Johann Sebastian Bach

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Johann Sebastian Bach
Johann Sebastian Bach.jpg
Retrato de Bach por Elias Gottlob Haussmann (1695-1766)Museo da Cidade de Leipzig
Nome completoJohann Sebastian Bach
Data de nacemento31 de marzo de 1685
Lugar de nacementoEisenach
Banner of the Holy Roman Emperor (after 1400).svg Sacro Imperio Romano Xermánico
Data de falecemento28 de xullo de 1750 (65 anos)
Lugar de falecementoLeipzig
Banner of the Holy Roman Emperor (after 1400).svg Sacro Imperio Romano Xermánico
Instrumento(s)Clavicémbalo Órgano
Composicións destacadas72 obras publicadas en vida e 49 obras póstumas.
Parella/sMaria Barbara Bach (de 1707 a 1720)
Anna Magdalena Wicke (de 1721 a 1750)
Johann Sebastian Bach signature.svg
editar datos en Wikidata ]

Johann Sebastian Bach (en alemán /joˈhan/ ou /ˈjoːhan zeˈbastjan ˈbax/), nado en Eisenach (actualmente en Turinxia, Alemaña; daquela pertencente ao Sacro Imperio Romano Xermánico) o 31 de marzo de 1685 e finado en Leipzig o 28 de xullo de 1750, foi un músico e compositor do período barroco da música erudita. Considérase un dos compositores máis grandes e influentes da historia da música. Moitas das súas obras reflicten unha gran profundidade intelectual, expresión emocional e, sobre todo, altísimo dominio técnico. Bach considerábase a si mesmo un artesán consciente de que realizaba unha tarefa o mellor que a súa capacidade lle permitía, para a satisfacción dos seus superiores, para pracer e edificación dos seus semellantes, e para a gloria de Deus.[1]

A súa vida foi similar á de moitos funcionarios musicais do seu tempo na Alemaña luterana, escasa en grandes acontecementos. Ocupou os postos de organista en Arnstadt entre 1703 e 1707, e Mühlhausen (1707-1708), organista da corte e posteriormente mestre de capela do duque de Weimar, e entre 1717 e 1723 foi director musical na corte do príncipe Leopold en Köthen.[1] En 1720 faleceu a súa esposa, e un ano máis tarde volveu casar, esta vez coa cantante Anna Magdalena Wilcke. A partir de 1723 e ata a súa morte, Bach foi mestre de capela e kantor na igrexa de San Tomé en Leipzig e director musical da cidade.[1] Chegou a ser invitado á corte de Federico II o Grande en Sanssouci. Aínda que en vida gozou de certa fama na Alemaña protestante como virtuoso organista e compositor de eruditas obras contrapuntísticas, había canto menos media ducia de compositores máis coñecidos ca el en Europa.[1] Bach tivo numerosos alumnos e estudantes ó longo da súa vida. Entre eles cóntase a Johann Friedrich Agricola. Finou en 1750, despois dunha intervención fracasada no ollo, facendo que Bach fose quedando cego ata perder totalmente a vista.[2]

Bach encabezou unha gran familia numerosa. Tivo 7 fillos do seu primeiro matrimonio e 13 do segundo. Tres dos fillos que tivo coa súa segunda esposa convertéronse en compositores respectados por dereito propio. Entre eles cóntanse Wilhelm Friedemann Bach (1710-1784), Carl Philipp Emanuel Bach (1714-1788, de quen Mozart tiña unha moi boa opinión) e Johann Christian Bach (1735-1782).[3][4] Porén, a confianza que Bach puxo nun dos seus fillos maiores tivo tristes consecuencias despois do seu falecemento. O fillo perdeu para sempre varias Paixóns compostas polo seu pai (que quizais agora serían tan apreciadas como a Matthäus-Passion e a Johannes-Passion). Se non fose polo coidado que tivo Carl Philipp Emanuel en conservar os manuscritos do seu pai, poderían terse perdido unha boa parte das obras mestras de Bach.[5]

Na época da súa vellez, cando a xente se refería a Bach facíao pensando no seu famoso fillo Carl Philipp. Nas xeracións que seguiron a Bach, soamente os compositores e músicos coñecían a súa obra. Así, por exemplo, Haydn, Mozart e Beethoven tiveron un grande aprecio pola obra de Bach.[6]

Traxectoria

Primeiros anos en Eisenach (1685-1695)

Johann Sebastian Bach naceu en Eisenach, o 31 de marzo[nota 1] de 1685, o mesmo ano no que naceron Georg Friedrich Händel e Domenico Scarlatti. Naceu no seo dunha familia de músicos, sendo de feito todos os seus tíos músicos profesionais entre cuxos postos se inclúen organistas de igrexa, músicos de cámara e compositores. Foi o oitavo fillo (o fillo maior da familia contaba daquela con 14 anos de idade[7]) do matrimonio formado por Johann Ambrosius Bach e Maria Elisabetha Lämmerhirt,[8] e foi bautizado na igrexa de San Xurxo dous días despois, tendo como padriños ao músico Sebastian Nagel e ao gardabosques Johann Georg Koch, dos cales recibiu os seus dous nomes. Os Bach eran unha familia luterana integrada por músicos e compositores dende había varias xeracións, entre eles Veit Bach (o fundador da dinastía Bach), e moitos outros como Heinrich, Johann Michael, ou o propio pai de Johann Sebastian, que traballaba como músico de alto rango en Eisenach, tendo ao seu cargo a organización dos actos musicais da cidade.[9][10] A súa nai pertencía a unha familia de peleteiros e agricultores, tamén con algúns músicos, todos profundamente relixiosos, seguidores dunha doutrina anabaptista de inclinación mística.[11] Aínda que durante moito tempo se pensou que a casa natal de Bach era o número 21 de Frauenplan, que agora acolle un museo sobre o compositor, a casa na que probablemente naceu o compositor estaba situada en Lutherstrasse, aínda que a maior parte da casa da época de Bach non se conserva.[10]

Casa de Bach en Eisenach.

Existen poucos datos sobre os seus primeiros anos, mais coñécese que o seu talento musical foi recoñecido dende unha idade moi temperá, o que levou a seu pai a instruílo en instrumentos de corda (probablemente o violín) e en teoría musical, así como en órgano e teclado seguramente polo seu curmán Johann Christoph, que posteriormente se converteu en organista da igrexa de San Xurxo de Eisenach.[12][13][14] O novo Johann Sebastian non tardou en converterse nun intérprete extraordinariamente competente nestes instrumentos.[14]

Aos oito anos idade ingresou na Lateinschule (escola latina) de Eisenach, a mesma escola onde Lutero estudara dous séculos antes. Alí o núcleo da aprendizaxe era a doutrina luterana, acompañada de gramática, historia e aritmética. Os niveis superiores incluían latín, grego, hebreo, lóxica, filosofía e retórica.[15] Grazas á educación musical que recibiu na casa, puido pasar a formar parte do coro da escola e da congregación de San Xurxo, o que lle permitiu cantar nos servizos regulares e en localidades próximas, salientando pola súa bela voz de tiple, que foi descrita como "unha voz aguda fina pouco común".[12][14]

Non obstante, as condicións de vida naquela época en Turinxia eran precarias, ao ser vítima de constantes guerras e epidemias, polo que con nove anos de idade, Maria Elisabetha Lämmerhirt, a nai de Bach, morreu. Un ano máis tarde morreu o seu pai, Johann Ambrosius Bach, logo de ter perdido xa dous irmáns.[15]. A súa orfandade levouno a ir vivir e estudar co seu irmán maior, Johann Christoph Bach, dezaseis anos maior ca el, por entón organista da Michaeliskirche, na cidade de Ohrdruf ( Saxe-Gotha-Altenburg). Acompañouno o seu irmán Johann Jacob, tres anos maior ca el e un dos cinco fillos que sobreviviron logo da morte do matrimonio.[10][16]

Ohrdruf (1695-1700)

Catálogo de alumnos matriculados na escola de Ohrdruf, 1700. Bach é o cuarto da segunda lista. Stadtarchiv Ohrdruf.

Chegado a Ohrdruf, cun irmán ao que case non coñecía, que marchara da casa pouco antes de que el nacera e que estaba casado e tiña xa un fillo, a adaptación á súa nova vida non semella, segundo Geiringer, ter sido doada. Porén, semella que Christoph foi hospitalario e atento con el. O xove Bach non tardou en atopar un traballo como cantante no coro local que lle permitiu contribuír aos gastos domésticos, e ingresou na escola para proseguir cos seus estudos xerais, sendo un moi bo alumno e superando a compañeiros máis vellos. Ao mesmo tempo, perfeccionábase na música co seu irmán, que fora discípulo de Johann Pachelbel,[17] e iniciábase na composición, dedicando unha das súas primeiras pezas para teclado ao seu irmán e mentor.[18]

En Ohrdruf copiaba, estudaba e interpretaba música, incluíndo a do seu propio irmán, malia estar prohibido facelo por ser as partituras moi valiosas e privadas e ser o papel deste tipo custoso.[19][20] Unha anécdota sinala que Christoph castigou ao seu irmán menor cando descubriu que copiara un libro prohibido á luz da lúa durante seis meses, e finalmente confiscou a prezada copia.[21] Aprendeu teoría musical e composición, ademais de tocar o órgano, e aparentemente recibiu valiosas ensinanzas do seu irmán, que lle aprendeu a interpretación do clavicordio, recibindo del as súas primeiras leccións formais de teclado,[nota 2] e lle deu a coñecer as obras dos grandes compositores do sur de Alemaña da época como Johann Pachelbel e Johann Jakob Froberger, do norte de Alemaña,[22] de franceses como Jean-Baptiste Lully, Louis Marchand e Marin Marais, así como do clavecinista italiano Girolamo Frescobaldi. Tamén nesa época estudou teoloxía, latín, grego, francés e italiano no gymnasium da localidade.[21][23] Seguramente presenciou e asistiu no mantemento do órgano, o que suporía o precedente da súa futura actividade profesional na construción e restauración de órganos.

Cando Elias Herda foi admitido como novo kantor da escola de Ohrdruf, divulgou entre os seus alumnos a animación musical que existía daquela en Lüneburg. Bach entusiasmouse coas cousas que lles contaba e solicitou un permiso para ir estudar alí. Coas boas referencias das que dispuña, recibiu unha bolsa de estudos e a principios de 1700, aínda con catorce anos, e acompañado polo seu colega Georg Erdmann, deixou Ohrdruf e dirixiuse a Lüneburg o 15 de marzo, afortunadamente pouco antes de que unha nova epidemia asolase a cidade.[24][25] Non se sabe como os dous compañeiros percorreron os aproximadamente 180 km que separan Ohrdruf e Lüneburg, mais seguramente realizasen a viaxe a pé, podendo percorrer algúns treitos en barca polo río ou en carros de agricultores, e seguramente atopasen comida e aloxamento gratuítos nos numerosos mosteiros que había ao longo da ruta.[21] En abril xa formaba parte do grupo de cantantes da coro da igrexa de San Miguel de Lüneburg, mais a súa renda era escasa, polo que tiña que complementala cantando nas rúas, en funerais e casamentos, como era habitual, ademais de ter vivenda e asistencia garantidos pola súa pensión.[24]

Lüneburg (1700-1702)

A Igrexa de San Miguel de Lüneburg.

A vida musical en Lüneburg era moito máis dinámica que en Ohrdruf. A igrexa de San Miguel era un importante centro musical, ofrecendo un variado repertorio a través dun grupo de músicos cualificados. Na cidade da Baixa Saxonia, Bach e Erdmann foron cantantes do Mettenchor, recibindo un salario de acordo coa nómina de subsistencia.[nota 3] A elección de Bach por San Miguel, amais da necesidade económica, debeuse a un paso consciente para camiñar cara a unha carreira musical avanzada, xa que a escola tiña unha impresionante tradición musical e unha biblioteca musical famosa fundada en 1555 por Michael Praetorius, e á cal Friedrich Emanuel Praetorius engadira numerosos materiais. Foi posiblemente aquí onde se formou a coñecida erudición musical de Bach e o seu profundo coñecemento coa tradición coral alemá do século XVII.[25]

Pouco despois da súa chegada, a súa voz xuvenil mudou. Ao contrario que noutros lugares, onde iso significaba a exclusión do coro, a práctica local era aproveitar entón aos membros como baixos ou tenores. Bach tiña a vantaxe de ser competente en violín e viola, probablemente tocando tamén na orquestra. O programa musical para os estudantes era extenso e pesado, e sumábase ás obrigas do currículo extramusical da Michaelisschule (Escola de S. Miguel). Bach residía e comía no convento da igrexa, onde se instalara a Ritterakademie (Academia dos Cabaleiros), destinada aos fillos da nobreza e un centro da cultura francesa, cultivándose a música e os modais franceses, e nela realizábanse regularmente concertos a cargo dunha banda francesa mantida polo duque da veciña Celle. O contacto con ese universo foille moi instrutivo, coñecendo a lingua, o teatro e a música de Francia, o que explica a súa influencia francesa nesta época.[25] Foi entón cando coñeceu ao profesor de danza da Ritterakademie, Thomas de la Selle, que fora alumno de Lully, e foi con el con quen visitou Celle, cuxa corte se esmeraba en imitar á de Versalles e todo o que se referise a Francia. Outros contactos importantes que fixo en Lüneburg foron o construtor de órganos Johann Balthasar Held, así como Georg Böhm, organista da igrexa de San Xoán.[25][26]

Parece ser que ao final deste curto período en Lüneburg Bach xa era un virtuoso do órgano de certo renome. Aínda que se descoñece de onde puideron saír estas habilidades, é certo que na cidade da Baixa Saxonia tivo moitas oportunidades para tocar instrumentos de teclado, a parte da súa formación anterior por parte dos membros da súa familia, e é probable que recibira clases de Böhm, co que compartía as súas raíces en Turinxia.[25]

É posible que Böhm lle dera cartas de presentación ao famoso organista Johann Adam Reincken, un vello organista de orixe neerlandesa que traballaba en Hamburgo, o que fixo que o xove compositor recibira tamén influencias da música dos Países Baixos e, indirectamente, de Inglaterra. Bach realizou a viaxe de 50 km a pé para escoitar ao gran músico, e con toda probabilidade o seu primo Johann Ernst Bach, que vivía na cidade, presentoulle a outros músicos destacados. Non se sabe se Bach estudou con Böhm ou con Reincken, mais de feito converteuse en amigo íntimo do último ata que este faleceu cerca de vinte anos despois, e visitouno sempre que viaxou a Hamburgo. Do período en Lüneburg quedan poucas obras, entre elas algunhas variacións corais no estilo de Böhm.[25][27]

O período final da etapa de Bach en Lüneburg presenta sombras. O compositor deixou a cidade en torno á Semana Santa de 1702, e a súa marcha probablemente tivera relación coa súa solicitude para ser organista en Sangerhausen.[25] Outros apuntan a que Bach abandonou a cidade ao decidir tentar atopar traballo como organista na súa Turinxia natal, onde a súa familia fora moi activa profesionalmente durante moitas xeracións e onde se estaba a construír un novo órgano na nova igrexa de Arnstadt.[28]

Weimar (1703)

Rexistro de pagamentos a Bach no tempo que permaneceu en Weimar, 1703. Staatsarchiv Weimar.

A principios de 1702 Bach rematou os seus estudos na Michaelisschule e cualificouse para ingresar na universidade, mais a perspectiva dunha vida académica non parece que lle atraera. Aínda que non se sabe moi ben que fixo Bach dende que rematou os seus estudos en Lüneburg e marzo de 1703, é certo que a principios dese ano solicitou un posto como organista da Jacobikirche (igrexa de Santiago) en Sangerhausen, preto de Halle. Foi elixido por unanimidade polo consello municipal, afirmando que Bach xa era recoñecido como un talento excepcional. Infelizmente, o duque de Sachsen-Weißenfels (daquela Johann Adolf II) anulou o nomeamento en favor de Johann Kobelius, un músico máis maduro, prometéndoselle a Bach, non obstante, o favor nalgunha outra ocasión.[29][30]

Uns meses despois Bach trasladouse a Weimar, onde coexistían dúas cortes ducais, unha do duque reinante, e outra do seu irmán. En marzo de 1703 Bach foi nomeado violinista e lacaio da corte do segundo duque, Johann Ernst, para quen xa traballara o avó de Bach. Bach realmente non atopou en Weimar o ambiente musical que desexaba, e posiblemente aceptou o cargo como un emprego temporal. Os seus parentes comezaron a axudarlle a atopar un traballo, o que se concretou cando a Neue Kirche (igrexa Nova) de Arnstadt o convidou a probar o seu novo órgano en xullo dese mesmo ano, recentemente construído. Bach impresionou de tal xeito á xente de Arnstadt coa súa brillante execución que lle ofreceu de inmediato o posto de organista nunhas condicións moi favorables[29][31]

En Lüneburg Bach xa experimentara coa música coral relixiosa, tocara o violín, continuo e o órgano, así como compuxera e tocara no estilo francés, mentres que en Weimar puido entrar en contacto coa música instrumental italiana.[31] Deste período de Bach en Weimar consérvanse rexistros de pagamento ao compositor que van dende marzo ata agosto de 1703.[30]

Arnstadt (1703-1707)

A proba do novo órgano abraiou aos cidadáns de Arnstadt, que renunciaron á presentación doutros organistas, como era costume, e ofrecéronlle o posto de organista titular cunha renda anual de 50 floríns, máis 34 floríns para o aloxamento e a manutención, unha suma considerable para un músico da época, sendo investido nas súas funcións o 14 de agosto de 1703. Na cidade non contaba con moitas obrigas: tocaba dúas horas os domingos, os luns e os xoves. Como a igrexa non contratara un Kantor, Bach tamén dirixía o coro. A posición parecía ideal para un músico novo que precisaba de tempo libre para profundar na composición. A cidade ademais diso era agradable, belamente axardinada, e na que vivían varios dos seus parentes, entre eles Maria Barbara Bach, prima súa en segundo grao, e con quen casaría anos máis tarde.[32]

Nesta época a súa reputación como reparador de órganos xa estaba consolidada, e grazas ao seu coñecemento detallado deste complexo instrumento que adquirira da súa familia e nas súas estadías en Ohrdruf e Lüneburg, con 18 anos xa tiña garantida unha actividade profesional. Con todo, o seu contrato non contemplaba a creación e interpretación de obras. A pesar das boas condicións contractuais, o tempo que pasou en Arnstadt non foi de todo exitoso. Bach obsesionouse co órgano, feito que non lle impediu compoñer, e negouse a ensaiar cos nenos do coro da escola (algo que non estaba tampouco entre as súas funcións). Amais, no verán de 1705 tivo un conflito a raíz dunha liorta co fagotista Geyersbach, ao cal Bach insultara.[9][33]

Dietrich Buxtehude foi unha das principais influencias das primeiras obras de Johann Sebastian Bach.

En outubro de 1705 obtivo unha licenza dun mes para poder ir a Lübeck e escoitar ao famoso Dietrich Buxtehude, o máis destacado organista do norte de Alemaña, e os concertos vespertinos que el dirixía na época entre a festa da Trindade e a do Advento, e fixo a pé o traxecto de máis de 350 km. Durante o tempo que permaneceu na cidade posiblemente participara nos concertos, e estudara con Buxtehude. A súa visita debeu ser proveitosa, xa que, a pesar de ter que pagar a súa manutención e a súa substitución en Arnstadt (foi o seu primo Johann Ernst o que o substituíu), non volveu ata xaneiro de 1706, e de inmediato revelouse a influencia do mestre no seu xeito de acompañar os himnos, con pasaxes virtuosísticas e unha grande elaboración contrapuntística, o que non deixou de despertar protestas entre a congregación que, perplexa, estaba acostumada aos acompañamentos simples. Este non foi o único dos problemas aos que se enfrontou Bach. Foi censurado polo consistorio pola súa longa ausencia e por aquelas "escandalosas" liberdades e improvisacións ao órgano que confundían aos fieis. Tendo que acatar as ordes, pouco despois foi censurado por facer os acompañamentos demasiado curtos. Ademais diso, o coro de nenos que tiña de dirixir era todo menos competente e dócil, rexistrándose varios episodios de enfrontamentos e altercados violentos, incluído unha loita con espada, a pesar das repetidas reclamacións e solicitudes de Bach por medidas para mellorar a situación. Por se non fora pouco, Bach foi acusado de entrar na adega durante os sermóns e de facer música cunha "estraña criada" na igrexa, que a maioría dos biógrafos identifican coa súa prima segunda e posterior esposa Maria Barbara, que durante algún tempo antes de casar viviu na mesma casa que o compositor. Logo volveuse claro para el que non podería permanecer en Arnstadt muito máis tempo. Aparentemente o derradeiro punto de discordia foi a reprimenda que recibiu por acompañar ao órgano a unha doncela cantante —presumiblemente Maria Barbar— nunha ocasión na que a igrexa estaba baleira.[33][34][35][36]

As súas obras deste período demostran que aprendera todo o que os seus antecesores alemáns podían terlle ensinado e chegou a unha primeira síntese dos estilos do norte e do sur de Alemaña. Entre as poucas obras que se lle poden atribuír nesta etapa están o Capriccio sopra la lontananza del suo fratello dilettissimo BWV 992, o preludio coral Wie schön leuchtet der Morgenstern BWV 739, e unha primeira versión, fragmentaria, do Preludio e fuga en sol menor BWV 535a.[34] Nesta etapa da súa vida tamén se dedicou a facer versións das obras dos principais compositores italianos da época, como Arcangelo Corelli ou Tommaso Albinoni.[9]

A finais de 1706 escoitou que Johann Georg Ahle, o organista da cidade de Mühlhausen, morrera o 2 de decembro. Bach coñecía a longa tradición musical da cidade e solicitou o posto, e despois doutra exitosa audición na igrexa de San Brais na Semana Santa de 1707 (seguramente o 24 de abril), foi aceptado cun contrato moi favorable, e en xuño presentou a súa renuncia ao Consello de Arnstadt e marchou coas súas escasas pertenzas a Mühlhausen.[37][38]

Mühlhausen (1707-1708)

Páxina autógrafa da Tocata e fuga en re menor BWV 565.

En xuño de 1707 obtivo un posto na Blasiuskirche de Mühlhausen. Bach mudouse á cidade de Mühlhausen, onde escribiu as súas primeiras cantatas. Grazas a unha pequena herdanza do seu tío Tobias Lämmerhirt casou na igrexa de Dornheim o 17 de outubro con Maria Barbara. No seu novo emprego Bach desenvolveu o seu interese pola composición de música vocal, interese que puido orixinarse polo impacto de coñecer a Buxtehude, e foi favorecido pola máis rica tradición e o contorno máis favorable de Mülhausen respecto a Arnstadt. As cousas semella que foron máis doadas durante un tempo. Comezou a compoñer varias cantatas sacras (todas elas compostas cun molde conservador), sen exhibir influencias do operismo italiano que posteriormente aparecería na súa obra. Desta época datan algunhas das súas composicións para órgano máis célebres, como a Tocata e fuga en re menor BWV 565, escrita no estilo rapsódico do norte, o Preludio e fuga en re maior BWV 532, e a Passacaglia en dó menor BWV 582, un exemplo precoz do instinto de Bach para a organización a grande escala. A cantata Gott ist mein König BWV 71, do 4 de febreiro de 1708, foi impresa a expensas do concello e foi a primeira das composicións de Bach en ser publicada.[34][38]

Mentres en Mühlhausen Bach copiou moita música para ampliar a biblioteca do coro, tentou incentivar a música das aldeas veciñas, e convenceu o seu empregador para que reformara o órgano. A súa estadía alí tamén foi breve, xa que finalmente dimitiría o 25 de xuño de 1708. Segundo el mesmo, o seu plan de proporcionar á igrexa de boa música foi prexudicado polas pobres condicións de Mühlhausen, e a causa do seu baixo salario, posiblemente motivado polo gran lume que destruíu unha cuarta parte de Mühlhausen o 30 de maio de 1707, que causou un profundo impacto económico na cidade e fixo que fora difícil atopar vivendas axeitadas, véndose obrigado a pagar unha alta renda.[34][38][39] Outro factor que influenciou na súa decisión puido ser a controversia teolóxica que se formou entre os pietistas e os luteranos ortodoxos, que acabou afectando á música de Bach, xa que os seus superiores eran pietistas e desconfiaban da música. Con todo, o contacto coa sensibilidade pietista, próxima a posturas místicas, impregnaría as súas futuras obras relixiosas.[9][39][40] Tamén cómpre mencionar a ambición de Bach por mellorar a súa posición económica e social.[38] Pouco despois volveuse trasladar a Weimar, mantendo unha boa relación con Mühlhausen, para quen supervisou a reconstrución do órgano e compuxo unha cantata o 4 de febreiro de 1709, que foi impresa pero non se conservou.[34]

Novamente en Weimar (1708-1717)

En 1708 Bach trasladouse de novo a Weimar, que era unha das maiores cortes na área na que o compositor saltou á fama. O seu traslado a Weimar foi un paso significativo na súa carreira, xa que no eido económico, Bach recibiu un excelente salario de 229 floríns (o dobre que no seu anterior posto); e no eido profesional, xa que desempeñou as funcións de organista e violinista da corte do novo duque reinante, Wilhelm Ernst, cuxos intereses musicais eran semellantes aos seus. O seu retorno á cidade na que vivira a súa primeira experiencia laboral foi ben distinto desta vez, xa que se viu incentivado polo seu xefe, que era un férreo luterano ortodoxo que valoraba moito a música sacra, durante os primeiros anos Bach concentrouse na obra para órgano, mais convencendo ao seu xefe para reformar o instrumento. Ocasionalmente visitaba outras cidades e exhibía o seu talento como intérprete e improvisador virtuoso, o que contribuíu a que nesa época comezaran a rexistrarse narracións moi eloxiosas sobre as súas capacidades inusuais, así como chegou a ser coñecido como un experto na construción de órganos, frecuentemente consultado por varias cidades e igrexas e convidado a probar instrumentos. Aínda que Bach traballaba para Wilhelm Ernst mantivo amizade con Ernst August (1688-1748) e o seu medio irmán menor Johann Ernst (1696-1715), unha dobre lealdade que lle trouxo algúns problemas a Bach nunha corte con numerosas tensións, intrigas, e mesmo hostilidades abertas entre as cortes dos dous duques Wilhelm Ernst e Ernst August.[41][42]

En febreiro de 1713 participou nunha celebración en Weissenfels para o duque local, un déspota extravagante que levou á crise ao seu ducado (aínda que Bach non dubidou en buscar favores neste tipo de nobres se pensaba que con isto podía mellorar a súa posición), na que incluíu unha interpretación da súa primeira cantata secular e a primeira composta no novo estilo italiano con recitativos e arias da capo, Was mir behagt, ist nur die muntre Jagd BWV 208, tamén chamada Jagdkantate (Cantata da Caza).[34][41] Ao regreso dunha viaxe de Johann Ernst a Ámsterdan, o duque levoulle a Bach unha gran colección de música italiana da que Bach realizou numerosas transcricións para órgano.[41] A finais do ano abríuselle a posibilidade de suceder a Friedrich Wilhelm Zachow como organista da Liebfrauenkirche, en Halle, e supervisar a construción dun xigantesco novo órgano, mais o duque aumentou o seu salario e abandonou a idea. O 2 de marzo de 1714 asumiu o cargo adicional de Konzertmeister (Mestre de Concertos), tendo que compoñer e presentar unha nova cantata cada mes, cun salario de 268 floríns. Isto permitiulle traballar cos instrumentistas, o coro e os solistas vocais do duque, todos profesionais e aptos para executar obras difíciles, e mostrar os fundamentos da súa habilidade como director.[43]

O duque Wilhelm Ernst; abaixo, imaxe de Weimar, c. 1713.

Organista aplaudido, apoiado polo seu xefe e ben pagado, a súa vida estaba nunha fase exitosa, animada pola chegada dos seus primeiros fillos: Catharina Dorothea (1708-1774), Wilhelm Friedemann (1710-84) e Carl Philipp Emanuel (1714-88), algúns dos cales tiveron famosos padriños, como é o caso de Georg Philipp Telemann, amigo da familia e que foi padriño de Carl Philipp. Os dous últimos chegarían a converterse en compositores importantes, especialmente Carl Philipp. Con todo, a morte dos xemelgos que Maria Barbara dera a luz en 1713 empanou os bos momentos que estaba a vivir a familia.

Tamén ensinaba aos sobriños do duque e desenvolveu unha estreita amizade con outro excelente músico da cidade, o seu medio parente Johann Gottfried Walther, organista, compositor e lexicógrafo musical. Outras relacións amigables que trabou foron co vicedirector do gymnasium de Weimar, Johann Matthias Gesner, e co famoso compositor Georg Philipp Telemann, que residía en Frankfurt. Do mesmo xeito, algúns alumnos talentosos estimulaban a súa vocación como profesor, estando entre eles un dos sobriños do duque, Johann Ernst, e mais Johann Tobias Krebs, Johann Martin Schubart e Johann Caspar Vogler, ademais dos seus propios fillos.[41][44]

Desgraciadamente, o desenvolvemento de Bach non se pode rastrexar con detalle durante os anos 1708-14, período no que o seu estilo sufriu un profundo cambio. Existen poucas obras que se poden datar con seguridade. Unha serie de cantatas escritas en 1714-16, emporiso, revelan que sufriu a decisiva influencia da ópera italiana e das innovacións introducidas na música concertante levada a cabo por compositores italianos como Vivaldi, abrindo a súa obra a estruturas moito maiores e afectando á súa escrita vocal. Probablemente, pola súa anterior proximidade co duque Johann Ernst, que fora á súa vez un avezado músico e admirador da música italiana, Bach tería estudado as obras de Antonio Vivaldi e Arcangelo Corelli, entre outros compositores italianos, asimilando deste xeito o seu dinamismo e a súa emotividade harmónica, transcribindo as súas obras e aplicando ditas cualidades ás súas propias composicións, que á súa vez eran interpretadas pola orquestra do duque Wilhelm Ernst. Este período foi moi frutífero, especialmente no que respecta á música para órgano, compoñendo as súas grandes obras para órgano en Weimar. Entre as obras compostas en Weimar salientan: a meirande parte das pezas do Orgelbüchlein (Pequeno libro de órgano), case todos os chamados 18 "Grandes" preludios corais, os tríos máis antigos para órgano e a maioría dos preludios e fugas para órgano, malia que é Das wohltemperierte Klavier o maior exemplo de entre todas as súas composicións deste período. Con todo, a composición de cantatas non foi descoidada, xa que o seu novo cargo o obrigaba a compoñer unha cantata ao mes.[34][41] No ambiente familiar comezou a escribir a obra Orgelbüchlein para o seu fillo maior Wilhelm Friedemann, unha obra didáctica que deixou inconclusa.

O traballo de Bach en Weimar rematou dun xeito un pouco dramático. Dende que o compositor se achegara ao correxente Erns August, o outro duque, Wilhelm Ernst, prohibiulle que realizara calquera servizo musical para o seu rival. Bach negouse a obedecer e foi rexeitado para o posto de mestre de capela logo da morte de Johann Samuel Drese o 1 de decembro de 1716, posto que finalmente sería para o fillo de Drese, Johann Wilhelm, a pesar de ser incompetente para o cargo e de que, de acordo co costume, o nomeado debía ser Bach. Bach, ofendido, detivo a súa composición de cantatas ese ano. Aínda que Bach causou unha grande impresión en Leopold von Anhalt-Köthen coa música que compuxo para a voda da súa irmá, chegándolle unha oferta de traballo cun salario substancialmente máis elevado que en Weimar (posto para o que finalmente sería confirmado en agosto de 1717), Wilhelm Ernst rexeitou que Bach partira para traballar para o cuñado do seu rival. Quizais esta negativa viñera en parte a causa da amizade do compositor cos seus dous sobriños, cos que o duque estaba nas peores condicións. Logo de varias solicitudes de exención, que irritaron ao seu patrón, Wilhelm Ernst arrestou ao compositor e meteuno preso durante pouco menos dun mes (do 6 de novembro ao 2 de decembro) antes de liberalo cunha notificación de "exoneración indecorosa". Poucos días despois Bach mudouse a Köthen.[34][41][45]

Köthen (1717-1723)

Palacio de Köthen, gravado de 1650.

Bach comezou a traballar en Köthen como mestre de capela en decembro de 1717. Nesta cidade tivo gran liberdade, como demostra o feito de que o 16 de decembro o compositor se encontraba en Leipzig para probar un novo órgano. O seu novo patrón, o príncipe Leopold von Anhalt-Köthen, un mozo novo e amante da música, que daquela contaba con 23 anos e que era un "amante" da música de Bach e que destinou case a cuarta parte dos ingresos totais do principado á súa grande afección: a banda, á que adoitaba unirse tocando o violín, a viola da gamba, ou o clavicémbalo. O propio príncipe escolleu a caros virtuosos de Berlín e contratou ao xa famoso Johann Sebastian Bach como mestre de capela por 400 taler anuais.[46]

Alí, ao contrario que no seu emprego anterior, estaba ocupado principalmente coa música de cámara e orquestral, xa que o príncipe era calvinista e, como consecuencia, non había música instrumental nas igrexas da cidade, polo que as cantatas que escribiu durante este período foron executadas na corte. Köthen tampouco posuía ningún órgano.[47] Aínda que algunhas das obras foran compostas anteriormente e agora revisadas, foi en Köthen onde as súas sonatas para violín e clavicémbalo e para viola da gamba e clavicémbalo, e as de violín e violonchelo solos consolidaron as súas formas máis ou menos definitivas. Os famosos Concertos de Brandenburgo tamén pertencen a este período, e o compositor aínda encontrou tempo para compilar obras pedagóxicas para teclado: o Clavierbüchlein (Pequeno Libro de Teclado) de Wilhelm Friedrich, algunhas das Suites Francesas, as Invencións (1720), e o primeiro libro de Das wohltemperierte Klavier (1722), que contiña 24 preludios e fugas en todas as tonalidades. Esta notable colección explora sistematicamente as potencialidades da pouco antes creada afinación temperada.[34]

En 1719 viaxou a Berlín para conseguir un gran clavicémbalo Mietke para a corte.[46]

En 1720 Maria Barbara morreu inesperadamente e foi enterrada o 7 de xullo mentres que Bach estaba fóra acompañando ao príncipe nunha tempada medicinal na estación de termas de Carlsbad. En novembro, quizais aínda perturbado pola súbita desaparición da súa esposa, Bach visitou Hamburgo e solicitou un posto na Jacobikirche (igrexa de Santiago).[47] A súa solicitude non prosperou, mais tocou na Katharinenkirke en presenza de Reincken. Despois de oír a Bach improvisar variacións sobre unha melodía coral, o vello organista díxolle: "Eu pensei que esta arte estaba morta, mais vexo que aínda vive en vós".[34] Excepto pola morte da súa primeira esposa, os seus primeiros anos en Köthen foron moi felices. Bach mantiña unha óptima relación co príncipe, que era xenuinamente musical, e en 1720 dixo que esperaba terminar seus días alí.

O 3 de decembro de 1721 Bach casou novamente con Anna Magdalena Wilcken,[34] unha cantante profesional coa que xa estivera traballando durante máis dun ano, á cal lle dobraba a idade, e que tamén estaba empregada na corte.[47][48] Anna era filla dun trompetista de Weissenfels, e con ela tería 13 fillos. O pouco tempo transcorrido entre a morte da súa primeira muller e o seu casamento con Anna Magdalena, deixa a incógnita de cando comezou a súa relación de parella, e explicaría o resentimento dos fillos do seu primeiro matrimonio, que despois da morte de seu pai en 1750 deixarían soa a Anna Magdalena.[48]

O seu paraíso chegou á súa fin cando o príncipe casou, poucos días despois (o 11 de decembro de 1721), coa súa prima Friederica Henrietta von Anhalt-Bernburg, quen se convertería na máis famosa musa (antimusical) da historia da música. A princesa, segundo o propio Bach, non tiña ningún interese na música e atraeu a maior parte da atención do seu home, facendo que Bach comezase a sentirse esquecido, malia que os estudios modernos revelan que Leopold tiña que contribuír cada vez máis aos militares prusianos, polo que tiña menos cartos para a música, feito que se apoia na morte de Friederica antes da saída de Bach cara a Leipzig.[34][48] Deixando a parte as causas do declive musical de Köthen, Bach solicitara tres veces outro posto dende 1720. De feito, xa un ano antes do matrimonio de Leopold e Friederica, Bach presentárase ao posto de organista na Jacobikirche de Hamburgo. Logo de realizar un concerto no que impresionou ao case centenario Jan Adam Reinken, ofrecéuselle o posto, mais Bach rexeitou pagar unha suma considerable para os fondos da igrexa e o traballo foi para outra persoa. Outro feito apunta a que Bach se encontraba buscando outro traballo, a composición dos Concertos de Brandenburgo, compostos para o margrave Christian Ludwig von Brandenburg-Schwedt. Outra teoría que explicaría a marcha de Köthen apunta a que Bach quería volver escribir música sacra, aínda que esta hipótese parece pouco probable.[48]

El tamén tiña que pensar na educación dos seus fillos máis maiores, e despois de que o posto de kantor en Leipzig, unha cidade universitaria, quedara vacante coa morte de Johann Kuhnau o 5 de xuño de 1722, Bach fixo unha solicitude para ser admitido. Acabou sendo rexeitado e o cargo ofrecido a Telemann (daquela director musical en Hamburgo), que declinou a oferta, e entón ofreceuse a Christoph Graupner. Como Graupner non estaba seguro de que puidera aceptar, Bach realizou a súa audición presentando a cantata n º 22, Jesu nahm zu sich die Zwölfe o 7 de febreiro de 1723. Graupner non foi liberado das súas obrigas na corte de Darmstadt, e Bach foi entón aceptado na que era a súa terceira opción para cambiar de traballo. Aínda que a princesa de Köthen tiña falecido o 4 de abril, Bach xa estaba tan comprometido con Leipzig que solicitou a súa dimisión, obténdoa o 13 de abril. Un mes despois tomaría o seu posto en Leipzig, aínda que seguiu traballando para o seu príncipe como mestre de capela ata a morte deste en 1728 aos 33 anos.[34][48]

Leipzig (1723-1750)

A igrexa de S. Tomé de Leipzig.

A partir do 31 de maio de 1723 e ata a súa morte, Bach foi o kantor da igrexa luterana de San Tomé de Leipzig, xunto coa función de director musical da cidade (Cantor zu St. Thomae et Director Musices Lipsiensis). A xustificación para a mudanza para Leipzig xerou moita especulación, xa que a algúns estudosos lles pareceu que fora un paso errado. Non só Anna Magdalena tivo que renunciar á súa carreira de cantante, perdendo o seu bo salario, así como o salario de Bach caeu a un cuarto do que gañaba en Köthen, aínda que el non tivese que pagar aloxamento nin alimentación. Bach, con todo, podería gañar cartos extra escribindo e tocando música para ocasións especiais como vodas e funerais.[49][50] A súa posición social tamén caeu, pois o status dun kantor era considerado inferior ao dun compositor da corte, que el ocupara había pouco tempo. Mais neste caso específico, o cargo de kantor de San Tomé, unha institución venerada e un baluarte do protestantismo, en Leipzig, daquela a máis famosa cidade universitaria alemá, era altamente cobizado.[50]

Leipzig non estaba disposta de inicio a considerar a Bach como unha opción axeitada, xa que as súas funcións non incluían a execución do órgano, o motivo da fama de Bach na época, e que non tiña unha educación universitaria, e buscou outros músicos para a vacante.[51] Finalmente, sen éxito, tivo que resignarse e deulle o cargo, asinando o contrato o 5 de maio. A súa primeira aparición oficial foi o 30 de maio de 1723, coa cantata Die Elenden sollen essen BWV 75.[34][52] Desde ese día deseñouse o ambiente ao que Bach se tería de enfrontar na cidade, estando no centro dunha disputa entre as autoridades civís e eclesiásticas por ter sido saudado polo pastor de San Tomé cun discurso de benvida, o que era considerado prerrogativa da municipalidade.[53]

Entre as primeiras obras escritas durante ese ano inclúense varias cantatas e a primeira versión do magníficat. Na primeira metade de 1724 escribiu a Johannes-Passion, posteriormente revisada. O número total de cantatas producidas durante este ano eclesiástico foi de cerca de 62, das cales cerca de 39 foron obras totalmente novas. Durante os seus primeiros anos en Leipzig, Bach concentrouse na música sacra e realizou un gran número de cantatas de igrexa, na época unha parte integral do culto luterano, ás veces, como os estudos revelaron, a razón dunha nova obra por semana. A produción de cantatas desta época é considerada unha das explosións creativas máis sorprendentes da historia da música occidental, mesmo considerando que os compositores barrocos eran extremadamente produtivos, ata o punto de seren capaces de compoñer unha cantata nun día como Telemann, o que facía destas composicións obras de rutina e pouco orixinais, algo que non ocorre no caso da produción do compositor de Eisenach. Dende 1726, porén, prestou atención a outros proxectos; así, escribiu a Matthäus-Passion (1729, obra que inaugurou o interese por obras vocais a unha escala maior que a cantata) a Markus-Passion (1731, perdida), o Weihnachts-Oratorium (1734), e o Lobet Gott in seinen Reichen ou Oratorio da Ascensión (Himmelfahrtsoratorium).[34][52]

A responsabilidade de Bach en Leipzig foi principalmente a educación en canto dos alumnos da Thomasschule (Escola de S. Tomé), e algúns dos mellores recibían tamén formación instrumental. Mais como eses nenos debían cantar nas distintas igrexas de Leipzig, Bach converteuse tamén no responsable da música de catro igrexas: San Nicolao, San Tomé, San Mateo, e San Pedro, e debía rexer persoalmente en San Tomé e San Nicolao. Cada unha delas exixía música dun tipo diferente. Na práctica iso implicaba unha gran carga de traballo todos os días da semana, habendo ensaios corais os martes, mércores e venres, mentres que os sábados os nenos reuníanse cos instrumentistas para ensaiar a cantata do domingo. Estes recitais, nun calendario de actividades tan extenso, eran frecuentemente mal ensaiadas (chegando moitas veces a non haber ensaios) e mal presentadas nas súas interpretacións. Os músicos cos que podía contar en Leipzig tamén eran unha decepción para o compositor. A gran maioría tiña escasa preparación e pouco talento, e así que os alumnos se facían máis aptos, finalizaban os seus estudos e deixaban o coro, sendo necesario formar de novo aos que acababan de chegar. A súa estadía na cidade, aínda que ten testemuñado a maduración do compositor e a aparición dunha gran cantidade de obras notables, estivo caracterizada polas privacións e as loitas contra a carencia de recursos humanos e materiais para a boa práctica da música, contra a estrutura disfuncional da escola, contra compañeiros profesores e os administradores incomprensivos que o cubrían de constantes reclamacións, insultos e calumnias. Co seu temperamento explosivo, Bach devolvía as agresións, facendo tempestuoso o ambiente de traballo.[49][52][54][55]

A morte de Leopold en 1728 acabou coa posición de mestre de capela honorario de Bach en Köthen, un posto que lle fora outorgado logo do seu nomeamento en Leipzig. Afortunadamente para Bach, puido conseguir o posto de mestre de capela honorífico en 1729 (ano no que tamén asumiu a dirección do Collegium Musicum de Leipzig en marzo) de mans do "xentil cristián" e cazador heroico, o duque Christian von Sachsen-Weissenfels. Estes títulos honoríficos foron importantes para o compositor, que nunca estivo satisfeito co simple título de kantor en Leipzig e sempre empregou o termo sonoramente máis impresionante "Director Musical", que demostra que Bach non era só un xenio, senón un escalador social.[52]

Con todo, os anos entre 1723 e 1737 non foron positivos na súa vida persoal, Anna Magdalena estivo non menos de 12 veces preñada e oito dos doce fillos morreron a unha idade moi temperá (oscilando entre poucas horas de vida e os cinco anos), mentres que dos catro restantes, Gottfried Heinrich, era discapacitado psíquico.[52]

Edificio da Thomasschule en Leipzig, onde viviu Bach.

Ao contrario das facilidades administrativas que encontrara en Köthen, onde debía responder só ante o príncipe, en Leipzig Bach tiña dúas ducias de superiores, incluíndo o reitor (a autoridade docente), o consello municipal (a autoridade civil) e o consistorio (a autoridade eclesiástica), que poucas veces estaban en harmonía, o que se complicaba coa pouca inclinación de Bach aos modos diplomáticos.[50] Outra fonte de tribulacións era o feito de que Bach vivira no edificio superpoboado da escola, xunto con alumnos e outros profesores. O seu apartamento, aínda que tivese unha entrada independente, estaba ao lado das aulas, o que lle roubaba privacidade, ademais de que o barullo dos alumnos se prolongaba ata xa entrada a noite. Tamén por obriga do seu contrato debía desempeñar funcións extramusicais, tales como dar clases de latín ou pagar a un profesor para substituílo, e de catro en catro semanas, durante unha semana enteira, actuaba como inspector disciplinar das 4h ou 5h da mañá ata as 8h da noite, nunha escola desorganizada chea de alumnos irresponsables e turbulentos.[56] Foi arredor de 1730 cando a gran produción de cantatas de Bach minguou por varias razóns, como os medios materiais pouco propicios da igrexa ou os diversos conflitos de Bach que fixeran que se cansara da súa función. Nun famoso memorando dese ano dirixido ao consello da cidade, Bach explica os seus agravios; este documento supón a fonte de información máis importante sobre as ideas do compositor no que se refire ao tamaño dos coros e aos grupos instrumentais. Por outra banda ese mesmo ano, nunha carta que escribiu ao seu amigo da infancia Georg Erdmann (daquela diplomático no servizo ruso), queixase da súa decepcionante situación en Leipzig e mostra o seu interese por un posto en Dantzig que finalmente non resultaría.[57]

Todo iso foi en parte atenuado cando en 1730 asumiu o cargo un novo reitor, Johann Matthias Gesner, que admiraba a Bach e lle propiciou mellores condicións para a práctica musical.[58] Mais Gesner permaneceu no posto apenas ata 1734, sendo sucedido por Johann August Ernesti, un xove con ideas avanzadas en educación, mais inimigo declarado da música. En xullo de 1736 as friccións comezaron de novo en forma dunha disputa sobre o dereito de Bach para nomear monitores entre os alumnos máis vellos, chegando á dimensión de escándalo público. Felizmente para Bach, foi nomeado en novembro dese mesmo ano compositor da corte de Friedrich August II (posto que xa solicitara en 1733 e que levaría ás súas derradeiras obras influencias do novo style galant), Elector de Saxonia convertido ao catolicismo e recentemente elevado á posición de rei de Polonia, circunstancia que orixinou o nacemento dunha das súas obras máis importantes, a monumental Misa en si menor (concluída en 1749). Posiblemente Bach conseguiu este cargo en parte coa axuda do influente Conde Keyserlingk, a quen posteriormente o compositor dedicaría as súas Variacións Goldberg. Co prestixio do novo cargo, foi capaz de introducir a varios amigos na corte para que procedesen a unha investigación oficial, e a súa disputa con Ernesti foi resolta ao seu favor en 1738.[34][57][59][59]

Mentres tanto, en 1729 asumiu a dirección musical do Collegium Musicum fundado por Telemann, unha sociedade musical que ofrecía concertos semanais, e que era unha das entidades máis activas de Leipzig no seu xénero e un punto de encontro e de debates artísticos para moitos viaxeiros ilustres. Bach permaneceu á cabeza do Collegium ata 1737, e despois reasumiu o cargo en 1739 ata 1741. A sociedade ofreceulle completa liberdade de acción e condicións para explorar o campo da música instrumental e vocal secular. Para as interpretacións do Collegium, Bach produciu moitas obras mestras, como a Schweigt stille, plaudert nicht ou Cantata do Café (Kaffeekantate), a cantata festiva Schleicht, spielende Wellen, und murmelt gelinde, as suites orquestrais, os concertos para violín, ademais de resucitar varias obras compostas para Köthen e executar innumerables obras doutros mestres.[54]

Nesta época, a súa familia, integrada por varios fillos músicos, xa podía organizar concertos domésticos propios, do que Bach sentía un grande orgullo. Con todo, o seu fillo Johann Gottfried Bernhard desencamiñouse, dando serios motivos de preocupación a seu pai, que o viu falecer precozmente en 1739.[55] Outro problema foi unha crítica ao seu estilo publicada por Johann Adolf Scheibe en 1737, que parece ter sido sentida polo compositor como un serio golpe. Iso desencadeou nunha polémica pública que se prolongou durante dous anos. Máis dunha vez nestes tempos difíciles Bach recibiu axuda do seu parente Johann Elias Bach, pasando a hospedalo a partir de 1737, que ensinou música e relixión aos seus fillos menores, e foi un devoto secretario particular do compositor.[54]

Durante os anos que permaneceu en Leipzig, Bach converteuse no centro dun círculo crecente de estudantes, dos cales algúns como Mizler, Johann Kirnberger ou Johann Friedrich Agricola acadaron relevancia histórica. Esta circunstancia levou ao compositor a unha especie de reflexión histórica que influíu na súa derradeira etapa creativa e que comezou en torno a 1735. Con todo, en 1737 foi criticado polo seu antigo alumno Johann Adolph Scheibe, quen o acusou de estar pasado de moda, ser contranatural e ter un estilo de composición excesivamente aprendido, acusacións das que Bach foi defendido por Johann Abraham Birnbaum, da Universidade de Leipzig.[57]

Anos finais

Despois dunha década de traballo duro e interminables disputas, Bach parecía canso e pouco a pouco se retirou da vida pública, descoidando algunhas das súas obrigas. En 1740 a escola viuse na necesidade de ter que contratar a un novo profesor de teoría musical. Bach pasou a se dedicar entón máis á música instrumental, revisando obras antigas ou escribindo novas, destacando a compilación de corais para órgano Clavier-Übung III (Exercicios de Teclado) e o segundo volume de Das wohltemperierte Klavier, ben como á preparación de obras para a súa publicación. Mentres que o seu estilo se encadraba nas fórmulas consagradas do Barroco, a nova xeración xa transitaba cara á órbita do Rococó e non lle gustaba a produción do Kantor de San Tomé, que lles parecía anticuada e excesivamente complexa.[54][60]

Tumba de Bach na igrexa de San Tomé en Leipzig.

En maio de 1747 Bach visitou ao seu fillo Emanuel, empregado na corte de Potsdam, e tocou diante de Federico II de Prusia, que era compositor de algún mérito e inmediatamente quedou impresionado coas habilidades de Bach, levándoo a probar todos os pianofortes do palacio. En xullo improvisou sobre un tema proposto polo rei, obra que tomou forma definitiva na Musikalisches Opfer. Nesa época viu nacer ao seu primeiro neto, Johann August, e se afiliou á distinguida Correspondirende Societät der Musicalischen Wissenschaften (Sociedade de Ciencias Musicais), fundada polo seu antigo alumno Lorenz Christoph Mizler, presentando como peza de proba as variacións canónicas sobre a coral Vom Himmel hoch da komm' ich her. Aínda era asiduamente solicitado para opinar sobre órganos noutras cidades e pasaba moito tempo na corte de Dresden, onde era apreciado.[34]

Por outra banda, a casa de Bach estaba cada vez máis baleira. Sufriu o infortunio de enterrar a varios dos seus fillos cando aínda eran pequenos, e os que sobrevivían medraban e deixaban o lar. A súa visión diminuía sensiblemente; en 1749 xa case non vía, e despois quedou cego.[2] Tentou operarse sen éxito dúas veces co médico charlatán itinerante John Taylor, que tamén tivo a Händel entre os seus fracasos. Da última doenza de Bach pouco se sabe, excepto que durou varios meses e lle impediu terminar Die Kunst der Fuge. Os seus empregadores non esperaron á súa morte para procurarlle un sucesor. O 28 de xullo de 1750 sufriu unha embolia e faleceu poucas horas despois, foi enterrado dous ou tres días despois no cemiterio da igrexa de San Xoán en Leipzig. O seu fillo Carl Philipp e seu antigo alumno Johann Friedrich Agricola escribiron xuntos un obituario, importante como fonte de informacións de primeira man, aínda que incompleto e algo inexacto. Anna Magdalena quedou en mala situación. Por algún motivo, os seus fillastros non fixeron nada para axudala, ao contrario, lanzáronse sobre a súa herdanza, e os seus propios fillos eran moi novos para tomaren calquera actitude. Cando ela faleceu, dez anos despois, tivo un funeral de indixente.[9][34]

Other Languages
مصرى: باخ
azərbaycanca: İohann Sebastyan Bax
беларуская (тарашкевіца)‎: Ёган Сэбастыян Бах
Chavacano de Zamboanga: Johann Sebastian Bach
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Johann Sebastian Bach
贛語: 巴赫
客家語/Hak-kâ-ngî: Johann Sebastian Bach
Bahasa Indonesia: Johann Sebastian Bach
la .lojban.: io'an.zebastian.bax
Qaraqalpaqsha: Johann Sebastian Bach
Lëtzebuergesch: Johann Sebastian Bach
Lingua Franca Nova: Johann Sebastian Bach
Basa Banyumasan: Johann Sebastian Bach
Baso Minangkabau: Johann Sebastian Bach
Bahasa Melayu: Johann Sebastian Bach
Plattdüütsch: Johann Sebastian Bach
Nedersaksies: Johann Sebastian Bach
norsk nynorsk: Johann Sebastian Bach
Livvinkarjala: Johann Sebastian Bach
armãneashti: Johann Sebastian Bach
srpskohrvatski / српскохрватски: Johann Sebastian Bach
Simple English: Johann Sebastian Bach
slovenščina: Johann Sebastian Bach
oʻzbekcha/ўзбекча: Iogann Sebastyan Bax
vepsän kel’: Bah Iogann Sebast'jan
Tiếng Việt: Johann Sebastian Bach
吴语: 巴赫
文言: 巴赫
Bân-lâm-gú: Johann Sebastian Bach
粵語: 巴哈