Sherlock Holmes

Sherlock Holmes
Sherlock Holmes Portrait Paget.jpg
Retrato de Sherlock Holmes por Sidney Paget.
Primeira aparición Un estudo en escarlata (1887)
Última aparición O arquivo de Sherlock Holmes
Creador(es) Arthur Conan Doyle
Información
Sexo Masculino
Estatura 6 pés (1,83 m.)
Nacemento 6 de xaneiro de 1854[1]
Especialidade Razoamento dedutivo
Ocupación Detective asesor
Aliados Doutor Watson
Inimigos Profesor Moriarty
Familia Mycroft Holmes (irmán)
Residencia 221B Baker Street, Londres
Nacionalidade Británico
Perfil en IMDb

Sherlock Holmes é un personaxe ficticio creado en 1887 por Sir Arthur Conan Doyle. É un "detective asesor", prototipo do investigador lóxico e sagaz, famoso por utilizar a lóxica e a astucia para resolver os casos máis complicados, empregando o razoamento dedutivo e a inferencia.

Holmes é o protagonista dunha serie de catro novelas e cincuenta e seis relatos de ficción, reunidos no que se chama Canon of Sherlock Holmes, publicados na súa maioría en The Strand Magazine, sendo a súa primeira aparición na novela Un estudo en escarlata. Os cincuenta e seis relatos dos cales foi protagonista son narrados polo seu alter ego, o Doutor John H. Watson, coa excepción de dous relatos narrados polo propio Holmes ("O ritual Musgrave" e "A aventura do Gloria Scott") e outros dous en terceira persoa.

As súas aventuras ambientadas a finais do século XIX e comezos do XX, influíron de xeito moi grande na ficción detectivesca que seguiu á súa aparición. Aínda que podemos considerar a Auguste Dupin, creado por Edgar Allan Poe, como o seu predecesor, a xenialidade excéntrica deste non acadou a enorme popularidade que Holmes e o seu autor acadaron en vida deste (The Strand Magazine publicaba as aventuras de Holmes a prezos moi populares, e moitos "lectores comunais" de diversas industrias lían as obras de Doyle en voz alta como unha sorte de "radio" Victoriana, práctica xa habitual coa obra de Charles Dickens).

O propio autor, Conan Doyle, dixo que o personaxe de Holmes fora inspirado polo Dr. Joseph Bell,[2] para o cal Doyle traballara como empregado no Royal Infirmary de Edimburgo, e que, ao igual que Holmes, posuía unha gran capacidade para tirar conclusións dende a máis pequena observación.

Traxectoria

Xuventude

Os poucos detalles explícitos que se coñecen sobre os primeiros anos da vida de Sherlock Holmes,[1] recompilados ao longo dos relatos do Doutor Watson, son distantes entre si, co que é difícil construír unha imaxe biográfica do detective nesta época da súa vida. Primeiramente, en base aos datos, estímase a idade de Holmes na historia "O seu último adeus", que sitúa o seu ano de nacemento ao redor de 1854, sendo a data comunmente citada o 6 de xaneiro.

Con respecto aos seus comezos, o propio Holmes conta que desenvolveu por vez primeira os seus métodos de dedución cando aínda non rematara os seus estudos universitarios. A autora Dorothy L. Sayers suxire que, tendo en conta algúns dos detalles en dúas das aventuras, Holmes debeu ser un estudante na vila de Cambridge, en lugar de en Oxford e que "de tódalas universidades de Cambridge, a Sidney Sussex ofrece quizais o maior número de vantaxes a un home da posición de Holmes e, a falta dunha información máis exacta, podemos situalo alí".[3] Así pois os seus primeiros casos, nos que exerceu coma afeccionado, proviñan dos seus compañeiros de estudos.[4] Segundo Holmes, foi o encontro co pai dun dos seus compañeiros de clase o que o levou a asumir a observación e dedución coma unha profesión[5] pasando os seis anos seguintes á universidade a traballar como detective consultor, aínda que pasando grandes dificultades financeiras, o que o levou a buscar un compañeiro de piso, que finalmente sería o Doutor Watson, punto no que comeza a narración das historias.

Así pois, dende 1881, Holmes trasládase a vivir preto do Museo Británico para poder estudar as ciencias necesarias para o desenvolvemento das súas habilidades, concretamente nun apartamento situado no 221B Baker Street, en Londres, dende onde dirixe a súa axencia de detectives privados. Até a chegada de Watson, Holmes traballa só, empregando ás veces axentes das clases baixas da cidade, incluíndo unha serie de informantes e un grupo de cativos da rúa que el chama The Baker Street Irregulars (os irregulares de Baker Street), os cales aparecen en tres historias: O signo dos catro, Un estudo en escarlata e "A aventura do home corcovado".

Ao respecto da súa familia pouco se di. Os seus pais son mencionados nalgunhas historias, aínda que nelas só se afirma que os seus devanceiros eran "escudeiros". En "O intérprete grego", afirma Holmes que o seu tío-avó foi Horace Vernet, o famoso artista francés. O que si se sabe é que ten un irmán maior, Mycroft, un funcionario do goberno cunha posición única da administración pública, xa que é unha especie de "base de datos andante" para tódolos aspectos da política gobernamental. Mycroft é descrito como aínda máis dotado que Sherlock en materia de observación e dedución, mais en troques carece da tenacidade e da enerxía do seu irmán, preferindo pasar o seu tempo a gusto no "Diogenes Club", "un club para os máis insociables de Londres".

Non está claro se Holmes teña outros irmáns. En "A aventura da quinta de Copper Beeches" di Holmes:

"Confeso que non me gustaría que unha irmá miña aceptase ese emprego"

O cal leva a algúns a supor a existencia da mesma. Mais isto só é mencionado para advertir a unha muller sobre un caso, polo que esta referencia a unha irmá pode ser unha simple figura retórica.

A vida co Doutor Watson

Sherlock Holmes e o Dr. J. H. Watson

Holmes comparte boa parte da súa vida profesional co seu bo amigo e cronista Watson, co cal vive por algún tempo antes do matrimonio do médico en 1887, e de novo logo da morte da súa esposa, sempre xunto coa súa patroa, a señora Hudson.

Watson ten dúas funcións na vida de Holmes. En primeiro lugar, é o asistente do seu amigo na resolución dos casos, sendo o home de confianza do detective, xa sexa como vixilante, reclamo, cómplice ou mensaxeiro e, en segundo lugar, é o seu cronista. Así pois a maioría das historias son narracións escritas dende o punto de vista de Watson, sendo unha especie de resumos dos casos máis interesantes que lles sucederon ao longo de tódolos seus anos xuntos. Segundo se pode ler nas propias historias, Holmes adoita criticar os escritos de Watson, dicindo que é moi populista, xa que non relata as historias de forma precisa e obxectiva senón que as adorna con detalles ás veces innecesarios.

Porén, a amizade de Holmes con Watson é, sen dúbida, a súa relación máis importante. Nalgunhas historias, o aprecio de Holmes por Watson, a miúdo oculto baixo o seu frío carácter, ponse de manifesto, por exemplo en "A aventura dos tres Garridebs", Watson é ferido nun enfrontamento cun vilán, e cóntanos:

Descubrir todo o leito de amor e lealdade que se escondían detrás da fría máscara de Holmes, ben valía unha ferida; ben valía moitas feridas. Aqueles ollos claros e duros nubráronse desocate, e os seus firmes beizos puxéronse a tremer. Por unha soa vez tiven eu a rápida visión dun corazón grande, e tamén dun gran cerebro. Todos os meus anos de servizos humildes sen reciprocidade culminaron naquel instante revelador.

En total, a carreira profesional de Holmes abrangue vinte e tres anos, dos cales Watson documentou dezasete.[6]

Retiro

Holmes retírase definitivamente a unha granxa nas terras do Sussex entre os anos 1903 e 1904, onde se dedica a unhas das súas grandes afeccións, a apicultura, mesmo escribindo co tempo un manual co título Manual de apicultura, con algunhas observacións sobre a separación da Raíña.[7] Porén aínda volve a investigar un caso como afeccionado estando xa xubilado.[8]

Other Languages
العربية: شرلوك هولمز
asturianu: Sherlock Holmes
azərbaycanca: Şerlok Holms
žemaitėška: Šerluoks Huolmsos
Bikol Central: Sherlock Holmes
беларуская: Шэрлак Холмс
беларуская (тарашкевіца)‎: Шэрлак Голмз
български: Шерлок Холмс
brezhoneg: Sherlock Holmes
bosanski: Sherlock Holmes
čeština: Sherlock Holmes
Ελληνικά: Σέρλοκ Χολμς
Esperanto: Sherlock Holmes
español: Sherlock Holmes
français: Sherlock Holmes
hrvatski: Sherlock Holmes
Հայերեն: Շերլոկ Հոլմս
Bahasa Indonesia: Sherlock Holmes
íslenska: Sherlock Holmes
italiano: Sherlock Holmes
қазақша: Шерлок Холмс
한국어: 셜록 홈즈
Кыргызча: Шерлок Холмс
Lëtzebuergesch: Sherlock Holmes
latviešu: Šerloks Holmss
Malagasy: Sherlock Holmes
македонски: Шерлок Холмс
Bahasa Melayu: Sherlock Holmes
မြန်မာဘာသာ: ရှားလော့ခ်ဟုမ်း
Nāhuatl: Sherlock Holmes
Nederlands: Sherlock Holmes
norsk nynorsk: Sherlock Holmes
português: Sherlock Holmes
română: Sherlock Holmes
русский: Шерлок Холмс
sicilianu: Sherlock Holmes
srpskohrvatski / српскохрватски: Sherlock Holmes
Simple English: Sherlock Holmes
slovenčina: Sherlock Holmes
slovenščina: Sherlock Holmes
српски / srpski: Šerlok Holms
Türkçe: Sherlock Holmes
татарча/tatarça: Шерлок Холмс
українська: Шерлок Холмс
oʻzbekcha/ўзбекча: Sherlock Holmes
Tiếng Việt: Sherlock Holmes
文言: 福爾摩斯
Bân-lâm-gú: Sherlock Holmes
粵語: 福爾摩斯