Holoceno

O Holoceno (do grego ὅλος hólos, "todo", "enteiro" e καινός kainós, "novo", "recente", isto é, "a era totalmente recente"), é unha época da escala temporal xeolóxica, a última e actual época xeolóxica do período cuaternario. Comprende os últimos 11 784 anos da historia do noso planeta,[1][2] desde a fin da última glaciación (a glaciación de Würm).

É un período interglaciar no que a temperatura se fixo máis suave e a capa de xeo fundiu, o que provocou un ascenso do nivel do mar, que fixo que, por exemplo, Indonesia, Xapón e Taiwán se separasen de Asia; Gran Bretaña, da Europa continental e Nova Guinea e Tasmania, de Australia. Ademais, produciu a formación do estreito de Bering.

Dentro do cadro da escala dos tempos xeolóxicos sitúase no período cuaternario da era cenozoica, do eón fanerozoico, sucedendo a época do plistoceno. O límite con esta época (o plistoceno) definiuse sobre a base da desintegración do 14C (un isótopo radioactivo do carbono) e coincide aproximadamente co final da última glaciación. Por convención, o límite púxose 10 000 anos antes do 1950 (a súa duración, expresada en millóns de anos, é de 0,01143 ± 0,00013 Ma.

A única especie humana que viviu nesta época foi o Homo sapiens, que durante estes últimos milenios desenvolveu a agricultura e a civilización, ocasionando importantes cambios nos ecosistemas.

Agricultura no Antigo Exipto, hai 3 200 anos.

Paleoxeografía

A deriva continental ao longo destes case 12 000 anos foi de menos de 1 km, o que é case irrelevante. Porén, o xeo fundiuse causando que o nivel do mar ascendese uns 35 m durante esta época e 120 m desde o último máximo glaciar, hai ao redor de 20 000 anos.[3] O aumento do nivel non se produciu de forma uniforme ao longo deste tempo, senón que houbo varios períodos de rápido desxeo, alternados por outros de desxeo progresivo. A maior parte do aumento do nivel do mar produciuse antes de 6 000 anos atrás.[4]

Aumento do nivel do mar desde o último máximo glaciar.
  • O primeiro período (denominado MWP-1A0) tivo lugar hai 19 000 anos, durante o comezo do episodio do plistoceno coñecido como Dryas Antigo. En menos de 500 anos, o nivel do mar subiu uns 10–15 m, a un ritmo de 50 m/ano.
  • O segundo período de desxeo (denominado MWP-1A) produciuse desde hai 14 600 a 13 500 anos durante a primeira parte do quentamento Bølling-Allerød. Durante 500 anos o nivel subiu 16–24 m a un ritmo de 40 m/ano.
  • O ritmo de desconxelación diminuíu entre 12 800 e 11 500 anos atrás durante o episodio frío coñecido como Dryas Recente. Este foi un evento de cambio climático abrupto que ocorreu hai 12 800 anos durante o que a Terra volveu case ás condicións glaciais, permanecendo neste estado durante 1 300 anos. Crese que puido deberse á parada da circulación termohalina producida pola descarga de auga doce no Atlántico norte debido ao desxeo.[5] Ao final deste período tivo lugar outro de desxeo (MWP-1B) entre 11 500 e 11 000 anos atrás. O nivel do mar subiu uns 25 m.
  • Un cuarto período (MWP-1C) produciuse entre 8 200 e 7 600 anos atrás. Puido ser o resultado da drenaxe dos lagos Agassiz e Ojibwa e produciu unha elevación pequena do nivel do mar, sobre 1 m. Hai uns 6 000 anos, os períodos de desxeo cesaron, sendo desde entón a elevación do nivel mar moito máis gradual.

Desde hai 3 000 anos até o comezo do século XIX, o nivel do mar tivo un aumento case constante de 0,1 a 0,2 m/ano.[6] Desde 1900, o nivel do mar aumentou de 1 a 2 m/ano; desde 1993, as medidas de altimetría por satélite TOPEX/Poseidon indican unha taxa de aumento de 3,1 ± 0,7 m/ano.[7]

Entre as terras que estaban conectadas cando o nivel do mar era máis baixo están:

Paleoxeografía no holoceno.
Profundidades no estreito de Bering. Á esquerda Asia e á dereita Norteamérica.
  • Siberia e Alasca. O estreito de Bering ten unha anchura de 85 km e unha profundidade de 30 a 50 m.
  • As Illas Británicas co continente. O canal da Mancha ten unha anchura mínima de 34 km e unha profundidade mínima de 26 m. O mar do Norte é un mar moi pouco profundo, pois ten unha profundidade mínima de 25 m e media de 95 m.
  • Indonesia e Indochina. Por exemplo, o estreito de Malaca entre Malasia e Sumatra ten unha anchura mínima de 2,8 km e unha profundidade mínima de 25 m. O Estreito de Sonda entre as illas de Xava e Sumatra ten unha anchura mínima de 24 km e unha profundidade mínima de tan só 20 m.
  • Xapón e Siberia. Por exemplo, o estreito de La Pérouse entre a illa de Hokkaido e a illa de Sakhalin ten unha anchura mínima de 43 km e unha profundidade de 20 a 40 m. O estreito de Tartaria entre a illa de Sakhalin e Siberia ten unha anchura de 7,3 km no seu punto máis angosto e unha profundidade de entre 51 e 118 m.
  • Australia con Nova Guinea e Tasmania. O estreito de Torres entre Australia e Nova Guinea mide aproximadamente 150 km de ancho e ten unha profundidade de 30–50 m ao leste e de 10–15 m ao oeste. O estreito de Bass entre Australia e Tasmania ten aproximadamente 240 km de ancho no seu punto máis estreito e unha profundidade próxima aos 50 m.

En moitas zonas por riba dos 40º de latitude N, o terreo fora deprimido polo peso dos glaciares, polo que ao producirse o desxeo do plistoceno tardío subiron até 180 m, elevación que continúa incrementándose na actualidade. A elevación do nivel do mar e a depresión temporal da Terra permitiu a incursión temporal do mar en zonas que agora están lonxe da costa. Do holoceno mariño coñécense fósiles de Vermont, Quebec, Ontario e Michigan. Os depósitos mariños en costas de latitudes máis baixas son raros porque o aumento do nivel do mar foi superior a calquera probábel elevación de orixe non glaciar. Na rexión de Escandinavia deu lugar á formación do mar Báltico. A rexión segue elevándose a unha taxa de 1 cm ao ano, causando débiles terremotos no norte de Europa estimándose que aínda subirá outros 100 m. O equivalente norteamericano é a baía de Hudson que, ao elevarse, reduciu a súa extensión desde o máximo da última fase posglaciar até os seus límites actuais.

Other Languages
Afrikaans: Holoseen
العربية: الهولوسين
asturianu: Holocenu
azərbaycanca: Holosen
башҡортса: Голоцен
беларуская: Галацэн
български: Холоцен
বাংলা: হলোসিন
brezhoneg: Holosen
bosanski: Holocen
català: Holocè
Mìng-dĕ̤ng-ngṳ̄: Holocene
čeština: Holocén
Cymraeg: Holosen
dansk: Holocæn
Deutsch: Holozän
English: Holocene
Esperanto: Holoceno
español: Holoceno
eesti: Holotseen
euskara: Holozeno
فارسی: هولوسن
suomi: Holoseeni
français: Holocène
Nordfriisk: Holozän
Frysk: Holoseen
עברית: הולוקן
हिन्दी: नूतनतम युग
hrvatski: Holocen
magyar: Holocén
Bahasa Indonesia: Holosen
italiano: Olocene
日本語: 完新世
ქართული: ჰოლოცენი
қазақша: Голоцен
한국어: 홀로세
Кыргызча: Голоцен
Latina: Holocaenum
Lëtzebuergesch: Holozen
lietuvių: Holocenas
latviešu: Holocēns
македонски: Холоцен
Bahasa Melayu: Holosen
مازِرونی: هولوسن
Plattdüütsch: Holozän
Nederlands: Holoceen
norsk nynorsk: Holocen
norsk: Holocen
occitan: Olocèn
polski: Holocen
پنجابی: ہولوسین
português: Holoceno
română: Holocen
русский: Голоцен
саха тыла: Голоцен
Scots: Holocene
davvisámegiella: Holosena
srpskohrvatski / српскохрватски: Holocen
Simple English: Holocene
slovenčina: Holocén
slovenščina: Holocen
shqip: Holoceni
српски / srpski: Холоцен
Seeltersk: Holozän
Basa Sunda: Holosén
svenska: Holocen
Türkçe: Holosen
українська: Голоцен
oʻzbekcha/ўзбекча: Golotsen
Tiếng Việt: Thế Holocen
West-Vlams: Holoceen
中文: 全新世
文言: 全新世
Bân-lâm-gú: Oân-sin-sè
粵語: 全新世