Justino de Azcárate

Justino de Azcárate
Nacemento1903
 Madrid
Falecemento17 de maio de 1989
 Caracas
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico e avogado
PremiosGran Cruz da Orde de Isabel a Católica
editar datos en Wikidata ]

Justino de Azcárate Flórez, nado en Madrid o 29 de xuño de 1903 e falecido en Caracas o 17 de maio de 1989, foi un avogado e político español.

  • traxectoria

Traxectoria

Do mesmo xeito que o seu irmán Pablo de Azcárate, estudou na Institución Libre de Enseñanza, de acordo coa tradición liberal e republicana da súa familia. Profesor de Dereito Político, nos anos vinte ingresou no Partido Reformista de Melquíades Álvarez. Formou parte, xunto a intelectuais como José Ortega y Gasset ou Gregorio Marañón da Agrupación al Servicio de la República, plataforma cuxo obxectivo principal era a implantación da República. Trala proclamación da Segunda República en 1931, presentouse ás eleccións polo Partido Reformista. O grupo obtivo 16 deputados, e Azcárate foi elixido deputado por León. Secretario do seu grupo parlamentario, foi Subsecretario de Xustiza no goberno de Manuel Azaña en 1931.

Tras a disolución do grupo en 1932, por diverxencias sobre a traxectoria do goberno do primeiro bienio republicano, participou nun novo proxecto político, o Partido Nacional Republicano, impulsado por Felipe Sánchez-Román. Esta organización rexeitou integrarse na Fronte Popular durante as eleccións de 1936 pola participación nesta do Partido Comunista de España.

Ao estourar a Guerra Civil, o 18 de xullo de 1936, Azcárate foi nomeado ministro de Estado, pero non chegou a tomar posesión do cargo, xa que se atopaba en León, que quedou inmediatamente en mans dos sublevados. Poucos días despois foi detido por un grupo de falanxistas en Burgos e trasladado a Valladolid, onde permaneceu encarcerado case ano e medio, ata que foi trocado polo falanxista Raimundo Fernández-Cuesta. En lugar de trasladarse á zona republicana, saíu a Francia, onde tratou de traballar por unha saída pacífica ao conflito a través do movemento Paz Civil en España.

Tras o fin da guerra, exiliouse definitivamente en Venezuela, de onde non volvería ata a morte de Franco. En 1977 regresou a España e foi designado senador polo rei nas primeiras Cortes que se elixiron durante a Transición. Integrouse no grupo parlamentario Agrupación Independente, composto exclusivamente por senadores de designación real e do que foi voceiro. En 1979 foi reelixido senador, nas listas da UCD, pola circunscrición de León.

Posteriormente, estivo involucrado na operación reformista. De 1980 a 1987 foi o presidente da asociación pola conservación do Patrimonio Histórico español Hispania Nostra.

Predecesor:
Augusto Barcia Trelles
Ministro de Estado de España
1936
Sucesor:
Augusto Barcia Trelles
Other Languages