Ricardo Carballo Calero

Ricardo Carballo Calero
Medalla Castelao Icona vectorial.svg
Carballo Calero, dunha foto con Cunqueiro e Fernández del Riego en Santiago de Compostela.jpg
En Santiago de Compostela nos anos 30.
Nome completoRicardo Carballo Calero [1][2][3][4][5][6][7][8][9][10]
Dende 1981 asinou:
Ricardo Carvalho Calero [1][3][7][11][12]
Nacemento30 de outubro de 1910
LugarFerrol Vello, Ferrol
Falecemento25 de marzo de 1990 (79 anos)
LugarSantiago de Compostela
SoterradoCemiterio de Boisaca
NacionalidadeGalego
Alma máterU. de Santiago de Compostela
Ocupaciónfilólogo e escritor
CónxuxeMaría Ignacia Ramos
FillosMaría Victoria Carballo-Calero
XénerosEnsaio, poesía, narrativa
Coñecido/a porVieiros, O siléncio ajoellado, Anxo da terra, Poemas pendurados dun cabelo, Salterio de Fingoi, Pretérito Imperfeito (1927-1961), Futuro condicional (1961-1980), O fillo, Isabel, A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A árbore, O redondel, Auto do prisioneiro, Os xefes, A xente da Barreira, Scórpio e Historia da literatura galega contemporánea
EstudosDereito, Filosofía e Letras
ProfesiónCatedrático de universidade
OrganizaciónSeminario de Estudos Galegos
Partido Galeguista
Real Academia Galega
CargosMembro da Real Academia Galega, 1958
PremiosPedrón de Ouro
Medalla Castelao
A Álvaro Cunqueiro, R. Carballo Calero no Ferrol 6 de xulio 1934.svg
editar datos en Wikidata ]

Ricardo Carballo Calero (dende 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un filólogo e escritor galego. Trátase do primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, considerado o ideólogo do reintegracionismo.

Traxectoria

Tras cursar os seus primeiros estudos no Colexio Comellas, tendo como titor o escritor Manuel Comellas[13], cursa por libre o bacharelato e trasládase a Compostela en 1926 para estudar Dereito (licenciouse en 1931) e Filosofía e Letras (licenciado en 1935) e cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da época, especialmente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política de Carballo, integrado no movemento nacionalista e tomando parte no activismo estudantil na Federación Universitaria Escolar, da que chega a ser presidente. En 1931 participou na creación do Partido Galeguista e contribúe á redacción do Anteproyeito de Estatuto da Galiza. En 1933 volve a Ferrol e gaña a praza de auxiliar administrativo no Concello da cidade, e casa con María Ignacia Ramos, licenciada en historia e compañeira de estudos universitarios.

Nestes anos Carballo Calero contribuíu con numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.

Estudou por libre a carreira de Filosofía e Letras, licenciándose en 1936 pola Universidade de Santiago de Compostela, participando ao mesmo tempo activamente no movemento galeguista tanto a nivel local como nacional, sendo nomeado presidente do partido en Ferrol. En abril de 1936 foi elixido compromisario pola provincia da Coruña para a elección do presidente da República dentro da candidatura do Frente Popular.[14]

Golpe de estado, defensa da República e cárcere

Anteproyeito de Estatuto da Galiza (1931), íntegro en pdf.

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid no momento en que concorría ás probas para profesor de instituto en Lingua e Literatura Española. Carballo posicionouse no bando republicano, entrando en combate como miliciano no batallón Félix Bárzana da FETE-UGT, o sindicato no que Calero militaba, co grao de tenente e participou na defensa de Madrid. Cae prendido no fin da guerra, na fronte de Andalucía, e é condenado en consello de guerra a 12 anos por separatista e recluído no cárcere de Xaén. A etapa de prisión será aproveitada por Carballo para estudar alemán. A súa novela Scórpio recolle a experiencia vital deses anos, tal como, en certa medida, a comedia A sombra de Orfeu, a peza teatral Os chefes, de 1982 e algúns poemas, como Fugíamos da nossa vila, incluído na colectánea Cantigas de amigo e outros poemas.

En 1941 saíu en liberdade provisional volvendo para Galiza, e regresando á súa cidade natal. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), no que exerceu como "conselleiro delegado", pois non estaba autorizado para ser director.

Ditadura franquista

Restableceu os contactos cos galeguistas que ficaran no país, moi especialmente con Francisco Fernández del Riego, con quen mantivera correspondencia desde o cárcere.[10] Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importante traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, "Aportaciones a la literatura gallega contemporánea" (1955, premio extraordinario) — que tivo como froito máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega a partir de 1958, ingresou co discurso: Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía. En 1965 autorizóuselle a exercer o ensino público como agregado de instituto no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, ao tempo que comeza a impartir aulas de galego na universidade. En 1968 foi galardoado co Pedrón de Ouro. Por fin, en 1972 obtivo por oposición a cátedra de Lingüística e Literatura Galega acabada de crear.

Últimos anos

Os estudos de Carballo atinxiron igualmente a lingua. Recollendo a herdanza dos autores do Primeiro Rexurdimento e os traballos do profesor Manuel Rodrigues Lapa, Carballo Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terían continuidade no movemento reintegracionista, feito que lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como editor dos clásicos. Xubilouse en 1980 mais mantivo a súa actividade creadora e seguiu colaborando con diversas asociacións. En 1981 é nomeado membro da Academia das Ciências de Lisboa e en 1984 recibe a Medalla Castelao.

Legado

Desde 1997 a súa biblioteca persoal forma parte dos fondos bibliográficos do Parlamento de Galicia, adquirida xunto co seu arquivo persoal. A colección está formada por 4.872 volumes de monografías e coleccións de 197 títulos de revistas. Entre o heteroxéneo material da colección destacan documentos persoais e docentes, correspondencia, dossiers e recortes de prensa, obra propia e allea, así como material gráfico (láminas, mapas, planos e carteis). Os fondos atópanse nunha das salas da biblioteca parlamentaria que leva precisamente o nome de “Sala Carballo Calero”.[15]