Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario

Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC)
Movemento independentista canario
Bandera del Movimiento por la Autodeterminación e Independencia del Archipiélago Canario.svg
Dirixentes e organización
Líder Antonio Cubillo
Historia
Fundación 1982
Posicións políticas
Ideoloxía Nacionalismo canario
Independentismo canario
Africanismo
Comunismo
Outros datos
Sede Alxer

O Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC) foi unha organización fundada por Antonio Cubillo, cuxo fin era a secesión das Illas Canarias de España. Durante a década de 1970 operou a través de dous grupos armados: as Forzas Armadas Guanches (FAG) e os Destacamentos Armados Canarios (DAC).

Historia

O MPAIAC fundouse o 22 de outubro de 1964 en Alxeria. O seu impulsor foi o avogado Antonio Cubillo, anteriormente vinculado a Canarias Libre e expatriado voluntariamente en 1962 por motivos pouco claros. [1] [2] Entre outros, uníronselle Ángel Cuenca, Jose I. Díaz "el Mejicano" e Ángel Cabrera "el Rubio", delincuente común cun amplo historial. [3]

O MPAIAC, apoiado polo Goberno alxerino, optou estratexicamente por unha liña africanista, recorrendo á exaltación dos antigos aborixes de Canarias coñecidos como "guanches". Con iso chegou a conseguir en 1968 o apoio dun Comité de Liberación ad hoc da extinta Organización para a Unidade Africana (OUA), dirixido por Alxeria, que nunha reunión secreta declarou as Canarias como un arquipélago xeograficamente africano, alegando a xustaposición xeográfica das illas respecto de África. [4]

En 1975, os servizos de intelixencia alxerinos poñen a emisora Radio Alxer ao dispor do MPAIAC, que inicia as emisións de radio de La Voz de Canarias Libre para o arquipélago canario. [5] Así, Alxeria podía favorecer os seus intereses xeopolíticos na zona aproveitando a crise do Sahara Occidental, e propiciar a creación dun arquipélago canario independente favorable aos seus intereses. [6] [7] [8] A primeiros de febreiro de 1976, unha delegación da Junta Democrática de España formada por Rafael Calvo Serer, Santiago Carrillo e José Vidal-Beneyto visita Alxer e solicita o pechamento da emisora, ante a nova situación creada en España tras a morte de Franco. O Goberno alxerino asegurou que reconsideraría a situación, pero non retirou a concesión a Cubillo ata 1978. [9]

O 1 de novembro de 1976 o MPAIAC inicia a actividade terrorista a través das Forzas Armadas Guanches (FAG), facendo estoupar un explosivo na superficie comercial Galerías Preciados nas Palmas de Gran Canaria. O 27 de marzo de 1977 fan explotar unha bomba na floraría da terminal de pasaxeiros do Aeroporto de Gran Canaria, co resultado de sete persoas feridas, e anuncian unha segunda bomba, o que obriga a desviar os voos ao Aeroporto de Tenerife Norte ("Los Rodeos"), en Tenerife. Ese día produciríase no aeródromo tinerfeño o maior accidente aéreo da Historia, con 583 vítimas mortais. Cubillo negou a colocación da bomba e atribuíu as mortes aos controladores aéreos, aos pilotos e á brétema reinante. [10] Ese mesmo mes morre un militante do MPAIAC, Santiago Marrero, nun tiroteo con vixiantes da Armada Española no cuartel de "La Isleta", nas Palmas de Gran Canaria, onde entrara a roubar armas. O 13 de maio produciuse o primeiro atentado terrorista das FAG en territorio peninsular, estoupando un artefacto explosivo en Galerías Preciados en Madrid. [11] A única morte causada directamente polo MPAIAC foi a do artificieiro da Policía Rafael Valdenebro ao intentar desactivar unha bomba colocada polo grupo en San Cristóbal de la Laguna (Tenerife) o 24 de febreiro de 1978, que ía destinada a asasinar un avogado local. [12] [13]

O 5 de abril de 1978 Cubillo é apuñalado en Alxer, polo que quedou munusválido para o resto da súa vida. O intento de asasinato de Cubillo foi silenciado durante 72 horas polas autoridades alxerinas, mentres que ordenaban deter a calquera español que vivise en Alxer: o goberno de Houari Boumédiène, debilitado por problemas económicos e políticos, pretendía desviar a atención destes relanzando o seu liderado no Comité de Liberación e facer comparecer a Cubillo no cumio da OUA. [14] [15] [16] A Audiencia Nacional sentenciou en 1990 que persoas "non determinadas", pero si "pertencentes aos servizos policiais", encargaron o asasinato a José Luís Espinosa Pardo, que foi condenado a 20 anos de cárcere e ao pagamento dunha indemnización de 150.000 euros. En 2003 Cubillo conseguiría do Ministerio do Interior español 150.253 euros ao abeiro da lei de solidariedade de vítimas do terrorismo. [17]

O MPAIAC finalmente renuncia á loita armada e en 1979 expulsa o seu fundador e secretario xeral, Antonio Cubillo, por non coincidir nalgunhas formulacións coa dirección. Con todo, Cubillo seguiría presentándose a si mesmo como portavoz e dirixente do MPAIAC, deslexitimando o uso do nome polo outro grupo. Posteriormente, Cubillo funda o Congreso Nacional de Canarias (CNC), dentro do cal se producirán tamén disputas pola repartición de 25.000 dólares e posteriores axudas económicas que supostamente foron á súa conta particular en Francia, e terminarían con intentos de agresión entre os seus membros. [18]

Cara a 2003, algúns dos antigos integrantes do MPAIAC que foron expulsados no seu día reconstitúen a organización, aínda que esta reconstitución non será recoñecida pola maioría dos militantes históricos. Doutra banda, a actividade política do MPAIAC reconstituido é practicamente nula e apenas vai máis aló do ámbito de internet.

Other Languages