Radio Galega

Logo da Radio Galega.

Radio Galega (RG) é o nome da radio pública de Galicia, integrada na Corporación de Radio-Televisión de Galicia, que inclúe tamén á Televisión de Galicia (TVG). Comezou a emitir, en fase de probas, o 24 de febreiro de 1985 e iniciou a súa programación regular o 29 de marzo dese ano[1]. Desde mediados de 2009 a súa directora é a xornalista Rosa Martínez, en substitución do tamén xornalista Virxilio Costas.

Historia

Despois da aprobación da Lei de creación da CRTVG no Parlamento de Galicia o 11 de xullo de 1984, inícianse as obras da Casa da Radio coa remodelación do vello edificio sede da residencia do gobernador militar.

Radio Galega iniciou as súas emisións en probas o domingo 24 de febreiro de 1985, día que coincide co aniversario do nacemento da poetisa Rosalía de Castro. A súa programación regular comezou o 29 de marzo de 1985, e a partir desta data as súas emisións abranguiron as 24 horas do día ininterrompidamente en lingua galega.

O programa Fío directo foi o primeiro dos realizados polos Servizos Informativos da emisora. Inicialmente presentado por Pedro Revaldería, na súa terceira emisión pasou a ser dirixido e presentado por Xosé María Fernández Pazos, quen o levou ata outubro de 1985, cando pasou a coordinar os informativos da fin de semana. Sería substituído por Xan Docampo.

Fío directo emitíase inicialmente os luns de 7 a 8 da tarde, e, ó mes do inicio da súa emisión, pasou a emitirse de luns a mércores á mesma hora. O programa levaba cada día un invitado distinto, a quen os oíntes facían preguntas a través do teléfono.

A marcha de Xosé Luís Blanco Campaña como director da Televisión de Galicia nesa época trouxo como responsable da emisora a Xerardo Rodríguez Rodríguez. Na época de Xerardo Rodríguez a emisora chegou a cambiar o nome da emisora, pasando de Radiotelevisión Galicia a Radio Autonómica Galega e usando ademais o indicativo a radio nacional de Galicia.

O 15 de xullo de 1987 a Radio Galega inaugurou a súa segunda delegación territorial trala de Ferrol, cuxas instalacións, situadas no edificio El Moderno da cidade olívica, ascenderon a un coste de 13 millóns de pesetas da época.

Días despois dos atentados terroristas que na noite do 11 de outubro de 1990 deixaron tres mortos e 46 feridos en diversos puntos de Galicia, a Radio Galega logrou gravar nun comunicado a unha persoa que se identificou como Manolo Chao, considerado o máximo dirixente do EGPGC, que reivindicou na súa chamada a autoría dos mesmo e a pertinencia de dous dos falecidos á organización, englobandoo tamén nunha campaña contra os intereses do narcotráfico[2].

Despois de seis anos no vello Palacete de San Caetano, a necesidade de ampliar o espazo da emisora que se atopaba no recinto da Administración Autonómica e o de aumentar medios, fixo que o goberno galego decidira a construción do novo edificio, que se fixo en menos dun ano. Foi o 23 de novembro de 1990 cando a Radio Galega inaugurou oficialmente as súas novas instalacións en San Marcos, na parroquia compostelá de Bando, ao lado da Televisión de Galicia. O proxecto do edificio das novas instalacións empezáronse sendo director xeral de medios, Rafael Valcarce.

O primeiro anuncio da Radio Galega foi emitido ás 10.30 da mañá do 7 de outubro de 1990. Foi o de Loteria La Favorita da Coruña. Despois viría Autos Buenos Aires, do que se pudio escoitar na seguinte gravación a súa cuña publicitaria.

Other Languages
asturianu: Radio Galega
brezhoneg: Radio Galega
català: Radio Galega
español: Radio Galega
euskara: Radio Galega
français: Radio Galega
português: Rádio Galega