Symbiodinium

Symbiodinium
Symbiodinium.png
Clasificación científica
Dominio:Eukaryota
Reino:Chromalveolata
Superfilo:Alveolata
Filo:Dinoflagellata
Clase:Dinophyceae
Orde:Suessiales
Familia:Symbiodiniaceae
Xénero:Symbiodinium
Freudenthal, 1962[1]

Symbiodinium é un xénero de dinoflaxelados (tamén coñecidos menos formalmente como zooxantelas) que comprende o grupo máis abundante de dinoflaxelados endosimbiontes. Estes protistas algais unicelulares viven normalmente no endoderma de cnidarios tropicais como corais, anemones de mar, e medusas, os cales se aproveitan dos produtos fotosintéticos da alga á vez que lle proporcionan a esta moléculas inorgánicas. Tamén viven en varias especies de esponxas, vermes planos, moluscos (ameixas xigantes), foraminíferos (sorítidos), e algúns ciliados. Xeralmente, estes dinoflaxelados entran na súa célula hóspede ao seren fagocitados, mantéñense como simbiontes intracelulares, reprodúcense, e dispérsanse de novo no seu ambiente. A excepción atopámola na maioría dos moluscos con este tipo de simbiose, nos cales os Symbiodinium son intercelulares (viven fóra das células, entre as células). Os cnidarios que están asociados con Symbiodinium viven principalmente en ambientes mariños de augas cálidas e oligotróficos (pobres en nutrientes), nos que a miúdo son os constituíntes dominantes das comunidades bentónicas. Estes dinoflaxelados están, por tanto, entre os microbios eucarióticos máis abondosos dos ecosistemas dos arrecifes de coral.

Os Symbiodinium son denominados coloquialmente "zooxantelas", e os animais simbióticos que levan algas deste xénero denomínanse "zooxantelados". Porén, o termo zooxantela non é moi preciso porque foi usado de forma laxa para indicar calquera endosimbionte de cor castaña-dourada, incluíndo tamén a diatomeas e outros dinoflaxelados. O continuado uso do termo na literatura científica pode levar a confusión, debido a que se aplica a relacións simbióticas taxonomicamente moi distintas, e non só para os Symbiodinium.[2]

Simbiontes intracelulares

Symbiodinium atinxe altas densidades celulares por medio de prolíficas divisións mitóticas nos tecidos endodérmicos de moitos cnidarios de augas pouco profundas tropicais e subtropicais. Esta imaxe é unha criofractura observada con microscopio electrónico de varrido do mesenterio interno dun pólipo de arrecife de coral (Porites porites) que mostra a distribución e densidade dos seus Symbiodinium simbiontes.

Os Symbiodinium son coñecidos principalmente polo seu papel como endosimbiontes mutualistas. Nos hóspedes, xeralmente aparecen en grandes densidades dentro da célula hóspede, que chegan a centos de miles ou millóns por centímetro cadrado.[3] O cultivo de células nadadoras ximnodinioides procedentes de corais permitiu descubrir que as "zooxantelas" eran realmente dinoflaxelados.[4][5] As células de Symbiodinium son cocoides (redondas) dentro do hóspede e están rodeadas por unha membrana que se orixina a partir da membrana plasmática da célula hóspede durante o proceso da fagocitose. Esta membrana probablemente sofre algunhas modificacións na súa composición proteica, que fan que se limite ou impida a fusión de fagolisosomas.[6][7][8] A estrutura formada polo vacúolo que contén o simbionte denomínase simbiosoma, e en cada simbiosoma atópase inicialmente unha soa célula simbionte. Non está claro como se expande esta membrana para acomodar dentro unha célula simbionte en división. En condicións normais, o simbionte e as células hóspedes intercambian moléculas orgánicas e inorgánicas que facilitan o crecemento e proliferación de ambos os socios.

Other Languages
English: Symbiodinium
español: Symbiodinium
magyar: Symbiodinium
português: Symbiodinium
slovenščina: Symbiodinium