Proxecto Manhattan

Distrito Manhattan
Trinity shot color.jpg
A proba Trinity do Proxecto Manhattan, a primeira detonación dunha arma nuclear.
Activa1942–1946
Disolta15 de agosto de 1947
Países Estados Unidos
 Reino Unido
 Canadá
RamaCorpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos
Gornición/Cuartel xeralOak Ridge, Tennessee
Aniversarios13 de agosto de 1942
Enfrontamentos
Comandantes
Comandantes notablesJames C. Marshall
Kenneth Nichols
Insignias
Parche de ombreiro adoptado en 1945
Manhattan District.svg
Emblema non oficial
Manhattan Project emblem.png

O Proxecto Manhattan (inglés: Manhattan Project) foi un proxecto de investigación e desenvolvemento levado a cabo durante a segunda guerra mundial que produciu as primeiras armas nucleares, liderado polos Estados Unidos co apoio do Reino Unido e do Canadá. Dende 1942 ata 1946 o proxecto estivo baixo a dirección do xeneral maior Leslie Groves do Corpo de Enxeñeiros do Exército dos Estados Unidos, mentres que o físico nuclear Robert Oppenheimer foi o director do Laboratorio de Los Alamos no que se deseñaron as propias bombas nucleares. A compoñente do exército deste proxecto recibiu a designación de Distrito Manhattan (inglés: Manhattan District), nome que gradualmente substituíu o nome en clave oficial, Desenvolvemento de Materiais Substitutos (inglés: Development of Substitute Materials). Durante o seu curso o proxecto absorbeu a súa contrapartida británica previa, o proxecto Tube Alloys. O Proxecto Manhattan comezou de forma modesta, medrando progresivamente ata ter máis de 130 000 empregados e acadar un custo de case 2 000 millóns de dólares.[a] Máis do 90% do orzamento destinouse á construción de fábricas e á produción de materiais fisibles, con menos do 10% destinado ó desenvolvemento e produción de armas. A investigación e produción tivo lugar en máis de 30 localizacións por todos os Estados Unidos, Reino Unido e o Canadá.

Desenvolvéronse dous tipos de bombas atómicas de forma concorrente durante a guerra: unha arma de fisión de tipo balístico relativamente sinxela e unha arma nuclear de implosión de maior complexidade. O deseño de fisión da bomba Thin Man resultou ser pouco práctico para o seu uso con plutonio, polo que se desenvolveu unha arma máis sinxela denominada Little Boy que utilizaba uranio-235, un isótopo que constitúe só o 0,7% do uranio en estado natural. Os traballadores do proxecto tiveron dificultades para separar este isótopo do uranio-238 por mor das súas semellanzas químicas e de masa. Empregaron tres métodos para o enriquecemento de uranio: mediante o uso de calutróns, por difusión gasosa e por termoforese. A maioría destes traballos leváronse a cabo nas instalacións Clinton Engineer Works en Oak Ridge, Tennessee.

En paralelo co traballo no uranio o proxecto continuou os traballos de produción de plutonio. Tras quedar demostrada a viabilidade do primeiro reactor nuclear artificial do mundo en Chicago no Laboratorio Metalúrxico, deseñouse o reactor de grafito X-10 en Oak Ridge, e os reactores de produción nas instalacións de Hanford Engineer Works, nos que o uranio irradiábase e transmutábase en plutonio, para posteriormente separar quimicamente o plutonio do uranio. A arma nuclear de implosión Fat Man desenvolveuse por medio dun deseño e desenvolvemento concertado no Laboratorio de Los Alamos.

O proxecto realizou tamén tarefas de contraintelixencia sobre o proxecto alemán de armas nucleares. Por medio da varios membros do Proxecto Manhattan serviron en Europa, en ocasións tralas liñas inimigas, apoderándose de materiais nucleares e documentación e trasladando a científicos alemáns cara a países Aliados. Por outra banda, malia a férrea seguridade do proxecto, varios espías atómicos soviéticos conseguiron infiltrarse no programa.

O primeiro artefacto nuclear detonado foi unha bomba de implosión na proba Trinity, realizada no Campo de tiro e bombardeo de Alamogordo o 16 de xullo de 1945. Dúas outras bombas de tipo Little Boy e Fat Man utilizáronse respectivamente un mes despois no bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Nos anos inmediatamente posteriores á guerra o Proxecto Manhattan levou a cabo varias probas de armamento no atol Bikini como parte da operación Crossroads, desenvolveu novas armas, promocionou o desenvolvemento da rede de laboratorios nacionais, apoiou a investigación médica sobre a radioloxía e cimentou as bases da armada nuclear. O proxecto mantivo o control sobre a investigación e produción de armas nucleares estadounidenses ata a formación da Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos en xaneiro de 1947.

Orixe

O descubrimento da fisión nuclear por parte dos químicos alemáns Otto Hahn e Fritz Strassmann en 1938, xunto coa súa explicación teórica por parte de Lise Meitner e Otto Robert Frisch, fixo que o desenvolvemento dunha bomba atómica fose unha posibilidade teórica. Nos Estados Unidos temíase que os alemáns fosen os primeiros en desenvolver unha destas bombas por medio do seu proxecto propio, especialmente por parte de científicos refuxiados dende a Alemaña Nazi e outros países fascistas.[2] En agosto de 1939 os físicos de orixe húngara Leó Szilárd e Eugene Wigner redactaron a carta Einstein–Szilárd, na que advertían do potencial desenvolvemento de «bombas dunha nova clase extremadamente poderosas». Nela urxían os Estados Unidos a tomar medidas para adquirir reservas de mineral de uranio e acelerar a investigación de Enrico Fermi e outros científicos sobre as reaccións nucleares en cadea. Albert Einstein asinou esta carta, que lle foi entregada ó presidente Franklin D. Roosevelt. Roosevelt solicitoulle a Lyman Briggs, da Axencia Nacional de Estándares, que liderase o Comité Consultivo do Uranio para investigar os problemas indicados nesta carta. Briggs organizou unha reunión o 21 de outubro de 1939, á que asistiron Szilárd, Wigner e Edward Teller. O comité informou a Roosevelt en novembro que o uranio «fornecería unha posible fonte de bombas cunha capacidade de destrución moito maior que ningunha outra coñecida ata entón».[3]

O Comité Consultivo do Uranio converteuse no Comité de Investigación de Defensa Nacional (inglés: National Defense Research Committee, NDRC) do Uranio o 27 de xuño de 1940.[4] Briggs propuxo un gasto de 167 000 dólares para a investigación do uranio, en particular do isótopo uranio-235, e do recentemente descuberto plutonio.[5] O 28 de xuño de 1941 Roosevelt asinou a Orde Executiva 8807, coa que se creou a Oficina de Investigación e Desenvolvemento Científico (inglés: Office of Scientific Research and Development, OSRD)[6] con Vannevar Bush na función de director. Esta oficina tiña o poder para adicarse a grandes proxectos de enxeñaría ademais dos de investigación.[5]. O Comité NDRC do Uranio pasou a ser a sección S-1 da OSRD, eliminando do nome a palabra «uranio» por motivos de seguridade.[7].

En xuño 1939 no Reino Unido, Frisch e Rudolf Peierls da Universidade de Birmingham realizaran avances significativos na investigación da masa crítica do uranio-235.[8] Os seus cálculos indicaban que esta estaría dentro dunha orde de magnitude de 10 kg, unha cantidade suficientemente pequena como para levala cargada nun bombardeiro.[9] O seu memorando Frisch–Peierls de marzo de 1940 iniciou o proxecto británico para unha bomba atómica e o seu Comité Maud,[10] que recomendou de forma unánime a procura do desenvolvemento dunha bomba atómica.[9] En xullo de 1940 o Reino Unido ofreceulles ós Estados Unidos o acceso ás súas investigacións científicas,[11] e John Cockcroft foi o encargado de informar os científicos estadounidenses sobre os desenvolvementos británicos, como parte da Misión Tizard. Cockcroft decatouse de que o proxecto estadounidense era máis pequeno que o británico, e non estaba tan avanzado.[12]

Como parte do intercambio científico, transmitíronse os descubrimentos do Comité Maud ós Estados Unidos. Un dos seus membros, o físico australiano Mark Oliphant, voou ata os Estados Unidos a finais de agosto de 1941 e decatouse que os datos fornecidos polo comité non lle chegaran a varios dos principais científicos estadounidenses. Oliphant procurou saber por que estes descubrimentos estaban a ser aparentemente ignorados. Reuniuse coa sección S-1 da OSRD e visitou Berkeley en California, conversando de forma persuasiva con Ernest Lawrence. Lawrence quedou suficientemente impresionado como para comezar a súa propia investigación no uranio. Oliphant seguiu reuníndose con outros investigadores, incluíndo James B. Conant, Arthur Compton e George B. Pegram, conseguindo desta forma que os principais físicos estadounidenses estivesen ó tanto do potencial das bombas atómicas.[13][14]

O 9 de outubro de 1941 o presidente Roosevelt aprobou o programa atómico tras unha reunión con Vannevar Bush e o vicepresidente Henry A. Wallace. Para controlar o programa creou un Grupo Político Superior composto por el mesmo—aínda que nunca asistiu a ningunha das súas reunións—Wallace, Bush, Conant, o secretario de guerra Henry L. Stimson e o Xefe de Persoal do Exército, o xeneral George C. Marshall. Roosevelt seleccionou o exército para dirixir o proxecto no lugar da Armada xa que o exército tiña máis experiencia no manexo de proxectos de construción a grande escala. Tamén estivo de acordo en coordinar os traballos cos británicos, enviándolle unha mensaxe ó primeiro ministro Winston Churchill o 11 de outubro de 1941, no que suxería que eles estaban de acordo nos asuntos atómicos.[15]

Other Languages
azərbaycanca: Manhetten layihəsi
français: Projet Manhattan
Bahasa Indonesia: Proyek Manhattan
한국어: 맨해튼 계획
македонски: Проект „Менхетн“
Bahasa Melayu: Projek Manhattan
مازِرونی: پروژه منهتن
norsk nynorsk: Manhattanprosjektet
português: Projeto Manhattan
srpskohrvatski / српскохрватски: Projekat Manhattan
Simple English: Manhattan Project
slovenčina: Projekt Manhattan
slovenščina: Projekt Manhattan
српски / srpski: Пројекат Менхетн
татарча/tatarça: Манһэттен проекты
Tiếng Việt: Dự án Manhattan