Riós

Riós
Escudo de Riós
Casa do Concello.
Igrexa de Santa María de Riós.
Casa do Concello e Igrexa de Santa María de Riós.
Situacion Riós.PNG
Situación
Xentilicio [1] orriolense
Xeografía
Provincia Provincia de Ourense
Comarca Comarca de Verín
Poboación 1.684 hab. (2014)
Área 114,4 km²
Densidade 14,72 hab./km²
Entidades de poboación 8 parroquias
Capital do concello Riós
Política (2015)
Alcalde Francisco Armando Veiga Romero
Concelleiros
PPdeG: 7
PSdeG-PSOE: 2
Eleccións municipais en Riós
Uso do galego [2] (2011)
Galegofalantes 92,19%
Na rede
http://www.concelloderios.es/

Riós é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Verín. Segundo o IGE en 2014 tiña 1.684 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é orriolense [3].

Xeografía

O termo municipal ten 114,4 km², e está situado nun espazo de transición entre as terras altas situadas ao oeste e as do val do río Támega. Entre estas alturas, sobresaen polo sur os cumios da Serra de Penas Libres ( Vilardevós) e polo norte os da Serra Seca ( A Gudiña). O terreo é ondulado. Mestúranse unha sucesión de vales fluviais e lombeiros, cunha altitude media duns 600–800 m. Lousas e pelitas, con algunha banda de cuarcítica, son os materiais que compoñen o substrato litolóxico. Nos seus lindeiros destacan as maiores alturas que están localizadas na Urdiñeira (1.148 m) cara ó norte, Castelo da Pena (941 m) e Alto das Ferrerías (924 m) no suroeste. Marxeando con Vilardevós, completan o territorio varias aliñacións de lombas de oeste a este con alturas que non pasan dos mil metros: As Touzas (943 m), Porto dos Bois (868 m), Xermil (930 m) e As Canelas (731 m).

Río Mente.

No Riós son innumerables os ríos. Polo seu volume de auga destacan o río Mente, o Arzoá e o Marcelín. Os tres forman parte da conca fluvial do río Douro, despois de traspasar a raia con Portugal. Un contexto singular, orográfico e hidrográfico, outrora ben definido por Ramón Otero Pedrayo: "O río Mente sinala unhas mainas encostas e un comén de chaira de soutos e bos labramios que a estrada xeral cruza polas Vendas da Barreira, no imperio de formas descidas da Pena Cofre e aínda valentes na indefrenza e vaguedá da montaña que se fai serra. O lombos de Santa Baia e Progos determinan ó Riós pola banda de Verín. Fumaces, xa na encosta desde Verín, enxerga os releves do Riós que polo rumbo das augas devalan n'a terra portuguesa de Vilariño, e teñen relación cas terras de Vilardebós e a serra de Penas Libres, ista xa unha “leboreirida” ben crara. Os pobos principás do Riós -Castrelo da Cima, Castrelo de Baixo, Flor do Rei Novo, acaroado da parroquia centrosa do val, Maialde, Berrande, Soutochán- envólvense en soutelos e algunhas viñas e disfroitan de larganza pastoral. Son illós ou costelaciós xeórxicas no mundo do pastor…"

O seu clima é oceánico de montaña, aínda que con algún matiz mediterráneo. As temperaturas medias que se rexistran aquí sitúanse ó redor dos 10 °C. Os invernos adoitan a ser fríos e os veráns suaves. Na estación invernal son frecuentes as xeadas e as precipitacións roldan os 1.200 mm, con nevaradas nas zonas de maior altura. Na zona de Riós e das Vendas da Barreira son habituais os bancos de brétema. Xunto co neve, estas brétemas adoitan causar cortes no tránsito pola autovía A-52 que atravesa o concello.

Entre a súa flora destaca o castiñeiro. É doado atopar exemplares centenarios. A toponimia constata a presenza desta árbore en lugares como A Pena do Souto, O Souto na Chaira, O Souto en Marcelín; ou paraxes como O Souto Tameirón en Riós, Os Soutos da Arzá con castiñeiros centenarios, O Souto Grande onde se facía antigamente a festa de Riós, O Souto en Castrelo de Cima, O Souto Barato en Pena do Souto, O Souto no Navallo, O Souto e O Souto de Miñambres en Progo, O Souto do Concello en Vilariño das Touzas, O Souto das Chairas en Florderrei, o Souto do Civil en Romariz. No escudo heráldico municipal loce un frondoso castiñeiro.

As touzas e devesas de carballos proliferan e tamén medran aquí outras especies de matogueira como a uz, a xesta, o piorno, a carqueixa e outras variedades propias de ribeira.

Hai variedades de fauna que teñen aquí un hábitat propicio para o seu desenvolvemento. Mamíferos, aves, réptiles e outros animais de menor tamaño teñen quedado, como exemplo da súa presenza aquí, estereotipados na toponimia local, así, entre outros, hai A Aguieira, O Val de Quiebros, O Pozo do Lobo, A Cigoña, A Pala de Osa ou Val de Corzas en Castrelo de Abaixo; A Fraga da Raposa, O Val da Culebra, As Raposeiras, O Foxo (trampa para cazar lobos), O Val da Abelleira ou O Raposo en Castrelo de Cima; Os Miotos en San Pedro de Trasverea, O Palomar e A Fraga Bicheira en San Paio; o Val da Culebra e As Raposeiras en Covelas; A Lavandeira en Mourisco; Val de Porquerías e O Niño do Gaio na Trepa; Penacorveira e A Azureira no Navallo; O Foxo Vello en Pedroso; O Val das Lebres en Progo, Os Campos da Zorra en Vilariño das Touzas, Os Ichós e A Viña da Bicha en Marcelín, As Corvaceiras en Riós, A Abelleira e O Palomar nas Vendas da Barreira, o Val do Cuco e Os Bubales na Chaira…

Existe un couto de caza que tamén se estende ao monte de Sanguñedo e a Veiga de Nostre. Nel hai presenza de pezas de caza maior e menor: corzo, xabaril, coello, lebre, perdiz... O número de socios rolda os douscentos. A Asociación de Pescadores Río Mente reúne aos afeccionados á pesca no concello.

Aparte das especies propias da zona meridional de Galicia no concello existen varias especies de flora ( aciñeira -Quercus ilex ssp. rotundifolia-, terebinto -Pistacia terebinthus- e pradairo de Montpellier -Acer monspessulanum-) e fauna ( abelleiro -Merops apiaster-, andoriña dáurica -Hirundo daurica-, carraca -Coracias garrulus- e osga -Tarentola mauritanica-) particularmente escasas.

Non obstante, o máis interesante da zona é o seu inmenso bosque de frondosas, carballos, castiñeiros e piñeiros que ocupa a meirande parte da superficie do concello, así como os seus vales e paisaxes naturais que na zona lindante de Portugal teñen a categoría de parque natural.

Distancias

Distancia á cidade de Ourense:

dende As Vendas da Barreira: 85 quilómetros
dende O Riós: 87 quilómetros

Organización territorial

Malia ser lugar de paso obrigado dende tempos históricos, o interior do Concello está mal comunicado a través de pistas, unhas veces asfaltadas, outras simplemente abertas no monte. Dise que preto da aldea de Trasestrada pasaba unha calzada romana. Seguramente facíao pola próxima aldea de As Vendas da Barreira, lugar polo que transcorren actualmente a N-525 e a autovía A-52, vías de entrada á Galicia sur. O nome de As Vendas alude probablemente á parada de postas que existiría cando polo lugar pasaba o camiño real.

Economica e administrativamente, O Riós sempre dependeu do Concello de Verín (dista apenas uns 20 quilómetros) e, en menor medida, de A Gudiña (tamén a uns 20 quilómetros), onde para o tren (non o fai en Verín). Xa dende a Idade Media, Riós formaba parte da xurisdición de Souto Bermudo no señorío de Monterrei ( Verín).

Malia limitar con Portugal, apenas existe constancia de intercambio cos territorios portugueses próximos, seguramente debido a que a fronteira, nestes lugares, é bastante abrupta e chea de cavorcos. Deberon existir tales intercambios e mesmo trasegos de poboación, mais o único que pervive na memoria dos paisanos é o abondoso contrabando que se facía polos carrouchos raianos de acabalo de burros e asnos. Tradicionalmente consistía, segundo os relatos orais, en alixos de café, azucre, teas, gando (vacún, ovino e cabalar) etc. Logo da Guerra Civil, ampliouse a materias tan escasas daquela como o pan, a fariña, o cemento ou o plástico en obleas.

Demografía

Aínda que o seu territorio é bastante extenso (uns 112 km²), conta cunha poboación moi baixa: apenas 1.684 persoas segundo o censo do ano 2014 (2.132 en 2002). Porén, esta poboación está moi avellentada por mor dunha intensa emigración cara a Alemaña, Francia, Suíza, Brasil e Arxentina e cara a Madrid, Bilbao, Barcelona e Vigo en España. A densidade da poboación é moi baixa (de feito, linda cos territorios máis despoboados de Galicia) e o número de habitantes está en retroceso. A poboación atópase espallada ó longo do seu vasto territorio en pequenas aldeas e lugares, que oscilan entre os trinta e os cinco veciños. Só a aldea de Riós é un pouco máis grande.

Censo Total (Habitantes) 1.684 (2014)
Menores de 15 anos 84 (4.99 %)
Entre 15 e 64 anos 879 (52.2 %)
Maiores de 65 anos 721 (42.81 %)
Evolución da poboación de Riós   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016
4.664 4.966 5.169 5.008 2.097
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía humana

Vista da aldea da Veiga do Seixo.

Son trinta e cinco os núcleos habitados repartidos nas oito parroquias que ten o concello de Riós, entre aldeas, casaríos ou pequenos barrios vinculados a lugares de máis relevancia. A maioría son aldeas de estrutura compacta, dominando terras de cultivo e pradarías, de rúas estreitas e con construcións tradicionais, con adegas e cortes para os animais na parte baixa e as estancias da vivenda no andar superior. Pola contra, non faltan tamén os núcleos que naceron e medraron a carón de vías de comunicación e que de primeiras comezaron sendo simples mesóns, pousadas ou vendas. Lugares como As Vendas da Barreira, Trasverea, Trasestrada, San Pedro de Pousada etc, e topónimos como O Mesón dos Caracos na Trepa, A Venda da Mar e A Parada en Fumaces son reveladores en canto á súa vinculación cos camiños.

Neste contexto de núcleos situados en zonas máis ou menos illadas e montañosas e a carón das modernas estradas, viven o conxunto dos habitantes cos que conta o concello, que actualmente (2006) apenas supera os 2.000 habitantes. Cómpre dicir que o padrón municipal vén decrecendo nos últimos anos. No ano 1900 Riós tiña 4.664 habitantes; 4.979 en 1920; 5.504 en 1940; 5.169 en 1950; 5.143 en 1960; 4.669 en 1970; 4.056 en 1981; 2.520 en 1991 e 2.132 en 2001. A tendencia xeral experimenta un crecemento progresivo a comezos do século XX ata a década de 1940, momento en que comeza un período de perda ininterrompida de poboación, debido ás consecuencias da emigración cara o resto de España e outros países.

Other Languages
català: Riós
English: Riós
español: Riós
euskara: Riós
français: Riós
magyar: Riós
Հայերեն: Ռիոս
italiano: Riós
қазақша: Риос
lumbaart: Riós
Bahasa Melayu: Riós
Nederlands: Riós
occitan: Riós
polski: Riós
português: Riós
русский: Риос (Оренсе)
Türkçe: Riós
українська: Ріос
oʻzbekcha/ўзбекча: Riós
Tiếng Việt: Riós
Winaray: Riós
Bân-lâm-gú: Riós