Orquestra Sinfónica de Galicia

Orquestra Sinfónica de Galicia
Orquestra Sinfónica de Galicia e Coro, Ensaio Tristán e Isolda, Palacio da ópera, A Coruña 1.JPG
Ensaio da orquestra e coro da OSG.
AlcumeOSG
PaísGalicia Galicia
CidadeA Coruña
TeatroPalacio da Ópera
Anos de actividadeDende 1992
Tipo de formaciónOrquestra sinfónica
XéneroMúsica sinfónica, ópera
EnderezoPalacio da Ópera
15004 A Coruña
FundadorConcello da Coruña
Membros actuaisDima Slobodeniouk (director)
Jesús López Cobos (principal director invitado)
Circunstancias de creación
1992
Efectivo~90 músicos
Distincións honoríficasPremio da Cultura Galega
Sitio webSitio web oficial

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo Concello da Coruña. Ten a súa sede no Palacio da Ópera da Coruña. Dende a tempada 2013-14, o director ruso Dima Slobodeniouk ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa.

A Orquestra Sinfónica de Galicia creou, á súa vez, o Coro da OSG, a Orquestra de Cámara (cuxo director musical e artístico é Massimo Spadano, concertino da OSG), a Orquestra Nova, a Escola de Práctica Orquestral, os Nenos Cantores da OSG e o Coro Novo da OSG.

Historia e características

Inicios

A Sinfónica de Galicia xurdiu por iniciativa do daquela alcalde da coruña Francisco Vázquez logo da súa visita á cidade estadounidense de Baltimore no ano no que a Baltimore Symphony Orchestra celebraba o seu 50 aniversario, xurdindo deste xeito a idea de crear unha gran orquestra seguindo o modelo doutras cidades europeas para facer da Coruña un referente musical. O primeiro paso na creación da orquestra foi a construción da súa sede actual, o Palacio da Ópera da Coruña.[1] Logo dun proceso selectivo no que participaron 968 músicos de todo o mundo, foron seleccionados 75 profesores (37 mulleres e 38 homes) procedentes de Alemaña, Irlanda, Estados Unidos, China, Canadá, Francia, República Checa, Rusia, Islandia, Romanía, Polonia, Bélxica e Reino Unido.[2]

O 4 de maio de 1992 a orquestra realizou o seu primeiro ensaio no Palacio da Ópera, e o día 15 dese mesmo mes ofreceu o seu primeiro concerto nun Palacio da Ópera cheo e coa presenza no palco de autoridades de, entre outros, o alcalde herculino e o daquela presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga.[1][2] Neste primeiro concerto, baixo a dirección de Sabas Calvillo, a OSG interpretou na primeira parte Ultreia de Rogelio Groba[a] e o Concerto para violonchelo de Dvořák interpretado por Mischa Maisky,[b] e na segunda Espacio de espejo de Tomás Marco[c] e Cadros dunha exposición de Mussorgsky.[3]

Etapa con Víctor Pablo

Víctor Pablo Pérez foi director da OSG durante 20 anos.

Víctor Pablo Pérez foi o seu director titular dende 1993 logo de diversos problemas xurdidos na institución e que levaron a un cambio de director despois de menos dun ano da súa creación. O director burgalés estivo á fronte da orquestra ata a tempada 2012-13. A OSG foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro dende 2003 até 2005 e do Festival Mozart da Coruña dende que se creou en 1998 ata o seu fin en 2014.[4]

En 2003, a OSG foi convidada a participar como orquestra residente do Festival Rossini en Pésaro (Italia) da man do director artístico do festival, o director italiano Alberto Zedda. A orquestra coruñesa debutou coa representación de Semiramide de Gioachino Rossini no programa inicial no que participaron Darina Takova, Daniela Barcellona, Gregory Kunde e Ildar Abrazakov, e participou tamén na produción de Il viaggio a Reims, na que participaron cantantes noveis.[5]

Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España. En 2007 realizou a súa primeira xira por Sudamérica, que a levou a escenarios de Chile, Arxentina, Brasil e Uruguai, mentres que a finais de 2009 presentouse no famoso Musikverein de Viena. Ese mesmo ano foi nomeada para os Premios Grammy pola súa gravación Concierto barroco xunto co guitarrista cubano Manuel Barrueco para o selo EMI Classics.[6]

Na súa discografía para selos coma EMI, Koch, Naïve, BMG e Arts figuran nomes coma os de Peter Maag, Antônio Meneses, Manuel Barrueco (con quen foi proposta para o premio Grammy no 2007 polo mellor ábum clásico do ano), María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros.

No 2013 a OSG entrou no catálogo do selo alemán Deutsche Grammophon coa gravación da zarzuela Cádiz de Chueca e Valverde, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez.[7]

Nova etapa

O 2 de novembro de 2012 debutou á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia cun concerto no Palacio da Ópera da Coruña. O 13 de febreiro de 2013 foi presentado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, como director titular da OSG, sucedendo no cargo a Víctor Pablo Pérez.[8][9] O nomeamento de Slobodeniouk pola orquestra galega supón un impulso á presenza da OSG no ámbito internacional, así como unha aposta pola renovación do repertorio e a captación de novos públicos.[10] O 4 de outubro de 2013, inaugurando a tempada 2013-14, dirixiru o seu primeiro concerto como titular da orquestra coruñesa cun programa no que se escoitaron a Sinfonía clásica de Sergei Prokofev e a Fantasía en dó maior de Robert Schumann coa violinista norueguesa Vilde Frang na primeira parte, e a Sinfonía fantástica de Hector Berlioz na segunda.[11]