Sophie Rostopchine

A condesa de Ségur

Sophie Rostopchine, máis coñecida como Condesa de Ségur e que tivo como primeiro nome Sofia Feodorovna Rostopchina ( ruso: Софья Фёдоровна Ростопчина), nada o 1 de agosto de 1799 en San Petersburgo e finada o 9 de febreiro de 1874 en París), foi unha escritora francesa de orixe rusa, sobre todo coñecida pola súa novela infantil Les Malheurs de Sophie.

Traxectoria

Orixinaria dunha familia nobre que remontaba a súa xenealoxía á familia de Genghis Khan, seu pai foi o Conde Feodor Rostopchin tenente xeneral e máis tarde ministro de asuntos exteriores ruso e gobernador militar de Moscova durante a invasión de Rusia por Napoleón. Súa nai era a aristócrata Ekaterina Petrovna Rostopchina. Sophie pasou a súa infancia no dominio de Voronovo, próximo a Moscova. Recibe unha educación na que primaba a aprendizaxe de linguas estranxeiras, en especial do francés, a partir dos trece anos, tras a conversión de súa nai ao catolicismo recibe unha educación nesa fe [1]. En 1814 seu pai caeu en desgraza, marchando ao exilio, residindo en varios países ata que en 1817 se establece en París e chama á súa familia para que residen ao seu lado. Establecida na capital francesa, Sophie coñeceu a Eugène de Ségur con quen casou en 1819 e con quen tivo oito fillos. Comezou a escribir a unha idade madura, publicando a súa primeira obra en 1855, un libro con consellos médicos pediátricos.