Naegleria fowleri

Naegleria fowleri
Diferentes estadios de Naegleria fowleri
Diferentes estadios de Naegleria fowleri
Clasificación científica
Dominio:Eukaryota
Reino:Excavata
Filo:Percolozoa
Clase:Heterolobosea
Orde:Schizopyrenida
Familia:Vahlkampfiidae
Xénero:Naegleria
Especie:N. fowleri
Nome binomial
'Naegleria fowleri'
Carter (1970)

Naegleria fowleri é un protista do grupo dos Excavata de vida libre, que pode ser parasito do ser humano. Ten forma ameboide nalgúns estadios, pero non é taxonomicamente un Amebozoo, senón un Escavado Percolozoo. Encóntrase en augas doces temperadas, como lagoas, lagos, ríos, e fontes termais. Tamén se encontra no solo, preto de onde hai descargas de auga quente, como en certas plantas industriais, e tamén en piscinas de augas non cloradas ou pouco cloradas en estado ameboide ou temporalmente flaxelado. Non hai probas de que este organismo vive en augas salgadas.

N. fowleri pode invadir e atacar o sistema nervioso humano, incluíndo o cerebro, causando meningoencefalite amébica primaria, a cal é moi pouco frecuente,[1] pero case sempre acaba coa morte do paciente.[2] A taxa de mortalidade desta infección é de arredor do 99%.[3]

Ciclo de vida

Fases bióticas: quiste, flaxelado, trofozoíto.

Naegleria fowleri aparece en tres formas segundo o momento do seu ciclo de vida: quiste, trofozoíto (ameboide) e flaxelado.

Estadio de quiste

Os trofozoítos enquístanse cando están en condicións desfavorables. Os factores que inducen a formación de quistes poden ser: privación de alimento, sobrepoboación do parasito, desecación, acumulación de produtos residuais, e temperaturas frías.[4] N. fowleri enquístase a temperaturas por debaixo de 10 °C.[5]

Estadio de trofozoíto

Este é o estadio reprodutivo do protozoo, que se transforma de quiste a trofozoíto preto dos 25 °C e ten o seu óptimo de crecemento arredor dos 42 °C, proliferando por fisión binaria. Os trofozoítos caracterízanse por ter un núcleo rodeado dun halo. Móvense por medio de pseudópodos. Os pseudópodos fórmanse en diferentes puntos da célula, o que permite que o protozoo se poida mover en todas as direccións. No seu estadio de vida libre, os trofozoítos aliméntanse de bacterias. Nos tecidos, fagocitan glóbulos vermellos do sangue e destrúen os tecidos.[4]

Estadio flaxelado

É unha forma biflaxelada que se orixina cando os trofozoítos son expostos a un cambio nas concentracións iónicas, como situalos en auga destilada. A transformación dos trofozoítos a formas flaxeladas ocorre en poucas horas.[4]

Other Languages