Monarquía romana

A monarquía romana (en latín, Regnum Romanum) foi a primeira forma política de goberno da cidade-estado de Roma, desde o momento lendario da súa fundación o 21 de abril de -753, ata o final da monarquía no -510, cando o último rei Tarquinio o Soberbio foi expulsado, instaurándose a república romana.

As orixes da monarquía son imprecisas, se ben parece claro que foi a primeira forma política de goberno da cidade, un dato que parecen confirmar a arqueoloxía e a lingüística. A mitoloxía romana vincula a orixe de Roma e da institución monárquica ao heroe troiano Eneas, quen, fuxindo da destrución da súa cidade, navegou cara o Mediterráneo occidental ata chegar a Italia. Alí fundou a cidade de Lavinium, e posteriormente o seu fillo Ascanio fundaría Alba Longa, de cuxa familia real descenderían os xemelgos Rómulo e Remo, os fundadores de Roma.

Nacemento de Roma

Roma ten a súa orixe preto do monte Palatino, xunto ao río Tíber, nun punto no cal existía un vao natural que permitía o seu cruzamento, sendo ademais navegábel desde o mar (situado a 25 km río abaixo) unicamente ata esa posición. Nese punto o río discorría entre varios outeiros escavados polo seu leito, illadas entre si por vales que o Tíber inundaba nas súas crecidas, o cal convertía a zona en pantanosa, polo cal a súa poboación de agricultores e gandeiros foi na súa orixe moi reducida.

Este punto estratéxico presentaba unha posición doada de defender respecto á ampla chaira fértil que rodeaba o lugar, protexido como estaba polo Palatino e os outros outeiros que o rodeaban, sendo ademais un cruzamento destacado nas rutas comerciais do Lacio central, e entre Etruria e Campania. Todos estes factores foron os que co tempo contribuíron ao éxito e á fortaleza da cidade.

A orixe étnica da cidade hai que remontala á fusión das tribos latinas da aldea do Germal (Roma quadrata) cos sabinos do Viminal e o Quirinal, creando así a Liga do Septimontium ou Septimoncial (Liga dos sete montes), unha confederación relixiosa preurbana de clara influencia etrusca, o poder hexemónico de Italia nesta época. O nome da cidade podería remontarse ata a gens etrusca Ruma, se ben existen outras teorías ao respecto.

Reis de Roma
Rei Período de reinado
Rómulo -753 --716
Numa Pompilio -715--674
Tulio Hostilio -673--642
Anco Marcio -642--617
Tarquinio Prisco -616--579
Servio Tulio -578--535
Tarquinio o Soberbio -535--510

Problemática histórica da monarquía romana

As crónicas tradicionais da historia romana, que chegaron ata a actualidade a través de autores clásicos como Tito Livio, Plutarco, Dionisio de Halicarnaso e outros, contan que nos primeiros séculos da vida de Roma houbo unha sucesión de sete reis. A cronoloxía tradicional, narrada por Varrón, cifra en 243 anos a duración total destes reinados, é dicir, un promedio de 35 anos por reinado (moito maior que o de calquera dinastía documentada), aínda que ten sido desestimada actualmente, desde o traballo de Barthold Georg Niebuhr. As crónicas tradicionais tamén se ven inconsistentes ao analizarmos as evidencias arqueolóxicas dos inicios de Roma.

Nalgún momento descoñecido da etapa monárquica da súa historia, Roma caeu baixo o control dos reis etruscos. Os reinados dos primeiros monarcas son bastante sospeitosos, debido á longa duración media dos mesmos e ao feito engadido de que algúns parecen estar redondeados en torno aos 40 anos de duración. Este curioso dato, que mesmo destaca máis comparado cos reinados da actualidade en que a esperanza de vida é maior, quedaba explicado nas tradicións romanas debido a que a maioría dos reis foran cuñados do seu predecesor. Non obstante, é máis probábel que tan só os últimos reis desta etapa puideran ter existido realmente, mentres que non fican evidencias históricas referentes aos primeiros reis de Roma.

Other Languages
azərbaycanca: Roma çarlığı
català: Regne romà
Zazaki: Qraliya Roma
English: Roman Kingdom
Esperanto: Roma monarkio
français: Royauté romaine
interlingua: Monarchia roman
Bahasa Indonesia: Kerajaan Romawi
日本語: 王政ローマ
ქართული: რომის სამეფო
한국어: 로마 왕정
Lingua Franca Nova: Monarcia Roman
lietuvių: Romos karalystė
македонски: Римско Кралство
Bahasa Melayu: Kerajaan Beraja Rom
Nederlands: Romeins Koninkrijk
português: Reino de Roma
română: Regatul Roman
srpskohrvatski / српскохрватски: Rimsko Kraljevstvo
Simple English: Roman Kingdom
slovenščina: Rimsko kraljestvo
српски / srpski: Римско краљевство
svenska: Roms kungatid
українська: Римське Царство
Tiếng Việt: Vương quốc La Mã
Bân-lâm-gú: Lô-má Ông-kok
粵語: 羅馬王國