Lexionelose

Lexionelose
Clasificación e recursos externos
Legionella pneumophila no microscopio electrónico (8.000 aumentos). A imaxe procede do Centro de Control e Prevención de Enfermidades de Estados Unidos (CDC)
ICD-1048.1, 48.2
ICD-9482.84
MedlinePlus000616
eMedicine1273/med
MeSHD007876
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A lexionelose é unha enfermidade infecciosa, producida por bacterias do xénero Legionella, case sempre L. pneumophila, caracterizada por un cadro respiratorio e febril. Adoita estar relacionada con determinadas instalaciones de auga quente sanitaria, nas que o axente causante se mantén e multiplica. A enfermidade describiuse por vez primeira en xullo de 1976, a raíz dun abrocho epidémico de pneumonía entre os participantes dunha convención da Lexión Americana -unha asociación de veteranos de guerra- nun hotel de Pensilvania (Filadelfia, Estados Unidos), circunstancia á que debe o nome co que se designou ó principio: enfermidade do lexionario. Neste abrocho houbo 182 enfermos, con 34 falecidos.

Trátase dunha enfermidade de declaración obrigatoria, a nivel nacional, desde a creación da Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica en 1997 [1].

Identifícase, de acordo co Código Internacional de Clasificación das Enfermidades, co código 482.84 (segundo a edición CIE-9-MC) ou A48.1, A48.2 (edición CIE-10).

Etioloxía

A lexionela é unha proteobacteria da familia Legionellaceae, xénero Legionella, que se divide en 50 especies, das que 17 foron vencelladas a infeccións humanas. A Lexionella pneumophila é a responsable do 90% dos casos e dela describíronse xa 16 serogrupos, entre os que o serogrupo 1 é o máis frecuente no ambiente e o máis común nos casos de enfermidade (responsable do 85% dos casos), se ben outros serogrupos tamén se atoparon en abrochos humanos.

Ten forma de bacilo, con 1,5 a 5 micras de longo por 0,3-0,9 micras de ancho, con un ou máis flaxelos polares ou subpolares, Gram negativo e aerobio estrito.

Os doutores George Gorman (á esquerda) e Jim Feeley (á dereita) examinando placas de Petri con cultivos de Legionella (fotografía do CDC, de 1978).

A bacteria responsable é un xerme ambiental, presente habitualmente nas augas superficiais dos ríos, lagos e acumulacións artificiais de auga (como estanques). Sobrevive nun rango de temperaturas comprendido entre os 20 e os 45 °C, aínda que a temperatura óptima de multiplicación e crecemento é de 35-37 °C. Inactívase a partir de temperaturas da orde dos 70 °C. A temperaturas inferiores a 20 °C mantense en estado latente.

Desde o hábitat natural, a bacteria pode contaminar as redes de distribución de auga potable urbana e chegar así ata os equipos de auga quente sanitaria (e mais outros nos que se produza acumulación de auga). Nestas instalacións é común a existencia de zonas nas que se quede auga estancada, así como a presenza e depósito de diferentes substancias que favorecen a multiplicación da bacteria, como protozoos, algas e outras bacterias, xunto a lodos e outros restos orgánicos, todo o cal, co paso do tempo, forma unha biocapa ou biofilm que actúa como medio de cultivo da lexionela, que forman microcolonias dentro desas biocapas. Estas, a maiores de proporcionar alimento, protexen a bacteria da acción de posibles desinfectantes. Se a temperatura da auga é adecuada, a multiplicación da lexionela pode alcanzar altas concentracións e estenderse ata outros puntos do sistema de distribución de auga nos que se produzan aerosois (duchas, aspersores, vaporización etc.) que dispersan a bacteria no aire que respiran as persoas que habiten nesas instalacións, producíndose así a infección por vía respiratoria.

A bacteria pode crecer intracelularmente, no interior de protozoos ou de macrófagos humanos. Así, a presenza de protozoos na auga, especialmente amebas, sexa en condicións naturais ou nas instalacións de auga sanitaria, serve non só para facilitar a multiplicación senón tamén para garantir un mecanismo de supervivencia en condicións ambientais desfavorables.

Por todas estas razóns, as medidas de prevención e control da enfermidade deben dirixirse a evitar a contaminación por lexionelas da rede de distribución de auga potable, a evitar a súa multiplicación nas instalacións de auga e a evitar que se produzan aerosois.

Other Languages
العربية: داء الفيالقة
български: Легионелоза
čeština: Legionelóza
Deutsch: Legionellose
Esperanto: Legiana malsano
español: Legionelosis
euskara: Legionelosi
français: Légionellose
íslenska: Hermannaveiki
italiano: Legionellosi
қазақша: Легионеллез
lietuvių: Legioneliozė
Nederlands: Legionellose
norsk nynorsk: Legionærsjukdom
русский: Легионеллёз
Simple English: Legionnaires' disease
slovenščina: Legioneloza
українська: Легіонельоз
Tiếng Việt: Bệnh Lê dương
中文: 军团病