Planta vascular

Plantas vasculares
Rango fósil: Metade do Silúrico - Actualidade
PinusSylvestris.jpg
Clasificación científica
Reino:Plantae
Divisións

As plantas vasculares son un grupo de plantas que abarca ao taxon das traqueófitas ou tracheobionta. Son organismos formados por células vexetais, que posúen un ciclo de vida no que se alternan as xeracións gametofítica e esporofítica, sendo esta última a fase dominante (sobre quen actúa máis presión de selección natural); cuxa fase esporofítica é fotosintética e independente, e ten tecidos e sistemas de órganos; está organizada nun "cormo" (sistema que posúe vástago aéreo, raíz subterránea e un sistema de condución vascular que os vencella) que é ao que comunmente se refire a xente cando di "planta"; cuxa fase gametofítica é reducida e pode ser desde un "talo" (corpo non organizado en tecidos nin órganos) en fieitos e afíns, até unhas poucas células protexidas e nutridas polo esporófito, en ximnospermas e anxiospermas. A selección natural dirixiu fortemente a evolución das traqueófitas cara a unha menor dependencia das condicións ambientais sobre a terra para a reprodución e a dispersión, característica que entra en evidencia ao comparar as traqueófitas máis antigas (Lycophyta) coas máis modernas (plantas con flores).

Ao longo da historia designouse a este grupo con distintos nomes, como cormófitas (nome científico Cormophyta ou Cormobionta), embriófitas sifonógamas (nome científico Embryophyta sifonogama) etc. O seu nome máis común, Tracheophyta, provén de tracheo (en referencia ás traqueidas, especializadas para o transporte de líquidos dentro da planta) e phyta, raíz de orixe grega que significa "planta".

A evidencia dos análises moleculares de ADN hoxe en día demostrou que as traqueófitas son un grupo monofilético (que comprende a todos os descendentes dun devanceiro común) dentro das embriófitas, mentres que as briófitas son parafiléticas con respecto ás traqueófitas. Isto quere dicir que probablemente as traqueófitas sexan descendentes de plantas moi semellantes aos briófitos, co gametófito sendo a fase dominante, e o esporófito sen ramificar e dependente nutricionalmente do gametófito.

Dentro das traqueófitas hai dúas liñaxes principais, Lycophyta e Euphyllophyta, diferenciadas principalmente pola forma de construción das súas follas (nas licófitas son lycofilos e nas eufilófitas son eufilos, os eufilos correspóndense aproximadamente cos megafilos, aínda que nalgúns grupos poden estar reducidos en forma secundaria á súa adquisición). As eufilofitas á súa vez comprenden dúas grandes liñaxes, Monilophyta (fieitos, equisetáceas e psilotáceas) e Spermatophyta, que se diferencian entre si porque o primeiro ten gametofitos de vida libre e o segundo tenos encerrados na semente e o gran de pole. á súa vez as espermatofitas están formadas por dous grandes grupos monofiléticos viventes, Gymnospermae e Angiospermae ou Magnoliophyta, que se diferencian entre si porque a primeira liñaxe ten as sementes á vista sobre a folla fértil, mentres que o segundo ten as sementes encerradas dentro das paredes da folla fértil ou carpelo.

Aínda se seguen estudando ás Lycophyta e Monilophyta como agrupadas no grupo parafilético dos "fieitos e afíns" ou Pteridophyta.

As traqueófitas son un grupo importante tanto por dominar a maior parte dos ecosistemas terrestres como por ser moi empregadas polo ser humano.

O esporófito das plantas vasculares

O corpo vexetativo

O corpo vexetativo do esporófito é un "cormo" (vástago raíz sistema de condución vascular, feito grazas ao engrosamiento das paredes celulares de células alargadas), que ademais dos tecidos vasculares posúe tecidos de protección e tecidos de sostén, e que crece grazas á acción das súas meristemas [1][2].

O "cormo" está especializado para a vida terrestre. Consta de vástago, raíz e un sistema de condución vascular que os vincula. O vástago é a rexión do cormo que se especializa na fotosíntese, e que emprega para iso a auga e os sales minerais que lle chegan da raíz. A raíz é a rexión do cormo que se especializa na absorción de auga e sales, e que utiliza para iso os azucres proporcionados polo vástago. Esta especialización é posible grazas a que o cormo posúe un sistema de condución vascular formado grazas a que as paredes da célula vexetal poden volverse ricas en lignina, composto que lles outorga dureza.

Meristemas

O cormo medra grazas á actividade das súas meristemas (do grego meros: dividir) que son un grupo de células en estado embrionario permanente, capaces de dividirse indefinidamente, formando tecidos que na súa mocidade son indiferenciados [1][3][4] .

Os principais tipos de meristemas son dous:

  • en todos os cormos atoparemos nos ápices dos talos e as raíces, meristemas primarios responsables do crecemento primario do esporófito.
  • nos cormos con crecemento secundario do talo, atoparemos meristemas secundarios ao longo do talo, encargados do seu crecemento en grosor.

Sistemas de tecidos

O botánico J. Sachs no século XIX, distinguiu tres sistemas principais de tecidos no cormo do esporófito das cormófitas, clasificados segundo a súa función na planta: tecidos de protección, tecidos fundamentais, e tecidos vasculares.

Tecidos de protección

Os tecidos que cumpren a función de protección forman a capa máis externa do cormo.

  • Se o cormo só posúe crecemento primario, atoparemos unha epiderme, cuberta por unha capa de cutina (lípido complexo que evita a perda de auga na vida terrestre mais tamén evita o intercambio gaseoso co medio ambiente), e con estomas [5] e lenticelas (ambos aseguran o intercambio gaseoso co ambiente).
  • Nos taxons con crecemento secundario do talo, a epiderme con cutina é substituída durante o crecemento secundario, por unha periderme parcialmente impermeabilizada con suberina (lípido moi parecido á cutina, responsable da formación do súber ou cortiza).
Tecidos fundamentais

Os tecidos fundamentais forman un sistema continuo e están conformados principalmente polos diversos tipos de parénquimas (do grego: "carne das vísceras"), aos que se asocian os tecidos de sostén (como colénquima e esclerénquima).

Os tecidos de sostén, como o seu nome o indica, cumpren a función de manter a estrutura da planta, función que cumpren grazas á lignina presente na parede celular. Os tecidos de sostén máis comúns son:

  • Colénquima (do grego: goma, cola, nome dado pola facilidade con que as paredes celulares ínchanse ao hidratarse) formado por células vivas.
  • Esclerénquima (do grego escleros: duro, nome dado polas súas grosas paredes moi duras e resistentes) formado por células case sempre mortas á súa madurez.
Tecidos vasculares

Son os responsables do transporte de líquidos e substancias por todo o corpo do vexetal, no que se distinguen o floema (do grego floeos: "xema da cortiza, propio da cortiza", especializado en transporte de azucres) e o xilema (do grego xylos: "lignificarse", formado por células mortas tubulares, abertas ou pechadas nos seus extremos, de paredes moi lignificadas, que forman un feixe vascular especializado en transporte de auga e sales) [6][7][8][9][10]. Estes tecidos son complexos, e a miúdo, están asociados a outros (parenquimáticos e de sostén). Os tecidos vasculares sitúanse dentro dos tecidos fundamentais de maneira diversa segundo os distintos órganos da planta (raíz, talo etcétera), que nun corte transversal forman patróns (chamados estela), que teñen importancia sistemática. Así o talo da maior parte das monocotiledóneas presenta un patrón ou estela chamado atactostela, o talo (primario) das dicotiledóneas e das coníferas en cambio, presenta unha eustela, e o dos fieitos e afíns presenta unha gran diversidade que permite diferenciar ás familias entre si.

Other Languages
Afrikaans: Vaatplant
Alemannisch: Gefäßpflanzen
asturianu: Tracheophyta
català: Traqueobiont
Cebuano: Tracheophyta
dansk: Karplanter
Ελληνικά: Ανώτερα φυτά
Esperanto: Vaskula planto
español: Tracheophyta
eesti: Soontaimed
فارسی: آوندداران
français: Tracheophyta
Nordfriisk: Huuger plaanten
Kreyòl ayisyen: Plant vaskilè
interlingua: Tracheophyta
Bahasa Indonesia: Tumbuhan berpembuluh
italiano: Tracheobionta
日本語: 維管束植物
한국어: 관다발식물
Lëtzebuergesch: Gefässplanzen
lietuvių: Induočiai
Bahasa Melayu: Tumbuhan pembuluh
Nederlands: Vaatplanten
norsk nynorsk: Karplantar
norsk: Karplanter
occitan: Tracheobionta
português: Planta vascular
română: Cormobionta
Simple English: Vascular plant
slovenčina: Cievnaté rastliny
српски / srpski: Васкуларне биљке
svenska: Kärlväxter
українська: Судинні рослини
Tiếng Việt: Thực vật có mạch
Winaray: Tracheophyta
中文: 维管植物