantívose nesa posición durante trinta semanas, só para ser desprazado por With The Beatles, que se colocou no primeiro lugar durante vinte e unha semanas. Facendo maior uso das técnicas de produción que usaron no LP predecesor, o álbum foi gravado entre xullo e outubro. With The Beatles é descrito por Allmusic como «unha secuela ao máis alto nivel que mellora ao orixinal mediante o desenvolvemento dun ton propio e a adición de profundidade».[62] Nun cambio do que ata entón fora a práctica habitual, o álbum foi lanzado a fins de novembro antes do inminente sinxelo « I Want to Hold Your Hand», excluíndo a esta canción co fin de maximizar as vendas do sinxelo homónimo.[63] With The Beatles chamou a atención do crítico musical de The Times William Mann, que foi tan lonxe como para suxerir que Lennon e McCartney eran «os compositores ingleses máis destacados de 1963».[63] O xornal publicou unha serie de artigos nos que Mann ofreceu unha análise detallada da música de The Beatles, o cal outorgoulles unha maior respetabilidade.[64] With The Beatles converteuse no segundo álbum na historia do Reino Unido en vender un millón de copias, unha cifra que só foi alcanzada previamente pola banda sonora da película estadounidense South Pacific, de 1958.[65]

Conquista dos Estados Unidos

The Beatles, ao arribar no aeroporto JFK de Nova York o 7 de febreiro de 1964.

Os lanzamentos de The Beatles nos Estados Unidos inicialmente atrasáronse por case un ano, cando Capitol Records, filial americana de EMI, negouse a lanzar os sinxelos «Please Please Me» e «From Me to You».[66] As negociacións con selos independentes de Estados Unidos levaron á publicación dalgúns sinxelos, pero os problemas de regalías e as burlas cara ao peiteado «moptop» dos integrantes supoñeron novos obstáculos.[67][68] Unha vez que Capitol comezou a editar o material en Estados Unidos, en lugar de lanzar os LP na súa configuración orixinal, compilaron as súas distintas gravacións en diferentes álbums, e publicaron cancións en sinxelos da súa preferencia.[69] O éxito definitivo en América chegou cando se emitiu unha reportaxe sobre a Beatlemanía británica, provocando grande aclamación entre o público norteamericano, o que levou a Capitol a lanzar «I Want to Hold Your Hand» en decembro de 1963.[70] A primeira viaxe que realizaron a Estados Unidos estaba preparada para unhas semanas despois.

Cando abandonaron o Reino Unido o 7 de febreiro de 1964, uns catro mil afeccionados reunidos en Heathrow comezaron a saudar e gritar cando a aeronave engalou.[71] «I Want to Hold Your Hand» vendera 2,6 millóns de copias nos Estados Unidos durante as dúas semanas anteriores, pero aínda sentían certa incerteza sobre o recibimento que terían á súa chegada.[72] Ao chegar ao recentemente rebautizado Aeroporto Internacional John F. Kennedy foron recibidos por outra multitude vociferante, estimada en ao redor de tres mil persoas.[73] A súa primeira aparición estadounidense levárona a cabo no programa The Ed Sullivan Show o 9 de febreiro de 1964, sendo vistos por aproximadamente 74 millóns de espectadores -case a metade da poboación do país por entón-.[74][75] Á mañá seguinte un xornal escribiu que The Beatles «non podían levar a mesma musiquiña cruzando o Atlántico»,[76] pero un día logo da súa presentación debut en Estados Unidos, por primeira vez a Beatlemanía fíxose ver no Wáshington Coliseum.[77] De volta a Nova York o día seguinte, presentáronse con outra grande acollida no Carnegie Hall. Logo dunha semana apareceron no Ed Sullivan Show por segunda vez, antes de regresar ao Reino Unido o 22 de febreiro.[78] Durante a semana do 4 de abril lograran situar doce das súas cancións no Billboard Hot 100, incluíndo os cinco primeiros lugares.[79] Esa mesma semana, un terceiro LP estadounidense uniuse aos outros dous que xa estaban en circulación. Os tres chegaron aos primeiros lugares na lista estadounidense de álbums. O éxito que obtiveran nos Estados Unidos provocou a denominada invasión británica: a chegada dunha serie de novas formacións musicais británicas que lograron ser populares en Estados Unidos logo da chegada de The Beatles.[80][81] O peiteado do cuarteto, inusualmente longo para ese tempo, continuou sendo obxecto de escarnio de moitos adultos, pero amplamente adoptado como emblema cultural da mocidade florecente.[82]

McCartney, Harrison, Lennon e Jimmy Nicol actuando en Holanda o 5 de xuño de 1964. Nicol substituíu a Starr durante a metade da xira de xuño mentres este último estaba hospitalizado.

En xuño de 1964 realizaron unha xira internacional durante a cal a banda actuou en trinta e dous concertos en só dezanove días. Os lugares de actuación foron en Dinamarca, Hong Kong, Australia e Nova Zelandia, e en todos eles foron recibidos con grande entusiasmo.[83][84] Starr atopouse hospitalizado logo dunha amigdalectomía durante a primeira metade da xira, e Jimmy Nicol foi o encargado de tocar a batería durante a súa ausencia. En agosto volveron visitar Estados Unidos, cunha xira de trinta concertos en vinte e tres cidades.[85] Xerando unha aclamación inmensa unha vez máis, a xira atraeu entre dez e vinte mil afeccionados en todos os concertos. Con todo, a súa música apenas era audible.[85] O sistema de amplificación nese momento era modesto en comparación aos equipos modernos posteriores, e os pequenos amplificadores Vox que usaban tiñan dificultades para competir co alto volume do son xerado polos berros dos fans. Obrigados a aceptar que nin eles nin o seu público puidesen escoitar os detalles das súas actuacións, a banda comezou a aburrirse cada vez máis da rutina dos concertos e as xiras.[86]

Ao final da xira de agosto, estando en Nova York, presentáronlles a Bob Dylan por iniciativa do xornalista Al Aronowitz. Cando o visitaron na súa suite do hotel, Dylan iniciounos no consumo de cánnabis.[87] O historiador musical Jonathan Gould sinalou a importancia musical e cultural desta reunión, xa que os respectivos fans dos músicos eran «percibidos como habitantes de dous mundos culturalmente separados»: o público xeral de Dylan eran «mozos da universidade con inclinacións artísticas ou intelectuais, un idealismo político e social nacente, e un estilo lixeiramente bohemio» en contraste coa audiencia de The Beatles que eran uns «verdadeiros 'adolescentes'-mozos de secundaria ou primaria, cuxas vidas estaban totalmente envolvidas na comercializada cultura popular da televisión, radio, discos de música pop, revistas, e a moda adolescente. Foron vistos como idólatras, non como idealistas». Seis meses logo da reunión, «Lennon habería de facer gravacións onde imitaría abertamente o ton nasal de Dylan -de estilo fráxil- e a súa personalidade vocal introspectiva». Ao cabo dun ano, Dylan «procedería -coa axuda dun grupo de cinco persoas e unha guitarra eléctrica Fender Stratocaster- a sacudirse a súa fama de autor folk auténtico que permanentemente levaba ás súas costas»; «haberanse evaporado case as diferenzas entre o público do folk e o rock»; e a audiencia de The Beatles «mostraría signos de crecemento intelectual».[88]

A Hard Day's Night, Beatles for Sale, Help! e Rubber Soul

A falta de interese da compañía discográfica Capitol Records durante 1963 non pasou desapercibida para a competencia, de maneira que United Artists Records alentou á súa división de cine United Artists a ofrecerlles un contrato cinematográfico coa esperanza de poder chegar a un acordo discográfico con eles.[89] Dirixida por Richard Lester, A Hard Day's Night involucrounos durante un período de tres semanas entre marzo e abril de 1964 para a rodaxe da película.[90] A estrea da película tivo lugar en Londres e Nova York en xullo e agosto, respectivamente, e foi un éxito internacional.[91] Estreada na cúspide da Beatlemanía, foi moi ben recibida pola crítica cinematográfica, converténdose así nunha das películas máis soadas da historia no seu xénero.[92] Segundo Allmusic, a banda sonora da película, A Hard Day's Night, fixo que se lles vise como «unha verdadeira banda cohesionada. Todas as influencias dispares dos seus dous primeiros álbums fundíronse esta vez de forma brillante, alegre e orixinal, chea de sons de guitarras».[93] Este «son de guitarra» foi principalmente produto de Harrison e a súa guitarra eléctrica de 12 cordas Rickenbacker.[94]

O seu cuarto álbum de estudo, Beatles for Sale, viu o comezo dun serio conflito entre o comercialismo e a creatividade.[95] Gravado entre agosto e outubro de 1964, tívose a intención de continuar co formato establecido en A Hard Day's Night, que a diferenza dos primeiros dous LPs, este incluía unicamente composicións orixinais deles.[95] Recoñecendo o desafío que expuña o dar constantes concertos por todo o mundo, os seus esforzos de compor novas cancións foron en balde. Finalmente, foron incluídas seis versións no seu novo álbum de estudo.[95] Lanzado a principios de decembro, as súas oito cancións orixinais destacaron pola crecente madurez que mostraba o material producido pola asociación Lennon-McCartney.[95]

En abril de 1965, estando Lennon e Harrison ceando por invitación en casa do seu dentista, consumiron LSD que este último engadira nos seus cafés.[96] Posteriormente, ambos os músicos experimentaron deliberadamente con esta droga, uníndose a eles Starr nunha ocasión.[97] McCartney mostrouse ao principio renuente a probala, pero finalmente fíxoo en 1966, e máis tarde converteuse no primeiro en falar publicamente sobre iso.[98] A controversia xurdiu en xuño de 1965, cando a Raíña Isabel II os designou como membros da Orde do Imperio Británico (MBE). Propúxoos o Primeiro Ministro Harold Wilson, o que fora antes membro do Parlamento por Huyton, distrito de Liverpool.[99] O nomeamento -nese tempo concedido fundamentalmente a veteranos de guerra e a líderes civís- provocou que algúns receptores do MBE protestasen devolvendo a insignia.[100]

O día 1 de xullo de 1965 recalan en España para dar dous concertos (en Madrid o día 2 e en Barcelona o día 3) non exentos de polémica debido as trabas por parte do réxime do xeneral Franco que fai que nun principio sexan declarados como un fiasco de espectadores, máis concretamente o concerto de Madrid, trabas que máis adiante sairán a luz pública.[101][102]

Fotograma do tráiler estadounidense de Help!, película estreada oficialmente en xullo de 1965. Nel aparecen (desde o primeiro plano cara ao fondo) John Lennon, Paul McCartney e George Harrison.

A segunda película de The Beatles, Help!, de novo dirixida por Lester, foi estreada en xullo de 1965. Descrita principalmente como «unha parodia das películas de James Bond»,[103] o filme foi recibido tibiamente pola crítica e por eles mesmos. McCartney comentou: «Help! era estupenda, pero non foi a nosa película, eramos como unha especie de estrelas invitadas. Foi divertido, pero basicamente, como idea para unha película, estivo un pouco errada».[103] A súa banda sonora, o quinto álbum de estudo da agrupación, contiña material orixinal con só dúas cancións versionadas. Lennon era o cantante e compositor dominante nela, incluíndo os dous sinxelos extraídos do álbum: « Help!» e « Ticket to Ride».[104] En Help! víuselles cunha maior utilización de dobraxes vocais e a incorporación de instrumentos clásicos nos seus arranxos, especialmente o cuarteto de cordas da balada « Yesterday».[105] Composta por McCartney, «Yesterday» posúe a marca de ser a canción máis versionada da historia da música.[106] A pista de peche do LP, « Dizzy Miss Lizzy», converteuse no último tema que versionaron e incluíron nun álbum. Coa excepción do álbum Let It Be, que contiña a canción popular tradicional de Liverpool « Maggie Mae», todos os seus discos posteriores incluíron só material orixinal.[107]

O 15 de agosto, na súa terceira visita a Estados Unidos, levaron a cabo o concerto no Shea Stadium de Nova York, ante unha multitude de 55.600 persoas.[108] Outros nove concertos seguíronlle noutras cidades de Estados Unidos, tamén con grande éxito. Cara ao final da xira, o 27 de agosto de 1965, visitaron a Elvis Presley na súa mansión de Bel Air.[109] Na sala de Elvis tocaron e discutiron sobre o negocio da música e intercambiaron anécdotas persoais.[110] En setembro de 1965 estreouse unha serie estadounidense de debuxos animados de The Beatles, transmitida os sábados pola mañá na televisión que os tiña como protagonistas. A serie facíase eco do humor da película A Hard Day's Night. Os episodios orixinais, aínda que producidos ata 1967, seguiron aparecendo durante dous anos máis, ata 1969.[111]

Rubber Soul, lanzado a principios de decembro, foi aclamado pola crítica como un gran paso na madurez e na complexidade da súa música.[112] O biógrafo e crítico musical Ian MacDonald comentou que con Rubber Soul, The Beatles «recuperaron a dirección que comezaran a perder durante as últimas etapas co seu traballo en Beatles for Sale».[113] Despois de que en Help! incursionasen no mundo da música clásica con cordas e frautas, a introdución en Rubber Soul dun sitar en « Norwegian Wood (This Bird Has Flown)» marcou un avance máis aló dos límites tradicionais da música rock. Ademais, tamén demostrou que Lennon e McCartney estaban menos complementados nas súas composicións, cada vez máis diferentes entre si (aínda que seguían compartindo crédito oficial). O seu alcance temático estivo en plena expansión, englobando os aspectos máis complexos do romance e outro tipo de preocupacións nas súas cancións.[112] Como as súas letras fixéronse máis enxeñosas, os fans comezaron a estudalas para atopar o seu verdadeiro significado. Especulouse que «Norwegian Wood» podería referirse ao cánnabis.[114] En 2012, a revista Rolling Stone clasificou a Rubber Soul no posto número 5 de « os 500 mellores álbums de todos os tempos»,[115] e o álbum é descrito por Allmusic como «un dos discos clásicos no xénero musical de folk rock».[11] De acordo con Lennon e McCartney, con todo, este foi «só un álbum máis».[116] O enxeñeiro Norman Smith viu claros signos dos crecentes conflitos que tiñan durante as sesións de Rubber Soul; Smith dixo máis tarde que «o enfrontamento entre John e Paul facíase cada vez máis evidente» e «no que se refire a Paul, George non podía facer nada ben».[117]

Controversia, anos finais e separación (1966-1970)

Incidentes que conduciron á última xira

En xuño de 1966 saíu á venda Yesterday and Today, unha álbum creado por Capitol Records para o mercado estadounidense. O disco causou grande impacto pola súa portada, ao retratalos vestidos de carniceiros rodeados de pezas de carne e bonecas de plástico mutiladas. Unha popular historia, aínda que apócrifa, foi que a foto da portada habería que entendela como unha resposta satírica ao modo que empregou Capitol en masacrar os álbums orixinais do grupo.[118] Ante a controversia e escándalo que a portada deste álbum espertou, decidiron cambiala por unha nova máis convencional. Unha copia orixinal sen censura foi poxada en 10.500 dólares en decembro de 2005.[119] Durante unha xira por Filipinas, un mes despois de que saíse á venda Yesterday and Today, foron invitados a un almorzo no Palacio Presidencial por parte da primeira dama do país, Imelda Marcos.[120] Cando se presentou a invitación, Epstein rexeitouna cortesmente en nome do grupo, xa que nunca fora a súa política o aceptar este tipo de invitacións oficiais.[121] The Beatles déronse conta pronto de que o réxime de Marcos non estaba afeito tomar un «non» por resposta. Como resultado disto, tiveron que escapar do país por mor dos disturbios que se ocasionaron.[122]

Ao pouco tempo, a piques de comezar a terceira xira por Estados Unidos, atopáronse coa reacción furibunda dalgúns dos relixiosos e conservadores daquel país, debido a un comentario que Lennon fixera o marzo pasado: nunha entrevista coa xornalista británica Maureen Cleave,[123] opinou que a relixión cristiá estaba por entón en franco declive, e que The Beatles eran nese momento máis populares que Xesucristo.[124][125] O comentario pasou practicamente desapercibido en Inglaterra, pero cando a revista Datebook a publicou en Estados Unidos, creouse unha gran controversia entre os grupos relixiosos do sur de Estados Unidos.[126] Ao mesmo tempo, ocasionou tamén que en Suráfrica o goberno prohibise a publicación de gravacións de The Beatles, prohibición que se estendeu ata 1971.[127] Epstein criticou publicamente a Datebook, dicindo que interpretaran as palabras de Lennon fora de contexto.[128] Finalmente, Lennon tivo que desculparse publicamente polo seu comentario nunha conferencia de prensa en Chicago o 11 de agosto de 1966.[128]

Revolver e Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band

Rubber Soul marcara un gran paso cara a adiante na música de The Beatles; Revolver, lanzado en agosto de 1966, unha semana antes da súa última xira, marcaría outro paso máis para o grupo.[129] Pitchfork identifícao como «o son dunha banda que estaba crecendo con suprema confianza en si mesma» e «a redefinición do que cabía esperar da música popular».[53] En Revolver destácanse as sofisticadas composicións e un repertorio moi amplo de estilos musicais, que van desde innovadores arranxos de corda clásica ata o rock psicodélico.[129] Abandonando a típica fotografía que ata ese momento era norma, a portada do álbum -deseñada por Klaus Voormann, un amigo que coñecían desde os seus días en Hamburgo- consistiu agora nun «collage artístico en branco e negro que tiña caricaturizada a imaxe de The Beatles nun curral de tinta ao estilo de Aubrey Beardsley».[129] O álbum foi precedido polo sinxelo « Paperback Writer», con « Rain» na cara B do disco. The Beatles rodaron curtametraxes promocionais para ambas as cancións, que están considerados como «auténticos primeiros vídeos musicais de entre os que se rodaron naquela época»,[130] e que foron transmitidos nos programas Top of the Pops e The Ed Sullivan Show.[131][132]

Un dos temas máis experimentais de Revolver foi « Tomorrow Never Knows», cuxa letra foi inspirada polo libro The Psychedelic Experience: A Manual Based on the Tibetan Book of the Dead, de Timothy Leary. Na creación da canción víronse involucradas oito pletinas distribuídas polo edificio de estudo de gravación, cada unha manexada por un enxeñeiro ou un membro da banda, que variaba aleatoriamente o movemento do bucle dunha cinta.[133] « Eleanor Rigby», de McCartney, contén un uso prominente dun octeto de corda na canción; o tema foi descrito como «un verdadeiro híbrido musical, xa que non é recoñecible algún estilo ou xénero concreto na canción».[134] Harrison estábase desenvolvendo como compositor, e tres das súas composicións gañaran lugar no álbum. En 2012, Rolling Stone situou a Revolver como «o terceiro mellor álbum de todos os tempos».[115] Na xira que seguiu en Estados Unidos, The Beatles non tocaron ningunha das cancións do álbum.[135] The Beatles deron o seu último concerto en vivo o 29 de agosto de 1966 no Candlestick Park de San Francisco.[136] Marcou o final dun período de catro anos dominado por xiras que incluíron preto de 1.400 aparicións en concertos a nivel internacional.[137]

Inscrición á entrada do parque Strawberry Field en 2002, lugar que inspiraría unha das máis afamadas cancións de The Beatles.

En menos de sete meses, logo de gravar Revolver, volveron aos estudos de gravación de EMI o 24 de novembro de 1966 para empezar a gravar o seu oitavo álbum, Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band. Emerick recordou: «The Beatles insistiron en que todo no Sgt. Pepper's tiña que ser diferente. Tiñamos instalados micrófonos dentro das campás dos instrumentos de metal, e os auriculares convertéronse en micrófonos unidos aos violíns. Adoitabamos usar xigantes osciladores primitivos para variar a velocidade do son dos instrumentos e a voz, e tiñamos cintas cortadas en pedazos e pegadas de novo aleatoriamente e ao revés».[138] Algunhas partes de « A Day in the Life» requiriron unha orquestra de corenta persoas.[138] Preto de 700 horas de tempo de estudo dedicáronse ás sesións. Primeiro produciuse o sinxelo independente de dobre lado A « Strawberry Fields Forever»/« Penny Lane» en febreiro de 1967; o Sgt. Pepper's seguiulle en xuño. A complexidade das gravacións musicais, creadas usando só tecnoloxía de gravación a catro pistas, asombrou a artistas contemporáneos que buscaban superar a The Beatles.[139] Para o líder de The Beach Boys, Brian Wilson, no medio dunha crise persoal e dificultades para completar o seu ambicioso álbum Smile, o oír «Strawberry Fields» foi un duro golpe e pronto abandonou todos os intentos de competir con The Beatles.[140][141] O Sgt. Pepper's recibiu a aclamación da crítica. En 2012, a revista Rolling Stone situouno como o mellor álbum de todos os tempos,[115] sendo amplamente considerado como unha obra mestra.[142] Jonathan Gould descríbeo como:

«unha obra rica, continua e desbordante de xenialidade colaborativa, cuxa audaz ambición e sorprendente orixinalidade fan que se amplíe notablemente as súas posibilidades, aumentando así as expectativas do que pode ser a experiencia de escoitar a música popular nunha gravación. Sobre a base desta percepción, o Sgt. Pepper's converteuse no catalizador dunha explosión de gran entusiasmo por parte das masas para co formato de álbum de rock, que ía revolucionar tanto a estética como a economía da industria discográfica que excedería as anteriores explosións pop provocadas polo fenómeno de Elvis en 1956 e o fenómeno da Beatlemanía en 1963».[142]
Tradución do orixinal

Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band é probablemente o álbum máis famoso pola súa portada na historia da música popular.[143] Foi un dos primeiros no seu xénero en incluír as letras das cancións na súa funda.[135] Esas letras foron obxecto de intensas análise; os fans especularon, por exemplo, que o «soado Señor K.» en « Being for the Benefit of Mr. Kite!» de feito podería ser o escritor de ficción surrealista Franz Kafka.[144] O crítico literario norteamericano e profesor de inglés Richard Poirier escribiu un ensaio, Aprender de The Beatles, no que sinalaba que os seus estudantes estaban «escoitando a música do cuarteto con tal grado de compromiso, que el, como mestre de literatura, só podía envexalos».[144] Poirier identificou o que el chamou as «alusiones mixtas» do material musical: «Sempre é pouco prudente asumir que só están facendo unha soa cousa ou que se están expresando nun único estilo [...] un só tipo de sentimento acerca dun tema non é suficiente [...] ten que existir a miúdo calquera sentimento inducido dentro do contexto das alternativas aparentemente contradictorias».[144] McCartney dixo nese momento: «Nós escribimos cancións. Sabemos o que queremos dicir nelas. Pero nunha semana alguén máis di algo respecto diso, e non o podes negar [...] Ti pos o teu propio significado ao teu propio nivel ás nosas cancións».[144] A moi elaborada ocasionou grande interese e un estudo profundo sobre ela.[145] Os bigotes que nesta época levaban os membros do grupo convertéronse rápidamente nun selo distintivo do estilo hippie.[146] O historiador cultural Jonathan Harris describiu «o coloreado intenso e paródico dos uniformes militares» usados por The Beatles no disco como unha visualización cómplice en contra da autoridade e o sistema.[147]

O 25 de xuño interpretaron o seu novo sinxelo, « All You Need is Love», para os televidentes de todo o mundo a través de Our World, o primeiro programa transmitido vía satélite para todo o mundo.[148] A súa aparición no medio do Summer of Love (Verán do Amor) fixo que o adoptasen como himno do flower power.[149][150] Dous meses despois sufriron unha perda que lanzou a súa carreira ao caos. Logo de ser presentados ao Maharishi Mahesh Yogi, viaxaron a Bangor (Gales) para retirarse á meditación transcendental. Durante o retiro, o asistente de Epstein, Peter Brown, chamou para informarlles de que Epstein morrera.[151] O médico forense ditaminou que a súa morte foi ocasionada por unha sobredosis accidental de anfetaminas, pero tamén se rumoreó de que se descubriu unha nota de suicidio entre as súas posesións.[152] Epstein atopouse nun estado emocional fráxil, tanto por cuestións persoais como polo estado da súa relación de traballo con The Beatles.[153] Preocupáballe que non foran a renovalle o seu contrato de xestión con el, que expiraba en outubro, baseado no descontento que tiñan coa súa supervisión nos asuntos de negocios. Expresáronse dúbidas concretas sobre Seltaeb, a empresa que manexaba os dereitos de comercialización de The Beatles nos Estados Unidos.[152] A morte de Epstein deixounos desorientados e medorentos polo seu futuro. Pouco despois, Lennon dixo: «Non tiven ningún concepto erróneo acerca da nosa capacidade para facer outra cousa que non fose tocar música, e tiña medo».[154] Recapitulando, comprendeu que a morte de Epstein sería o comezo do fin do grupo: «Sabía que estabamos en apertos [...] Entón pensei, estamos fodidos a partir deste momento».[155]

Magical Mystery Tour, The White Album e Yellow Submarine

Magical Mystery Tour, a banda sonora dunha próxima película de The Beatles, apareceu como un dobre EP de seis temas a principios de decembro de 1967.[156] Nos Estados Unidos as seis cancións apareceron nun LP titulado do mesmo xeito, no que se incluíron tamén os temas dos seus últimos sinxelos. Allmusic opina sobre o Magical Mystery Tour americano: «O son psicodélico deste disco está moi preto do Sgt. Pepper, e ata se atopa máis acentuado nalgunhas partes del (especialmente nas colaxes de son de ' I Am the Walrus')», e cualifica as súas cinco cancións extraídas dos sinxelos que publicaron en 1967 como «enormes, gloriosas e innovadoras».[157] O álbum estableceu un novo récord nas súas primeiras tres semanas de venda inicial nos Estados Unidos, o máis alto de calquera outro LP de Capitol, e é unha compilación de Capitol que despois foi adoptada no canon oficial dos álbums de estudo de The Beatles.[158] Transmitida o 26 de decembro, Día de Santo Estevo, a película Magical Mystery Tour, dirixida basicamente por Paul McCartney, tróuxolles a primeira crítica negativa por parte da prensa do Reino Unido, con artigos despectivos cara ao seu filme. Foi chamada «un indubidable lixo» polo Daily Express, que a describiu como «unha sucesión de imaxes sen editar mostrando a un grupo de xente subindo e baixando dun autobús e viaxando todo o tempo nel».[159] Con todo, o Daily Mail cualificouna como «un proxecto vanidoso», mentres que The Guardian cualificouna como «unha especie de xogo de fantasía moral sobre a grosería, a calidade e a estupidez da audiencia».[159] Foille tan rotundamente mal que foi cancelada nese momento en Estados Unidos.[160] En xaneiro, filmaron un curto para a película animada Yellow Submarine, unha versión animada e fantasiosa de The Beatles. A outra e última participación que levaron a cabo na película foi coa contribución de varias gravacións de estudo inéditas. Estreado en xuño de 1968, o filme foi ben recibido polo seu innovador estilo visual e humorístico, ademais da súa música. Con todo, tiveron que pasar sete meses ata que se publicou a banda sonora da película.

O álbum The Beatles foi lanzado en novembro de 1968. Foi coñecido popularmente como o Álbum Branco por ser a súa portada totalmente branca e conter só o nome do grupo en relevo e —nas súas primeiras edicións— un número de serie.

Entre tanto, apareceu o que sería o álbum The Beatles, un dobre LP popularmente coñecido como o White AlbumÁlbum Branco— debido a súa funda totalmente branca. En contraposición ás anteriores fundas ou cubertas, o Álbum Branco —publicado co plus do deseño minimalista de Richard Hamilton— contrastaba con anteriores deseños das cubertas de estilo pop-art como as que realizaba Peter Blake.[161]

A inspiración creativa para este álbum chegou desde unha nova dirección, cando, faltando a presenza reitora de Epstein, a banda volveuse cara ao Maharishi Mahesh Yogi para facelo o seu gurú.[162] Na súa ashram en Rishikesh, India, a impartición dun «curso-guía» de tres meses converteuse nun dos seus períodos máis creativos, producindo alí un gran número de cancións, incluíndo a maior parte das trinta gravadas para o álbum.[163] Starr marchouse logo de dez días de estancia alí, comparando aquel lugar cun campamento familiar de verán, e McCartney finalmente aburriuse co procedemento dos seus compañeiros naquel lugar e foise un mes despois.[164] Para Lennon e Harrison a creatividade tornouse en cuestionamento cando Yanni Alexis Mardas, técnico de electrónica coñecido como Magic Alex, suxeriu que o gurú Maharishi estaba tratando de manipularlles.[162] Despois de que Mardas alegase que o Maharishi fixera proposicións sexuais a varias asistentes, Lennon quedou convencido e foise abruptamente, levándose a Harrison e ao resto da comitiva consigo.[164] Na súa ira, Lennon escribiu unha canción chamada «Maharishi», pero logo modificouna para evitar unha demanda legal, converténdoa na canción « Sexy Sadie».[162] McCartney dixo: «cometemos un erro. Pensabamos que había algo máis no Maharishi do que realmente había».[162]

Durante as sesións de gravación para o álbum, que se estenderon desde fins de maio ata mediados de outubro de 1968, as diferenzas e os desacordos comezaron a dividilos. Starr deixounos por un tempo, o que fixo que seguisen adiante con McCartney tocando a batería en varios temas.[165] O romance de Lennon coa artista vangardista Yoko Ono contribuíu a crearlles tensións, facendo que Lennon perdese o interese en escribir cancións con McCartney.[166] Desobedecendo o acordo que eles mesmos estableceron de non levar parellas ao estudo, Lennon insistiu en levar a Ono a todas as sesións de gravación, situación que non lle agradaba a Harrison.[167] Tamén era cada vez máis despectivo coas achegas creativas de McCartney, ao que empezou a identificar como «autor de música para avoíñas», cualificando a canción « Ob-La-Di, Ob-La-Da» como «músico-lixo para avoíñas».[168] Recordando as sesións do White Album, Lennon ofreceu un curiosamente abreviado resumo da historia que vivira cos seus compañeiros a partir dese momento, dicindo: «É coma se sacases cada tema de aí e o convertese en todo meu e todo de Paul [...] soamente eu con músicos de acompañamento por unha banda e Paul igualmente por outro; e paseimo ben. Entón foi cando nos disolvemos».[169] McCartney tamén recordou que as sesións marcaron os comezos da ruptura, dicindo: «Ata ese momento, o mundo era un problema, pero nós non o eramos», o cal sempre fora «a mellor cousa de The Beatles».[170] Publicado en novembro, o White Album foi o primeiro álbum de The Beatles editado por Apple Records. O selo discográfico era unha das divisións da empresa Apple Corps, formada polo grupo ao seu regreso da India, cumprindo así un plan previo de Epstein de crear unha estrutura empresarial efectiva para administrar mellor os impostos a pagar.[171] O álbum tivo máis de dous millóns de pedidos anticipados, vendendo case catro millóns de copias nos Estados Unidos en pouco máis dun mes, e os seus temas dominaron as listas das emisoras de radio estadounidenses.[172] A pesar da súa popularidade, non recibiu comentarios afagadores na súa época. Segundo Jonathan Gould,

«A resposta da crítica [...] oscilou entre a confusión e o desencanto. En intenso contraste con Sgt. Pepper, que contribuíra a establecer todo un xénero de crítica erudita do rock, o White Album non inspirou literatura crítica digna de mención. Ata os recensores máis simpatizantes [...] claramente non sabían que facer con esta efusión amorfa de cancións. Hubert Saal, do Newsweek, citou a alta proporción de parodias, e acusounos de exceso de ironía soterrada».[172]
Tradución do orixinal

A opinión xeral da crítica decantouse finalmente a favor do White Album, e en 2012 a revista Rolling Stone considerouno o décimo mellor álbum de todos os tempos.[115] Pitchfork describe o álbum como «grande, rebosante de ideas e cheo dunha enorme variedade musical [...] os seus defectos son tan esenciais ao seu carácter como as súas virtudes».[173] Allmusic sinala: «Claramente, as dúas forzas compositoras de The Beatles xa non estaban na mesma páxina, pero tampouco o estaban George e Ringo»; a pesar de todo «Lennon crea unha das súas dúas mellores baladas, as letras das cancións de McCartney son sorprendentes», é visible que Harrison converteuse en «un compositor que merecía unha demostración máis ampla» e a composición de Starr «é un pracer».[174]

Para ese entón, o interese polas letras de The Beatles estaba tomando un aspecto serio. Cando a canción de Lennon « Revolution» publicouse como sinxelo en agosto, como anticipo do White Album, a súa mensaxe parecía claro: «libera a túa mente» e «non contes comigo» para calquera conversación sobre a destrución como medio para alcanzar un fin.[175] Nun ano caracterizado por protestas estudantís que se estendían desde Varsovia ata París e Chicago, a resposta da esquerda radical foi mordaz.[176] Con todo, a versión da canción no White Album, «Revolution 1», engadía unha palabra extra: «count me out... in» (traducible por: «non contes comigo..., conta comigo»), o que implicaba un cambio de ideas desde a publicación do sinxelo. De feito, a cronoloxía invertiuse: a ambigua versión do álbum gravouse antes, pero algúns creron que The Beatles agora dicían que a violencia política podía ser, a pesar de todo, xustificable.[177]

O LP Yellow Submarine apareceu finalmente en xaneiro de 1969. Contiña só catro das súas cancións inéditas, xunto á pista do título, xa aparecida en Revolver; unha canción editada en sinxelo en 1967; e sete pezas instrumentais compostas por George Martin e interpretadas coa súa orquestrada. Debido á escaseza de música nova que a agrupación proporcionaba, Allmusic suxeriu que quizais o álbum «non fose esencial», salvo polo tema « It's All Too Much» de Harrison, «a xoia das novas cancións [...] resplandecida por un mellotron envolvente, unha percusión incrible, e unha retroacción (feedback) de guitarra fastuoso [...] unha excursión virtuosa na por outra banda confusa psicodelia reinante».[157]

O proxecto de Let It Be, Abbey Road e a separación

Véxase tamén: Separación de The Beatles.
Edificio de Apple no nº 3 de Savile Row (2007, aprox.), lugar onde se realizou o famoso «concerto na azotea» durante as sesións de Let It Be en xaneiro de 1969.

Aínda que Let It Be foi o último álbum que lanzaron, a maior parte do seu contido foi gravado antes de Abbey Road. Inicialmente chamado Get Back, Let It Be orixinouse dunha idea que Martin atribúe a McCartney: preparar novo material e interpretalo por primeira vez nun concerto, gravalo para un novo álbum e filmar as súas sesións de gravación.[178] Neste caso, moito do contido do disco veu do traballo en estudo, moitas horas das cales foron capturadas en película polo director Michael Lindsay-Hogg. Martin dixo que os ensaios e a gravación para o proxecto, que ocuparon gran parte de xaneiro de 1969, «non eran en absoluto unha experiencia feliz. Foi unha época na que as relacións entre os membros de The Beatles estaban no seu punto máis baixo».[178] Agravado polas relacións entre McCartney e Lennon, Harrison abandonou os ensaios durante unha semana. Regresou co teclista Billy Preston, que participou nos últimos dez días das sesións do álbum e que foi acreditado no sinxelo « Get Back», foi o único músico en recibir tal recoñecemento nunha gravación oficial de The Beatles. Pensando na localización para realizar o concerto, aos membros da banda esgotáronselles todas as ideas, rexeitando, entre outros escenarios, un barco no río Támese, o deserto de Tunisia e o Coliseo de Roma. Finalmente, acompañados por Preston, levaron a cabo e filmaron a actuación na azotea do edificio de Apple Corps no 3 de Savile Row, Londres, o 30 de xaneiro de 1969.[178]

O enxeñeiro Glyn Johns traballou durante meses reunindo varias repeticións posibles para poder publicar un álbum definitivo de Get Back, mentres que eles trataban outros asuntos. O problema chegou coa necesidade de nomear un asesor financeiro, necesidade que se había feito evidente ao non estar xa Epstein para xestionarlles os seus asuntos de negocio. Lennon estaba a favor de Allen Klein, que negociara os contratos de The Rolling Stones e outras bandas do Reino Unido durante a invasión musical británica nos Estados Unidos. A elección de McCartney foi John Eastman, irmán de Linda Eastman, con quen McCartney casaría o 12 de marzo de 1969 (oito días antes de que o fixesen Lennon e Ono).[179] Non se puido chegar a ningún acordo, así que ambos os candidatos foron nomeados para o mesmo posto. A causa do conflito, perdéronse varias oportunidades de operacións financeiras.[179]

Martin sorprendeuse cando McCartney se puxo en contacto con el e lle pediu que producise un novo álbum, xa que as sesións de Get Back foran -segundo o produtor- «unha experiencia desagradable» e que pensara que era o final do camiño para todos nós [...] convertéronse en persoas desagradables - para eles mesmos como para as demais persoas.»[180] As sesións de gravación de Abbey Road iniciáronse a finais de febreiro de 1969. Lennon rexeitou o formato proposto por Martin de «unha obra musical continua», e quería que as súas propias cancións e as de McCartney ocupasen partes separadas do álbum.[180] O formato final, con cancións individuais na primeira parte e a segunda comprendendo un longo medley, foi un concepto suxerido por McCartney.[180] O 4 de xullo, mentres ía progresando o traballo no álbum, apareceu o primeiro sinxelo dun membro de The Beatles en solitario: « Give Peace a Chance» de Lennon, acreditado á Plastic Ono Band. A complementación de « I Want You (She's So Heavy)», de Abbey Road, o 20 de agosto, foi a última vez que os catro Beatles estiveron xuntos no mesmo estudo. Lennon anunciou a súa retirada da formación o 20 de setembro de 1969, pero chegouse a un acordo polo cal non se faria ningún anuncio público ata que non se resolvesen algúns asuntos legais aínda pendentes.

Lanzado seis días logo da declaración de Lennon, Abbey Road vendeu catro millóns de copias en dous meses e encabezou as listas do Reino Unido durante once semanas.[181] A súa segunda pista, a balada « Something», publicouse tamén como sinxelo, a primeira e única composición de Harrison en aparecer como un lado A nos sinxelos de The Beatles.[182] Abbey Road recibiu críticas moi variadas, aínda que o medley levou o aplauso xeral.[183] Allmusic considera que é «un oportuno canto de cisne para o grupo» con «algunhas das mellores harmonías que poden ser oídas en calquera disco de rock».[184] MacDonald resaltouno como «errático e, a miúdo oco»: «Se non fose pola entrada de McCartney como deseñador do longo medley [...] Abbey Road carecería da descrición de unidade e coherencia que fai que pareza mellor do que é».[185] Martin colocouno como o seu favorito entre todos os álbums de The Beatles; Lennon dixo que era «competente», pero «non tiña vida en el», chamando a « Maxwell's Silver Hammer» «máis da música de avoa de Paul».[186][187] O enxeñeiro de gravación Geoff Emerick sinalou que a substitución da válvula na mesturadora de son do estudo fixo que o transistorizado producise un son con menos garra, deixando aos músicos frustrados polo ton máis delgado e a falta de efecto.[188]

O 3 de xaneiro de 1970 gravouse a última nova canción de The Beatles, « I Me Mine», de Harrison, para o aínda incompleto álbum Get Back. Non participara Lennon, que se atopaba entón en Dinamarca.[189] Para completar o álbum, agora retitulado Let It Be, Klein deu en marzo as cintas de gravación de Get Back ao produtor estadounidense Phil Spector. Coñecido polo seu característico muro de son (Wall of Sound), Spector producira recentemente o sinxelo en solitario de Lennon « Instant Karma!». Ademais de remezclar o material de Get Back, Spector editou, empalmou e sobregravou en varias das pistas que The Beatles concibiran como gravacións «en vivo». McCartney estaba insatisfeito co tratamento que Spector lle deu ao material, e particularmente coa orquestración en « The Long and Winding Road», que involucrou a un conxunto dun coro e unha orquestra de trinta e catro pezas instrumentais. Por iso, intentou sen éxito deter o lanzamento do álbum na versión de Phil Spector.[190] Finalmente, McCartney anunciou publicamente a separación do grupo o 10 de abril de 1970, unha semana antes da publicación do seu primeiro álbum en solitario, McCartney. As primeiras copias do seu álbum debut en solitario incluían unha nota de prensa cunha autoentrevista explicando o final de The Beatles e as súas esperanzas cara ao futuro.[191]

O 8 de maio lanzouse o álbum Let It Be, con produción final de Spector. O sinxelo extraído del, «The Long and Winding Road», foi a súa última publicación nos Estados Unidos, xa que en Gran Bretaña non se publicou como tal. A película documental Let It Be seguiulle máis tarde nese mes; na cerimonia dos Premios Óscar do seguinte ano gañaría o Oscar á mellor banda sonora.[192] The Sunday Telegraph cualificouna como «unha película moi mala, pero ao mesmo tempo enternecedora [...] sobre a ruptura desta tranquila, xeométricamente perfecta, e algunha vez atemporal familia de compañeiros».[193] Máis dunha recensión crítica comentara que algunhas pistas de Let It Be soaban mellor na película que no propio álbum.[193] Observando que Let It Be é o único álbum de The Beatles que adoitaba ocasionar recensións negativas, ata hostís, Allmusic describiuno como «en conxunto, un álbum menos valorado [...] McCartney, en particular, ofrece algunhas xoias: a canción ao estilo gospel «Let It Be», que contén algunha das súas mellores letras; ' Get Back', un dos seus temas máis roqueros; e a melódica ' The Long and Winding Road', arruinada pola sobreprodución de Spector».[194] Paul McCartney presentou unha demanda para a disolución de The Beatles o 31 de decembro de 1970.[195] As disputas legais continuaron moito tempo logo da ruptura, e a disolución da asociación non fornecería efecto ata 1975.[196][197]

Despoís da separación

1971-1980

Pouco antes e logo da súa separación oficial, cada un deles publicou álbums en solitario, aínda que algúns dos seus discos contiñan contribucións dos outros membros. Ringo (1973), de Ringo Starr, foi o único álbum que incluía composicións e interpretacións de todos eles, aínda que en cancións gravadas por separado. Harrison mostrou a súa conciencia sociopolítica ao arranxar o concerto para Bangladesh na cidade de Nova York en agosto de 1971, xunto ao mestre do sitar Ravi Shankar, gañando así respecto pola súa contribución á axuda daquel país, devastado pola guerra (co consecuente refuxio dunha parte da poboación ao país veciño, a India), e un posterior desastre natural en forma de ciclón. Agas dun inédito jam session de 1974 (aparecido despois no bootleg A Toot and a Snore in '74), Lennon e McCartney nunca máis volverian a gravar xuntos.[198]

Paul McCartney en 1976 durante un concerto coa súa banda post-Beatles Wings.

En 1973 lanzáronse dous dobres LP que contiñan os grandes éxitos de The Beatles compilados por Allen Klein, The Beatles/1962-1966 e The Beatles/1967-1970.[199] Comunmente coñecidos como o Álbum Vermello e Álbum Azul, respectivamente, cada un obtería co paso do tempo un disco multi-platino nos Estados Unidos e unha certificación de platino no Reino Unido.[200][201] Entre 1976 e 1982, lanzáronse, por parte de EMI/Capitol, unha onda de álbums recompilatorios de The Beatles sen participación algunha dos membros do grupo. O único álbum de todos eles que incluíu material inédito foi The Beatles at the Hollywood Bowl (1977), que contiña unha selección de dous concertos de The Beatles durante as súas xiras de 1964 e 1965 nos Estados Unidos. Todos estes discos recompilatorios foron suprimidos do catálogo oficial de EMI -incluíndo The Beatles at the Hollywood Bowl- ao reeditarse a discografía orixinal inglesa en CD para todo o mundo en 1987.[202]

A fama e música de The Beatles foron explotadas comercialmente de diferentes xeitos, fóra do control creativo dos seus catro membros. En 1977 inaugurouse un musical en Broadway chamado Beatlemanía. Era unha revista nostálxica interpretada por catro músicos imitando a The Beatles e que gozou dunha gran popularidade, de maneira que se sonsacou dela cinco producións por separado para as súas correspondentes xiras mundiais.[203][204] En 1977 The Beatles trataron infrutuosamente de evitar o lanzamento do álbum Live! at the Star-Club in Hamburg, Germany; 1962. Esta edición independente contiña gravacións que realizaron durante a súa estancia en Hamburgo, feitas cun equipo básico de gravación e un só micrófono.[205] Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band (1978), unha película musical protagonizada, entre outros, polos Bee Gees e Peter Frampton, foi un fracaso comercial e artístico.[206] En 1979, os catro músicos demandaron aos produtores do musical Beatlemania, chegando a pedir varios millóns de dólares de indemnización. «A xente cría que a música de The Beatles era do dominio público», dixo Harrison. «Non se pode ir por aí furtando o material de The Beatles».[204]

1981-1990

Véxase tamén: Asasinato de John Lennon.

John Lennon sería asasinado o 8 de decembro de 1980, ao redor das 22:49 h. da noite, de cinco disparos feitos por Mark David Chapman á entrada do edificio Dakota, onde o músico tiña a súa residencia na cidade de Nova York.[207] Foi incinerado o 10 de decembro de 1980, no Cemiterio Ferncliff de Hartsdale, Nova York; as cinzas foron entregadas a Ono, quen decidiu non realizar un funeral por el, aínda que se realizaron varias homenaxes e tributos na súa honra. Como tributo persoal, George Harrison reescribiu a letra da súa canción « All Those Years Ago», un tema que versaba sobre o seu tempo pasado con The Beatles, e que se empezou a gravar un mes antes do asasinato de Lennon. Con McCartney e a súa esposa Linda achegando coros, e Starr tocando a batería, a canción foi publicada como sinxelo en maio de 1981.[208] En 1982, Paul McCartney publicou o seu álbum Tug of War, que contiña o seu tributo persoal a Lennon na canción «Here Today».

En 1988, The Beatles foron incluídos no Salón da Fama do Rock and Roll durante o seu primeiro ano de elexibilidade,[209] á que asistiron Harrison e Starr, xunto á viúva de Lennon, Yoko Ono, e os seus dous fillos, Julian e Sean. McCartney negouse a asistir, emitindo un comunicado de prensa dicindo: «Logo de 20 anos, The Beatles aínda teñen algunhas diferenzas de negocios que eu houbese desexado que xa foran resoltas para este momento. Desafortunadamente, non o foron, polo que me sentiría como un completo hipócrita saudando e sorrindo con eles nunha falsa reunión».[210][211] O ano seguinte, EMI/Capitol puxo fin a unha demanda de dez anos de duración que tiña con The Beatles referente ás regalías, achandando o camiño para poder publicar comercialmente material inédito.[74][212]

1991-2000

Live at the BBC, a primeira publicación oficial de interpretacións inéditas de The Beatles desde facía 17 anos, apareceu en 1994. Ese mesmo ano, McCartney, Harrison e Starr reuníronse para o proxecto Anthology, a culminación dun traballo iniciado a finais dos anos 60 por Neil Aspinall.[213] Primeiro road manager e despois asistente persoal de The Beatles, Aspinall comezou a reunir material para un documental logo de chegar a director de Apple Corps en 1968.[213] The Long and Winding Road, como tiña titulado provisionalmente Aspinall o seu documento sobre The Beatles, foi arquivado entón de forma indefinida, ata que, como produtor executivo do proxecto Anthology nos anos 90, estivo en condicións de completar o seu traballo.[213] Documentando a historia de The Beatles relatada polos propios membros, o proxecto viu xurdir algunhas das súas gravacións inéditas; McCartney, Harrison e Starr engadiron tamén novas partes instrumentais e vogais a dúas cancións gravadas por Lennon a finais da década de 1970.[214] Durante 1995 e 1996, o proxecto antolóxico deu lugar a un documental dividido en cinco partes destinado para a televisión; a unha edición videográfica dividida en oito volumes do mesmo documental, pero expandido; e a tres álbums con dous CD cada un. Posteriormente, en 2000, tamén daría lugar a un libro de gran tamaño e tapa dura coa historia de The Beatles relatada en primeira persoa polos seus ex membros. As dúas cancións baseadas nas maquetas de Lennon, « Free as a Bird» e « Real Love», foron lanzadas cada unha como sinxelo.[213] O deseño artístico da portada tríptica dos tres álbums antolóxicos foi obra de Klaus Voormann, creador da portada do álbum Revolver en 1966. Os lanzamentos foron un éxito comercial e a serie de televisión foi vista por unha audiencia estimada de 400 millóns de persoas en todo o mundo.[213]

2001-Presente

Harrison in his forties, wearing a white shirt and a black jacket, playing a white acoustic guitar and standing behind a microphone. A drummer is partly visible behind him.
George Harrison no The Prince's Trust, en 1987 tocando " Here Comes The Sun", Wembley Arena

O 13 de novembro de 2000 publicouse o álbum recompilatorio 1, que contiña todos os números un británicos e estadounidenses de The Beatles. Converteuse no álbum con vendas máis rápidas de todos os tempos, con 3,6 millóns de unidades vendidas na súa primeira semana e máis de 12 millóns en tres semanas en todo o mundo. Foi número un nas listas de polo menos 28 países, incluíndo o Reino Unido e os Estados Unidos.[215][216] Ata abril de 2009 vendera 31 millóns de copias a nivel mundial, e é o álbum máis vendido da década nos Estados Unidos.[217][218]

Harrison morrería de cancro de pulmón o 29 de novembro de 2001.[219][220] McCartney e Starr foron dous dos músicos que apareceron no Concert for George organizado por Eric Clapton e a viúva de Harrison, Olivia. A homenaxe tivo lugar no Royal Albert Hall no primeiro aniversario da morte de Harrison. Agas das cancións que compuxo para The Beatles e para a súa carreira en solitario, o concerto incluíu tamén unha celebración da música tradicional hindú, que tanto influíra a The Beatles a través de Harrison.[221] En 2003 lanzouse Let It Be... Naked, unha versión remodelada do álbum orixinal Let It Be coa produción supervisada de McCartney, e que recibiu recensións diversas por parte da crítica. Alcanzou o Top 10 tanto no Reino Unido como nos Estados Unidos.

Logo do proxecto Love do Cirque du Soleil, un espectáculo baseado na música e imaxe de The Beatles iniciado en 2006.

Como banda sonora para o espectáculo Love do Cirque du Soleil en Las Vegas, George Martin e o seu fillo Giles remezclaron e combinaron 130 gravacións da banda para crear «un xeito de revivir toda a vida musical de The Beatles nun período de tempo moi curto».[222] O espectáculo estreouse en xuño de 2006, lanzándose o álbum Love en novembro dese mesmo ano. Atendendo ao primeiro aniversario do espectáculo musical, McCartney e Starr foron entrevistados no programa de televisión estadounidense Larry King Live xunto a Yoko Ono e Olivia Harrison.[223] Así mesmo, en 2007 circulou a noticia de que McCartney esperaba completar « Now and Then», unha terceira maqueta de Lennon na que se traballou durante as sesións de Anthology. Sería acreditada como «unha composición de Lennon/McCartney» coa adición de novos versos, e dispondo dunha nova pista de batería a cargo de Ringo Starr e gravacións arquivadas de George Harrison tocando a guitarra.[224]

Ringo Starr e Paul McCartney presentando o videoxogo The Beatles: Rock Band.

En marzo de 2008 os avogados representantes de Apple Corps tramitaron unha demanda para evitar a difusión de gravacións inéditas supostamente feitas durante a primeira aparición de Starr con The Beatles no Star-Club de Hamburgo en 1962.[225] En novembro, McCartney falou da súa esperanza de que « Carnival of Light», unha gravación experimental de 14 minutos de The Beatles realizada nos estudos de gravación de EMI en 1967, recibise unha versión oficial.[226] O 4 de abril de 2009, McCartney encabezou un concerto caritativo no Radio City Music Hall para a Fundación David Lynch, que incluía a Ringo Starr entre os demais invitados.[227]

O 9 de setembro de 2009 publicouse The Beatles: Rock Band, un videoxogo dentro da serie Rock Band, e que estaba baseado nas cancións de The Beatles.[228] Ese mesmo día saíron á venda as versións remasterizadas dos doce álbums de estudo británicos do grupo, máis Magical Mystery Tour e a compilación Past Masters.[229]

Other Languages
Afrikaans: The Beatles
Alemannisch: The Beatles
አማርኛ: ዘ ቢተልስ
aragonés: The Beatles
Ænglisc: The Beatles
العربية: البيتلز
مصرى: بيتيلز
asturianu: The Beatles
Aymar aru: The Beatles
azərbaycanca: The Beatles
башҡортса: The Beatles
Boarisch: The Beatles
žemaitėška: The Beatles
Bikol Central: The Beatles
беларуская: The Beatles
беларуская (тарашкевіца)‎: The Beatles
български: Бийтълс
Bislama: The Beatles
brezhoneg: The Beatles
bosanski: The Beatles
буряад: The Beatles
català: The Beatles
Chavacano de Zamboanga: The Beatles
нохчийн: The Beatles
Cebuano: The Beatles
کوردی: بیتڵز
čeština: The Beatles
словѣньскъ / ⰔⰎⰑⰂⰡⰐⰠⰔⰍⰟ: Битлꙁъ
Чӑвашла: The Beatles
Cymraeg: The Beatles
Deutsch: The Beatles
dolnoserbski: The Beatles
Ελληνικά: The Beatles
emiliàn e rumagnòl: Beatles
English: The Beatles
Esperanto: The Beatles
español: The Beatles
euskara: The Beatles
estremeñu: The Beatles
فارسی: بیتلز
Na Vosa Vakaviti: The Beatles
føroyskt: The Beatles
français: The Beatles
furlan: The Beatles
Gaeilge: The Beatles
贛語: 披頭士
Gàidhlig: The Beatles
ગુજરાતી: ધ બિટલ્સ
Hawaiʻi: The Beatles
עברית: הביטלס
हिन्दी: द बीटल्स
Fiji Hindi: The Beatles
hrvatski: The Beatles
hornjoserbsce: The Beatles
Kreyòl ayisyen: The Beatles
magyar: The Beatles
հայերեն: The Beatles
interlingua: The Beatles
Bahasa Indonesia: The Beatles
Interlingue: The Beatles
Ilokano: The Beatles
íslenska: Bítlarnir
italiano: The Beatles
日本語: ビートルズ
Patois: The Beatles
Basa Jawa: The Beatles
ქართული: The Beatles
Qaraqalpaqsha: The Beatles
Kabɩyɛ: The Beatles
қазақша: The Beatles
한국어: 비틀즈
kurdî: The Beatles
Кыргызча: The Beatles
Latina: The Beatles
Lëtzebuergesch: The Beatles
лезги: The Beatles
Limburgs: The Beatles
Ligure: The Beatles
lumbaart: The Beatles
lietuvių: The Beatles
latviešu: The Beatles
Malagasy: The Beatles
олык марий: The Beatles
македонски: Битлси
монгол: The Beatles
मराठी: बीटल्स
кырык мары: The Beatles
Bahasa Melayu: The Beatles
Mirandés: The Beatles
မြန်မာဘာသာ: ဘီးတဲလ်အဖွဲ့
مازِرونی: بیتلز
Dorerin Naoero: The Beatles
Nāhuatl: The Beatles
Napulitano: The Beatles
Plattdüütsch: The Beatles
Nedersaksies: The Beatles
नेपाली: द बिटल्स
नेपाल भाषा: द बिटल्स
Nederlands: The Beatles
norsk nynorsk: The Beatles
occitan: The Beatles
Livvinkarjala: The Beatles
Ирон: Битлз
ਪੰਜਾਬੀ: ਦ ਬੀਟਲਜ਼
Pangasinan: The Beatles
Kapampangan: Beatles
Papiamentu: The Beatles
Picard: The Beatles
polski: The Beatles
Piemontèis: The Beatles
پنجابی: بیٹلز
português: The Beatles
Runa Simi: The Beatles
rumantsch: The Beatles
română: The Beatles
русский: The Beatles
русиньскый: The Beatles
саха тыла: The Beatles
sicilianu: The Beatles
srpskohrvatski / српскохрватски: The Beatles
Simple English: The Beatles
slovenčina: The Beatles
slovenščina: The Beatles
српски / srpski: Битлси
Basa Sunda: The Beatles
svenska: The Beatles
Kiswahili: The Beatles
ślůnski: The Beatles
తెలుగు: ద బీటిల్స్
Tagalog: The Beatles
Türkçe: The Beatles
татарча/tatarça: The Beatles
українська: The Beatles
اردو: بیٹلز
oʻzbekcha/ўзбекча: The Beatles
vèneto: The Beatles
vepsän kel’: Bitlad
Tiếng Việt: The Beatles
Volapük: The Beatles
walon: Beatles
Winaray: The Beatles
მარგალური: ბითლზი
ייִדיש: די ביטלס
Yorùbá: The Beatles
Bân-lâm-gú: The Beatles
粵語: 披頭四
isiZulu: Ama-Beatles