Karate

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Karate
Hanashiro Chomo.jpg
Hanashiro Chomo
Información xeral
Lugar de orixeFlag of Japan.svg Xapón
CreadorPeichin
Técnica principalAtemi waza
Técnica secundariaNage waza
Grafia
TraduciónCamiño das mans baleiras
Outros nomesToshu
Todejutsu
Tuidi
relación con outras artes marciais
AntecedentesTe
Okinawa-te
InfluenteChuan fa

Karate (en xaponés: 空手), ou karatedo (空手道), é unha arte marcial xaponesa e un deporte de combate orixinario de Okinawa, que se desenvolveu con base na arte marcial nativa da rexión baixo as influencias do chuan fa, de orixe chinesa, e das escolas xaponesas tradicionais de arte marcial, chamadas koryu, que practicaban loita desarmada e armada, principalmente con espadas. Neste proceso, cando a influencia xaponesas se tornou preponderante, fóronse incorporando máis características do código de conduta dos samurais, o Budo.[1]

A influencia chinesa foi maior nun primeiro estadio de desenvolvemento, cambiando un paradigma primitivo dunha loita simple con agarramento e proxeccións, con máis énfase nos golpes traumáticos, e fíxose sentir nas técnicas dos estilos máis fluídos e pragmáticos da China meridional.[2] Despois, en razón do cambio do escenario xeopolítico, comezou o tempo de predominio das disciplinas de combate do Xapón e, nese período, o máis común era simplificar aínda máis os movementos de orixe do chuan fa, facéndoos máis directos e renunciando a aquilo que non fose útil, como movementos acrobáticos ou que eran executados máis por razóns estéticas.[1]

O repertorio de técnicas do karate reúne principalmente golpes contundentes (atemi waza), como patadas, sopapos, xeonlladas etc., executados todos coas mans desarmadas. Porén, técnicas de proxección, inmobilización e bloqueos (nage waza, katame waza, uke waza) tamén poden ser ensinadas, con maior ou menor importancia dependendo de onde se practica e quen é o instrutor.[3]

Grosso modo, pódese afirmar que a evolución desta arte marcial foi conducida por grandes mestres, que a formaron e asentaron seus principios, rematando no karate moderno. O paradigma tradicional de ensino era da maneira xaponesa, con base nos kata (secuencia de técnicas, simulando loita con varias aplicacións prácticas). Mais o modelo que se fixou e rixe ata hoxe baséase en tres piares: kihon (técnicas básicas), kata e kumite (enfrontamento en si, que pode ser simple simulacro ou darse de forma deportiva e competitiva ou máis próxima á realidade).[4]

Existen moitos estilos e escolas de karate, e iso foi resultado do seu proceso de desenvolvemento. Aconteceu que, no albor desta arte marcial, era practicada segundo tres estilos distintos: Naafadii, Suidi e Tumaidi, practicados respectivamente nas tres cidades da maior illa do arquipélago de Okinawa, coas súas idiosincrasias, que os tornaban máis ou menos diferentes. Despois, esta circunstancia acentuouse no que acabou resultando en practicamente incontábeis variacións e (sub)variacións.[5]

O estadio da transición entre os séculos XX e XXI revela que a maioría das escolas de karate deu énfase á evolución do condicionamento físico, desenvolvendo velocidade, flexibilidade e capacidade para participar en competicións de deporte de combate, quedando relegada a aquelas poucas escolas tradicionalistas a práctica de exercicios máis rigorosos, que teñan como obxectivo desenvolver a resistencia dos membros, e de probas de rompemento de táboas de madeira, ladrillo ou xeo. Basicamente, existen dúas tendencias: unha que desexa preservar os caracteres marcial e filosófico do karate, e outra na que as características deportiva e lúdica son meirandes e importantes.[6]

Durante as dúas primeiras décadas do século XX, o proceso de segmentación do karate en diversas escolas distintas fíxose definitivo, aparecendo diversas asociacións, ata unhas dentro de outras, coa intención de difundir o seu modo peculiar de entender e ensinar as técnicas, a pesar de posuíren todas elas semellanzas e case as mesmas orixes. Tal circunstancia foi combatida por grandes mestres, mais acabou quedando e xerou como consecuencia a falta de estandarización e entendemento entre as moitas entidades e practicantes. De aí, aínda que aceptado mundialmente como deporte, ata clasificado como deporte olímpico e estando presente nos Xogos Panamericanos, non hai un sistema unificado de valoración para as competicións, ocasionando moita dificultade para a súa aceptación coma deporte de competición nos Xogos Olímpicos.[7]

A pesar da enorme fragmentación, os moitos estilos buscan aínda seguir un modelo pedagóxico relativamente común. E neste ámbito, distínguese o simple practicante de aquel estudoso dedicado, chamado karateka, porque este busca desenvolver disciplina, filosofía e ética, alén de só aprender os golpes. Aquel karateka que alcanza o grao de cinto negro chámase sensei. E os lugares de aprendizaxe son chamados dojo, sendo estes case sempre afiliados a algún estilo.

Historia

Antecedentes

No arquipélago de Okinawa, unha rexión localizada a medio camiño entre China e Xapón, na parte setentrional do Mar da China, xurdiu o Reino de Lequias. No proceso de xurdimento deste reino, entre os anos de 1322 e 1429, houbo un período denominado Sanzan jidai (三山 時代, período dos tres montes), cando que se debateron tres reinos polo control total da rexión: Hokuzan (北山, Monte setentrional), Chuzan (中山, Monte central) e Nanzan (南山, Monte meridional). Quen saíu vitorioso foi o Reino de Chuzan, que era o máis forte economicamente, inaugurando a primeira Dinastía Sho: Sho Hashi.

Porén, por causa da súa posición xeográfica, a rexión sempre despertou a cobiza de China e Xapón, que non aforraron esforzos para estenderen as súas influencias (culturais e económicas).[8]

Despois da unificación do reino, nun primeiro período, China foi máis eficaz para conseguir os seus intereses e estender a súa influencia sobre a rexión, que se consolidou en varios aspectos, proxectándose dende a estrutura administrativa do país ata os costumes. Neste escenario, migraron ou simplemente chegaron ao país, de entre os diversos tipos de persoas, algúns practicantes e mestres de artes marciais.

Por outro lado, aínda que existise forte influencia chinesa, a sociedade okinawana e a xaponesa posuían algúns puntos converxentes, coma era o caso de existiren en ambas unha caste de guerreiros: no Xapón, samurai; en Okinawa, peichin. Para estas clases sociais o seu modelo de vida esixía que desempeñasen certas funcións, sendo unha delas o perfeccionamento das suás habilidades de loita, que eran transmitidos basicamente dentro do clan ou da familia.[2]

É correcto, por tanto, afirmar que houbo o troco de coñecementos, aínda que moi discreto, entre a poboación autóctona e os dominadores foráneos. Tal troco aconteceu para atender exactamente as necesidades e os intereses de ambos os grupos.[9]

Entrementres, o dominio xaponés consolidouse cun duro golpe para o pobo okinawano cando, en 1609, o clan samurai de Satsuma, coa aprobación do emperador do Xapón, subxugou a rexión e engandiu ao imperio nipón o Reino de Lequias. Nesta invasión, os samurais encontraron pouca ou ningunha resistencia, porque, dadas as circunstancias, o rei local declarara que a vida era o máis importante tesouro e recomendou que a poboación das illas non protestase ou contestase a agresión estranxeira.

Trala invasión, Lequias aínda permanecera na situación de estado máis ou menos autónomo, pero, ao contrario do escenario anterior, baixo o control e a influencia do Xapón, que se tornaba paulatinamente preponderante, pois os samurais impuñan os seus propios pensamentos. Desta época, inclusive, data a introdución do estilo Jigen-ryu, de kenjutsu.[10]

Mans de Okinawa

O momento exacto de aparición do karate pérdese no tempo e na mestura de lendas e relatos históricos. No ámbito das lendas, cóntase que certo samurai, chamado ora Minamoto no Tametomo, ora Chinzei Hachiro Tametomo, a mediados do século XII, despois da malograda sorte na Rebelión Hogen, procuraría refuxio en Okinawa. Durante a súa estadía na rexión, o samurai ensinaría técnicas de combate aos nobres locais e estas técnicas, ou polo menos parte delas, acabaron por evolucionar e se desenvolver nunha arte marcial, chamada tuidi e despois karate.[11]

Outra hipótese apunta cara unha modalidade de combate desarmado, denominada mutō, orixinaria de Okinawa, que aínda hoxe é unha importante manifestación da cultura local, mais que existía moito antes das loitas chino-xaponesas e era practicada, como aínda é, de forma trivial pola poboación. Esta loita aseméllase máis ó sumo, pero tamén posúe características do jujitsu e do aikido.[2]

De forma distinta do que é o karate contemporáneo, o combate en mutō realízase con empurróns ao inicio e, despois, séguese con técnicas de derrubamento e luxación. Vencía aquel que derrubase ou sometese ao contrario. Era unha práctica cuxo principal obxectivo era o entretemento, mais que, segundo algúns autores e mestres, sería a semente do karate, que foi entón paulatinamente sendo moldeado e modificado so a influencia do boxeo chinés do Sur.[12][13][14]

Algúns argumentan que o embrión sería unha lei que o Rei Sho Hashi, non moito despois da unificación do reino, promulgou e que prohibiu a posesión de calquera arma por parte da poboación civil, katana gari (刀狩), co obxectivo de conter eventuais sentimentos de revolta. Este acontecemento é de feito importante, mais non pode dar total sustentación a esta idea, porque a caste guerreira mantivo os seus privilexios e costumes, ata para poder continuar desempeñando as súas funcións no reino e perante a sociedade en xeral. Nin mesmo a restrición ao uso de armas imposta polos samurais de Satsuma foi ampla ata o punto de coutar as prerrogativas dos guerreiros de Okinawa, exactamente polos mesmos motivos, de que os nobres deberían continuar en súas funcións propias.[15]

Sábese de certo que, a mediados do século XVII, xa estaba estabelecida unha arte marcial en Okinawa sen armas, coñecida como "te" ou "ti" (en uchinaguchi), adestrada polos nobres guerreiros, por causa das súas obrigas militares. A existencia desta arte marcial queda demostrada pola existencia, xa naquel período, de tres variantes máis ou menos semellantes mais diferenciadas, Naha-te, Tomari-te e Shuri-te, que se formaron respectivamente nas tres cidades que lles prestaron os nomes.[16]

Os nobres do Reino de Lequias ensinaban artes marciais que empregaban armas ou non, nun modelo moi próximo do xaponés que eventualmente xerou escolas familiares. Foi tamén resultado deste modelo o desenvolvemento do kobudo, que era a denominación dos estilos, mais que acabou por designar só as técnicas de combate con armas. Ocorre, porén, que orixinalmente no kobudo de Okinawa a parte de loita sen armas era nomeada toshu (徒手), toshukuken (徒手空挙) ou toshujutsu (徒手術).[17]

O que moi probabelmente sucedeu como consecuencia da prohibición de levar de armas foi que os nobres de Okinawa perfeccionaron o combate con armas, adaptando outros obxectos, coma o eku (remo), a tonfa e o nunchaku, que eran orixinalmente instrumentos de traballo, para manexo de muíño e debaga de grans e arroz. Nalgún momento do século XVII a loita desarmada pasou a ser chamada "Okinawa-te" ou "Uchinaadi" (沖縄手), que significa "man de Okinawa". Nesta época, xurdiu a figura de Matsu Higa, nobre local, que alcanzou moita sona a causa das súas habilidades en loita, algunhas das cales serían aprendidas de loitadores chineses de wushu. Crese que Sensei Higa fose, dentro de seu estilo propio, o primeiro a estabelecer un conxunto formal de técnicas e chamalo ti.[18][19][20]

Nun proceso cultural e evolutivo asemellado ao que sucedía no resto do Xapón, os mestres guerreiros construían as súas técnicas e os seus instrumentos de guerra adaptados ás súas necesidades. Coma os samurais formaron o jujitsu, que era adecuado ás súas necesidades de loita desarmada e usando armadura, os peichin fixérono en Okinawa. Varios elementos entraron na composición daquilo que pasou a ser chamado Tode ou Todi (唐手, man chinesa), pois, nalgún momento do século XVIII ou entre os séculos XVII e XVIII, o que foi máis influente foron os estilos meridionais de chuan fa. En todo caso, pódese afirmar seguramente que no Reino de Lequias desenvolvíase un produto de formación eclética, polo que pode ser notado no establecemento dun código moral, moi próximo daqueles de orixe xaponesa, composto polos principios de compaixón, dedicación e perfeccionamento.[21]

Destacaron máis os estilos de Shuri, por ser o estilo da capital do reino, e de Naha, por ser cidade portuaria e máis importante sitio mercantil. Non obstante, aínda que tivese menor importancia no escenario da época, por ser principalmente unha cidade de traballadores, pescadores e labradores, Tomari, debido exactamente as súas características, desenvolveu o estilo peculiar e moitas veces erradamente confundido co estilo de Shuri.

Na liñaxe do estilo Shuri-te, caracterizado polas posturas naturais e por movementos de desprazamento e de golpes en liña recta, seguíronse a sensei Higa, máis ou menos nunha secuencia de instrutor e alumno, os mestres Peichin Takahara, Kanga Sakukawa e Sokon Matsumura. Mestre Sakukawa, por suxestión de Peichin Takahara, foi aprender co chinés Kushanku, mestre de wushu e, despois, directamente naquel país.[22]

Mentres tanto, en Tomari, o estilo da urbe adquiría unha característica máis acrobática. Os principais representantes da rexión foron os mestres Karyu Uku e Kishin Teryua, que deixarían a súa arte a Kosaku Matsumora. En Naha, o Ti evolucionaba nunha dirección diversa, con movemento de extrema contracción, golpes de curto alcance e perfeccionamento do corpo para recibir golpes e técnicas de respiración (ibuki).[23]

So as mans de Sokon Matsumura, o todi pasou a ter un adestramento máis formalizado coa compilación dunha serie máis ou menos pechada de exercicios (kata) e, o máis importante, rompeuse a barreira das clases sociais. Con Matsumura, que formaba parte da elite guerreira e da corte do Rei Sho Ko e sucesores, o Todi, practicado polas clases traballadoras e polos guerreiros, pasou a ser unha arte militar recoñecida.

Por esa época, ficaron famosas, e case lendarias, as historias sobre as proezas dos guerreiros de Okinawa, coma un conto do mestre de Tomari-te, Kosaku Matsumora, que desarmado derrotou un samurai. Así, o Todi era coñecido tamén por shinpi tode (神秘 唐手, misteriosa man chinesa) ou reimyo tode (霊妙 唐手, milagrosa man chinesa).

Arte das mans baldeiras

Polo fin do século XIX, o adestramento de tode aínda era unha práctica restrinxida a poucos, basicamente pola súa orixe como disciplina dos nobres guerreiros, do mesmo xeito que sucedía ás artes marciais do resto do Xapón. Mesmo que existisen moitas semellanzas entre os estilos, o paradigma de transmisión era de mestre cara un círculo estrito de alumnos.[24]

Mentres tanto, o escenario político mudou por causa da anexión completa do Reino de Lequias polo Xapón, en 1875, transformando o vello reino na provincia de Okinawa. Porén, o que podería ser un revés tornouse nunha oportunidade, pois a política imperial determinou que a rexión debería ser incorporada definitivamente ao país, absorbendo a súa aristocracia e considerando a súa poboación como súbditos nativos do emperador. Este acontecemento, a pesar de non significar incorporación inmediata, polo menos formalmente eliminou as barreiras culturais que existían antes.[25]

Nesas circunstancias, Anko Itosu, que aprendera artes marciais con Matsumura e tamén servira como secretario do rei de Okinawa, empezou a usar a súa influencia para tentar difundir o tode entre a poboación, porque el cría que a disciplina dos guerreiros podería ser un valioso instrumento de formación física, intelectual e cívica.[26]

Dúas cousas dificultaban a aceptación e a difusión do tode: primeiro o seu nome, que facía alusión á China, e segundo o seu modelo de adestramento, que fora feito para atender as necesidades dos guerreiros locais.

Itosu adoptou medidas para eliminar estes atrancos. Logo, el coidou de empregar o nome que era utilizado polas vellas escolas, os kobudo, para designar as súas técnicas de loita sen armas. Desta maneira, non se escribía "Tode" (徒手) co logograma "to" (), cuxa acepción inmediata é á Dinastía Tang, senón co "to" (), "baleiro". Con isto, visábase diminuír as resistencias no resto do Xapón, porque calquera cousa conectada á China non era vista con bos ollos, por conta das tensións políticas que sempre existiron entre os dous países. Por outro lado, "tode" tamén era unha das denominacións do jujitsu, o que implicaba maior aproximación entre os guerreiros de Okinawa e do Xapón, ambos chamados bushi.[27][28]

Canto ao método de adestramento vixente á época, a práctica común era a repetición continuada dos kata, ou sexa, o alumno debería repetir cada movemento das formas estabelecidas ata se tornaren movementos automáticos. O mestre xulgaba que este modelo non sería o máis adecuado, principalmente para os nenos. Entón, simplificou o adestramento a unidades fundamentais, os kihon, que son as técnicas comprendidas en si mesmas, unha puñada, unha desviación, unha postura, e compilou unha serie de kata chamada Pinan, con técnicas máis simples e que pasarían a formar a primeira serie de técnicas.

Esa mudanza resultou na diminución, ou eliminación nalgúns casos, de tácticas de loita, mais reforzou o carácter deportivo e en beneficio da saúde: deuse maior importancia á postura, mobilidade, flexibilidade, tensión, respiración e relaxación. Porén, a denominación karate (空手 tornouse coñecida e popular por causa do mestre Hanashiro Chomo, do estilo Shuri-te, que nunha publicación titulada "Karate Kumite" usouna en lugar da escrita co kanji "" , que se refería máis á Dinastía Tang e a China.

A pesar dos esforzos feitos, o karate non era moi popular fóra de Okinawa. Non obstante, de modo fortuíto, houbo un acontecemento que axudou a tornar o karate coñecido fóra do Xapón. En 1898, Hawai foi anexado polos EE.UU. e, en 1900, habitantes de Okinawa mudáronse cara alí.[29]

O karate tornouse deporte oficial en 1902, que é o punto en que se perfecciona a transición de arte marcial a disciplina física, deixando ser visto só como medio de defensa persoal.

Como resultado de seu progreso, Anko Itosu cre ser posíbel exportar o karate cara o resto do Xapón e, no comezo do século XX, inténtao mais non consegue o éxito pretendido.

Paralelos a eses eventos, outro influente mestre, Kanryo Higashionna, promovía outras mudanzas. El desenvolvía un estilo particular que mesturaba técnicas suaves, como desvíos e proxeccións, coas técnicas contundentes. Foron discípulos seus Chojun Miyagi e Kenwa Mabuni. A exemplo do mestre Itosu, Higashionna conseguiu fomentar neles os valores que levaron ata as mudanzas futuras que tornarían o karate máis aceptábel no Xapón.

Tendo fama de ser un estilo de loita eficaz, fama que xa había moito corría polo Xapón, aínda era pouco coñecido. Non se sabía realmente moito desa loita que matou moitas persoas, sobre súas características, fóra os practicantes de Okinawa e algúns poucos fóra dese círculo aínda pequeno e cerrado.

Algúns factores contribuíron, mentres, na divulgación do Karate. Un deses factores foi a mentalidade corrente da época que, mesmo co proceso de espallamento dos costumes occidentais iniciado coa Restauración Meiji, aínda era moi próxima á figura do guerreiro, non sendo raro o lance de desafíos a loitadores ou mesmo a unha casa, familia ou cidade. Non se pode esquecer, con todo, que iso non se deba por bravata senón por orgullo das súas tradicións e para homenaxear os seus mestres. Era común a práctica de dojo yaburi (desafío ao dojo).

Ao redor de 1906 chegou a Okinawa un practicante de jujitsu (ou de judo, segundo algunhas fontes) que desafiou a todos da illa a medir forzas con el, para probar que seu estilo era superior aos do Xapón e da rexión. No día da loita, posto que fose xa vello (con máis ou menos setenta anos), no medio de varios loitadores, o mestre Anko Itosu non quixo deixar sen resposta o convite e foi ver o desafiador, que interpelou o mestre, dicindo "que honra habería de gañar a un ancián?", mais mesmo así aceptou o combate co vello, por respecto a el. A loita foi decidida con só un golpe do ancián.

Talvez máis importante para a fama da eficiencia do karate foi un desafío que encarou o mestre Choki Motobu. Chegou ao Xapón un navío ruso, co loitador de sambo Kinteru, cun porte físico moi grande (case 2 m de altura) e capaz de fincar un cravo na madeira coas mans. O obxectivo do loitador era divulgar súa modalidade de loita e, para iso, facía demostracións públicas, que incluían proezas, coma enrodelar unha barra de ferro nos brazos e romper táboas. O loitador fixo un desafío a todo o país

A nova chegou a Okinawa, sendo o desafío aceptado polos irmán Motobu, descendentes da casa real e notorios expertos en artes marciais (Karate, Kobudo e Udundi). Dirixíronse ata o Xapón. No día do evento, a loita foi decidida con só un golpe na rexión do plexo celíaco. A vitoria foi considerada tan sorprendente e despertou o interese polo karate.

Camiño das mans baldeiras

Os esforzos do mestre Itosu non tiveron os efectos anhelados, mais continuaron polas mans dos seus alumnos, que crearon outros estilos, máis novos e máis adecuados para divulgar a modalidade.

A nova xeración uniu forzas. O Mestre Kenwa Mabuni sistematizou os estilos Naha-te e Shuri-te nunha única vertente, a cal chamou Shito-ryu e pretende preservar as kata nas súas formas tradicionais. Mestre Choshin Chibana, á súa vez, compilou o seu coñecemento nunha escola chamada Kobayashi-ryu, que pretende preservar as exactas formas por el aprendidas dos famosos mestres Matsumura e Itosu.[30]

Non obstante, quen tivo máis éxito na divulgación do karate no Xapón foi mestre Gichin Funakoshi, que aproveitou o interese despertado principalmente despois da vitoria do mestre Choki Motobu sobre o loitador ruso. Mais con isto non se pode esquecer que foron de fundamental importancia os esforzos conxugados doutros grandes mestres, coma Mabuni, Miyagi, Motobu etc., porque crearon as condicións necesarias para o éxito da tarefa.

O karate popularizouse no Xapón e introduciuse nas escolas secundarias antes da Segunda Guerra Mundial.

Como moitas das artes marciais practicadas no Xapón, o karate fixo a súa transición cara o karate-do no inicio do século XX. O do en karate-do significa camiño, palabra que é análoga ao familiar concepto de tao. Como foi adoptado na moderna cultura xaponesa, o karate está imbuído de certos elementos do budismo zen, sendo a práctica do karate algunhas veces chamada “zen en movemento”. As clases frecuentemente comezan e terminan con curtos períodos de meditación. Tamén a repetición de movementos, executados no kata, é consistente coa meditación zen pretendendo maximizar o autocontrol, a atención, a forza e velocidade, mesmo en condicións adversas. Profesores de karate difiren moito na maneira en que recoñecen a influencia do zen nesta arte marcial.

A modernización e sistematización do karate no Xapón tamén incluíu a adopción do uniforme branco (dogi ou keikogi) e de cintos de cores indicadoras do estadio alcanzado polo alumno, ambos creados e popularizados por Jigoro Kano, fundador do judo.

Other Languages
Afrikaans: Karate
Alemannisch: Karate
aragonés: Karate
العربية: كاراتيه
অসমীয়া: কাৰাটে
asturianu: Kárate
azərbaycanca: Karate
تۆرکجه: کاراته
башҡортса: Карате
žemaitėška: Karate
беларуская: Каратэ
беларуская (тарашкевіца)‎: Каратэ
български: Карате
Bislama: Karate
বাংলা: কারাতে
བོད་ཡིག: ཁ་ར་ཏེ།
brezhoneg: Karate
bosanski: Karate
català: Karate
нохчийн: Карате
کوردی: کاراتێ
čeština: Karate
Cymraeg: Karate
dansk: Karate
Deutsch: Karate
Ελληνικά: Καράτε
English: Karate
Esperanto: Karateo
español: Karate
eesti: Karate
euskara: Karate
فارسی: کاراته
suomi: Karate
français: Karaté
furlan: Karate
Gaeilge: Cearáité
गोंयची कोंकणी / Gõychi Konknni: Karate
ગુજરાતી: કરાટે
עברית: קראטה
हिन्दी: कराटे
Fiji Hindi: Karate
hrvatski: Karate
Kreyòl ayisyen: Karate
magyar: Karate
հայերեն: Կարատե
interlingua: Karate
Bahasa Indonesia: Karate
íslenska: Karate
italiano: Karate
日本語: 空手道
Basa Jawa: Karaté
ქართული: კარატე
қазақша: Каратэ
ಕನ್ನಡ: ಕರಾಟೆ
한국어: 공수도
kurdî: Karate
Кыргызча: Карате
Latina: Karate
Lingua Franca Nova: Carate
lingála: Karaté
lietuvių: Karatė
latviešu: Karatē
Malagasy: Karate
Baso Minangkabau: Karate
македонски: Карате
മലയാളം: കരാട്ടെ
монгол: Каратэ
Bahasa Melayu: Karate
မြန်မာဘာသာ: ကရာတေးဒို
Nederlands: Karate
norsk nynorsk: Karate
norsk: Karate
occitan: Karate
ਪੰਜਾਬੀ: ਕਰਾਟੇ
polski: Karate
پنجابی: کراٹے
português: Caratê
română: Karate
русский: Карате
русиньскый: Карате
sicilianu: Karate
Scots: Karate
srpskohrvatski / српскохрватски: Karate
සිංහල: කරාටේ
Simple English: Karate
slovenčina: Karate
slovenščina: Karate
shqip: Karate
српски / srpski: Карате
Basa Sunda: Karaté
svenska: Karate
Kiswahili: Karate
தமிழ்: கராத்தே
తెలుగు: కరాటే
Tagalog: Karatedo
Türkçe: Karate
татарча/tatarça: Карате
українська: Карате
اردو: کراٹے
oʻzbekcha/ўзбекча: Karate
vèneto: Karate
Tiếng Việt: Karate
Winaray: Karate
吴语: 空手道
isiXhosa: I-Karate
ייִדיש: קאראטע
中文: 空手道
Bân-lâm-gú: Khang-chhiú-tō
粵語: 空手道