Neutrófilo

Neutrófilo de 12 microns de diámetro tinguido coa tinguidura de Wright.
Frotis sanguíneo no que se ve un neutrófilo co seu núcleo trilobulado. Tinguido con MayGrunwald Giemsa e visto a 100 aumentos con obxectivo de inmersión.

Os neutrófilos son o tipo de glóbulo branco máis abundante no sangue dos mamíferos e forman unha parte esencial do sistema inmunitario innato, no que funcionan como fagocitos. Forman parte do grupo dos glóbulos brancos polimorfonucleares (PMN) ou granulocitos (xunto cos basófilos e eosinófilos). Outros nomes con que se designan son: granulocitos neutrófilos ou neutrófilos polimorfonucleares, e subdivídense en neutrófilos segmentados e neutrófilos bandeados.[1][2][3]

O nome neutrófilo deriva das súas características tintoriais nas preparacións histolóxicas tinguidas con hematoxilina e eosina. As células sanguíneas basofílicas tínguense de cor azul escura, pero as eosinofílicas tínguense de vermello brillante, en tanto que os neutrófilos se tinguen de rosa neutro. Normalmente os neutrófilos teñen un núcleo dividido en lóbulos, xeralmente de 2 a 5.

Os neutrófilos atópanse normalmente no torrente sanguíneo, pero durante as fases iniciais (agudas) dunha inflamación, especialmente como resultado dunha infección bacteriana, exposición ao ambiente (polución),[4] e nalgúns cánceres,[5][6] os neutrófilos son unhas das primeiras células que responden á inflamación, ao migraren ao lugar da inflamación. Migran atravesando a parede dos vasos sanguíneos e polo tecido intersticial, seguindo sinais químicos como a interleucina-8 (IL-8), C5a, e o leucotrieno B4, proceso chamado quimiotaxe. Son as células predominantes no pus, e contribúen a darlle a este a súa aparencia branco-amarelenta.

Os neutrófilos son recrutados no sitio da inflamación en poucos minutos despois do trauma e son indicio dunha inflamación aguda.[7]

Características

Neutrófilo migrando desde un vaso sanguíneo á matriz do tecido, detectando encimas proteolíticos, para determinar conexións intercelulares que melloren a súa mobilidade, e englobando as bacterias por medio da fagocitose.

Os neutrófilos teñen un diámetro medio de 12–15 micrómetros (µm) nos frotis de sangue periférico, pero se os medimos en suspensións de neutrófilos puros nun contador automático de células, o seu diámetro é de 8–9 µm.

Xunto cos eosinófilos e basófilos, forman parte do grupo dos leucocitos polimorfonucleares, denominados así porque o seu núcleo é multilobulado (en contraposición aos linfocitos e monocitos, os outros tipos de células brancas sanguíneas). Os lóbulos do seu núcleo están conectados por porcións delgadas de cromatina. O nucléolo desaparece a medida que o neutrófilo maduro, que é algo que ocorre só en moi poucos tipos de células nucleadas.[8] No citoplasma, o aparato de Golgi é pequeno, as mitocondrias e ribosomas son escasos, e o retículo endoplasmático rugoso está ausente.[9] O citoplasma contén arredor de 200 gránulos, dos cales unha terceira parte son gránulos azurófilos; e por esta presenza abondosa de gránulos denomínanse granulocitos.[9]

Hai unha diferenza entre os neutrófilos de machos e femias: Nas femias o núcleo do neutrófilo presenta un dos seus cromosomas X condensado formando unha estrutura que sobresae chamada "pau de tambor", ausente nos machos[10] (ver corpo de Barr).

Cando hai deficiencia de vitamina B12 e folato, o núcleo dos neutrófilos sofre unha hipersegmentación (divídese en moitos segmentos).

Valores de referencia de luecocitos para as análises de sangue. A cantidade de neutrófilos indícase en rosa.

Os neutrófilos son as células brancas máis abundantes do sangue humano, reprentan o 70% dos leucocitos, e prodúcense aproximadamente 1011 diariamente. Considérase xeralmente que unha cantidade normal en sangue de neutrófilos está entre 2,5 e 7,5 x 109/L. Persoas procedentes de África e Oriente Próximo poden presentar cantidades menores, pero que se consideran normais. As análises poden dividir os neutrófilos en dous grupos: segmentados e bandeados.

Cando os neutrófilos circulan polos vasos sanguíneos e non están activados, os neutrófilos son esféricos, pero unha vez activados, fanse máis ameboides e poden emitir pseudópodos para captar antíxenos.[11]

Other Languages
العربية: خلية متعادلة
català: Neutròfil
ދިވެހިބަސް: ނޫޓްރަފިލް
English: Neutrophil
español: Neutrófilo
eesti: Neutrofiil
euskara: Neutrofilo
فارسی: نوتروفیل
客家語/Hak-kâ-ngî: Chûng-sin pha̍k-hiet-khiù
עברית: נויטרופיל
Bahasa Indonesia: Neutrofil
日本語: 好中球
Basa Jawa: Neutrofil
kurdî: Nêtrofîl
lumbaart: Neutrofil
lietuvių: Neutrofilas
polski: Neutrofil
srpskohrvatski / српскохрватски: Neutrofil
Simple English: Neutrophil
slovenščina: Nevtrofilec
српски / srpski: Neutrofil
Türkçe: Nötrofil
українська: Нейтрофіли