Produción primaria

En ecoloxía, a produción primaria é a taxa de síntese de compostos orgánicos carbónicos a partir de dióxido de carbono (CO2) atmosférico ou auga.[1][2][3] Acontece, en esencia, grazas ao proceso de fotosíntese, que emprega a luz como unha fonte de enerxía e supón a liberación de osíxeno (O2).[1] Tamén se produce grazas aos procesos de quimiosíntese, que usan oxidación ou redución de compostos químicos inorgánicos como fonte de enerxía. Case toda a vida na Terra depende directa ou indirectamente da produción primaria. Os organismos responsables da produción primaria coñécense como produtores primarios ou autótrofos, e constitúen a base da cadea alimentaria. Nas ecosistemas terrestres son principalmente as plantas, mentres que nos ecosistemas acuáticos son as microalgas e macroalgas na capa eufótica[4] e bacterias nos afloramentos hidrotermais as que exercen esa función.[5] Os ecólogos diferencian entre a produción primaria neta e bruta. Namentres que na primeira se teñen en conta as perdas por procesos como a respiración celular, na última non.

A abundancia de fotoautótrofos terrestres e oceánicos a escala planetaria desde setembro de 1997 ata agosto de 2000. Xa que é unha estimación da biomasa dos autótrofos, só é unha interpolación a groso modo da capacidade de produción primaria e non unha estimación desta. Son datos obtidos a partir do proxecto SeaWiFS, da NASA e o Centro de Voos Espaciais Goddard e ORBIMAGE.

A produción primaria neta total do planeta estímase que está arredor dos 105 PgC ano-1 e que a metade desa produción se produce nos océanos.[1]

Este mapa mostra os cambios na produción primaria neta da Terra desde febreiro de 2000 ata de decembro de 2013. Os datos obtivéronse do satélite da NASA MODIS, Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer . O rango de valores vai desde os 0 gramos de carbono por metro cadrado cada día ata os 6,5 (verde escuro). Os valores negativos indican que houbo un valor medio de descomposición e respiración que superou ao de respiración. Nas latitudes medias, a produtividade ten unha clara compoñente estacional, e prodúcense variacións que seguen os ciclos estacionais nos que hai valores máximos no seus veráns. Os bosques boreais do Canadá e Rusia experimentan as súas maiores producións durante os meses de xuño e xullo e despois redúcena durante o outono e inverno. Os bosques tropicais, como en América do Sur, África, o sur de Asia ou a Indonesia, teñen as maiores producións terrestres de todo o globo grazas a ter maiores radiación solar, temperaturas e precipitacións. Porén, alí tamén se dan variacións estacionais da produtividade.

Visión xeral

A produción primaria é a produción de enerxía química en compostos orgánicos feita por organismos vivos. A principal fonte desa enerxía é a luz solar, pero hai unha fracción menor da produción primaria que a realizan os organismos litotróficos empregando enerxía química de moléculas inorgánicas.

Independentemente da súa orixe, esta enerxía emprégase para sintetizar moléculas orgánicas complexas a partir de compostos inorgánicos simples como o dióxido de carbono (CO2) e a auga (H2O). As seguintes ecuacións son representacións simplificadas da fotosíntese (enriba) e, unha das formas de quimiosíntese (abaixo):

CO2 + H2O + luz → CH2O + O2
CO2 + O2 + 4 H2S → CH2O + 4 S + 3 H2O

En ambos casos, chégase á síntese dun polímero de carbohidratos reducidos, (CH2O)n, que polo xeral son moléculas como a glicosa e outros azucres. Estas moléculas son a base para posteriores sínteses de moléculas máis complexas, que van desde as proteínas, complexos carbohidratos, lípidos ou outros ácidos nucleicos; ou rematan por ser respirados para realizar unha función ou traballo.

Que os organismos heterótrofos, como os animais, consuman aos produtores primarios fai que se transfiran esas moléculas orgánicas, que é enerxía almacenada nelas, a outros niveis da cadea alimentarias, co cal sen alimentan todos os organismos do planeta.

Other Languages