Metabolismo ácido das crasuláceas

A piña americana ou ananás é un exemplo de planta CAM.

O metabolismo ácido das crasuláceas ou fotosíntese CAM (do inglés Crassulacean acid metabolism) é un tipo de fixación do carbono fotosintética que evolucionou nalgunhas plantas como unha adaptación a condicións áridas.[1] Recibe o seu nome da familia Crassulaceae de plantas, que teñen este tipo de fotosíntese, pero dáse tamén noutras familias de plantas. Nunha planta que utilice plenamente o CAM, os estomas das follas permanecen pechados durante o día para reducir a perda de auga por evapotranspìración, pero ábrenos de noite para obter o dióxido de carbono (CO2) necesario para a súa fotosíntese. O CO2 almacénase en forma dun composto de 4 carbonos, que é o malato, e despois este utilízase para ceder CO2 durante o día e facer a fotosíntese. Deste modo, sempre hai unha concentración elevada de CO2 arredor do encima RuBisCO, encargado da fixación do carbono, o que incrementa a eficiencia fotosintética.

Historia

Sospeitou por primeira vez da existencia do CAM Nicolas-Théodore de Saussure en 1804 nas súas Recherches Chimiques sur la Vegetation, confirmadas e refinadas por E. Aubert en 1892 nas súas Recherches physiologiques sur les plantes grasses e expostas por H. M. Richards en 1915 en Acidity and Gas Interchange in Cacti, da Institución Carnegie. O termo CAM parece que foi acuñado por S. L. Ranson e M. Thomas en 1940, pero eles non foron os primeiros en descubrir este ciclo. Os botánicos Ranson e Thomas observaron este metabolismo nas plantas da familia Crassulaceae, que son plantas suculentas entre as que están Crassula e Sedum.[2] O seu nome refírese ao metabolismo das plantas crasuláceas e non ao metabolismo do ácido crasuláceo. Ademais das crasuláceas, outras familias de plantas realizan tamén este tipo de fotosíntese.

Other Languages