Relixión da Roma antiga

Interior do panteón, templo de todos os deuses, en Roma (hoxe transformado en igrexa).

A relixión na Roma Antiga caracterizouse polo politeísmo, con elementos que combinaron influencias de diversos cultos ao longo de súa historia. Dese modo, na súa orixe, crenzas etruscas, gregas e orientais foron sendo incorporadas aos costumes xa tradicionais de acordo con súa efectividade.

A idea de efectividade dun ritual para agradar a un deus ou deuses é a idea que inunda o escenario relixioso da época. A noción de nosa sociedade de tradición xudaico-cristiá canto á relixión liga os rituais á fe, algo que non era tido en conta polos romanos. Para eles os deuses simplemente existían, non había necesidade de cuestionar ese feito.

Os deuses dos antigos romanos, á semellanza dos antigos gregos, eran antropomórficos, ou sexa, eran representados coa forma humana e posuían características como calidades e defectos de seres humanos.

O Estado romano propagaba unha relixión oficial que prestaba culto aos grandes deuses, como, por exemplo, Xúpiter, pai dos deuses; Marte, deus da guerra; ou Minerva, deusa da arte. Na honra deses deuses eran realizados festivais, xogos, sacrificios e outras cerimonias. Posteriormente, diante da expansión militar que conduciu ao imperio, moitos deuses das rexións conquistadas tamén foron incorporados aos cultos romanos, así como algúns deuses romanos foron incorporados ás rexións conquistadas.

No ámbito privado, os cidadáns, á súa vez, tradicionalmente buscaban protección nos espíritos domésticos, os chamados lares, e nos espíritos dos antepasados, os penates, aos cales rendían culto dentro de casa.

Pietas

Segundo os pescudadores, a relixión desempeñaba un papel fundamental na definición da sociedade e nas relacións de poder. Ao participar dos cultos, era garantida a pax deorum ("paz divina", en latín), a harmonía civil e a maior integración destas comunidades no imperio levando a unha maior integración de cultos relacionados ao poder imperial[1].

Dentro do carácter social da relixiosidade romana, a importancia que é establecida nas relacións persoais é expresada polo termo latino pietas, literalmente traducido como "piedade". A pesar da súa conexión co verbo piare ("calmar", "borrar unha falta", "conxurar un mal presaxio"), a pietas designaba a observación escrupulosa dos rituais, mais tamén o respecto ás relacións entre as persoas no propio ámbito social[2]. Para un fillo, a pietas consistía en obedecer ao pai, e ao mesmo tempo existía a pietas que os membros dun grupo debían á cidade á que pertencían. Con todo, máis importante que eses deberes era a pietas con relación aos deuses[3]. As ideoloxías humanitarias dos séculos XVIII e XIX tentaron retomar esa concepción; porén, desacralizaron a vella concepción da pietas romana. A pietas tamén era representada en moedas por obxectos de culto ou como unha figura feminina realizando sacrificios cun fogo. Ela tiña tal importancia na vida cotiá romana que posíbeis fallos durante o ritual (de aí a idea de impiedade) eran unha cuestión de coidados permanentes.

Other Languages
Esperanto: Romia religio
Bahasa Indonesia: Agama di Romawi Kuno
Lëtzebuergesch: Réimesch Relioun
Lingua Franca Nova: Relijio en Roma antica
македонски: Римска религија
Nederlands: Romeinse religie
srpskohrvatski / српскохрватски: Religija u drevnom Rimu