Reino de Xerusalén

Regnum Hierosolimitanum
Roiaume de Jherusalem
Reino Latino de Xerusalén

1099–1291
BandeiraEscudo
O Reino de Xerusalén e outros estados cruzados en 1135.
CapitalXerusalén (1099-1187)
Acre (1191-1291)
LinguaLatín, francés antigo, italiano, árabe e grego
RelixiónCatolicismo, ortodoxia oriental, islam, xudaísmo
GobernoMonarquía
Rei
 • 1100-1118Balduino I
 • 1285-1291Henrique II
LexislaturaHaute Cour
Período históricoAlta Idade Media
 • Primeira Cruzada1099
 • Segunda Cruzada
 • Asedio de Xerusalén
 • Terceira Cruzada
 • Tratado de Ramla
 • Captura de Acre1291

O Reino de Xerusalén foi un reino cristián que se estableceu no Oriente Medio en 1099 logo da conquista de Xerusalén na Primeira Cruzada. Foi destruído en 1291 coa conquista de Acre. A súa capital era Xerusalén e o seu territorio atópase actualmente incluído no estado de Israel.

Fundación e historia inicial

O Reino de Xerusalén e os outros estados cruzados.

A Primeira Cruzada iniciouse como consecuencia do Concilio de Clermont, convocado polo Papa Urbano II no ano 1095. O seu principal obxectivo era a conquista dos Santos Lugares. O Reino como tal naceu coa toma de Xerusalén en 1099, o punto álxido da Cruzada. Godofredo de Bouillon, duque de Lorena e un dos principais xefes da Cruzada, foi elixido como primeiro rei. Con todo, non aceptou tomar dito título, alegando que un home non debería levar unha coroa onde Cristo levara a coroa de espiños; no seu lugar, elixiu o título de Advocatus Sancti Sepulchri (Defensor do Santo Sepulcro). A fundación do Reino de Xerusalén quedou finalmente asegurada coa derrota do Exipto fatimí na batalla de Ascalón.

Primeiramente houbo certas dúbidas sobre como debería organizarse politicamente o territorio. Algúns cruzados pensaban que debería ser gobernado como unha teocracia polo Papa, unha idea que o legado papal, Daimberto de Pisa tratou de impor en 1100. Godofredo posiblemente houbera estado de acordo, pero durante o seu curto reinado sentáronse en Xerusalén as bases dun reino secular, pese aos esforzos de Daimberto. Rapidamente estableceuse unha xerarquía católica que substituíu ás autoridades cristiás ortodoxas gregas e siríacas: un patriarca latino instalouse en Xerusalén, e con el un grande número de bispos e arcebispos que dependían del. Godofredo morreu en 1100. O seu irmán e sucesor, Balduíno I, decantouse claramente por unha monarquía secular ao xeito das de Europa occidental.

Balduíno estendeu con grande éxito as fronteiras do reino, conquistando os portos de Acre (1104), Beirut (1110) e Sidón (1111), ó mesmo tempo que exercía a súa soberanía sobre outros estados cruzados: o condado de Edesa (que el fundara), o principado de Antioquía, e máis tarde, cando se conquistou Trípoli, o condado de Trípoli. Igualmente tivo éxito na defensa do reino fronte ás sucesivas invasións musulmás que tivo que afrontar: a dos fatimís de Exipto, aos que venceu en Ramla e en diferentes lugares ó suroeste do reino; e a dos musulmáns de Damasco e Mosul, no nordeste, en 1113. Así mesmo, foi testemuña dun aumento no número de habitantes cristiáns, debido a que a pequena Cruzada de 1101 trouxo consigo reforzos para o reino. As cidades-estado italianas de Venecia, Pisa e Xénova comezaron a xogar un papel moi importante no reino. As súas frotas axudaban á toma dos portos, onde posteriormente se lles concedían barrios nos que tiñan unha grande autonomía económica. Balduíno tamén repoboou Xerusalén con cristiáns nativos, despois da súa expedición máis aló do río Xordán en 1115. De todos xeitos o reino nunca superou o seu illamento xeográfico de Europa, nin foi quen de aumentar as súas fronteiras cara ao leste co fin de crear un fronte con máis posibilidades de defensa. Durante a maior parte da súa historia, o reino estivo confinado a unha estreita franxa de terra entre o Mediterráneo e o río Xordán; os territorios alén o Xordán estaban suxeitos a guerras e constantes razzias, que finalmente provocaron a súa caída.

Balduíno I morreu sen herdeiros en 1118, e sucedeuno o seu curmán, Balduíno de Le Bourg, conde de Edesa; Balduíno II foi igualmente un rei capaz e soubo defenderse fronte aos ataques de fatimís e selxúcidas. No seu reinado estableceuse a primeira das órdes militares e as fronteiras do reino seguiron ensanchándose coa captura da cidade de Tiro en 1124. A influencia do reino de Xerusalén estendeuse igualmente sobre Edesa e Antioquía, nas que Balduíno II actuou como rexente ó morrer os seus gobernantes no campo de batalla, aínda que Balduíno mesmo foi derrotado e posto en prisión polos turcos selxúcidas varias veces ao longo do seu reinado, e o propio reino de Xerusalén debeu ser gobernado por un rexente. As fillas de Balduíno casaron con familiares do conde de Edesa e do príncipe de Antioquía. A súa filla Melisenda foi declarada herdeira e sudeceuno á súa morte en 1131.

Other Languages
azərbaycanca: Yerusəlim krallığı
Bahasa Indonesia: Kerajaan Yerusalem
Bahasa Melayu: Kerajaan Jerusalem
Plattdüütsch: Königriek Jerusalem
norsk nynorsk: Kongedømet Jerusalem
srpskohrvatski / српскохрватски: Jeruzalemsko Kraljevstvo