Kitsune

O Príncipe Hanzoku, aterrorizado por un raposo de nove colas. Impresión de Utagawa Kuniyoshi (século XIX).

A palabra xaponesa kitsune (, Ja-Kitsune.oga Ja-Kitsune.oga ) significa raposo, animal que constitúe un elemento de singular importancia no folclore xaponés, até o punto en que a devandita palabra se utiliza tradicionalmente para nomear a un espírito do bosque con forma de raposo, cuxa función clásica é a de protexer bosques e aldeas.[1] Segundo a mitoloxía xaponesa, o raposo é un ser intelixente que posúe habilidades máxicas, que se incrementan coa idade e a adquisición de coñecementos. A idade, sabedoría e poder dun kitsune son tamén maiores a medida que aumenta o número de colas, sendo o máis poderoso o kitsune de nove colas.[2]

O kitsune está estreitamente asociado ao deus shinto (kami) Inari, deus da fertilidade, da agricultura, do arroz e dos raposos, tanto como mensaxeiro como servente do mesmo. Os poderes atribuídos ao Kitsune inclúen a capacidade de adoptar a forma humana, concretamente de muller nova.[3] Nalgúns contos tradicionais, e en xeral no folclore, o kitsune desenvólvese como un ser que aproveita a súa metamorfose para facer trasnadas ás persoas, mentres que noutras ocasións desempeña funcións de gardiá, amiga, amante ou esposa.[4]

Como consecuencia de todos estes atributos máxicos, ao kitsune ofrécenselle ofrendas coma se fose unha deidade.[5] A orixe histórica deste papel central do raposo no folclore xaponés está na súa convivencia harmónica co ser humano no Antigo Xapón, da que se derivou un crecente corpus de lendas respecto diso.[6]

Orixe

Un raposo de nove colas, tomado do libro Shan Hai Jing da Dinastía Qing. O espírito do raposo ou huli jing do folclore chinés é similar ao kitsune.

Existe un debate acerca da orixe dos mitos do kitsune, algúns destacan en fontes estranxeiras ou en ideas indíxenas xaponesas ao redor do século V a. C. É amplamente coñecido que algúns mitos dos raposos poden ser atopados na China, Corea, a India ou Grecia. Moitas destas primeiras historias están rexistradas no Konjaku Monogatari, unha colección do século XI de narracións chinesas, indias e xaponesas.[2] As historias folclóricas chinesas relatan acerca do huli jing, un espírito de raposo parecido ao kitsune e que posúe nove colas. En Corea existe o kumiho (raposo de nove colas), unha criatura mitolóxica que chegaba a vivir mil anos. Existen diferenzas, como por exemplo o kumiho é visto como un ser maligno, oposto á súa contraparte xaponesa. Non obstante, eruditos como Ugo A. Casal suxiren que as similitudes mostran que os mitos dos raposos tiveron a súa orixe en fontes indias como o Hitopadesha ( XII d. C.). Pero este está indubidablemente baseado no Pañcha tantra (India, século III a. C.), que posiblemente está baseado nas Fábulas de Esopo (Grecia, século VIN a. C.) que estas se esparexeron a China e Corea, e en última instancia ao Xapón.[7]

En contraste, o folclorista xaponés Kiyoshi Nozaki argumenta que o kitsune xaponés adquiriu atributos positivos ao redor do século IV; e que soamente en China e Corea se presentaron atributos negativos.[8] Estima que, baseándose nunha colección de libros do século XVI chamado Nihon Ryakki, os raposos e os humanos vivían moi correlacionados no antigo Xapón, e que deu como resultado a aparición de lendas indíxenas acerca dos kitsune.[6] A investigadora Karen Smyers, unha investigadora do deus Inari, menciona que a idea do raposo como un ser sedutor ante o ser humano e a conexión dos mitos do raposo no budismo, foron introducidos ao folclore xaponés a través das historias chinesas, mais sostén que algunhas historias de raposos conteñen elementos únicos no Xapón.[3]

Etimoloxía

O Xapón é fogar de dúas subespecies de raposo vermello: o raposo de Hokkaido (Vulpes vulpes schrencki, na imaxe), e o raposo vermello xaponés (Vulpes vulpes japonica).

Segundo Nozaki, a palabra kitsune foi orixinalmente unha Onomatopea.[6] Kitsu representaba ao ouveo do raposo e deu como significado á palabra raposo. Ne é unha expresión afectiva, na que Nozaki tómao como evidencia dunha tradición establecida e de orixe propia da benevolencia do raposo no folclore xaponés.[8] Kitsu é agora un arcaísmo, xa que no xaponés moderno o ouveo do raposo é representado como kon kon ou gon gon.

Unha das historias máis antigas que se coñece acerca dos kitsune explicaba a etimoloxía popular máis coñecida para a palabra kitsune, no entanto, hoxe xa está refutada.[9] A diferenza da maioría das historias nas que os kitsune que se transformaban en humanos e casaban con homes, esta historia en particular non terminaba de xeito tráxico:[2][10]

Ono, un habitante de Mino (tomado dunha antiga lenda xaponesa de 545), pasaba as estacións buscando o seu ideal de beleza feminina. Unha tarde coñeceuna nun vasto páramo e casou con ela. Simultaneamente co nacemento do seu fillo, Ono adquiriu un cachorro de can e a medida que crecía volvíase máis e máis hostil coa muller do páramo. Ela suplicou ao seu esposo que o matase, mais el negouse. Un día o can atacouna con tanta furia que ela perdeu a coraxe, converteuse nun raposo, saltou o cerco e fuxiu.

"Ti podes ser un raposo", Ono respondíalle, "mais es a nai do meu fillo e eu ámote. Regresa cando poidas; ti sempre serás benvida".

Así cada tarde ela escapuliríase á casa e durmiría nos seus brazos.
Tradución do orixinal[9]

Como o raposo regresaba co seu esposo cada noite como unha muller, pero abandonábao na mañá como un raposo, é chamado Kitsune. En xaponés clásico, kitsu-ne significa "vir e durmir" e ki-tsune significa "vir sempre".[10]

Other Languages
العربية: كيتسونه
azərbaycanca: Kitsune
български: Китсуне
català: Kitsune
čeština: Kicune
dansk: Kitsune
Deutsch: Kitsune
Ελληνικά: Κιτσούνε
English: Kitsune
Esperanto: Kicuneo
español: Kitsune
فارسی: کیتسونه
français: Kitsune
hrvatski: Kicune
magyar: Kicune
interlingua: Kitsune
Bahasa Indonesia: Kitsune
italiano: Kitsune
日本語: 霊狐
Basa Jawa: Kitsune
ქართული: კიცუნე
latviešu: Kicune
македонски: Кицуне
Bahasa Melayu: Kyuubi
Nederlands: Kitsune
polski: Kitsune
português: Kitsune
русский: Кицунэ
Scots: Kitsune
Simple English: Kitsune
svenska: Kitsune
Türkçe: Kitsune
українська: Лисиця (Японія)
Tiếng Việt: Kitsune