Robert Mapplethorpe

Robert Mapplethorpe
Nacemento4 de novembro de 1946
 Floral Park
Falecemento9 de marzo de 1989
 Boston
CausaSIDA
SoterradoSt. John Cemetery
NacionalidadeEstados Unidos de América
RelixiónXudaísmo reformista
Educado enInstituto Pratt
Ocupaciónfotógrafo
IrmánsEdward Mapplethorpe
Coñecido/a porMan in Polyester Suit
editar datos en Wikidata ]

Robert Mapplethorpe, nado en Nova York o 4 de novembro de 1946 e finado en Boston o 9 de marzo de 1989, foi un fotógrafo estadounidense famoso polos seus retratos a gran tamaño, as fotografías de flores e as visións do corpo humano en branco e negro con contido sexual moi explícito. O seu carácter transgresor e o feito de pertencer a unha xeración de artistas vital na arte contemporánea estadounidense fai que as súas fotografías sexan moi cotizadas.

Traxectoria

Inicios

Mapplethorpe naceu e medrou nunha familia católica da parroquia da Nosa Señora das Neves en Floral Park, Long Island, Nova York, con devanceiros ingleses e irlandeses. Estudou Belas Artes no instituto Pratt, en Brooklyn (Nova York), onde comezou a producir as súas primeiras obras en moi distintos soportes. As primeiras fotografías sacounas cunha cámara Polaroid. A mediados dos anos setenta mercou unha cámara de prensa de gran formato, e comezou a tirarlles retratos ao seu círculo de amigos e coñecidos, entre os que se incluían artistas, compositores, actrices e actores porno e clientes de bares underground. E aí saltou ao primeiro plano como artista.

Obra

A maior parte das obras fíxoas no seu estudio. Entre esas primeiras series de retratos figuran os de Andy Warhol, Deborah Harry, Richard Gere, Peter Gabriel, Grace Jones ou Patti Smith. O retrato máis famoso de Patti Smith (feito en 1975), e que a cantante empregou para o seu álbum Horses, está inspirado nun autorretrato de 1500 do pintor alemán Dürer. Tamén son dese tempo a serie de imaxes homoeróticas, con nus en posicións clásicas pero tamén anovando en perspectivas, puntos de vista e accións, incorporando escenas de sadomasoquismo ou de sexo explícito, como unha coñecida fotografía dun fist-fucking ou un autorretrato de si mesmo cun látego introducido no ano. A sona de Mapplethorpe estendeuse como a pólvora grazas a estas imaxes de contidos sexuais e homoeróticos. Algunhas das súas fotografías de nus de homes negros foron cualificados de racistas, aínda que o seu propósito era ben distinto.

A obra de Mapplethorpe foi exhibida frecuentemente durante a súa vida, e a miúdo con fondos de carácter público. Iso provocou a oposición de grupos conservadores e cristiáns, como a da Asociación de Familias Americanas. A mostra póstuma de Mapplethorpe The perfect moment, onde se incluían sete retratos sadomasoquistas, en Cincinnati en 1990, acabou nunha acusación de promoción da obscenidade para o director do Centro de Arte Contemporánea de Cincinnati, Dennis Barrie, finalmente absolto.

Durante os últimos setenta e primeiros oitenta, porén, sen abandonar estas vías ou incluso para profundizalas, as súas fotografías avanzan cara a unha maior exploración formal: xoga máis coas sensacións que transmiten os brancos e negros, coas sombras, e comeza a fotografar flores, especialmente orquídeas. Estas imaxes seguen tendo unha alta carga homoerótica, pero renuncian ao cáustico. Inda así, prosegue co carácter provocador e considérase un activista da arte. As súas creacións como artista buscan fotografar o home homosexual, traballar sobre a súa figura espida, levar á arte as súas prácticas sexuais e falar en definitiva sobre a construción do xénero e da sexualidade na sociedade occidental de finais do século XX.

En 2003 saíu publicado en papel o libro Autoportrait, unha colección de polaroids en branco e negro de autorretratos de Mapplethorpe, realizados entre 1971 e 1973. En 2006, un retrato de Andy Warhol foi poxado en 643.200 dólares, co que se converteu na quinta fotografía máis cara ata aquel momento.

Other Languages