Jennifer Aniston

Jennifer Aniston
JenniferAnistonHWoFFeb2012.jpg
Aniston na cerimonia para recibir unha estrela no Paseo da fama en febreiro do 2012.
Nome completoJennifer Joanna Aniston[1][2]
Nacemento11 de febreiro de 1969 (49 anos)
LugarSherman Oaks (Os Ánxeles),
Estados Unidos de América Estados Unidos
NacionalidadeEstados Unidos de América
Cónxuxe(s)Brad Pitt e Justin Theroux
Profesiónactor de televisión, actor de cinema, director de cine, produtor de cine, actor, actor de dobraxe e empresario
http://www.jenniferanistoneurope.com/
editar datos en Wikidata ]

Jennifer Joanna Aniston, nada no barrio de Sherman Oaks, nos Ánxeles (California) o 11 de febreiro do 1969, é unha actriz estadounidense de cinema e mais de televisión. Comezou a súa carreira na década dos 90 acadando sona internacional pola interpretación do personaxe Rachel Green da popular sitcom Friends; grazas ó devandito papel gañou un Premio Emmy, un Globo de Ouro e mais un Premio do Sindicato de Actores.

É protagonista de varios filmes de Hollywood, e a pesar de que a maioría dos seus papeis veñen sendo comedias -Bruce Almighty, Office Space, Corre o rumor...- e comedias románticas -Along Came Polly, The Break-Up-, tamén actuou en filmes doutros xéneros, como a comedia de terror Leprechaun, o thriller de crime Derailed e o drama musical Rock Star.

Traxectoria

Jennifer Aniston naceu en Sherman Oaks (Os Ánxeles, California) e medrou na cidade de Nova York.[3] É a filla do actor John Aniston e da actriz Nancy Dow.[4] O seu pai é grego americano, nado como Yannis Anastassakis, na illa de Creta, namentres que a súa nai, de ascendencia italiano-escocesa, naceu na cidade de Nova York. O seu pai actuou nas telenovelas “Love of Life”, “Search for Tomorrow” e en “Days of our Lives” no papel do vilán Viktor Kiriakis,[4] amais de múltiples colaboracións en películas ou doutras series. Aniston estivo a vivir en Grecia durante un ano cando cativa coa súa familia e máis adiante mudáronse á cidade de Nova York cando no 1975 o sei pai se fixo cun papel na telenovela “Love of Life”.[4][5] O 20 de agosto do 1980 con nove anos de idade, os seus pais divorciáronse e ela ficou a vivir cabo da súa nai en Nova York.[5]

Aniston ten dous medio irmáns, John Melick (o maior) e Alex Aniston (o máis novo).[3][4] O seu padriño era o actor artisticamente coñecido como Telly Savalas, finado xa o 22 de xaneiro do 1994 e fillo de emigrantes gregos, quen mantivo unha íntima amizade co pai de Jennifer,[3][4] que incluso o fixo aparecer na exitosa serie de televisión “Kojak”.[6] Ós 6 anos, os seus pais matriculárona na escola Rudolf Steiner School, en Nova York[4] onde tivo o seu primeiro contacto coa interpretación ós 11 anos de idade cando entrou no club de teatro[5][7]. A súa experiencia na dita escola tamén axudou a Aniston a desenvolver unha paixón pola arte. Ós 11 anos, uns dos seus cadros foi seleccionado para ser exposto no museo metropolitano Metropolitan Museum of Art de Nova York[5]. Ós 15 anos comezou a súa aprendizaxe na interpretación profesional cando foi aceptada na escola secundaria Fiorello H. LaGuardia High School of Music & Art and Performing Arts en Manhattan, Nova York.[3][5] No ano 1987, despois de se graduar na escola superior, Aniston pasou un ano a vivir coa súa nai.[5] Ela non quixo ir á universidade. Pola contra, traballou nunha hamburguesería chamada Jackson Hole en Manhattan[5] e en varios empregos temporais, como de televendedora e como mensaxeira en bicicleta.[4] Durante ese tempo, conseguiu papeis en producións off-Broadway como "For Dear Life" no Teatro Público de Nova York e "Dancing on Checker's Grave".[4][5] No 1989, mudouse aos Ánxeles, California.[8]

A súa carreira

En 1989, antes de se mudar ós Ánxeles, Aniston traballou en Molloy.[6] Interpretaba a irmá máis vella e malcriada do personaxe central, "Courtney", e durou seis episodios. En 1990, e xa afincada en Hollywood, conseguiu o seu primeiro papel no filme de televisón Camp Cucamonga.[9] Tamén foi co-protagonista na serie Ferris Bueller, unha versión do exitoso filme de 1986 Ferris Bueller's Day Off.[9] Interpretou a "Jeanie Bueller", a irmá insoportábel do protagonista. Non obstante, a serie foi rapidamente cancelada tras durar un ano.[4] Daquela, Aniston fixo dúas comedias máis de televisión tamén fracasadas, The Edge e Muddling Through, e apareceu como estrela invitada en Quantum Leap, Herman's Head e en Burke's Law.[9] Despois dunha cadea de seriais canceladas, alén do seu ridiculizado filme de horror do 1992, Leprechaun,[10] Aniston considerou renunciar á interpretación.[4] Porén, os plan de Aniston mudarían ó facer unha proba para Friends, unha serie de comedia fixada para debutar encol da gama caída que a NBC estaba a pasar entre o 1994-1995[3][11]. Os produtores da serie orixinalmente querían que Aniston fixera unha proba para o papel de Monica Geller,[11] mais logo decidiron que ese papel acaíalle mellor a Courteney Cox. Deste xeito, Aniston foi escollida para o papel de Rachel Green. Ela interpretaría o personaxe de Rachel dende o 1994 até a fin da serie, no 2004.[12]

Jennifer Aniston co seu compañeiro de elenco Steve Zahn na estrea do seu filme "Management"

A serie atangueu moito éxito e Aniston, xunto cos seus compañeiros de elenco, acadou sona entre os telespectadores.[3] O seu peiteado, que nese tempo pasou a ser coñecido como "ó Rachel", foi moi copiado.[3][4] Aniston recibiu un salario de un millón de dólares por episodio nas dúas últimas tempadas de Friends, así como cinco nomeamentos ós Emmy (dous como Actriz Secundaria e tres como Actriz Principal),[13][14][15][16] incluíndo o gañado como Mellor Actriz Principal nunha Serie de Comedia.[17] Segundo o Libro Mundial de Récords Guinness (2005), Aniston (xunto coas súas compañeiras de elenco) converteuse na actriz de televisión mellor pagada de tódolos tempos polos seus cheques dun millón de dólares por episodio na décima e derradeira tempada de Friends[18].

No 1994, Microsoft convidou a Aniston, xunto co seu compañeiro en Friends, Matthew Perry, para unha promoción de 30 minutos de publicidade para o seu novo sistema operativo, Windows 95[19]. Máis tarde, Jennifer Aniston apareceu nun comercial de Heineken que logo foi prohibido debido a cuestións de marca. Ela gañou a aclamación da crítica polas súas actuacións nos filmes The Object of My Affection (1998), unha comedia dramática sobre unha moza que se namora dun home homosexual[20], e polo filme de baixo orzamento The Good Girl (2002), dirixido por Miguel Arteta, onde facía o papel dunha caixeira pouco atractiva nun pequeno pobo. Este último filme estreouse en relativamente poucas salas de cinema (menos de 700), acadando $14 millóns na recadación dos EUA[21]. A finais do 2005, Aniston fixo dous filmes producidos por grandes estudios, Derailed e Corre o rumor...[22][23].

Alén da súa carreira como actriz de televisión, Aniston gozou dunha carreira cinematográfica de moito éxito. O filme no que máis acadou en recadación até hoxe foi na súa aparición no 2003 con Bruce Almighty, na que desempeñou o papel da moza do personaxe do Jim Carrey[24]. Aniston logo protagonizou o filme Along Came Polly (2004), fronte Ben Stiller[25]. No ano 2006, Aniston apareceu no drama de baixo orzamento Friends with Money, que se amosou primeramente no Sundance Film Festival, cunha limitada presentación. A próxima película de Aniston, The Break-Up, estreada o 2 de xuño, recadou aproximadamente 39,17 millóns de $ durante a súa fin de semana de abertura, a pesar das mornas críticas.[26]

No 2007 foi como invitada estrela nun capítulo na serie de Courteney Cox Arquette, Dirt. Aniston facía o papel de Tina Harrod, unha fachendosa rival de Arquette[27]. Amais de actuar, Aniston dirixiu unha curtametraxe, Room 10, protagonizada por Robin Wright Penn e Kris Kristofferson[28].

Forbes clasificou a Aniston como a 10ª muller máis rica na industria do espectáculo no ano 2007, por detrás de grandes celebridades coma son Oprah Winfrey, J. K. Rowling, Madonna, Mariah Carey, Celine Dion e Jennifer Lopez e diante de Britney Spears, Christina Aguilera e as xémeas Olsen. O valor neto de Aniston é aproximadamente $110 millóns[29]. Aniston foi tamén incluída no anual Top 10 "Star Salary" da revista comercial The Hollywood Reporter do 2006[30]. Segundo Forbes en outubro do 2007, Aniston foi a celebridade de venda superior cara á industria do espectáculo[31]. No 2008, Aniston ocupou o décimo sétimo posto en Forbes na lista Celebrity 100 baseada en "ingresos e fama"[32]. Forbes listou os ingresos da Aniston en 27 millóns de dólares[33].

Aniston fixo un cameo (ou breve aparición) no terceiro episodio da terceira tempada da serie 30 Rock da NBC, interpretando unha antiga compañeira de cuarto de Liz Lemon na universidade que anda a axexar a Jack Donaghy. O 25 de decembro do 2008 saía ó ar en EUA o filme Marley & Me, protagonizado por Aniston e Owen Wilson, o cal fixou o meirande récord de recadación do día de Nadal, con 14,75 millóns de dólares na venda de entradas. Obtivo un total de 51,7 millóns ó longo dos catro días do fin de semana e ocupou o primeiro lugar en recadación, posición que se mantivo durante dúas semanas[34]. A partir do 15 de febreiro do 2009, o total en bruto en todo o mundo foi de 161,608,269 dólares[35].

O seu seguinte filme, He's Just Not That into You, estreuose en febreiro do 2009. A película fixo 27,5 millóns, clasificándose numero #1 en recadación na súa abertura de fin de semana[36]. Namentres o filme recibía comentarios mixtos, Aniston canda Jennifer Connelly e Ben Affleck foron a miúdo gabados pola crítica como o soporte de saída da película[37][38]. A partir do 2009, os filmes de Aniston fixeron 900,618,847 de dólares brutos nos Estados Unidos[39].

O 16 de xullo do 2009 Jennifer Aniston foi finalista nos Premios Emmy polo seu traballo na serie 30 Rock.

A súa vida persoal

Aniston no Festival de Cine Internacional de Toronto 2008.

Noutrora, Aniston estivo a saír co seu compañeiro da serie Ferris Bueller, o actor Charlie Schlatter en 1990[40]. Ela comezou unha relación con Daniel MacDonald no 1991, que rematou no 1994, pouco antes de que saíse ó ar Friends[40].

Aniston estivo un breve tempo a saír co músico Adam Duritz no 1995[4][40]. Dende 1995 até 1998 tivo un romance co actor Tate Donovan[40], mais a parella informou estar comprometida[41].

No 1998 empezou a saír co actor Brad Pitt e casaron o 29 de xullo do 2000 nunha luxosa voda en Malibú[42]. A parella anunciou a súa separación o 6 de xaneiro do 2005[40].

Antiga residencia de Aniston e Pitt en Santa Barbara

Aniston declarou que o seu divorcio fixo que se achegara á súa nai, Nancy, coa que non tivo relación durante case unha década. Ó primeiro distanciáronse cando Nancy falou da súa filla nun programa de televisión, e logo, en 1999 escribiu un libro titulado, De nai a filla a amigas: Lembranzas[43].

Logo do seu divorcio, Aniston comezou unha relación co actor Vince Vaughn, con quen coprotagonizou o filme The Brak Up[40], mais en decembro de 2006 separáronse[40]. Ela estivo uns poucos meses co modelo Paul Sculfor no 2007[40]. En abril do 2008, comezou unha relación co cantante John Mayer[40], mais separáronse en marzo do 2009[40].

Filantropía

Aniston participa no Friends of El Faro[44], unha organización sen ánimo de lucro de grassroots que axuda a recadar cartos para o orfanato Casa Hogar Sion, en Tijuana, México. Tamén apareceu en moitos anuncios de televisión para o hospital St. Jude's Children's Research Hospital, do que é unha grande contribuínte. Fixo unha aparición como invitada no programa Oprah's Big Give pra apoia-la causa, e doar diñeiro pra axudar. Aniston foi a anfitrioa no programa Stand Up to Cancer en setembro do 2008. Na campaña "It Can't Wait" para liberar Birmania, Aniston dirixiu e protagonizou un vídeo. O 14 de abril de 2007, Aniston recibiu un Vanguard Award da GLAAD polas súas contribucións ó aumento da visibilidade e á comprensión das comunidades de gays e lesbianas, bisexuais e transexuais.

Other Languages
Afrikaans: Jennifer Aniston
aragonés: Jennifer Aniston
asturianu: Jennifer Aniston
azərbaycanca: Cennifer Eniston
беларуская: Джэніфер Эністан
čeština: Jennifer Aniston
kaszëbsczi: Jennifer Aniston
emiliàn e rumagnòl: Jennifer Aniston
Esperanto: Jennifer Aniston
français: Jennifer Aniston
Bahasa Indonesia: Jennifer Aniston
Interlingue: Jennifer Aniston
íslenska: Jennifer Aniston
lietuvių: Jennifer Aniston
македонски: Џенифер Анистон
Bahasa Melayu: Jennifer Aniston
Nederlands: Jennifer Aniston
norsk nynorsk: Jennifer Aniston
português: Jennifer Aniston
sicilianu: Jennifer Aniston
srpskohrvatski / српскохрватски: Jennifer Aniston
Simple English: Jennifer Aniston
slovenščina: Jennifer Aniston
српски / srpski: Џенифер Анистон
татарча/tatarça: Дженнифер Энистон
українська: Дженніфер Еністон
Tiếng Việt: Jennifer Aniston