Historia do pobo xitano

Un campamento xitano cerca de Arles, visto polo pintor Vincent van Gogh.

O pobo xitano é orixinario da India e estableceuse en case todo o mundo debido ao seu carácter fundamentalmente nómade; aínda se rexe por leis propias e dedícase como medio de vida á venda ambulante, á artesanía, a tratar con gando etc [1]. A orixe deste pobo, tamén coñecido como rom, roma ou romaní, é aínda hoxe obxecto de controversia. Existen varias razóns que explican a escuridade que envolve o asunto. En primeiro lugar, a cultura xitana é fundamentalmente oral e despreocupada pola súa historia[ Cómpre referencia], por iso non conservou por escrito a súa procedencia. A súa historia sempre foi estudada polos non romanís, con frecuencia a través dunha peneira fortemente etnocentrista[ Cómpre referencia]. Os primeiros movementos migratorios datan do século X, de forma que non hai moita información. É importante sinalar que os primeiros grupos de xitanos que chegaron a Europa occidental fantasiaban sobre a súa orixe, atribuíndose unha procedencia misteriosa e lendaria, en parte como estratexia de protección fronte a unha poboación ante a que eran minoría, en parte como posta en escena dos seus espectáculos e actividades[ Cómpre referencia].

Outro problema que cómpre ter en conta é que a pertenza (ou non) á comunidade xitana é unha cuestión disputada. Non existe unha delimitación clara dentro da propia comunidade (nin fóra) acerca da cuestión de quen é xitano e quen non. As principais fontes de información son testemuñas escritas, as análises lingüísticas e a xenética de poboacións.

O termo xitano e a cuestión da súa orixe xeográfica

O termo galego "xitano" deriva da palabra exiptano, aplicado ó pobo xitano, ben pola crenza errónea de que procedía de Exipto [2] ou ben, máis probablemente, polo seu paso pola rexión do Peloponeso durante o seu desprazamento migratorio, daquela coñecida como Exipto o Menor [3]. No século XVIII, o estudo da lingua romaní, propia dos xitanos, confirmou que se trataba dunha lingua índica, moi similar ó punxabí ou ó hindi occidental. Isto demostrou que o pobo xitano procede do nordeste do subcontinente indio, nunha zona actualmente entre India e Paquistán. Esta descuberta lingüística resultou apoiada por estudos xenéticos. A variante tradicionalmente falada en España da lingua romaní chámase caló.