Prostitución

Representación da prostituta de Babilonia segundo o Tapiz da Apocalipse de Angers.

A prostitución é a venda de servizos sexuais a cambio de cartos ou outro tipo de retribución. Unha persoa que exerce a prostitución recibe o nome de prostituta ou prostituto. No caso da muller tamén se usan coloquialmente diversos nomes como galdrapa, lorcha, pendanga, rameira ou puta, palabras todas elas que comportan unha forte connotación despectiva.

A prostitución é un dos traballos e fenómenos sociais que dá resposta ó desexo sexual do ser humano. Na maioría das culturas a forma aceptada de satisfacer este desexo é no contexto de relacións afectivas. O ser humano empregou e emprega moitas outras formas para saciar o seu apetito sexual, tanto de forma consensuada con outros individuos, como sen consenso: busca de sexo non afectivo con outras persoas, acoso, violación, e outras moitas, entre as que se encontra a oferta pecuniaria. É esa oferta económica o motor que pon en marcha as moi variadas formas de prostitución.

En termos xerais, as tres principais formas de prostitución son (por orde de incidencia):

  • A trata de brancas e menores, arredor da que xorden sociedades mafiosas que trafican con persoas para obter cartos (o que se considera unha forma moderna de escravitude).
  • Persoas con condicións sociais e económicas que converten a prostitución nunha das poucas formas posibles de sacar adiante a unha familia ou a si mesmas (prostitución forzada polas condicións socioculturais).
  • O caso (minoritario numericamente) de prostitución de alto standing, onde a persoa se prostitúe voluntariamente polos elevados ingresos que obtén a cambio (prostitución voluntaria).

A postura oficial dos gobernos fronte á prostitución vai da prohibición total á legalización completa, pasando por modelos "mixtos" que penalizan só ó cliente. Socialmente tamén se observa un amplo espectro de respostas, que van desde o rexeitamento público (a máis común) á aceptación.

Regulamento de "Higiene especial" que regulaba a prostitución en 1882 na Coruña, Santiago e Ferrol.

Definición e termos relacionados

A definición máis sinxela posible do concepto de prostitución é: a venda de servizos sexuais a cambio de diñeiro ou outro tipo de retribución.

Ó falar de prostitución, sobreenténdese que a persoa que a exerce non aplica máis criterio na elección do cliente que o de recibir o pago correspondente, sen que exista ningún tipo de emoción ou relación afectiva. É por isto que, nun sentido máis xenérico e coloquial da palabra, dise tamén que se prostitúe, por extensión, calquera persoa que "vende" os seus servizos profesionais (non sexuais) por unha causa que considera indigna, co único aliciente de recibir un pago.

Ás veces úsase o termo prostitución nun sentido moito máis amplo de manter relacións sexuais cunha fin distinta á da reprodución ou o pracer dunha das partes, incluíndo formas (principalmente históricas) de prostitución relixiosa nas que se practica sexo en cumprimento duns preceptos relixiosos. Tamén entrarían nesta definición máis xenérica o uso do sexo como forma de espionaxe, e os casos de homes e mulleres mantendo relacións con persoas famosas co fin de vender a historia á prensa do corazón a cambio de fama e/ou diñeiro. Nestes dous casos úsase a equiparación coa prostitución cun ánimo evidentemente pexorativo.

A maioría das prostitutas son mulleres que ofrecen os seus servizos a homes. Tamén existen prostitutos, que ofrecen os seus servizos principalmente a homes, ou a mulleres en menor proporción (normalmente só a uns ou a outros). O fenómeno da prostitución coñécese practicamente desde que existen rexistros históricos dalgún tipo, e foi evolucionando xunto coas formas sociais, aínda que mantivo unha imaxe estigmatizada co paso do tempo. A chamada prostitución relixiosa desapareceu paulatinamente do mundo occidental durante o Imperio Romano, aínda que seguiu sendo practicada noutras culturas ata hai ben pouco, e viu un repunte coa aparición de relixións alternativas en occidente.[Cómpre referencia]

A prostitución é na actualidade unha práctica ilegal en moitos países, propia de ambientes marxinais e relacionada con outras formas de delincuencia. Moitas mulleres e nenos son obrigados a exercela por parte de individuos ou bandas criminais organizadas, ata o punto de que as Nacións Unidas, xa en 1949, promoveron unha convención para o control da prostitución e a loita contra a trata de brancas xerada ó seu redor[1].

Nalgúns países, principalmente do norte de Europa (como Países Baixos e Alemaña), a prostitución é un oficio regulado no que os seus traballadores e traballadoras pagan os seus impostos e non arrastran unha imaxe social tan degradada (este é o chamado modelo pro regulación; os seus partidarios consideran ás persoas que exercen a prostitución como un tipo máis de traballador sexual). Porén, noutros países do mesmo contorno, como Suecia, optouse por permitir a prostitución penalizando o consumo, é dicir, ós clientes (o chamado modelo abolicionista): considérase a prostitución como unha forma de violencia contra as mulleres, na que se penaliza ós homes que as explotan comprando servizos sexuais.[2] Trátase ás prostitutas, na súa maioría, como vítimas que requiren axuda, e inténtase educar ó público, pois considérase que a igualdade de xénero continuará sendo inacadable mentres haxa homes que compren, vendan e exploten a mulleres, nenas e nenos prostituíndoos.[Cómpre referencia]

A figura da prostituta está tamén estreitamente vencellada á do proxeneta, persoa que recibe unha porcentaxe dos beneficios conseguidos pola mesma. En principio o proxeneta recibe eses cartos como pago por un servizo, habitualmente o de actuar como mediador entre a prostituta e o cliente, prover a habitación ou lugar onde ten lugar o servizo sexual, dar protección etc. Porén, canto máis marxinal é o tipo de prostitución, máis se converte o proxeneta nun mero extorsionador, que no seu grao máis baixo retén ás prostitutas baixo o seu control mediante ameazas e abusos que chegan á violencia física. Esta situación é máis habitual (e practicamente a norma) en países onde a prostitución é ilegal. Porén, a legalización non é suficiente garantía para evitar este tipo de abusos; en países europeos onde a prostitución é legal, como España, as forzas de seguridade detectan e interveñen de forma periódica en locais nos que se retén a mulleres pola forza, obrigándoas a prostituírse vítimas de redes de trata de brancas[3].

Terminoloxía

O termo prostitución provén do latín prostitutio, que tén o mesmo significado que o actual e que á súa vez provén doutro termo latino, prostituere, que significa literalmente "exhibir para a venda".

Outra versión amplamente estendida, aínda que incorrecta, afirma que o termo puta vén do verbo latino putare, pensar; arguméntase que coa progresiva conquista romana das antigas zonas gregas aumentou a cantidade de escravos e escravas de dito pobo. Ó ver os romanos que as mulleres (ás que ó parecer usaban maioritariamente como prostitutas) eran coñecedoras da ciencia e a política, cualificáronas como pensadoras, en latín putas. Aínda que non deixa de ter certo encanto, esta versión contradí a propia historia de Roma, que non someteu ás cidades-estado gregas a unha conquista súbita, senón a unha progresiva absorción. Por outra parte, aínda que na Grecia clásica as hetairas tiñan gran preeminencia, en xeral o papel da muller na cultura grega era moi secundario.

Ademais, prostitutio e putare non teñen raíces comúns. Puta como equivalente de prostituta débese tan só a unha contracción vulgar do termo orixinal. Curiosamente existía no panteón romano unha deusa menor da agricultura chamada Puta, aínda que é pura coincidencia. Neste contexto, puta é un vulgarismo relativamente moderno, descoñecido para os romanos.

Ó longo da historia, a prostitución tivo unha gran cantidade de termos tanto para referirse á mesma como ós practicantes, ós clientes, ós lugares e ás actividades relacionadas. Por exemplo, as mulleres que exercen a prostitución son (ou foron) coñecidas con multitude de nomes: meretriz, loba...

O termo loba como equivalencia de prostituta vén dos ritos producidos en febreiro en honra do deus Fauno Luperco. Eran chamadas lobas ou orixinalmente lupas as que exercían a prostitución sagrada cos sacerdotes deste deus, os luperci, no Ara Máxima. De aquí deriva tamén lupanar, que se emprega para referirse ó prostíbulo ou bordel ou casa de citas.

Other Languages
Afrikaans: Prostitusie
Alemannisch: Prostitution
Ænglisc: Hōrdōm
العربية: دعارة
مصرى: دعاره
asturianu: Prostitución
azərbaycanca: Fahişəlik
تۆرکجه: فاحیشه‌لیک
Boarisch: Schnoin
Bikol Central: Prostitusyon
беларуская: Прастытуцыя
беларуская (тарашкевіца)‎: Прастытуцыя
български: Проституция
བོད་ཡིག: སྨད་འཚོང་མ།
brezhoneg: Gasterezh
کوردی: لەشفرۆشی
čeština: Prostituce
Чӑвашла: Проституци
Cymraeg: Puteindra
Deutsch: Prostitution
Ελληνικά: Πορνεία
emiliàn e rumagnòl: Putàna
English: Prostitution
Esperanto: Prostituo
español: Prostitución
euskara: Prostituzio
فارسی: تن‌فروشی
français: Prostitution
Gaeilge: Striapachas
Gàidhlig: Siùrsachd
עברית: זנות
hrvatski: Prostitucija
Bahasa Indonesia: Pelacuran
Interlingue: Prostitution
Iñupiak: Allatuqti
íslenska: Vændi
italiano: Prostituzione
日本語: 売春
Basa Jawa: Prostitusi
қазақша: Жезөкшелік
한국어: 성매매
kurdî: Laşfiroşî
lumbaart: Prustitüsiun
lietuvių: Prostitucija
latviešu: Prostitūcija
Bahasa Melayu: Pelacuran
မြန်မာဘာသာ: ပြည့်တန်ဆာ
مازِرونی: مول زنان
Nederlands: Prostitutie
norsk nynorsk: Prostitusjon
occitan: Prostitucion
ਪੰਜਾਬੀ: ਵੇਸਵਾਗਮਨੀ
polski: Prostytucja
português: Prostituição
Runa Simi: Q'itayay
română: Prostituție
русский: Проституция
sicilianu: Prostituzzioni
srpskohrvatski / српскохрватски: Prostitucija
සිංහල: ගණිකාව
Simple English: Prostitution
slovenčina: Prostitúcia
chiShona: Chipfambi
Soomaaliga: Dhillo
српски / srpski: Проституција
svenska: Prostitution
Kiswahili: Ukahaba
తెలుగు: వ్యభిచారం
Tagalog: Patutot
Türkçe: Fuhuş
татарча/tatarça: Фахишәлек
українська: Проституція
oʻzbekcha/ўзбекча: Fohishalik
vèneto: Prostitusion
Tiếng Việt: Mại dâm
Winaray: Prostitusyon
ייִדיש: זנות
Vahcuengh: Gaindang
中文: 性交易
Bân-lâm-gú: Sèng-kau-e̍k
粵語: 賣淫