Magna Grecia

Itala nam tellus Graecia maior erat. (O que chamamos Italia era a Magna Grecia). Ovidio, Fastos, IV

A Magna Grecia (do latín Magna Graecia, ás veces tamén Graecia maior; Μεγάλη Ἑλλάς, Megálē Hellás en grego) é o nome que os gregos da Antigüidade utilizaban para designar as costas meridionais da península Italiana e de Sicilia, que foi colonizada polos gregos a partir do século VIII a.C. Hoxe en día, a Magna Grecia correspóndese cos zonas costeiras das rexións de Campania, Calabria, Basilicata Puglia e Sicilia.

Nos séculos VIII e VII a.C., como consecuencia dun importante aumento da poboación en Grecia e dunha crise social e política no seo da Hélade, numerosos emigrantes parten para fundar novas cidades (polis) ao redor do Mediterráneo. O sur de Italia e Sicilia debido á súa proximidade e as súas riquezas agrícolas foron importantes lugares de instalación. As novas cidades foron cualificadas como colonias gregas polos historiadores.

Moitas das novas colonias convertéronse en poderosas e prósperas cidades, como Neapolis (Νεάπολις, Nápoles) ou Sýbaris (Σύβαρις, Síbaris). Outras cidades da Magna Grecia foron Syrakousses (Συρακούσσες, Siracusa), Akragas (Άκραγας, Agrigento), Selinus (Σελινοΰς, Selinunte), Taras (Τάρας, Tarento), Lokroi ou Locri (Λοκροί), Région, Ρήγιον ( Reggio di Calabria), Kroton (Κρότων, Crotona), Thurioi (Θούριοι, Turios), Elea (Ελαία) ou Messana ( Mesina).

A lenda di que a Magna Grecia foi a terra onde Odiseo, rei de Ítaca ( Ulises na cultura romana) perdeuse durante dez anos, despois de regresar de Troia e antes de chegar ao seu reino. Numerosas lendas e historias mitolóxicas da Έλλάς Hélade teñen lugar alí.

A colonización

Os pobos da península itálica ao principio da Idade do Ferro       Ligures       Vénetos       Etruscos       Picenos       Umbros       Latinos       Oscos       Mesapios       Gregos
Columnas dóricas do templo de Tarento.
Templo de Hércules en Agrigento (Akragas).

A colonización polos gregos das costas do Mediterráneo occidental foi un importante movemento demográfico que transformou o curso da civilización occidental. En efecto, un continxente importante de gregos chegaron a esta zona, até alcanzar os litorais da península Ibérica ( Andalucía, Cataluña) ademais dos de Francia, Sicilia e, sobre todo, o sur da península Itálica, concentrándose especialmente na costa oriental de Sicilia e no litoral do mar Xónico e do Tirreno (actuais rexións italianas da Puglia, Basilicata, Calabria e Campania) con a fundación de máis de corenta grandes colonias.

Estas cidades grego-sicilianas e grego-itálicas, pola súa orixe, constitución, lingua e cultura foron gregas, razón pola cal, desde a Antigüidade, se lle deu o nome de Magna Grecia. Porén a expresión Megálē Hellás foi atestada por primeira vez relativamente tarde, no século II d.C., nunha pasaxe do historiador grego Polibio. [1]

Os gregos reproduciron nas colonias as formas de vida material e intelectual que lles eran propias. A formación da Magna Grecia, cronoloxicamente, coincidiu co nacemento de Roma e co dominio etrusco sobre o Tirreno, resultando así unha complexa formación étnica no Mediterráneo.

De entre as diversas compoñentes non itálicas da cultura latina —celta, etrusca, fenicia etc.—, a grega é a máis importante pola superioridade cultural. Estes colonizadores eran basicamente gregos —das illas e territorios bañados polo mar Exeo, que relacionaba a Anatolia coa Eubea (de lingua xónica) e ao Peloponeso (de lingua dórica).

En Sicilia fundaron máis de quince grandes cidades; na península outras vinte, entre as actuais rexións de Nápoles e Tarento. Pero había tamén fenicios ( Líbano) e semitas ( Siria). Grazas á colonización semita xurdiron en Sicilia as cidades de Soluntum (actual Solunto), Panormos (actual Palermo) e Motia (na actual illa de San Pantaleón), catro colonias en Sardeña, outras na costa de África ( Cartago, Útica, Leptis Magna) e nas illas e costas españolas, como Gades (actual Cádiz) e Málaga. [2]

Os calcidenses parece que foron os primeiros gregos en chegar á rexión. Foron eles os que, en Sicilia, fundaron a cidade de Lentini. Os corintios tamén fixeron presenza na rexión e fundaron Siracusa (Συρακούσσες), cidade de gran importancia comercial e económica. Mégara tamén enviou colonos, que fundaron Mégara Hibleia, situada entre Siracusa e Lentini. Os gregos de Rodas e de Creta fundaron Gela, que se convertería na cidade máis importante da Sicilia meridional, e Ácragas (Άκραγας), actual Agrigento.

A rexión meridional da Italia continental foi colonizada por aqueos, que fundaron a opulenta cidade de Síbaris (Σύβαρις). [3]. Tamén foron aqueos os que fundaron Crotona (Κρότων), cidade que pasou a rivalizar con Síbaris, mentres que Tarento (Τάρας), foi fundada por laconios.

A historia da Magna Grecia continental, aínda que estreitamente ligada, é diferente da da Sicila grega. [4] As novas cidades non dependían da cidade nai despois do seu establecemento. Os intercambios comerciais e as relacións diplomáticas entre a cidade nai e a colonia facíanse de igual a igual, e non era raro que a nova cidade sobrepasase en riqueza á cidade nai.

Porén unha fraternidade real unía á colonia e á cidade nai que se traducía, por exemplo, por unha axuda militar en caso de ataque á colonia ou á cidade nai. É o caso da guerra do Peloponeso, cando Corinto enviou tropas e naves a Siracusa, asediada polos atenienses.

Ademais de coas cidades nai, as colonias mantiñan vínculos coa Hélade ( Grecia), sobre todo coa máis occidental, a do actual litoral hispanofrancés: Massalia ( Marsella), Antípolis ( Antibes), Nikaia ( Niza), Emporion ( Empúries) ou Mainake ( Málaga).

A Magna Grecia era, tamén, o celeiro de Grecia, na medida en que lle subministraba cereais, aceites, las, viños e unha serie doutros produtos. En vista desta riqueza, comezan as friccións cos cartaxineses e cos etruscos. Alén diso, as rivalidades internas entre as propias colonias gregas acabarían fraxilizando a rexión, e os romanos rematarían por dominar toda a rexión, que foi conquistada por eles tras vencer nas guerras samnitas, continuando a súa expansión cara so sur.

Hoxe en día, nas rexións italianas de Calabria e Apulia, unha pequena minoría de arredor de 30.000 persoas falan un idioma que chaman griko, derivado do grego antigo.

Other Languages
Afrikaans: Magna Graecia
العربية: ماجنا غراسيا
asturianu: Magna Grecia
български: Магна Греция
brezhoneg: Magna Graecia
català: Magna Grècia
čeština: Magna Graecia
Чӑвашла: Аслă Греци
Deutsch: Magna Graecia
Ελληνικά: Μεγάλη Ελλάδα
English: Magna Graecia
Esperanto: Granda Grekio
español: Magna Grecia
euskara: Magna Graecia
français: Grande-Grèce
hrvatski: Magna Graecia
Bahasa Indonesia: Yunani Besar
íslenska: Magna Graecia
italiano: Magna Grecia
македонски: Голема Грција
Napulitano: Magna Grecia
Nederlands: Magna Graecia
português: Magna Grécia
română: Magna Graecia
tarandíne: Magna Grecie
sicilianu: Magna Grecia
srpskohrvatski / српскохрватски: Magna Graecia
Simple English: Magna Graecia
slovenščina: Magna Graecia
српски / srpski: Велика Грчка
svenska: Magna Graecia
Türkçe: Magna Graecia
українська: Велика Греція
Tiếng Việt: Magna Graecia
中文: 大希腊