Suor

Neno suando.

A suor é o fluído producido polas glándulas sudoríparas da pel durante a suoración ou transpiración corporal de moitos mamíferos. [1] Nos humanos podemos distinguir dous tipos de glándulas sudoríparas, que son: glándulas écrinas e apócrinas. As écrinas son as que están distribuídas máis xeneralizadamente polo corpo, mentres que as apócrinas están concentradas só en determinadas áreas (nos humanos en axilas, aréola e mamila do peito, ás do nariz, e rexión xenital externa e perianal).

Nos humanos, suar é principalmente un medio de termorregulación que funciona porque a secreción das glándula écrinas é moi rica en auga. A auga, ao ter unha elevada calor latente de vaporización, absorbe moita calor do corpo cando se evapora na superficie da pel, polo que refresca a temperatura corporal. As maiores taxas de suoración dun adulto adoitan ser de 2-4 litros por hora ou 10-14 litros por día (10-15 g/min•m²), pero é menor nos nenos antes da puberdade. [2] [3] [4] Ademais, coa suor excrétanse sales e algunhas toxinas. Cando a temperatura ambiente é elevada, ou cando se quentaron os músculos da persoa debido ao exercicio, prodúcese máis suor. Os animais mamíferos con poucas glándulas sudoríparas, como os cans, realizan unha regulación da temperatura similar sacando a lingua e ampeando [5], o cal fai que se evapore a auga da saliva que humedece a superficie da cavidade oral e a farinxe. Os primates e cabalos teñen axilas que suan de modo similar aos humanos. Aínda que a capacidade de suar pode atoparse nunha ampla variedade dos mamíferos, [6] [7] son relativamente poucos (entre eles humanos e cabalos) os que producen grandes cantidades de suor para arrefriarse. [8]

A suoración pode producirse polos cambios de temperatura, por causa de emocións (que fan que o sistema nervioso simpático estimule as glándulas sudoríparas), ou, en casos patolóxicos, a suoración excesiva ou a suor fría poden ser síntomas dunha enfermidade, xeralmente acompañados de febre, como pode ser a gripe, a leucemia linfática crónica e numerosas doenzas infecciosas.

Composición da suor

Mancha de suor nunha camiseta branca de algodón.

A suor está formada principalmente por auga. Tamén contén en disolución sales minerais, lactato, e urea. A composición mineral varía co individuo, a súa aclimatación á calor, exercicio e suoración, a fonte específica de estrés ( sauna etc.), a duración da suoración, e a composición de minerais do seu corpo. Unha indicación do contido mineral é: sodio 0,9 gramos/litro, potasio 0,2 g/L, calcio 0,015 g/L, magnesio 0,0013 g/L. [9] Tamén se excretan na suor moitos outros elementos traza, dos cales unha indicación típica (aínda que poden variar en 50 veces) pode ser: cinc 0,4 miligramos/L, cobre 0,3–0,8 mg/L, ferro 1 mg/L, cromo 0,1 mg/L, níquel 0,05 mg/L, e chumbo 0,05 mg/L. [10] [11] Probablemente moitos outros minerais traza menos abundantes saen do corpo coa suor en concentracións menores. Algúns compostos exóxenos incorpóranse á suor como por exemplo un composto oloroso non identificado que ""ole a xarope de pradairo" de varias especies de cogomelos do xénero Lactarius. [12] Coa suor poden mesturarse células descamadas da pel.

A secreción das glándulas sudoríparas apócrinas é algo diferente, xa que é un fluído que contén tamén proteínas, lípidos e esteroides. A diferenza das glándulas écrinas que presentan unha secreción continua, as apócrinas segregan en xorros periódicos. [13] [14]

Nos humanos, a suor é hipoosmótica en relación co plasma sanguíneo [15] (é dicir, menos salgada). A suor ten xeralmente pHs moderadamente ácidos ou neutros, entre 4,5 e 7,0. [16]

Other Languages
العربية: تعرق
авар: ГӀетӀ
Aymar aru: Jump'i
azərbaycanca: Tər
беларуская: Пот
беларуская (тарашкевіца)‎: Пот
български: Изпотяване
भोजपुरी: पसीना
brezhoneg: C'hwez
bosanski: Znojenje
català: Suor
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Gâng
čeština: Pot
Cymraeg: Chwys
dansk: Sved
Deutsch: Schweiß
ދިވެހިބަސް: ދާ
Ελληνικά: Ιδρώτας
English: Perspiration
Esperanto: Ŝvito
español: Sudor
euskara: Izerdi
فارسی: عرق‌کردن
suomi: Hiki
français: Sueur
Gaeilge: Allas
贛語:
עברית: זיעה
हिन्दी: पसीना
hrvatski: Znojenje
Հայերեն: Քրտինք
Bahasa Indonesia: Keringat
Ido: Sudoro
íslenska: Sviti
italiano: Sudorazione
日本語:
ქართული: ოფლი
ಕನ್ನಡ: ಬೆವರು
한국어:
Кыргызча: Тердөө
Latina: Sudor
лакку: Гьухъ
lietuvių: Prakaitavimas
latviešu: Sviedri
मराठी: घाम
नेपाली: पसीना
Nederlands: Zweten
norsk: Svette
ਪੰਜਾਬੀ: ਮੁੜ੍ਹਕਾ
polski: Pot
português: Suor
Runa Simi: Hump'i
română: Transpirație
русский: Пот
srpskohrvatski / српскохрватски: Znojenje
Simple English: Sweat
slovenčina: Pot (tekutina)
slovenščina: Znojenje
српски / srpski: Знојење
Basa Sunda: Késang
svenska: Svettning
Kiswahili: Jasho
தமிழ்: வியர்வை
తెలుగు: చెమట
тоҷикӣ: Арақ кардан
Tagalog: Pawis
Türkçe: Ter
українська: Піт
اردو: پسینہ
Tiếng Việt: Mồ hôi
ייִדיש: שוויצן
中文: 汗液
粵語: