Salto de esquí

Saltador de esquí durante o voo.

O salto de esquí é un deporte olímpico de inverno creado en Noruega a principios do século XIX. Espallouse por Europa e América do Norte a principios do século XX principalmente por medio de Sondre Norheim, considerado o pioneiro do esquí moderno.[1][2]

As pistas de salto están clasificadas segundo a distancia que os esquiadores percorren no aire, e ten especificacións sobre a área de saída, a curvatura e a zona de salto. Cada salto é avaliado de acordo coa distancia e o estilo de execución. A puntuación da distancia está en relación ao K-point, liña trazada na área de aterraxe, algúns metros antes do final do outeiro, e que serve como referencia para os saltos. A puntuación de cada xuíz que avalía o estilo pode acadar un máximo de 20 puntos, sendo descontados puntos en caso de erros, imprecisións ou imperfeccións no salto, no voo ou na aterraxe.[3]

A técnica dos saltos evolucionou co transcurso dos anos, pasando de saltos cos esquís paralelos, o corpo curvado cara adiante ata os cadrís e os brazos estendidos cara a fronte (técnica Kongsberger, a primeira largamente utilizada), ata os saltos cos esquís en forma de V, o corpo enteiramente curvado cara adiante e os brazos estendidos cara atrás, xunto ao cóccix (estilo V, a técnica empregada maioritaramente dende comezos da década de 1990).[4]

Deporte maioritariamente masculino durante varias décadas, o salto de esquí comezou a ter gran participación feminina na década de 1990, mais a primeira competición oficial recoñecida pola Federación Internacional de Esquí non tivo lugar ata 1998 en Suíza. Os eventos femininos foron incluídos no Campionato do Mundo de Esquí Nórdico de 2009 e na Copa do Mundo en 2011. Logo dun intento frustrado de incluílo nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010, as mulleres participaron por primeira vez nos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 celebrados en Sochi (Rusia).[5]

Ademais dos Xogos Olímpicos de Inverno, o Campionato do Mundo e a Copa do Mundo, as principais competicións de salto de esquí son o Torneo dos Catro Trampolíns, o Holmenkollen Ski Festival e o Campionato do Mundo de Voo de Esquí. O récord de distancia, rexistrousenun salto do saltador esloveno Peter Prevc, que saltou 250,0 m en 2015, superando o récrod de 246,5 m do noruegués Johan Remen Evensen, que databa de 2011.[6]

Historia

Primeira edición do Holmenkollen Ski Festival, en 1892.

Así como a maioría das modalidades de esquí nórdico, o salto de esquí naceu en Noruega no século XIX. Aínda que hai rexistros de saltos dende finais do século XVIII, Ole Rye é considerado o primeiro saltador da historia, ao acadar unha distancia de 9,5 m en 1808. Atribuíuse ao noruegués Sondre Norheim o título de "pai" do deporte moderno ao vencer na primeira competición con premios nun evento que tivo lugar en 1866 na cidade norueguesa de Høydalsmo. As primeiras competicións tiveran lugar algúns anos antes, tamén en Noruega.[1][2][7] O primeiro concurso do que se ten constancia celebrouse en Trysil (Noruega) o 22 de xaneiro de 1862; nesta primeira competición os xuíces xa outorgaron puntos por estilo ("elegancia e suavidade"), e nela os participantes tiveron que realizar tres saltos sen caer e as regras foron acordadas de antemán.[8]

A primeira gran competición de salto de esquí tivo lugar en 1875 no outeiro de Husebybakken. En 1890 a causa das malas condicións da neve e á falta de estruturas para acomodar o público crecente, o evento tivo que ser posposto, e finalmente foi trasladado en 1892 ó outeiro de Holmenkollbakken, converténdose co paso dos anos nun dos principais campionatos do mundo, manténdose ata hoxe.[1]

A finais do século XIX, Sondie Nordheim e o tamén esquiador Karl Hovelsen emigraron aos Estados Unidos e comezaron a desenvolver o esquí neste país. Ao mesmo tempo, comezaron a aparecer os primeiros clubs de esquí en Alemaña. En 1924, o salto formou parte do programa da primeira edición dos Xogos de Inverno, en Chamonix (Francia), e foi disputado en todas as edicións posteriores.[1]

Carina Vogt, primeira campioa olímpica en categoría feminina.

En 1929, adestradores noruegueses chegaron a Sapporo para adestrar a saltadores xaponeses.[8]

En 1935 foi fundada en Planica (Eslovenia) a primeira pista de ski flying (voo de esquí), como son chamadas as pistas que permiten voos máis longos. Nesta pista foi realizado o primeiro salto de máis de cen metros de distancia (polo austríaco Josef Bradl en 1936) e o primeiro de máis de douscentos metros de distancia (polo finlandés Toni Nieminen en 1994).[1][9]

O primeiro Campionato do Mundo de Esquí Nórdico no que se realizaron probas en dúas pistas, normal e longa, foi o de 1962 en Zakopane (Polonia). Na tempada 1990-91 as competicións foron divididas en cualificadora e final, o que permitiu o aumento no número de participantes nos eventos.[1]

Aínda que o salto de esquí está dentro do programa dos Xogos Olímpicos de Inverno dende 1924, a pista normal non foi incluída ata os IX Xogos Olímpicos de Inverno, celebrados na localidade austríaca de Innsbruck en 1964. Posteriormente, en 1988 incluíuse a proba por equipos como terceira proba da modalidade.[2] Porén, non foi ata os XXII Xogos Olímpicos de Inverno, celebrados na cidade rusa de Sochi en 2014, cando se introduciu a competición feminina no programa olímpico; na final, celebrada o 11 de febreiro de 2014, a alemá Carina Vogt proclamouse a primeira campioa olímpica de salto de esquí en categoría feminina.[5]

Other Languages
العربية: قفز تزلجي
asturianu: Saltu d'esquí
беларуская (тарашкевіца)‎: Скачкі на лыжах з трампліну
български: Ски скокове
català: Salt d'esquí
Cymraeg: Neidio sgi
dansk: Skihop
Deutsch: Skispringen
Ελληνικά: Άλμα με σκι
English: Ski jumping
Esperanto: Skisaltado
español: Salto de esquí
euskara: Eski-jauzi
فارسی: اسکی پرش
suomi: Mäkihyppy
français: Saut à ski
magyar: Síugrás
հայերեն: Դահուկացատկ
Interlingue: Ski-Saltation
íslenska: Skíðastökk
한국어: 스키점프
македонски: Скијачки скокови
Nederlands: Schansspringen
norsk nynorsk: Skihopping
norsk: Skihopping
occitan: Saut d'esquí
português: Salto de esqui
Scots: Ski jimpin
srpskohrvatski / српскохрватски: Skijaški skokovi
Simple English: Ski jumping
slovenščina: Smučarski skoki
српски / srpski: Скијашки скокови
svenska: Backhoppning
Türkçe: Kayakla atlama
татарча/tatarça: Трамплиннан сикерү
West-Vlams: Schansspringn
中文: 跳台滑雪
粵語: 跳臺滑雪