Traxectoria
Théophile Gautier naceu o 30 de agosto de 1811 en Tarbes, capital do departamento de Hautes-Pyrénées, no suroeste de Francia. O pai, Pierre Gautier, era un pequeno funcionario bastante culto. A mai foi Antoinette-Adelaïde Concarde. A familia trasladouse a París en 1814, onde residiron no distrito de Marais.
Gautier comezou a súa educación como interno no prestixioso Collège Louis-le-Grand en París (entre os seus alumnos estiveran Charles Baudelaire e Voltaire). A estancia durou tres meses e tivo que ser levado á casa a causa dunha doenza e da súa falta de adaptación. Acabou a instrución no Collège Charlemagne, pero o seu principal educador foi seu pai que o empurrou cara o estudo do latín. Na escola coñeceu a Gérard de Nerval que se converteu nun amigo para toda a vida e que lle presentou a Victor Hugo, xa establecido como poeta e dramaturgo e que tería unha importancia definitiva en apartar a Gautier da carreira de pintor coa que daquela soñaba e inclinalo cara á literatura. Gautier estivo presente na tumultuosa estrea da obra de Hugo Hernani, onde se fixo notar polo seu chaleco vermello.
Pouco despois da revolución de 1830 a familia Gautier pasou por dificultades económicas e tiveron que trasladarse ás aforas de París. Téophile decidiu ficar cos seus amigos no distrito de Doyenné, onde levou unha vida bohemia. A finais de 1830, Gautier comezou a frecuentar as reunións en Le Petit Cénacle, un grupo de artistas que se reunía no estudio de
Jehan Du Seigneur, unha versión irreverente do "Cénacle" de Victor Hugo, e no que se xuntaban Gérard de Nerval, Alexandre Dumas pai,
Petrus Borel,
Alphonse Brot,
Joseph Bouchardy e
Philothée O’Neddy. Le Petit Cénacle gañou axiña sona de extravagante e excéntrico, pero tamén de punto de encontro único.
Gautier comezou a escribir poemas en 1826 pero o máis do seu tempo dedicouno a escribir para varios xornais, especialmente para La Presse, o que lle deu a oportunidade de viaxar polo estranxeiro e ter contactos con xente influente na alta sociedade e no mundo artístico. Gautier viaxou por España, Italia, Rusia, Exipto e Alxeria e as viaxes inspiraron moitos dos seus libros: Voyage en Espagne (Viaxe en España) de 1843, Trésors d’Art de la Russie (Tesouros da arte de Rusia) de 1858, e Voyage en Russie (Viaxe en Rusia) de 1867. A súa literatura de viaxe é considerada por moitos coma unha das mellores do século XIX, está escrita nun estilo moi persoal e dá unha idea dos gustos artísticos e culturais do autor.
Gautier era moi afeccionado ó
ballet romántico e escribiu guións para varios deles. O máis famoso é Giselle, que foi estreado pola bailarina Carlotta Grisi, á que Gautier amou toda a súa vida. A falta de correspondencia de Carlotta acabou por decidir casar con Ernestina Grisi, cantante e irmá de Carlota.
Despois da revolución de 1848 Gautier escribiu case cen artigos en nove meses. O seu momento de prominencia coincidiu co tempo no que os antigos líderes do romanticismo Hugo, François-René de Chateaubriand, Alphonse de Lamartine,
Alfred de Vigny e Alfred de Musset non estaban xa participando activamente no mundo. O seu prestixio foi confirmado polo seu posto de director da Revue de Paris entre 1851 e 1856. Durante estes anos deixou La Presse e comezou a traballar para Le Moniteur universel canso do traballo do xornalismo regular que atopaba humillante. Malia esa opinión comprou a editora da revista L’Artiste en 1856. Foi nesa revista onde publicou as súas teorías da
arte pola arte.
Na década de 1860 aínda que viu a súa candidatura á Academia francesa rexeitada tres veces, asentouse literariamente.
Charles-Augustin Sainte-Beuve, o crítico literario de máis sona da época dedicou tres artigos a examinar eloxiosamente toda a obra de Gautier publicada ata 1863. En 1865 Gautier foi admitido no salón literario da princesa Mathilde Bonaparte, curmá de Napoleón II e sobriña de Napoleón Bonaparte. A princesa ofreceulle a Gautier a sinecura de ser o seu bibliotecario en 1868, posto que lle deu acceso á corte de Napoleón III.
Durante a guerra franco-prusiana Gautier volveu a París ó saber que os prusianos avanzaban cara á capital francesa. Ficou coa familia durante a invasión e o tempo da Comuna. Morreu o 23 de outubro de 1872 dunha enfermidade cardíaca crónica. Foi enterrado no cemiterio de Montmartre en París.