Música rock

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Música rock
Elvis Presley promoting Jailhouse Rock.jpg
Orixe musicalrock and roll, blues eléctrico, jazz, folk, country, blues, rhythm and blues, soul
Orixe culturalanos 50 e 60 no Reino Unido e os Estados Unidos
Instrumentos típicosvoces, guitarra eléctrica, baixo, guitarra acústica, batería, piano, sintetizador, teclados
DerivadosNew Age, synthpop
Subxéneros
rock alternativo - art rock - baroque pop - música beat - Britpop - emo - rock experimental - garage rock - glam rock - rock gótico - grunge - hard rock - hardcore punk - heartland rock - heavy metal - rock instrumental - indie rock - rock industrial - jangle pop - Krautrock - Madchester - New Wave - noise rock - post-punk - post-rock - power pop - rock progresivo - protopunk - rock psicodélico - punk rock - soft rock - southern rock - música surf - rock sinfónico - stoner rock
Instrumentos típicos da música rock.

Rock ou música rock é un xénero musical popular que se desenvolveu durante e despois da década de 1950. As súas raíces atópanse no rock and roll e máis no rockabilly que emerxeu e se definiu nos Estados Unidos de América ao final dos anos corenta e inicio dos cincuenta. Evolucionou a partir do blues, da música country e do rhythm and blues, entre outras influencias musicais que mesmo inclúen o folk, o jazz e a música clásica. Todas estas influencias combinadas nunha estrutura musical bailábel e de composición sinxela.

Os sons do rock adoitan xirar sobre a guitarra eléctrica ou acústica, e ten unha forte sección rítmica formada polo baixo, a batería, e instrumentos de teclado coma órgano, piano ou, dende os anos 70, os sintetizadores. Xunto coa guitarra ou os teclados, ás veces tamén son usados como instrumentos solistas o saxofón ou a harmónica cun estilo blues.

A finais dos 60 e principios dos 70 desenvolvéronse diferentes estilos dentro do rock. Cando foi mesturado coa música folk apareceu o folk rock, uníuse ao blues para crear o blues-rock e co jazz na jazz-rock fussion. Nos anos 70 o rock incorporou influencias do soul, o funk e a música latina. Tamén nesa época desenvolvéronse numerosos subxéneros, coma o soft rock, glam rock, heavy metal, hard rock, rock progresivo e punk rock. Os subxéneros que xurdiron nos anos 80 inclúen o New Wave, o hardcore punk e o rock alternativo. Nos anos 90 apareceron o grunge, o britpop, o indie rock e o nu metal.

Orixes

Rock and roll

Os fundamentos da música rock atopámolos no rock and roll, orixinado nos Estados Unidos durante os últimos anos da década dos 40 e os primeiros da década dos 50, e rapidamente estendeuse ao resto do mundo. As súas orixes inmediatas eran unha mestura de varios xéneros musicais dos cidadáns negros da época, como rhythm and blues e música gospel, con country and western. En 1951, o pinchadiscos de Cleveland, Ohio Alan Freed comezou a poñer música rhythm and blues para unha audiencia multi-racial, e está considerado o primeiro en usar a frase "rock and roll" para desribir a música[1] .

Existe un gran debate sobre cal foi a primeira gravación de rock and roll. As "competidoras" son "Rock Awhile" de Goree Carter (1949); "Rock the Joint" de Jimmy Preston (1949), que posteriormente versionou Bill Haley & His Comets en 1952; e "Rocket 88" de Jackie Brenston and his Delta Cats, gravada por Sam Phillips para Sun Records en 1951. Catro anos despois "Rock Around the Clock" de Bill Haley converteríase na primeira canción de rock and roll en encabezar as listas de vendas e difusión por radio da revista Billboard, abrindo a porta a todo o mundo para esta nova forma de expresión da cultura popular[2] .

Díxose que "That's All Right (Mama)" (1954), o primeiro sinxelo de Elvis Presley para Sun Records en Memphis, foi a primeira gravación de rock and roll, pero, nese mesmo tempo, "Shake, Rattle & Roll" de Big Joe Turner, posteriormente versionada por Haley, xa estaba na cima das listas R&B da Billboard. Outros artistas artifices dos primeiros éxitos do rock and roll foron Chuck Berry, Bo Diddley, Fats Domino, Little Richard, Jerry Lee Lewis e Gene Vincent. Ao pouco tempo o rock and roll era o principal xénero en volume de vendas nos Estados Unidos e os crooners, como Eddie Fisher, Perry Como e Patti Page, que dominaran a música popular na década anterior, atoparon o seu acceso ás listas de pop considerablemente reducido.

O rock and roll deu pé á aparición de distintos subxéneros como o rockabilly, que combinaba o rock and roll co country "hillbilly", que normalmente era cantado a mediados dos 50 por cantantes brancos como Carl Perkins, Jerry Lee Lewis, Buddy Holly ou Elvis Presley. En contraste, o doo wop enfatizou as harmonías vocais, formadas por varias voces, e as letras sen sentido de acompañamento (das cales o xénero collería posteriormente o seu nome), que era normalmente apoiado por instrumentación lixeira e ten as súas orixes nos grupos vocais afroamericanos dos anos 30 e 40. Artistas como The Crows, The Penguins, The El Dorados e The Turbans conseguiron grande éxitos, e grupos como The Platters, con cancións como "The Great Pretender" (1955), e The Coasters, con temas humorísticos como "Yakety Yak" (1958), estiveron entre os artistas de rock and roll máis exitosos deses período.

A época tamén viu como medrou a popularidade da guitarra eléctrica, e o desenvolvemento dunha forma específica de interpretar rock and roll a través de expoñentes como Chuck Berry, Link Wray e Scotty Moore. O uso da distorsión, do que foron pioneiros guitarristas de blues eléctrico como Guitar Slim, Willie Johnson e Pat Hare a principios dos 50, foi popularizado por Chuck Berry a mediados da década. O uso de power chords, iniciado por Willie Johnson e Pat Hare os comezos dos anos 50 foi popularizado por Link Wray a finais.

No Reino Unido, os movementos trad jazz e folk levaron á visita de artistas de blues ao país. O éxito de 1955 de Lonnie Donegan "Rock Island Line" foi unha gran influencia, e axudou a desenvolver a tendencia dos grupos de skiffle en todo o Reino Unido, moitos dos cales, incluídos The Quarrymen de John Lennon, cambiaron para tocar rock and roll.

Os estudosos do rock perciben un declive no rock and roll a finais dos 50 e comezos dos 60. Cara 1959, a morte de Buddy Holly, The Big Bopper e Richie Valens nun accidente de avión, a marcha de Elvis Presley ao exército, o retiro de Little Richard para converterse en predicador, os procesamentos de Jerry Lee Lewis e Chuck Berry, e un escándalo de subornos que implicou a figuras como o pinchadiscos Alan Freed, levaron á sensación de que a primeira época do rok and roll chegara ao seu fin.

Os anos intermedios

O tempo que vai dende finais dos 50 ata comezos dos 60, entre o final do período inicial de innovación e o que foi coñecido nos Estados Unidos como a "British Invasion", foi tradicionalmente vista como unha época de hiato para o rock and roll. Máis recentemente algúns actores enfatizaron importantes innovacións e tendencias neste período, sen os cales non poderían levarse a cabo futuros desenvolvementos. Mentres que nos primeiros anos do rock and roll, particularmente durante a chegada do rockabilly, viuse un maior éxito comercial entre intérpretes masculinos e brancos, neste tempo estivo dominado por artistas negros e mulleres. O rock and roll non desaparecera a finais dos anos 50 e parte da súa enerxía pode verse nos bailes Twist de principios da década dos 60, cun dos máximos representantes na figura de Chubby Checker. O doo wop morrera a finais da década, pero tivo un rexurdimento nos primeiros anos 60, destacando artistas como The Marcels, The Capris, Maurice Williams e Shep and the Limelights. A aparición de grupos de rapazas como The Chantels, The Shirelles e The Crystals puxo un énfase nas harmonías e nunha produción máis pulcra que contrastaba co rock and roll anterior. Moitos dos máis significativos éxitos dos grupos de rapazas foron produtos do Brill Building Sound, chamado así por un bloque de edificios de Nova York onde vivían moitos compositores. Entre estes éxitos estiveron "Will You Love Me Tomorrow" de The Shirelles en 1960, escrito por Gerry Goffin e Carole King.

Cliff Richard tivo o primeiro éxito do rock and roll británico con "Move It", iniciando así o son do rock británico[3] . A comezos da década dos 60, o seu grupo de acompañamento, The Shadows, era a banda máis exitosa gravando temas instrumentais. Mentres que o rock 'n' roll esvaecíase cara o pop lixeiro e as baladas, os grupos de rock británicos en lubs e salas de baile, fortemente influenciados po pioneiros do blues-rock como Alexis Korner, comezaron a tocar cunha intensidade e unha intención atopada nos artistas brancos estadounidenses.

Tamén foi significativa a aparición da música soul cunha forza comercial importante. Desenvolvida a partir do rhythm and blues con elementos do gospel e do pop, e liderada por pioneiros como Ray Charles e Sam Cooke dende mediados dos 50, a principios dos anos 60 figuras como Marvin Gaye, James Brown, Aretha Franklin, Curtis Mayfield e Stevie Wonder dominaban as listas de R&B e entraron nas principais listas de pop, axudando a acelerar a súa disgregación, mentres que os selos Motown e Stax/Volt pasaban a colocarse entre os primeiros postos da industria musical. Todos estes elementos, incluídas as harmonías próximas do doo wop e dos grupos de rapazas, a coidadosa elaboración dos compositores do Brill Building Sound e os pulidos valores de produción no soul, foron vistos como influencia do son Merseybeat, particularmente nos primeiros traballos de The Beatles e a través deles conformando a música rock posterior. Algúns historiadores da música tamén apuntaron aos importantes e innovadores avances tecnolóxicos que construíron o rock and roll nese momento, incluído o tratamento electrónico do son por innovadores como Joe Meek, e os elaborados métodos de produción de Wall of Sound seguidos por Phil Spector.

Música surf

O rock and roll instrumental, do que foron pioneiros artistas como Duane Eddy, Link Wray e The Ventures, desenvolveuno Dick Dale que engadiu a distintiva reverberación "húmida", unha pulsación das cordas coa man dereita con alternancia rápida, así como influencias de Oriente Medio e México, producindo o éxito rexional "Let's Go Trippin'" en 1961 e iniciando a febre pola música surf, ao que seguirían temas como "Misirlou" (1962). Ao igual que Dale e os seus Del-Tones, a meirande parte das primeiras bandas de surf formáronse no Sur de California, e entre elas estaban The Bel-Airs, The Challengers e Eddie & the Showmen. The Chantays conseguiron entrar no top 10 nacional con "Pipeline" en 1963, e probablemente o tema surf máis coñecido sería "Wipe Out" (1963), de The Surfaris, que chegaría aos postos 2 e 10 das listas da Billboard en 1965[4] .

A crecente popularidade do xénero levou a grupos doutras zonas a probar sorte. Entre estes grupos estaban The Astronauts de Boulder, Colorado; The Trashmen de Minneapolis, Minnesota, que proseguiran un número 4 con " Surfin Bird" en 1964; e The Rivieras de South Bend, Indiana, que acadaran o número 5 con " California Sun" tamén no ano 1964. The Atlantics, procedentes de Sydney, realizaron unha contribución significativa ao xénero co seu éxito "Bombora" (1963). Bandas instrumentais europeas dese tempo polo xeral centráronse máis no estilo rock and roll, tocado por conxuntos como The Shadows, pero The Dakotas, que era a banda de acompañamento do cantante británico de Merseybeat Billy J. Kramer, gañaron unha certa atención como músicos de surf con "Cruel Sea" (1963), que posteriormente sería versionada por bandas de surf instrumental estadounidense, como The Ventures.

A música surf conseguiu o seu maior éxito comercial como música vocal, particularmente co traballo de The Beach Boys, formada en 1961 en Southern California. Seus primeiros álbums inclúen tanto surf rock instrumental (entre eses temas hai versións de temas de Dick Dale) e cancións vocais, influenciadas polo rock and roll e o doo wop e das harmonías de artistas de pop vocal como The Four Freshmen. O primeiro éxito seu que destacou nas listas, "Surfin'" (1962), entrou no top 100 da Billboard e axudou a facer da manía da música surf un fenómeno nacional. Dende 1963 o grupo comezou a deixar o surf a medida que Brian Wilson pasaba a ser o principal compositor e produtor, movéndose cara temáticas máis xerais da adolescencia dos homes como os coches e as rapazas en cancións como "Fun, Fun, Fun" (1964) e "California Girls" (1965).

Aos Beach Boys seguíronlle outros conxuntos de surf vocal, como os one-hit wonders Ronny & the Daytonas con "G. T. O." (1964) e Rip Chords con "Hey Little Cobra", chegando os dous temas ao top 10. Pero o único outro artista en ter un éxito substancial con esa fórmula foi Jan & Dean, que tivo un número 1 con " Surf City" (co-escrita con Brian Wilson) en 1963. A manía da música surf e as carreiras de case todos os artistas do xénero remataron coa chegada da British Invasion dende 1964. Só The Beach Boys foron capaces de manter unha carreira creativa a mediados dos anos 60, producindo un feixe de sinxelos e álbums exitosos, como o Pet Sounds de 1966, sendo probablemente o único grupo estadounidense que puido ser rival dos Beatles no seu tempo.

Other Languages
Afrikaans: Rockmusiek
Alemannisch: Rockmusik
aragonés: Musica rock
العربية: موسيقى الروك
asturianu: Rock
azərbaycanca: Rok
башҡортса: Рок
Boarisch: Rockmusi
žemaitėška: Ruoks
беларуская: Рок-музыка
беларуская (тарашкевіца)‎: Рок-музыка
български: Рок музика
বাংলা: রক সঙ্গীত
brezhoneg: Sonerezh rock
bosanski: Rock muzika
català: Música rock
čeština: Rock
dansk: Rock
Deutsch: Rockmusik
Ελληνικά: Ροκ μουσική
English: Rock music
Esperanto: Rok-muziko
español: Rock
euskara: Rock
estremeñu: Rock
suomi: Rock
français: Rock
Frysk: Rockmuzyk
Gaeilge: Rac-cheol
贛語: 搖滾樂
Gàidhlig: Roc
hrvatski: Rock
magyar: Rock
հայերեն: Ռոք
Bahasa Indonesia: Musik rok
Ido: Rock
íslenska: Rokk
italiano: Rock
Patois: Rak myuuzik
ქართული: როკ-მუსიკა
Kabɩyɛ: Rɔkɩ
қазақша: Рок-музыка
한국어: 록 음악
kurdî: Muzîka rock
Кыргызча: Рок-музыка
Latina: Musica rock
Lëtzebuergesch: Rockmusek
Lingua Franca Nova: Roc
lumbaart: Rock
lietuvių: Rokas
latviešu: Rokmūzika
македонски: Рок-музика
മലയാളം: റോക്ക്
монгол: Рок хөгжим
मराठी: रॉक संगीत
Bahasa Melayu: Muzik rock
Mirandés: Rock
Nāhuatl: Rock
Plattdüütsch: Rock (Musik)
नेपाली: रक सङ्गीत
नेपाल भाषा: रक संगीत
Nederlands: Rock
norsk nynorsk: Rock
norsk: Rock
occitan: Musica Rock
ਪੰਜਾਬੀ: ਰੌਕ ਸੰਗੀਤ
Picard: Rock
polski: Rock
پنجابی: روک موسیقی
português: Rock
Runa Simi: Rock
română: Muzică rock
русский: Рок-музыка
русиньскый: Рок-музика
саха тыла: Рок музыка
sicilianu: Mùsica rock
srpskohrvatski / српскохрватски: Rock muzika
Simple English: Rock music
slovenčina: Rock
slovenščina: Rock
shqip: Rock
српски / srpski: Рок музика
Seeltersk: Rockmusik
svenska: Rockmusik
Kiswahili: Muziki wa rock
ślůnski: Rok (muzyka)
தமிழ்: ராக் இசை
ไทย: ร็อก
Tagalog: Musikang rock
Türkçe: Rock müzik
татарча/tatarça: Рок-музыка
українська: Рок-музика
oʻzbekcha/ўзбекча: Rok
vèneto: Rock
Tiếng Việt: Rock
walon: Rock
Winaray: Rock
吴语: 摇滚乐
მარგალური: როკ-მუსიკა
ייִדיש: ראק מוזיק
中文: 摇滚乐
粵語: 搖滾樂